Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 33

CANCIÓN sjj 130 Perdoemos os demais

A congregación reflicte o punto de vista de Xehová sobre os pecadores

A congregación reflicte o punto de vista de Xehová sobre os pecadores

“Se alguén comete un pecado, temos un axudante” (1 XOÁN 2:1, TNM).

OBXECTIVO

Analizar o que aprendemos da maneira na que se tratou un caso dun pecado grave na congregación de Corinto.

1. Que quere Xehová para todos nós?

 XEHOVÁ creou os humanos con liberdade de elección. Usamos este regalo tódolos días ó tomar decisións. A decisión máis importante que alguén pode tomar é a de dedicarse a Xehová e chegar a ser parte da súa familia. De feito, el desexa que todo o mundo tomase esa decisión. Por que? Porque ama as persoas e quere o mellor para elas. Quere que desfruten da súa amizade e vivan para sempre (Deut. 30:19, 20; Gál. 6:7, 8).

2. Que quere Xehová que faga quen cometeu un pecado grave e non se arrepentiu? (1 Xoán 2:1, TNM).

2 Xehová non obriga a ninguén a servilo, senón que deixa que cada un decida o que vai facer. Pero, que pasa se un cristián bautizado comete un pecado grave? Se non se arrepinte, debe ser sacado da congregación (1 Cor. 5:13). Aínda así, Xehová desexa de todo corazón que o pecador volva a el. De feito, unha razón importante pola que deu o rescate é para poder perdoar os que se arrepinten dos seus pecados (le 1 Xoán 2:1, TNM). O noso Deus é tan amoroso que lles tende a man ós pecadores e os anima a arrepentirse (Zac. 1:3; Rom. 2:4; Sant. 4:8).

3. Que veremos neste artigo?

3 Xehová quere que imitemos a súa maneira de ver os pecados e os que cometen pecados graves. Este artigo axudaranos a conseguilo. Empezaremos vendo como se tratou no século primeiro un caso dun pecado grave que houbo na congregación de Corinto. Despois analizaremos as instrucións que deu o apóstolo Paulo cando o pecador se arrepentiu. E, por último, falaremos de como ve Xehová os que cometen un pecado grave.

COMO SE TRATOU NO PRIMEIRO SÉCULO UN CASO DUN PECADO GRAVE

4. Que estaba pasando na congregación de Corinto? (1 Corintios 5:1, 2, TNM).

4 Le 1 Corintios 5:1, 2 (TNM). Durante a súa terceira viaxe misional, Paulo soubo de algo terrible que estaba sucedendo na congregación que acababa de formarse en Corinto: un cristián estaba tendo relacións sexuais coa súa madrastra. Paulo describiu esta situación como “un caso de inmoralidade tan grave que nin sequera se ve entre os que non son crentes”. A congregación non só toleraba a súa conduta senón que é posible que ata se sentise orgullosa. Quizais algúns crían que isto demostraba o misericordioso e comprensivo que é Deus coas imperfeccións humanas. Pero Xehová non tolera o pecado no seu pobo. Seguramente aquel home estaba manchando a boa reputación da congregación con esa actitude tan descarada. E, ademais, podía estar sendo unha mala influencia para outros cristiáns da congregación. Entón, que instrucións lles deu Paulo ós irmáns de Corinto?

5. Que lle escribiu Paulo á congregación, e que quixo dicir? (1 Corintios 5:13, TNM) (Ver tamén a imaxe).

5 Le 1 Corintios 5:13 (TNM). Xehová inspirou a Paulo para que escribise unha carta dicindo que se tiña que sacar da congregación o pecador que non se arrepentira. E como debían tratalo os cristiáns fieis? Paulo díxolles que deixasen de relacionarse con el e que nin sequera comesen con el (1 Cor. 5:11). Comer con alguén normalmente lévanos a conversar con esa persoa e a pasar máis tempo con ela. Así que Paulo quixo dicir que os irmáns da congregación non debían socializar con aquel home. Desta maneira, protexeríase a congregación da súa mala influencia (1 Cor. 5:5-7). Ademais, isto podería facer que o home se dese conta de que ferira a Xehová, que se avergonzase polo que fixera e que se sentise motivado a arrepentirse.

