Ir ó contido

Ir ó índice

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

En 2 Tesalonicenses 3:14 (TNM) fálase de sinalar algunhas persoas. Quen debe facer isto: a congregación ou cada cristián de maneira persoal?

O apóstolo Paulo díxolles ós cristiáns de Tesalónica: “Se algún non obedece o que dicimos nesta carta, mantédeo sinalado” (2 Tes. 3:14, TNM). Antes diciamos que isto era unha instrución para os anciáns. Se alguén se empeñaba en non facer caso dos principios bíblicos a pesar de recibir consello varias veces, os anciáns podían dar un discurso de advertencia á congregación. A partir de entón, os irmáns deixaban de socializar con esa persoa, excepto nas reunións e na predicación.

Pero agora entendemos que o consello de Paulo refírese a algo que deben facer os irmáns de maneira individual en certas circunstancias. Así que non é necesario que os anciáns dean un discurso de advertencia. A que se debe este cambio? Analicemos o contexto das palabras do apóstolo.

Paulo dixo que na congregación había irmáns que se estaban comportando “de maneira indisciplinada”. Non facían caso dos consellos que el lles dera baseándose na Palabra de Deus. Por exemplo, nunha visita anterior dixéralles: “Se alguén non quere traballar, que tampouco coma”. Aínda así, algúns cristiáns seguían negándose a traballar para manterse, a pesar de que podían facelo. Tamén andaban meténdose nos asuntos dos demais. Como debían tratar os irmáns a quen se comportaba de maneira indisciplinada? (2 Tes. 3:6, 10-12, TNM).

Paulo dixo: “Mantédeo sinalado”. A palabra grega transmite a idea de identificar esa persoa e ter coidado para evitar a súa mala influencia. Esta instrución ía dirixida á congregación enteira, non só ós anciáns (2 Tes. 1:1; 3:6). Así que, se un cristián se daba conta de que outro irmán estaba pasando por alto algún consello da Palabra de Deus, de maneira individual tomaría a decisión de deixar de relacionarse con el.

Quería dicir isto que se trataba esta persoa igual que a alguén que fora sacado da congregación? Non, xa que Paulo engadiu: “Seguídeo aconsellando como a un irmán”. Así que os cristiáns a nivel individual seguirían relacionándose con el nas reunións e na predicación, pero non pasarían tempo con el en actividades de ocio ou en reunións sociais. E Paulo explicou o motivo: “Para que se avergonce”. Deixar de relacionarse co cristián indisciplinado podería facer que se avergonzase da súa conduta e cambiase (2 Tes. 3:14, 15, TNM).

E nós? Como podemos aplicar hoxe en día este consello? En primeiro lugar, debemos asegurarnos de que a persoa realmente se estea comportando “de maneira indisciplinada”, tal e como dixo Paulo. O apóstolo non estaba falando de irmáns que toman decisións distintas ás nosas en asuntos de conciencia ou de gusto persoal. E tampouco se estaba referindo ós que simplemente nos ofenderon dalgunha maneira. Máis ben, Paulo falaba especificamente de irmáns que recibiron consellos bíblicos claros pero que escolleron desobedecelos a propósito.

Se nos damos conta de que algún irmán está desobedecendo un consello da Biblia, de maneira individual tomaremos a decisión de non relacionarnos con el en actividades de ocio ou en reunións sociais. a Como se trata dunha decisión persoal, non debemos comentala con quen non forme parte da nosa familia inmediata. Ademais, seguiremos relacionándonos con esa persoa nas reunións e na predicación. Cando corrixa a súa conduta, retomaremos o trato normal.

a Por exemplo, pode que un irmán se negue a traballar para manterse aínda que poida facelo, insista en seguir saíndo con alguén que non é unha Testemuña bautizada, cause polémicas ó cuestionar as instrucións que se dan na congregación ou sobre algunhas ensinanzas bíblicas, ou difunda chismes (1 Cor. 7:39; 2 Cor. 6:14; 2 Tes. 3:11, 12; 1 Tim. 5:13). Os que seguen facendo este tipo de cousas estanse comportando “de maneira indisciplinada”.