ARTIGO DE ESTUDO 32
CANCIÓN sjj 44 A oración do desconsolado
Xehová quere que todos se arrepintan
“Xehová […] non desexa que ningún sexa destruído, senón que todos cheguen a arrepentirse” (2 PED. 3:9, TNM).
OBXECTIVO
Entender que é o arrepentimento, por que é necesario e como Xehová lles axudou ás persoas a arrepentirse.
1. Que fai a persoa que está arrepentida?
CANDO facemos algo que está mal, é moi importante que nos arrepintamos. Segundo a Biblia, a persoa que está arrepentida empeza a odiar o mal que fixo, deixa de actuar desa maneira e está decidida a non repetir ese erro (ver a entrada “arrepentimento” do Glosario).
2. Por que todos temos que aprender sobre o arrepentimento? (Nehemías 8:9-11).
2 Tódolos seres humanos temos que aprender sobre o arrepentimento. Por que? Porque pecamos tódolos días. Como somos descendentes de Adán e Eva, todos pecamos e morremos (Rom. 3:23; 5:12). Ninguén se libra desta herdanza. Incluso homes de gran fe, como o apóstolo Paulo, loitaron contra o pecado (Rom. 7:21-24). Pero iso non significa que teñamos que pasar todo o día sentíndonos mal porque somos pecadores. Xehová é misericordioso e quere que sexamos felices. Pensa nos xudeus do tempo de Nehemías (le Nehemías 8:9-11). Deus non quería que se sentisen esaxeradamente tristes polos seus pecados, senón que o servisen con alegría. El sabe que arrepentirnos axúdanos a sentirnos felices, e por iso nos ensina sobre o arrepentimento. Se nos arrepentimos dos nosos pecados, podemos estar seguros de que o noso Pai, que é moi misericordioso, perdoaranos.
3. Que imos analizar neste artigo?
3 Neste artigo aprenderemos máis sobre o arrepentimento. Primeiro, veremos o que lle ensinou Xehová a Israel acerca deste tema. Despois, falaremos de como lles axudou Xehová ás persoas a arrepentirse. Por último, analizaremos o que aprenderon do arrepentimento os seguidores de Xesús.
O QUE XEHOVÁ LLE ENSINOU A ISRAEL SOBRE O ARREPENTIMENTO
4. Que lle ensinou Xehová a Israel sobre o arrepentimento?
4 Cando Xehová converteu os israelitas no seu pobo, fixo un pacto con eles. El prometeulles que, mentres obedecesen as súas leis, protexeríaos e bendiciríaos. E aseguroulles: “Este mandamento que eu che mando hoxe non é imposible para ti nin che resulta inaccesible” (Deut. 30:11, 16). Pero se se rebelaban contra el, escollendo por exemplo adorar outros deuses, perderían a súa aprobación e sufrirían as consecuencias. Significaba isto que, se chegaban ata ese punto, nunca máis poderían recuperar o favor de Xehová? Non, pois a Lei dicía que tiñan a posibilidade de volver onda el e escoitar a súa voz (Deut. 30:1-3, 17-20). Noutras palabras, podían arrepentirse. Se o facían, Xehová traeríaos de volta e bendiciríaos de novo.
5. Como lle demostrou Xehová ó seu pobo rebelde que non o dera por perdido? (2 Reis 17:13, 14).
5 O pobo escollido de Xehová rebelouse unha e outra vez contra el. Ademais de practicar a idolatría, fixeron outras cousas horribles. E claro, sufriron as consecuencias. Pero Xehová non os deu por perdidos, senón que lles mandou vez tras vez profetas para animalos a arrepentirse e a volver a el (le 2 Reis 17:13, 14).
6. Como usou Xehová os seus profetas para ensinarlle ó pobo a importancia de arrepentirse? (Ver tamén a imaxe).
6 Xehová a miúdo mandaba profetas para advertir o seu pobo e para corrixilo. Por exemplo, por medio de Xeremías, díxolle: “Volve, oh, rebelde Israel [...]. Non vos mirarei con ira, porque son leal [...]. Non estarei resentido para sempre. Só recoñece a túa culpa, porque te rebelaches contra Xehová” (Xer. 3:12, 13, TNM). Mediante Xoel, dixo: “Convertédevos a min de todo corazón” (Xoel 2:12, 13). Fixo que Isaías declarase: “Limpádevos; quitade da miña vista os vosos actos de maldade; deixade de facer cousas malas” (Is. 1:16-19, TNM). E, por medio de Ezequiel, preguntou: “¿É acaso verdade que sinto eu pracer coa morte do malvado, [...] e non en que se converta do seu camiño e que viva? Non sinto eu pracer pola morte do que morre [...] ¡Convertédevos e viviredes!” (Ezeq. 18:23, 32). Xehová séntese moi feliz cando ve que alguén se arrepinte, porque quere que todos vivamos para sempre. Como vemos, el non senta cos brazos cruzados, por así dicilo, a esperar ata que a persoa decida volver e só entón lle ofrece axuda. Vexamos algúns exemplos máis.
