Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 50

“Estarás comigo no Paraíso”

“Estarás comigo no Paraíso”

“Eu asegúroche hoxe: estarás comigo no Paraíso” (LC. 23:43TNM).

CANCIÓN sn 19 Deus prometeu un paraíso

AVANCE a

1. Que lle dixo Xesús pouco antes de morrer a un criminal que estaba ó seu lado? (Lucas 23:39-43TNM).

 XESÚS e os dous criminais que tiña ó seu lado estaban sufrindo mentres sentían que a súa vida se acababa (Lc. 23:32, 33). Eses dous bandidos estivéranse burlando del, así que está claro que non eran os seus discípulos (Mt. 27:44; Mc. 15:32). Pero entón, un deles cambiou a súa actitude. Dixo: “Xesús, acórdate de min cando entres no teu Reino”. E el respondeulle: “Eu asegúroche hoxe: estarás comigo no Paraíso(le Lucas 23:39-43TNM). Pode que este criminal escoitase falar acerca do “Reino dos Ceos” que Xesús predicara durante o seu ministerio, pero nada indica que se fixese o seu discípulo. De feito, Xesús nunca dixo que ese home podería estar nese Reino no ceo (Mt. 4:17). En vez diso, estaba falando do Paraíso que haberá no futuro na Terra. Por que podemos dicir isto?

A que conclusión podemos chegar sobre o criminal co que falou Xesús e sobre o que sabía? (Ver os parágrafos 2 e 3).

2. Que indica que o criminal que se arrepentiu era xudeu?

2 O criminal que se arrepentiu probablemente era xudeu. Por que? Porque lle dixo ó outro: “¿Seica non temes a Deus, ti que sófre-la mesma condena ca el?” (Lc. 23:40). Os xudeus adoraban un só Deus. Pola contra, a xente das nacións cría en moitos deuses (Éx. 20:2, 3; 1 Cor. 8:5, 6). Se estes criminais non fosen xudeus, é probable que a pregunta fose: “Seica non temes os deuses?”. Ademais, Xesús fora enviado “ás ovellas extraviadas da casa de Israel”, non ás persoas doutras nacións (Mt. 15:24). Deus fixera que os israelitas soubesen que os mortos ían ser resucitados. Polo tanto, é probable que o criminal arrepentido coñecese isto e que as súas palabras suxerisen que sabía que Xehová resucitaría a Xesús para gobernar no Reino de Deus. Parece que o home esperaba que Deus tamén o resucitase a el.

3. En que é probable que pensase o criminal cando Xesús mencionou o Paraíso? Explica a túa resposta (Xénese 2:15).

3 Se o criminal que se arrepentiu era xudeu, seguro que escoitou falar de Adam e Eva, e do Paraíso que Deus creara para eles. Así que cando Xesús mencionou o Paraíso, é probable que pensase que falaba dun bonito xardín que habería na Terra (le Xénese 2:15).

4. En que nos debería motivar a pensar o que lle dixo Xesús a un dos criminais?

4 O que lle dixo Xesús ó criminal debería motivarnos a pensar en como será a vida no Paraíso. Se analizamos o pacífico reinado do rei Salomón, poderemos facernos unha idea de como será a vida alí. A Biblia di que Xesús é “máis ca Salomón”. Por iso podemos confiar en que Xesús e os que gobernen con el traballarán para facer da Terra un precioso paraíso (Mt. 12:42). Por outro lado, seguro que ás “outras ovellas” lles interesa saber o que necesitan facer para poder vivir para sempre nese Paraíso (Xn. 10:16).

COMO SERÁ A VIDA NO PARAÍSO?

