Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 51

Podes ter paz en momentos difíciles

Podes ter paz en momentos difíciles

“Non vos angustiedes, nin teñades medo” (XN. 14:27).

CANCIÓN sn 39 A nosa paz

AVANCE a

1. Que é “a paz de Deus”, e como nos axuda ter esa paz? (Filipenses 4:6, 7).

 EXISTE un tipo de paz que as persoas deste mundo non coñecen: “a paz de Deus”. Esa paz é a tranquilidade que sentimos ó ter unha relación especial co noso Pai celestial. Cando temos a paz de Deus, sentímonos seguros (le Filipenses 4:6, 7). Desfrutamos de ter unha boa amizade con outras persoas que tamén aman a Deus. Ademais, fainos moi felices ter unha amizade moi estreita co “Deus da paz” (1 Tes. 5:23). Se coñecemos, confiamos e obedecemos o noso Pai, a paz de Deus poderá calmar a ansiedade que sentimos cando pasamos por unha situación difícil.

2. Por que podemos estar seguros de que é posible sentir a paz de Deus?

2 De verdade é posible sentir a paz de Deus cando pasamos por unha situación difícil, como unha epidemia, un desastre, disturbios civís ou persecución? Calquera destas situacións pode dar moito medo. Pero Xesús deulles este consello ós seus seguidores: “Non vos angustiedes, nin teñades medo” (Xn. 14:27). Felizmente, irmáns e irmás de todo o mundo seguiron o consello de Xesús e, coa axuda de Xehová, foron capaces de ter paz mentres afrontaban problemas graves.

COMO PODES TER PAZ DURANTE UNHA EPIDEMIA?

3. Como podería unha epidemia ou unha pandemia quitarnos a paz?

3 Unha epidemia ou unha pandemia pode cambiar case por completo a nosa vida. Pensa no impacto que tivo a COVID-19 en moitas persoas. Segundo unha enquisa, máis da metade das persoas ás que se lles preguntou dixo que tivo problemas para durmir durante a pandemia. Ademais, a ansiedade, a depresión, o consumo de drogas e de alcohol, a violencia doméstica e os intentos de suicidio aumentaron moito. Se de repente aparece unha epidemia no lugar onde vives, que podes facer para controlar a ansiedade e desfrutar da paz de Deus?

4. Por que nos dá paz coñecer a profecía de Xesús sobre os últimos días?

4 Xesús predixo que durante os últimos días habería pestes, ou epidemias, “en diversos lugares” (Lc. 21:11). Saber isto pode darnos paz. Como é posible? Porque non nos sorprende que aparezan estas enfermidades. Dámonos conta de que estas cousas están pasando tal e como Xesús dixo que pasarían. Por iso temos razóns para seguir o consello que lles deu ós que vivisen durante o tempo do fin: “Coidadiño con alarmarvos” (Mt. 24:6).

Escoitar as gravacións en audio da Biblia pode axudarche a ter paz durante unha epidemia (ver o parágrafo 5).

5. a) Segundo Filipenses 4:8, 9, sobre que deberiamos orar cando nos enfrontamos a unha epidemia? b) Como pode axudarche escoitar as gravacións en audio da Biblia?

5 Unha epidemia pode facer que nos preocupemos moito e que incluso teñamos medo. Iso foi o que lle pasou a unha irmá chamada Desi. b Cando o seu tío, o seu primo e o seu médico morreron por culpa da COVID-19, tiña medo de coller o virus e pasarllo á súa nai, que xa era maior. Ademais, tamén lle preocupaba perder o traballo por culpa da pandemia, e preguntábase como ía poder pagar a renda e comprar comida se quedaba sen el. Empezouse a preocupar tanto que non podía durmir de noite. Pero ó final conseguiu recuperar a paz. Como o fixo? Oroulle a Xehová e pediulle especificamente que lle axudase a manter a calma e a ter unha actitude positiva (le Filipenses 4:8, 9). Despois, escoitou como lle “falaba” Xehová mediante as gravacións en audio da Biblia. Ela conta: “As voces tranquilas dos lectores calmaron a miña ansiedade e recordáronme que Xehová se preocupa por min” (Sal. 94:19).

