ARTIGO DE ESTUDO 35
CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática
Como se lles axuda ós que foron sacados da congregación
“Haberá máis felicidade no ceo por un pecador que se arrepinte que por 99 xustos que non necesitan arrepentirse” (LUC. 15:7).
OBXECTIVO
Analizar por que hai que sacar da congregación algunhas persoas e como poden os anciáns axudarlles a arrepentirse e a recuperar a súa amizade con Xehová.
1, 2. a) Como ve Xehová os que cometeron un pecado e non se arrepinten? b) Que desexa Xehová?
XEHOVÁ non é un Deus permisivo nin tolera os pecados (Sal. 5:5-7 [5:4-6, TNM]). El espera que respectemos as xustas normas que nos deu na Biblia. Claro, el non espera perfección de nós porque sabe que somos imperfectos (Sal. 130:3, 4). Pero, ó mesmo tempo, rexeita os “homes irreverentes, que converten a bondade inmerecida do noso Deus nunha escusa para a súa conduta descarada” (Xud. 4, TNM). De feito, a Biblia di que Deus destruirá a xente irreverente na guerra de Armaxedón (2 Ped. 3:7; Apoc. 16:16).
2 Pero Xehová non quere que ninguén sexa destruído. Como vimos nos artigos anteriores, a Biblia deixa moi claro que el desexa que “todos cheguen a arrepentirse” (2 Ped. 3:9, TNM). Os anciáns imitan a Xehová tratando de axudarlles con paciencia ós que cometeron un pecado grave a arrepentirse e recuperar a súa amizade con el. Pero non todos aceptan esa axuda (Is. 6:9). Hai quen se nega a cambiar a pesar de que os anciáns intentan varias veces levalo ó arrepentimento. Que se debe facer neses casos?
“SACADE A PERSOA MALVADA”
3. a) Segundo a Biblia, que se debe facer cando alguén comete un pecado grave e non se arrepinte? b) Se unha persoa non se arrepinte, por que podemos dicir que ela mesma escolleu ser sacada da congregación?
3 Se alguén comete un pecado grave e non se arrepinte, ós anciáns non lles queda máis opción que seguir o mandato de 1 Corintios 5:13 (TNM): “Sacade a persoa malvada que está entre vós”. En certo sentido, podería dicirse que el mesmo tomou esa decisión, pois está recollendo o que sementou (Gál. 6:7). Por que? Porque se negou a aceptar a axuda que os anciáns lle ofreceron en repetidas ocasións (2 Reis 17:12-15). As súas accións demostran que decidiu non obedecer os mandatos de Xehová (Deut. 30:19, 20).
4. Cando se saca unha persoa da congregación, por que se fai un anuncio?
4 Cando se saca da congregación alguén que non se arrepentiu dun pecado grave, faise un anuncio para informar a congregación de que esa persoa xa non é testemuña de Xehová. a Por suposto, non se fai para humillala, senón para que a congregación poida seguir o mandato bíblico de deixar de relacionarse con ela e nin sequera comer con ela (1 Cor. 5:9-11). Xehová deu esa instrución por un bo motivo. O apóstolo Paulo escribiu: “Un pouco de fermento fai que fermente toda a masa” (1 Cor. 5:6, TNM). Se non se sacase da congregación a quen se nega a arrepentirse, os demais irmáns poderían chegar á conclusión de que non é necesario esforzarse por vivir de acordo coas xustas normas de Xehová (Prov. 13:20; 1 Cor. 15:33).
5. Como debemos ver a quen xa non é testemuña de Xehová, e por que?
5 Entón, como debemos ver a quen xa non é testemuña de Xehová? Aínda que non socializamos con el, non o vemos como un caso perdido, senón como unha ovella que se perdeu e que pode volver ó rabaño. Non esquezamos que, nalgún momento, dedicoulle a súa vida a Xehová. Tristemente, agora non está vivindo de acordo con esa promesa, así que está nunha situación moi perigosa (Ezeq. 18:31). Aínda así, mentres haxa tempo e Xehová estea disposto a mostrar misericordia, non perdemos a esperanza de que a persoa volva. Entón, como poden axudarlle os anciáns a quen deixou de formar parte da congregación?