5. Como pensas que será a vida no Paraíso?

5 Que che vén á cabeza cando pensas en como será a vida no Paraíso? Ó mellor imaxinas un bonito xardín, como o que había en Edén (Xén. 2:7-9). Seguro que recordas a profecía que escribiu Miqueas que di que cada un dos servos de Deus “sentará debaixo da súa parra e debaixo da súa figueira” (Miq. 4:3, 4). Ou igual pensas nalgúns versículos da Biblia que din que haberá comida en abundancia (Sal. 72:16; Is. 65:21, 22). Ó pensar no Paraíso pode que te vexas nun bonito xardín respirando o agradable olor das plantas e das flores que hai por todas partes, sentado nunha mesa chea de deliciosa comida mentres escoitas os teus amigos e familiares rindo e desfrutando de estar todos xuntos, incluídos os resucitados. Isto non é un soño. Podemos estar seguros de que estas cousas pasarán na Terra. Pero, cando vivamos no Paraíso, tamén desfrutaremos de traballar.

Teremos que facer un labor moi importante: ensinarlles ós resucitados (ver o parágrafo 6).

6. Que faremos no Paraíso? (Ver a imaxe).

6 Xehová creounos coa capacidade de desfrutar do noso traballo (Ecl. 2:24). De feito, durante o Reinado de Mil Anos de Cristo estaremos especialmente ocupados. Os que sobrevivan á gran tribulación, xunto cos millóns de resucitados, necesitarán roupa, comida e un lugar onde vivir. Aínda que haberá que traballar moito para conseguir todo iso, desfrutaremos de facelo. Igual que Adam e Eva tiveron que cultivar o xardín no que vivían, nós teremos o privilexio de converter a Terra nun paraíso. Ademais, imaxina canto desfrutaremos de ensinarlles ós millóns de persoas que resuciten. Algúns saberán moi pouco sobre Xehová e sobre o seu propósito, pero tamén teremos que ensinarlles ós que foron fieis todo o que pasou desde que morreron.

7. De que podemos estar convencidos, e por que?

7 Podemos estar convencidos de que no Paraíso viviremos en paz, teremos todo o necesario e todo estará ben organizado. Por que? Porque o reinado do rei Salomón foi un adianto de como será a vida baixo o goberno do Fillo de Xehová, Xesús.

O REINADO DO REI SALOMÓN: UN ADIANTO DE COMO SERÁ A VIDA NO PARAÍSO

8. Como se cumpriron no pasado as palabras de Salmo 37:10, 11, 29? (Mira o artigo “Preguntas dos lectores” que aparece nesta revista).

8 O rei David escribiu por inspiración como sería a vida no futuro, cando un rei fiel e sabio gobernase (le Salmo 37:10, 11, 29). Cando lles falamos a outros do Paraíso, moitas veces lemos Salmo 37:11. E temos boas razóns para facelo porque Xesús citou deste texto no seu Sermón do Monte, e indicou que se cumpriría no futuro (Mt. 5:5). Pero as palabras de David tamén indicaban como sería a vida nos días do rei Salomón. Durante o goberno de Salomón, o pobo de Deus desfrutou dunha paz e prosperidade especiais nunha terra que estaba chea de “leite e mel”. Deus dixéralles: “Se camiñades conforme os meus mandatos [...] porei paz no voso país, durmiredes sen medo e arredarei de onda vós toda caste de terror” (Lev. 20:24; 26:3, 6). Estas promesas cumpríronse durante o reinado de Salomón (1 Cró. 22:9; 29:26-28). Ademais, Xehová prometeu que as persoas malvadas deixarían de existir (Sal. 37:10). Polo tanto, as palabras de Salmo 37:10, 11, 29 cumpríronse no pasado e tamén se cumprirán no futuro.

9. Que dixo a raíña de Saba sobre o goberno do rei Salomón?

9 A raíña de Saba escoitou da paz e da prosperidade que había na nación de Israel cando Salomón era rei. Así que viaxou desde moi lonxe a Xerusalén para comprobar por ela mesma que era así (1 Re. 10:1). Despois de inspeccionar o reino de Salomón, dixo: “Non me contaban a metade. [...] Ditosa a túa xente, ditosos os teus cortesáns, que están sempre contigo, aprendendo da túa sabedoría” (1 Re. 10:6-8). Pero as condicións que había durante o reinado de Salomón foron só un pequeno adianto do que Xehová fará pola humanidade baixo o goberno do seu Fillo, Xesús.