6. Como che axudarán o estudo persoal e as reunións de congregación?

6 Durante unha epidemia, non sempre se pode seguir coa rutina habitual, pero non deixes que iso lle afecte ó teu estudo persoal nin tampouco deixes de ir ás reunións. As experiencias que aparecen nas nosas publicacións e nos vídeos axudaranche a recordar que os teus irmáns seguen sendo fieis a Xehová a pesar de que afrontan situacións parecidas (1 Pe. 5:9). As reunións axudaranche a pensar en ideas positivas e animadoras da Biblia. Tamén che darán a oportunidade de animar a outros e de que os demais te animen a ti (Rm. 1:11, 12). Ademais, meditar en como Xehová coidou dos seus servos cando estaban enfermos, cando tiñan medo ou cando se sentían sós, fortalecerá a túa fe e axudarache a estar máis convencido de que tamén vai coidar de ti.

7. Que podes aprender do apóstolo Xoán?

7 Esfórzate por falar cos teus irmáns. Unha epidemia pode facer que teñamos que manter a distancia física incluso cando estamos con eles. Debido a iso, pode ser que te sintas coma o apóstolo Xoán. El quería ver cara a cara o seu amigo Gaio (3 Xn. 13, 14). Aínda así, recoñeceu que non podería velo durante un tempo. Así que fixo algo que si podía facer: escribiulle unha carta. Se non podes visitar os irmáns durante un tempo, intenta falar con eles por teléfono, por videochamada ou mándalles unha mensaxe. Cando estamos en contacto cos nosos irmáns, sentímonos menos sós e máis tranquilos. Ademais, se sentes moita ansiedade, esfórzate por falar cos anciáns e deixa que te animen con cariño (Is. 32:1, 2).

COMO PODES TER PAZ CANDO HAI UN DESASTRE?

8. Como podería un desastre quitarnos a paz?

8 Se algunha vez che afectou unha inundación, un terremoto ou un incendio, é probable que sentises ansiedade durante moito tempo. Se ademais perdiches algún ser querido ou os teus bens, é posible que te sentises moi triste, sen esperanza, ou incluso enfadado. Que iso pase non quere dicir que sexas unha persoa materialista, nin tampouco que che falte fe. Pasaches por unha situación difícil e algúns ata poderían esperar que reaccionases mal (Xob 1:11). Pero, a pesar de todo, podes seguir sentindo paz. Como podes conseguilo?

9. Como nos preparou Xesús para os desastres?

9 Recorda o que predixo Xesús. Algunhas persoas pensan que nunca vai haber un desastre na súa zona. Pero nós sabemos que cada vez haberá máis desastres, e que algún deles podería pasar onde nós vivimos. Xesús díxolles ós seus seguidores que habería “grandes terremotos” e outros desastres antes de que chegase o fin (Lc. 21:11). Tamén predixo que aumentaría a maldade, e está claro que iso se está cumprindo nos nosos días. Por exemplo, cada vez vemos máis crimes, violencia e ataques terroristas (Mt. 24:12). Xesús nunca dixo que estas desgrazas só lles afectarían ás persoas que non serven a Xehová. De feito, moitos dos seus servos fieis foron vítimas destes desastres (Is. 57:1; 2 Cor. 11:25). Pode que Xehová non nos protexa de maneira milagrosa de tódolos desastres, pero daranos o que necesitemos para manter a calma e ter paz.

10. Por que demostramos que temos fe cando nos preparamos agora para un desastre? (Proverbios 22:3).

10 Se nos preparamos para unha emerxencia, será máis fácil que manteñamos a calma cando pase. Pero quere dicir isto que nos falta fe en Xehová? Todo o contrario. De feito, prepararnos para un desastre demostra que si temos fe en que el é capaz de coidar de nós. Por que? Porque a Palabra de Deus aconséllanos que nos preparemos para posibles desastres (le Proverbios 22:3). Ademais, a organización de Xehová avísanos unha e outra vez de que nos preparemos por se hai unha emerxencia. Para iso usa algúns artigos das nosas revistas, as reunións de congregación e anuncios que se nos dan no momento máis oportuno. c Entón, confiamos en Xehová? Se o facemos, seguiremos eses consellos agora, antes de que haxa un desastre.