Xehová inspirou a Paulo para escribir unha carta ós corintios na que lles dicía que sacasen da congregación o pecador non arrepentido (ver o parágrafo 5).


6. Que efecto tivo a carta de Paulo na congregación e no pecador?

6 Despois de enviarlles a carta ós cristiáns de Corinto, Paulo empezou a preguntarse cal sería a reacción da congregación. Despois dun tempo, Tito deulle unha boísima noticia: os irmáns reaccionaran ben e seguiran as instrucións de Paulo (2 Cor. 7:6, 7). Ademais, algún tempo despois de que o apóstolo enviase a súa carta, o pecador arrepentiuse. Cambiou a súa conduta e actitude, e empezou a obedecer as xustas normas de Xehová (2 Cor. 7:8-11). Que instrucións lle daría agora Paulo á congregación?

COMO DEBÍA TRATAR A CONGREGACIÓN Ó PECADOR ARREPENTIDO

7. Que se conseguiu ó sacar o pecador da congregación? (2 Corintios 2:5-8, TNM).

7 Le 2 Corintios 2:5-8 (TNM). Paulo dixo que a “reprensión que recibiu da maioría” fora suficiente para aquel home. Noutras palabras, a disciplina cumprira co seu propósito: levar aquel home ó arrepentimento (Heb. 12:11).

8. Que lle dixo despois Paulo á congregación?

8 A continuación, Paulo díxolles o que tiñan que facer co irmán que cometera aquel pecado: “Debedes perdoalo con bondade e consolalo”. Tamén engadiu: “Aconséllovos que lle demostredes o voso amor”. Como vemos, Paulo non só quería que lle permitisen volver á congregación, senón que tamén lle demostrasen coas súas palabras e accións que de verdade o perdoaran e o querían. Así aquel home arrepentido sentiría que os irmáns da congregación estaban contentos de que volvese.

9. Por que é posible que a algúns lles custase perdoar o pecador arrepentido?

9 Custoulles a algúns irmáns recibir cos brazos abertos aquel pecador que se arrepentira? O relato non o di, pero é posible. Despois de todo, o que fixera prexudicara a congregación en conxunto, e quizais a algúns fixéralles dano persoalmente. Así que pode ser que houbese a quen lle parecese inxusto que se recibise con tanto cariño aquel home que fixera cousas terribles, cando foran eles os que se esforzaran tanto por obedecer os mandatos de Xehová (compara con Lucas 15:28-30). Pero, por que era tan importante que lle mostrasen verdadeiro amor a este irmán que volvera á congregación?

10, 11. Se os anciáns se negasen a perdoar o pecador arrepentido, que podería pasar?

10 Que pasaría se os anciáns non lle permitisen volver á congregación despois de arrepentirse, ou se os irmáns non o tratasen con cariño? Este home podería sentirse “totalmente afundido por estar demasiado triste”. Podería pensar que era un caso perdido ou incluso deixar de esforzarse por recuperar a súa amizade con Xehová.

11 E iso non é o peor. Se os irmáns da congregación se negasen a perdoar o pecador arrepentido, estarían poñendo en perigo a súa propia amizade con Deus. Por que? Porque non estarían reflectindo a actitude de Xehová, que está disposto a perdoar os pecadores que se arrepinten, senón a de Satanás, que é duro e cruel. De feito, estarían converténdose en ferramentas que o Demo podería usar para destruír a espiritualidade dese home (2 Cor. 2:10, 11; Ef. 4:27).