COMO LLES AXUDAN OS ANCIÁNS ÁS PERSOAS QUE FORON SACADAS DA CONGREGACIÓN
6. Que pasos dan os anciáns para axudarlle a alguén que foi sacado da congregación?
6 Cando se saca alguén da congregación, que fan os anciáns? Abandónano por completo e deixan de intentar axudarlle para que volva a Xehová? Por suposto que non! Cando o comité de anciáns informe a persoa de que non poderá seguir formando parte da congregación, explicaranlle os pasos que debe dar para volver. Pero iso non é todo. Na maioría dos casos, diranlle que lles gustaría volver a reunirse con ela uns poucos meses despois para ver se cambiou de actitude. Se di que si, nesa seguinte reunión os anciáns invitarana con cariño a arrepentirse e a volver. E se nese momento non cambiou de actitude? Aínda así, os anciáns seguirán facendo esforzos de maneira periódica por reunirse con ela no futuro.
7. Como imitan os anciáns a compaixón de Xehová ó tratar a persoa que foi sacada da congregación? (Xeremías 3:12).
7 Os anciáns deben esforzarse por imitar a compaixón de Xehová ó tratar a persoa que deixa de formar parte da congregación. Por exemplo, cando os israelitas da antigüidade eran desobedientes, Xehová non quedaba de brazos cruzados esperando a que volvesen. Máis ben, daba o primeiro paso e trataba de axudarlles incluso antes de que mostrasen calquera sinal de arrepentimento. Como vimos no segundo artigo desta serie, Xehová utilizou o caso do profeta Oseas para mostrar o compasivo que é. Díxolle a Oseas que, a pesar de que a súa muller aínda estaba pecando, lle ofrecese reconciliarse con el (Os. 3:1; Mal. 3:7). Igual que Xehová, os anciáns desexan de corazón que a persoa se arrepinta e volva á organización, e non lle fan difícil dar ese paso (le Xeremías 3:12).
8. Como nos axuda a comparación do fillo perdido a entender mellor a compaixón de Xehová? (Lucas 15:7).
8 Recordemos tamén a comparación do fillo perdido, da que falamos no segundo artigo desta serie. Tan pronto como seu pai o viu, “botou a correr cara a el, abrazouno e bicouno con cariño” (Luc. 15:20). Notemos que non esperou a que lle pedise perdón. De feito, tomou a iniciativa, como faría calquera pai amoroso. Os anciáns senten algo parecido polas ovellas que se perderon, e esfórzanse por axudarlles a “volver á casa” (Luc. 15:22-24, 32). Cando un pecador volve, hai felicidade no ceo e tamén na Terra! (le Lucas 15:7).
9. Que cariñosa invitación lles fai Xehová ós que cometeron un pecado grave?
9 Todo o que analizamos ata agora deixou claro que Xehová non tolera que quen comete un pecado grave e non se arrepinte siga formando parte da organización. Ó mesmo tempo, el non lle dá as costas a esa persoa, senón que quere que volva. En Oseas 14:4 (TNM) lemos como ve Xehová os que se arrepinten: “Curarei a súa infidelidade. Amareinos por vontade propia, porque a miña furia apartouse deles”. Que importante é que os anciáns estean atentos a calquera sinal de que alguén empezou a arrepentirse! E que importante é que quen deixou a Xehová dea canto antes os pasos necesarios para volver a el!
10, 11. Como tratan de axudarlles os anciáns ás persoas ás que se sacou da congregación no pasado?
10 E que hai das persoas ás que se sacou da congregación no pasado, quizais hai moitos anos? Poida que xa non estean cometendo o pecado polo que foron sacadas, e nalgunhas situacións é posible que nin sequera recorden cal foi o motivo. Sexa como sexa, os anciáns tratarán de localizar e visitar todas estas persoas. Cando as visiten, incluso se ofrecerán a orar con elas e animaranas con cariño a volver á congregación. Por suposto, se alguén leva moitos anos fóra da organización, é evidente que estará moi débil en sentido espiritual. Por iso, se di que desexa volver, os anciáns poden decidir que algún irmán ou irmá lle dea clases da Biblia, incluso se aínda non foi readmitido. E sempre serán os anciáns os que organicen esta axuda.
11 Os anciáns queren imitar a compaixón de Xehová. Por iso se esforzan por buscar e axudar a tantas persoas como sexa posible a saber que, se desexan volver, a porta está aberta. Se alguén mostra que está arrepentido e abandona o pecado, pode ser readmitido o antes posible (2 Cor. 2:6-8).
12. a) En que situacións deben ter os anciáns unha precaución especial? b) Por que non debemos afirmar que os que cometen certos tipos de pecados nunca poderán recibir a misericordia de Xehová? (Ver tamén a nota).