7. Que lle ensinou Xehová ó pobo co exemplo do profeta Oseas e a súa muller?
7 Fixémonos no que Xehová lle ensinou ó seu pobo mediante o exemplo do profeta Oseas e da súa muller, Gomer. Ela cometeu adulterio e tempo despois abandonou a Oseas por outros homes. Viuna Xehová como un caso perdido? El, quen pode ler os corazóns, díxolle a Oseas: “‘Volve outra vez, e ama unha muller que ten un querido e comete adulterio’. Así é o amor do Señor ós fillos de Israel, mentres eles se están volvendo ós deuses alleos” (Os. 3:1; Prov. 16:2). Non hai que esquecer que Gomer aínda estaba cometendo un pecado grave. Pero Xehová díxolle a Oseas que tomase a iniciativa de perdoala e de reconciliarse con ela. a Con este exemplo da vida real, Xehová ensinoulle ó seu pobo que non os dera por perdidos. Aínda que seguían cometendo pecados terribles, el non os deixara de querer. Ademais seguiu mandándolles profetas e axudándolles a arrepentirse e a cambiar a súa vida. Significa isto que Xehová, que analiza os corazóns, tratará de axudarlle a arrepentirse a alguén que aínda está cometendo un pecado grave? (Prov. 17:3) Imos velo.
COMO LLES AXUDA XEHOVÁ ÓS PECADORES A ARREPENTIRSE
8. Que fixo Xehová para axudarlle a Caín a arrepentirse? (Xénese 4:3-7) (Ver tamén a imaxe).
8 Caín foi o primeiro fillo de Adán e Eva. El herdou deles a tendencia a pecar. Ademais, a Biblia di del: “Os seus feitos eran do demo” (1 Xoán 3:12). Quizais isto explica por que Xehová non mirou con bos ollos “para Caín e para a súa [ofrenda]” cando ofreceu un sacrificio. Pero, en vez de cambiar a súa actitude, Caín “anoxouse moito, e andaba coa cara carraxenta”. Que fixo Xehová? Falou con el (le Xénese 4:3-7). Xehová razoou con Caín de forma cariñosa. Aseguroulle que podía recuperar a súa aprobación e advertiulle do perigo da súa mala conduta. Tristemente, Caín non escoitou a Xehová nin deixou que lle axudase a arrepentirse. Despois desta resposta tan negativa, decidiu Xehová que nunca máis volvería axudarlle a alguén a arrepentirse? Por suposto que non!
9. Como lle axudou Xehová a David a arrepentirse?
9 Xehová amaba moitísimo o rei David. Falando del dixo que era “un home que lle agrada ó meu corazón” (Feit. 13:22). Pero este rei cometeu pecados moi graves, como o adulterio e o asasinato, e segundo a Lei mosaica merecía morrer (Lev. 20:10; Núm. 35:31). Pero Xehová, como é moi bo, interveu e enviou o profeta Natán para que falase con el, aínda que David non mostrara ningún sinal de arrepentimento. b Este profeta utilizou unha comparación para chegarlle ó corazón a David. Entón, o rei deuse conta de que pecara contra Xehová e arrepentiuse (2 Sam. 12:1-14). Escribiu un salmo moi emotivo que demostra o mal que se sentiu (Sal. 51:2 [51, encabezamento, TNM). Ó longo da historia, este salmo consolou moitísimas persoas que pecaron e motivounas a arrepentirse. Verdade que nos alegra saber que Xehová lle axudou con cariño ó seu querido servo David a arrepentirse?
10. Como te fai sentir saber que Xehová é paciente con nós e nos perdoa?
10 Xehová non tolera ningún tipo de pecado, senón que os odia todos (Sal. 5:5, 6 [5:4, 5, TNM]). Pero sabe que somos pecadores e, como nos quere, decidiu axudarnos a loitar contra o pecado. Sempre intenta axudarlles incluso ós peores pecadores a arrepentirse e acercarse a el. Canto nos consola saber isto! Cando meditamos na paciencia e no perdón de Xehová, sentímonos motivados a manternos fieis e a arrepentirnos enseguida cando cometemos un pecado. Vexamos agora o que aprenderon os seguidores de Xesús sobre o arrepentimento.
O QUE APRENDERON OS SEGUIDORES DE XESÚS SOBRE O ARREPENTIMENTO
11, 12. Que comparación usou Xesús para ensinarnos que Xehová sempre está disposto a perdoarnos? (Ver tamén a imaxe).
11 No século primeiro, chegara o momento de que viñese o Mesías. Como vimos no artigo anterior, Xehová usou tanto a Xoán o Bautista coma a Xesucristo para ensinarlles ás persoas a importancia de arrepentirse (Mat. 3:1, 2; 4:17).