12. Como podía a congregación imitar a Xehová?

12 Entón, como podía a congregación de Corinto imitar a Xehová e non a Satanás? Tratando os pecadores arrepentidos igual que os trata Xehová. Fíxate no que dixeron algúns escritores bíblicos sobre Deus. Por exemplo, David dixo: “Es bo e estás disposto a perdoar” (Sal. 86:5, TNM). Miqueas escribiu: “¿Que Deus hai coma ti, que quita a iniquidade, e [...] pasa por alto o pecado [...]?” (Miq. 7:18). E Isaías dixo: “Que o malvado deixe o seu vieiro, e que o home pecador (deixe) os seus plans, que se volva ó Señor para que teña misericordia del, que (se volva) ó noso Deus que ¡tanto engrandece ó perdoar!” (Is. 55:7).

13. Por que era a decisión correcta readmitir aquel home? (Ver o recadro “ Cando foi readmitido o home de Corinto?”).

13 Para imitar a Xehová, a congregación de Corinto tiña que recibir cos brazos abertos ó home arrepentido e demostrarlle canto o querían. Paulo dixo que, se perdoaban o home arrepentido, demostrarían “obediencia en todo” (2 Cor. 2:9, TNM). É certo que só pasaran uns meses dende que se sacara este home da congregación, pero a disciplina motivárao a arrepentirse. Así que non había ningún motivo para que os anciáns retrasasen a súa readmisión.

QUE APRENDEMOS DA XUSTIZA E A MISERICORDIA DE XEHOVÁ

14, 15. Que nos ensina a maneira na que se tratou este caso dun pecado grave na congregación de Corinto? (2 Pedro 3:9, TNM) (Ver tamén a imaxe).

14 Xehová fixo que o relato sobre como se tratou este caso na congregación de Corinto se incluíse na Biblia “para a nosa instrucción” (Rom. 15:4). Isto ensínanos que Xehová non tolera os pecados graves no seu pobo. Algúns pensan que, como el é misericordioso, permite que unha persoa que non se arrepentiu siga formando parte da congregación. Pero isto non é certo. Xehová é misericordioso, pero non é permisivo nin rebaixa as súas normas (Xud. 4). De feito, non sería unha mostra de misericordia pola súa parte deixar que un pecador que non se arrepinte siga no seu pobo, porque poñería en perigo toda a congregación (Prov. 13:20; 1 Cor. 15:33).

15 Agora ben, este relato tamén nos ensina que Xehová non quere que ninguén sexa destruído. El desexa salvar as persoas sempre que sexa posible. Demóstralles misericordia ós que cambian de actitude e se esforzan por reparar a súa relación con el (Ezeq. 33:11; le 2 Pedro 3:9, TNM). Por iso, cando o home de Corinto se arrepentiu e cambiou o seu mal comportamento, Xehová usou a Paulo para explicarlle á congregación que debían perdoalo e recibilo de novo.

A congregación imita o amor e a misericordia de Xehová recibindo cos brazos abertos os que son readmitidos (ver os parágrafos 14 e 15).


16. Que sentes por Xehová ó meditar en como se tratou o caso dese pecado grave de Corinto?

16 Repasar o exemplo da congregación de Corinto axudounos a ver o amor, a xustiza e a rectitude de Xehová (Sal. 33:5). Non te motiva isto a louvalo aínda máis? Ó fin e ó cabo, todos sen excepción somos pecadores e necesitamos que el nos perdoe. Estámoslle moi agradecidos a Xehová polo rescate, que fai posible que nos poida perdoar. Consólanos moitísimo saber que Xehová ama de verdade os seus servos e quere o mellor para eles.

17. Que analizaremos nos seguintes artigos?

17 E que pasa na actualidade? Se alguén comete un pecado grave, como poden os anciáns da congregación imitar o amor de Xehová e axudarlle á persoa a arrepentirse? Como deberiamos reaccionar se os anciáns deciden sacar alguén da congregación ou readmitilo? Analizaremos estas preguntas nos seguintes artigos.

CANCIÓN sjj 109 Amémonos de corazón