12 Hai algunhas situacións nas que os anciáns deben ter unha precaución especial antes de readmitir alguén, como por exemplo se foi culpable de abuso de menores, se cometeu apostasía ou se tramou poñer fin a un matrimonio. Neses casos, os anciáns teñen que asegurarse de que estea arrepentido de verdade (Mal. 2:14; 2 Tim. 3:6). Eles teñen que protexer os irmáns da congregación. Pero, ó mesmo tempo, debemos comprender que Xehová aceptará de novo no seu pobo a calquera persoa que se arrepinta de corazón e deixe de cometer pecados graves. Así que, aínda que os anciáns tomarán as debidas precaucións ó tratar con aqueles que no pasado se comportaron de maneira cruel ou traizoeira, non chegarán ó punto de afirmar que os que cometen certos tipos de pecados nunca poderán recibir a misericordia de Xehová (1 Ped. 2:10). b
QUE PODE FACER A CONGREGACIÓN
13. Como tratamos a quen se censura, pero como tratamos a quen se saca da congregación?
13 Como vimos no artigo anterior, ás veces faise un anuncio de que alguén foi censurado. Nese caso, podemos seguir relacionándonos con el porque sabemos que se arrepentiu e deixou de cometer o pecado (1 Tim. 5:20). Segue formando parte da congregación e necesita que os irmáns o animen a seguir facendo o que é correcto (Heb. 10:24, 25). Agora ben, a situación é moi diferente cando se saca alguén da congregación. Neste caso, deixamos de relacionarnos con el e nin sequera comemos con el (1 Cor. 5:11).
14. Que debe decidir cada cristián, baseándose na súa conciencia educada pola Biblia, respecto ás persoas ás que se sacou da congregación? (Ver tamén a imaxe).
14 Significa todo isto que debemos ignorar por completo unha persoa que se saca da congregación? Non necesariamente. Está claro que non imos socializar con ela. Pero os cristiáns poden usar a súa conciencia educada pola Biblia para decidir se invitarán a unha reunión de congregación a alguén que foi sacado da congregación, quizais un familiar ou unha persoa que era un amigo achegado. E como hai que tratalo se asiste? No pasado, non o saudariamos. Pero, tamén neste caso, cada cristián debe usar a súa conciencia educada pola Biblia. Pode que algúns se sintan cómodos saudando a persoa ou dándolle a benvida. Agora ben, o que non fariamos sería ter unha conversación longa ou socializar con ela.
15. A quen se refire 2 Xoán 9-11 (TNM)? (Ver tamén o recadro “ Estaban Xoán e Paulo falando do mesmo tipo de pecado?”).
15 Poida que nos preguntemos: “Pero non di a Biblia que quen saúda estas persoas faise cómplice das súas malas obras?” (le 2 Xoán 9-11, TNM). O contexto indica que estes versículos refírense a apóstatas e ós que promoven activamente a mala conduta (Apoc. 2:20). Polo tanto, se unha persoa promove activamente ensinanzas apóstatas ou outros pecados, os anciáns non farían plans para visitala. Por suposto, aínda existe a posibilidade de que cambie. Pero, mentres iso non suceda, non a saudariamos nin a invitariamos a asistir a unha reunión de congregación.
IMITEMOS A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA DE XEHOVÁ
16, 17. a) Que desexa Xehová que fagan os pecadores? (Ezequiel 18:32) b) Como poden os anciáns colaborar con Xehová?
16 Que aprendemos nestes cinco artigos? Que Xehová non quere que ninguén sexa destruído (le Ezequiel 18:32). Desexa que os pecadores se reconcilien con el (2 Cor. 5:20). Por iso Xehová lles pediu tantas veces ó longo da historia ós que o abandonaron que se arrepintan e volvan a el. Que privilexio teñen os anciáns de poder colaborar con Xehová en axudarlles a arrepentirse ós que cometeron un pecado grave (Rom. 2:4; 1 Cor. 3:9).
17 Que bonito é imaxinar a alegría que se produce no ceo cando os pecadores se arrepinten! O noso Pai celestial, Xehová, séntese moi feliz cada vez que unha das súas ovelliñas perdidas volve á congregación. Sigamos meditando sempre na compaixón, na misericordia e na bondade inmerecida de Xehová, e así o amor que sentimos por el farase cada día máis forte (Luc. 1:78).
CANCIÓN sjj 111 Os motivos da miña ledicia
a Xa non diremos que unha persoa foi expulsada. De acordo coas palabras de Paulo en 1 Corintios 5:13, diremos que foi sacada da congregación.
b Segundo a Biblia, un pecado imperdoable non é un tipo particular de pecado, senón un que comete alguén que ten unha actitude endurecida e que se puxo en contra de Deus de forma permanente. Só Xehová e Xesús poden xulgar se alguén cometeu un pecado que nunca será perdoado (Mar. 3:29; Heb. 10:26, 27).