10. En que aspectos é Xesús superior a Salomón?

10 Xesús é superior a Salomón en tódolos aspectos. Salomón foi un home imperfecto que cometeu pecados graves que lle acabaron causando problemas ó pobo de Deus. Pola contra, Xesús é un Rei perfecto que non se equivoca (Lc. 1:32; Heb. 4:14, 15). Permaneceu fiel a pesar de que Satanás o puxo a proba ata o límite. Demostrou que nunca pecará e que non fará nada que lles faga dano ós seus leais súbditos. Sen dúbida, é o mellor Rei que podemos ter.

11. Quen gobernará con Xesús?

11 Xesús e os 144.000 que gobernarán con el coidarán da humanidade e encargaranse de que se cumpra o propósito de Xehová para a Terra (Ap. 14:1-3). Todos foron homes e mulleres que pasaron por moitas probas e sufrimentos cando estiveron na Terra. Por iso poderán entender como nos sentimos. Pero, que farán os que gobernen con Xesús?

QUE FARÁN OS UNXIDOS?

12. Que lles encargou Xehová ós 144.000?

12 Xesús e os que gobernen con el terán que traballar moito máis que Salomón. O rei Salomón tivo que coidar de millóns de persoas nun só territorio. Pero os que gobernen no Reino de Deus terán que axudar a coidar de miles de millóns de persoas que vivirán por todo o planeta. Que privilexio tan grande terán os 144.000, verdade?

13. Que responsabilidade especial terán os que gobernen con Xesús?

13 Igual ca Xesús, os 144.000 tamén serán reis e sacerdotes (Ap. 5:10). Baixo a Lei mosaica, os sacerdotes eran os principais responsables de protexer a saúde física das persoas e de asegurarse de que tivesen boa saúde espiritual. A Lei foi “unha sombra dos bens futuros”, así que é razoable pensar que os que gobernen con Xesús terán que coidar da saúde física e espiritual dos servos de Deus (Heb. 10:1). Teremos que esperar para ver como se comunicarán estes reis e sacerdotes cos súbditos do Reino que estean na Terra. Sen importar como o organice Xehová, podemos confiar en que tódolos que vivan na Terra cando sexa un paraíso recibirán a guía que necesiten (Ap. 21:3, 4).

QUE DEBEN FACER AS “OUTRAS OVELLAS” PARA PODER VIVIR NO PARAÍSO?

14. Que relación hai entre as “outras ovellas” e o rabaño pequeno?

14 Xesús chamoulles “grea pequena”, ou rabaño pequeno, ós que gobernarían con el (Lc. 12:32). Tamén falou dun segundo grupo, ó que lle chamou “outras ovellas”. Estes dous grupos forman un único rabaño unido (Xn. 10:16). Hoxe en día, xa están traballando xuntos para Xehová, e seguirano facendo cando a Terra se converta nun paraíso. Daquela, o rabaño pequeno estará no ceo e as “outras ovellas” terán a esperanza de vivir para sempre na Terra. Pero hai algunhas cousas que as “outras ovellas” teñen que facer agora para poder vivir no Paraíso.

Xa agora podemos demostrar que nos estamos preparando para vivir no Paraíso (ver o parágrafo 15). b

15. a) Como colaboran as “outras ovellas” cos irmáns de Cristo? b) Como podes imitar o exemplo do irmán que está na farmacia? (Ver a imaxe).

15 O criminal arrepentido morreu sen ter a oportunidade de demostrar que estaba agradecido polo que Cristo fixera por el. Pero nós, as “outras ovellas”, temos moitas oportunidades para mostrar o que sentimos por Xesús. Por exemplo, demostramos que o queremos por como tratamos os seus irmáns unxidos. Xesús dixo que xulgaría as ovellas por como os tratasen (Mt. 25:31-40). Unha maneira de colaborar cos unxidos é predicando con entusiasmo e facendo discípulos (Mt. 28:18-20). Por iso, queremos usar ben as axudas que temos para estudar a Biblia con outros, como o libro Desfruta da vida para sempre!. Se aínda non dirixes un curso da Biblia, por que non te pos a meta de ofrecérllelo a tódalas persoas que poidas?