12 Durante o seu ministerio, Xesús ensinou que seu Pai sempre está disposto a perdoar. Deixou isto claro cando contou a emotiva comparación do fillo perdido. Este home novo decidira marchar da casa e levar unha vida sen control. Pero, despois dun tempo, recapacitou e volveu á casa. Como reaccionou seu pai? Xesús dixo que, mentres seu fillo “aínda estaba lonxe, o pai viuno e sentiu moita compaixón por el. Botou a correr cara a el, abrazouno e bicouno con cariño”. O fillo ía pedirlle a seu pai que o deixase converterse no seu escravo. Pero seu pai tiña moitas ganas de perdoalo e de aceptalo de novo na familia. Dixo: “Este fillo meu [...] estaba perdido e foi encontrado” (Luc. 15:11-32). Antes de que Xesús viñese á Terra, seguro que viu moitas veces como Xehová lles mostraba compaixón ós pecadores arrepentidos. Por iso puido describir dunha maneira tan bonita e emotiva a misericordia do noso Pai.
13, 14. Que aprendeu o apóstolo Pedro sobre o arrepentimento, e que lles ensinou a outros sobre isto? (Ver tamén a imaxe).
13 O apóstolo Pedro aprendeu de Xesús moitas leccións sobre o arrepentimento e o perdón. El cometeu moitos erros, e Xesús sempre estivo disposto a perdoalo. Por exemplo, negou tres veces que coñecía a Xesús, e despois sentiuse moi angustiado pola culpa (Mat. 26:34, 35, 69-75). Pero despois de resucitar, Xesús aparecéuselle a Pedro, ó parecer en privado (Luc. 24:33, 34; 1 Cor. 15:3-5). Xesús sabía que este apóstolo estaba arrepentido, así que seguro que aproveitou a ocasión para consolalo e confirmarlle que o perdoara (ver Marcos 16:7 e a nota de estudo “y a Pedro”, nwtsty-S).
14 Pedro viviu de primeira man o que é arrepentirse e ser perdoado. Así que puido ensinarlles a outros sobre estes temas. Tempo despois da Festa de Pentecostés, deu un discurso a unha multitude de xudeus no que lles dixo que eles mataran o Mesías, pero con cariño engadiu: “Polo tanto, arrepentídevos e dade media volta para que os vosos pecados sexan borrados, e así Xehová fará vir tempos para recuperar as forzas e o ánimo” (Feit. 3:14, 15, 17, 19). Con estas palabras, mostrou que quen se arrepinte debe dar media volta, é dicir, cambiar a súa maneira de pensar, deixar o mal camiño e empezar a ir polo bo facendo o que lle agrada a Deus. O apóstolo dixo que Xehová borraría os seus pecados, que os faría desaparecer por completo. E, moitos anos despois, explicou: “Xehová […] é paciente con vós porque non desexa que ningún sexa destruído, senón que todos cheguen a arrepentirse” (2 Ped. 3:9, TNM). Que bonito é saber que Xehová nos pode perdoar por completo, aínda cando cometemos pecados moi graves!
15, 16. a) Como aprendeu Paulo sobre o perdón? (1 Timoteo 1:12-15) b) Que imos analizar no seguinte artigo?
15 Poucas persoas necesitaron arrepentirse de tantas cousas coma Saulo de Tarso. El perseguira de maneira cruel e sen piedade os seguidores de Cristo. Así que seguro que á maioría deles lles parecía imposible que este home cambiase. Pero Xesús non tiña esa visión tan limitada. Tanto el coma seu Pai se fixaron nas súas boas calidades. Xesús dixo: “Eu escollín este home” (Feit. 9:15). Incluso usou un milagre para axudarlle a arrepentirse (Feit. 7:58–8:3; 9:1-9, 17-20). Tempo despois, cando Saulo se fixo cristián e era coñecido como o apóstolo Paulo, moitas veces deu grazas pola bondade e pola misericordia coa que Xehová e Xesús o trataran (le 1 Timoteo 1:12-15). Cheo de agradecemento, ensinou: “Deus está intentando guiarte con bondade cara ó arrepentimento” (Rom. 2:4, TNM).
16 Nunha ocasión, Paulo chegou a saber que se armara un escándalo por un problema de inmoralidade sexual na congregación de Corinto. Como tratou o asunto? O que fixo ensínanos moito sobre o amor e a disciplina de Xehová, e sobre a importancia de mostrar misericordia. Imos analizar máis en detalle o relato no seguinte artigo.
CANCIÓN sn 38 Podes contar con Xehová
a O caso de Oseas foi especial. Hoxe en día, Xehová non esixe que unha vítima inocente de adulterio siga casada coa persoa que cometeu este pecado. De feito, fixo que seu Fillo explicase que unha vítima inocente de adulterio pode decidir se se divorciará (Mat. 5:32; 19:9).
b Mira o artigo “¿Qué significa para usted el perdón de Jehová?” na revista La Atalaya do 15 de novembro de 2012, páxinas 21 a 23 parágrafos 3 a 10 (dispoñible en español).