Prepararte de antemán pode axudarche a sobrevivir se hai un desastre (ver o parágrafo 11). d

11. Que podes aprender do exemplo de Margaret?

11 Fíxate no que lle pasou a Margaret. Cando houbo un incendio, as autoridades evacuaron a zona e pedíronlle que deixase a súa casa. Como había moita xente intentando escapar ó mesmo tempo, formouse un atasco tan grande que os coches non podían avanzar. Ademais, había moito fume negro e non podía saír do seu coche. Pero puido sobrevivir porque estaba preparada. No bolso, levaba un mapa que lle permitiu coller unha ruta alternativa para saír daquela zona. Ademais, xa comprobara antes esa ruta para poder seguila facilmente en caso de emerxencia. Margaret puido sobrevivir porque estaba ben preparada.

12. Por que debemos seguir as instrucións que nos dan para manternos a salvo?

12 É probable que as autoridades nos pidan que obedezamos un toque de queda, que evacuemos unha zona, ou que sigamos outras instrucións para protexernos e para restaurar a orde. Algunhas persoas tardan en obedecer, ou esperan ata o último momento porque non queren deixar atrás todo o que teñen. Como reaccionamos os cristiáns? A Biblia dinos: “Sometédevos ante toda institución humana por mor do Señor, ora sexa o emperador, coma soberano que é, ou os gobernadores, coma delegados seus” (1 Pe. 2:13, 14). Ademais, a organización de Deus tamén nos dá instrucións para manternos a salvo. Recórdasenos regularmente que debemos darlles ós anciáns os nosos datos actualizados para que poidan contactar con nós se hai unha emerxencia. Xa o fixeches? Tamén é probable que recibamos instrucións sobre quedar na casa, evacuar e obter provisións de socorro, ou sobre como e cando podemos axudar a outros. Se non obedecemos, poderiamos poñer en perigo a nosa vida e a dos anciáns. Recorda que estes fieis irmáns se preocupan moito por nós (Heb. 13:17). Margaret comentou: “Estou totalmente segura de que sigo viva porque seguín as instrucións dos anciáns e da organización”.

13. Que fan moitos cristiáns para manter a alegría e a paz a pesar de que tiveron que deixar as súas casas?

13 Moitos irmáns que tiveron que deixar as súas casas por culpa dun desastre, dunha guerra ou dos disturbios civís, fixeron todo o posible por adaptarse á súa nova situación e por volver a participar canto antes nas actividades cristiás. Igual que os cristiáns do primeiro século que tiveron que deixar atrás as súas casas e mudarse a outros lugares por culpa da persecución, os nosos irmáns tamén seguen “anunciando a Boa Nova da Palabra” (Feit. 8:4). Predicar axúdalles a centrarse no Reino en vez de nos seus problemas. Grazas a iso, poden manter a súa alegría e a súa paz.

COMO PODES TER PAZ CANDO NOS PERSEGUEN?

14. Como pode a persecución quitarnos a paz?

14 A persecución pode quitarnos moitas das cousas que normalmente nos dan paz. Por exemplo, sentímonos felices cando podemos ir ás reunións e predicar con liberdade, ou cando podemos seguir coa nosa rutina sen medo a que nos arresten. Se nos quitan algunha destas liberdades, pode ser que sintamos ansiedade e que teñamos medo do que poida pasar. É normal sentirse así, pero debemos ter coidado. Xesús dixo que a persecución podería facer que os seus seguidores tropezasen (Xn. 16:1, 2). Entón, que podemos facer para seguir tendo paz cando nos perseguen?