16. Que podemos facer xa agora para prepararnos para vivir no Paraíso?

16 Non temos que esperar a estar no Paraíso para ser a clase de persoas que Xehová quere que viva alí. Xa agora podemos esforzarnos por ser honrados na nosa forma de falar e de actuar, e por ter unha vida equilibrada. Ademais, podemos ser leais a Xehová, ó noso cónxuxe e ós irmáns. Canto máis obedezamos as normas de Deus mentres vivimos neste mundo malvado, máis fácil nos será obedecelas cando vivamos no Paraíso. Tamén podemos esforzarnos por ter habilidades e calidades que demostren que estamos preparados para vivir alí. Mira o artigo “Estás preparado para ser dos que ‘herdarán a terra’?”, que aparece nesta revista.

17. Deberiamos seguir sentíndonos culpables polos pecados que cometemos no pasado? Explica a túa resposta.

17 Se no pasado cometemos pecados graves, deberiamos esforzarnos por deixar de sentirnos culpables. Por suposto, nunca se nos pasaría pola cabeza ver o sacrificio de rescate como unha escusa para permanecer “no pecado”, é dicir, para pecar a propósito (Heb. 10:26-31). Pero se nos arrepentimos de verdade por cometer un pecado grave, lles pedimos axuda a Xehová e ós anciáns, e cambiamos a nosa conduta, podemos estar seguros de que Deus xa nos perdoou por completo (Is. 55:7; Feit. 3:19). Acordémonos do que lles dixo Xesús ós fariseos: “Non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores” (Mt. 9:13). O sacrificio de rescate ten suficiente poder para cubrir tódolos nosos pecados.

PODES VIVIR PARA SEMPRE NO PARAÍSO

18. De que che gustaría falar co criminal que morreu ó lado de Xesús?

18 Podes imaxinarte no Paraíso, conversando co criminal co que falou Xesús? Non hai dúbida de que os dous falaredes do agradecidos que estades polo sacrificio de Xesús. Pode ser que lle pidas que che conte máis detalles sobre o que pasou durante as últimas horas de Xesús na Terra e sobre como se sentiu cando escoitou como lle respondeu á súa petición. Ou quizais el che pregunte como foi vivir durante os últimos días do mundo de Satanás. Será todo un honor estudar a Palabra de Deus con persoas coma este home! (Ef. 4:22-24).

Durante o Reinado de Mil Anos de Cristo, un irmán desfruta pintando un cadro, unha habilidade que sempre quixo mellorar (ver o parágrafo 19).

19. Por que nunca será aburrido vivir no Paraíso? (Ver a imaxe da portada).

19 Vivir no Paraíso nunca será aburrido. Por que? Porque sempre haberá persoas interesantes que coñecer e teremos un traballo do que desfrutaremos moito. Pero o mellor de todo é que cada día coñeceremos mellor o noso Pai celestial e que desfrutaremos de todo o que nos deu. Ademais, sempre haberá máis cousas que aprender sobre el e sobre a súa creación. Canto máis vivamos, máis o quereremos. Estámoslles moi agradecidos a Xehová e a Xesús por darnos a esperanza de vivir para sempre no Paraíso!

CANCIÓN snnw 136 Que veña o teu Reino, Xehová!

a Pensas moitas veces en como será a vida no Paraíso? Facer isto pode animarnos moito. Canto máis pensemos no que fará Xehová por nós no futuro, máis ganas teremos de ensinarlles a outros sobre o novo mundo. Este artigo axudaranos a fortalecer a nosa fe na promesa que fixo Xesús de que poderemos vivir nun paraíso.

b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán que ten a esperanza de ensinarlles ós resucitados xa lles está ensinando a outras persoas.