15. Por que non deberiamos terlle medo á persecución? (Xoán 15:20; 16:33).

15 A Palabra de Deus dinos: “Tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución” (2 Tim. 3:12). A un irmán chamado Andrei fíxoselle difícil aceptar que se prohibira a predicación no seu país. El pensaba: “Aquí hai demasiadas Testemuñas para que fagan iso. Como nos van arrestar a todos?”. Pero esta forma de pensar, en vez de darlle paz, facía que estivese sempre moi preocupado. Pola contra, outros irmáns deixaron o asunto en mans de Xehová, en lugar de intentar convencerse a si mesmos de que poderían librarse de que os arrestasen. Sabían que poderían arrestalos, pero estaban menos preocupados que Andrei. Así que decidiu cambiar a súa actitude e confiar por completo en Xehová. En pouco tempo volveu a sentir paz, e agora pode ser feliz a pesar dos problemas. A nós pode pasarnos o mesmo. Aínda que Xesús dixo que deberiamos esperar que nos perseguisen, tamén nos asegurou que podemos seguir sendo fieis (le Xoán 15:20; 16:33).

16. Que instrucións temos que obedecer cando haxa persecución?

16 É probable que cando se prohiba a nosa obra ou se impoñan restricións recibamos instrucións da sucursal e dos anciáns. Estas instrucións protéxennos, permiten que sigamos recibindo alimento espiritual e axúdannos a seguir predicando todo o posible. Esfórzate ó máximo por obedecer a guía que recibas, incluso se non entendes de todo as razóns (Sant. 3:17). Ademais, nunca deas información sobre os irmáns ou sobre as actividades da congregación ós que non teñen o dereito de sabela (Ecl. 3:7).

Que che axudará a ter paz incluso nos momentos difíciles? (Ver o parágrafo 17). e

17. Igual que os apóstolos do primeiro século, que estamos decididos a facer?

17 Unha das razóns máis importantes polas que Satanás ataca os servos de Deus é porque “manteñen firme o testemuño de Xesús” (Ap. 12:17). Non deixes que Satanás e o seu mundo te asusten. Predicar e ensinar a pesar da oposición fainos felices e dános paz. No primeiro século, as autoridades xudías mandáronlles ós apóstolos que deixasen de predicar, pero eles foron fieis e escolleron obedecer a Deus. Seguiron predicando, e iso fíxoos felices (Feit. 5:27-29, 41, 42). Por suposto, cando a nosa obra está restrinxida, temos que ser discretos e ter coidado ó predicar (Mt. 10:16). Pero, se facemos todo o posible, sentiremos a paz que vén de agradar a Xehová e de compartir a mensaxe que salva vidas.

“O DEUS DA PAZ IRÁ CONVOSCO”

18. Que debemos recordar sobre Xehová, a Fonte da paz?

18 Non dubides de que podemos ter paz incluso nas situacións máis difíciles. Neses momentos, debemos recordar que a paz que necesitamos é a paz de Deus, é dicir, a paz que só Xehová nos pode dar. Confía nel cando haxa unha epidemia, un desastre ou persecución. Mantente cerca da súa organización. Mira cara adiante, cara ó marabilloso futuro que che espera. Se o fas, “o Deus da paz” estará ó teu lado (Flp. 4:9). No seguinte artigo, analizaremos como podemos axudarlles ós nosos irmáns que están pasando por problemas a sentir a paz de Deus.

CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas

a Xehová promete que lles dará paz ós que o aman. Que é esa paz que Deus dá, e como podemos conseguila? Como pode axudarnos “a paz de Deus” cando hai unha epidemia, un desastre natural, ou cando afrontamos persecución? Neste artigo responderemos estas preguntas.

b Cambiáronse algúns nomes.

c Mira o artigo “Cuando golpea un desastre. Qué hacer para sobrevivir”, da revista ¡Despertad! número 5 de 2017.

d DESCRICIÓN DAS IMAXES: Unha irmá preparada de antemán para deixar a súa casa.

e DESCRICIÓN DAS IMAXES: Un irmán que vive nun sitio onde a predicación está restrinxida segue predicando con discreción.