Preguntas dos lectores
No Salmo 61:8 (TNM) o salmista David dixo que louvaría o nome de Deus “para sempre”. Quería dicir que pensaba que nunca ía morrer?
Non. O que escribiu era certo e non estaba esaxerando.
Vexamos o que dixo neste versículo: “Cantareille louvanzas ó teu nome para sempre”. Noutro parecido tamén dixo: “Lóuvote con todo o meu corazón, oh, Xehová meu Deus, e dareille gloria ó teu nome para sempre”. E noutro escribiu: “Bendicireite o día enteiro, louvarei por sempre o teu nome” (Sal. 61:8, TNM; 86:12, TNM; 145:1, 2).
Con estas palabras, David non estaba esaxerando, nin tampouco pensaba que non ía morrer nunca. Sabía que Xehová dixera que os humanos acabarían morrendo por culpa do pecado, e admitiu que era un pecador (Xén. 3:3, 17-19; Sal. 51:6, 7 [51:4, 5, TNM]). Ademais, sabía que outros homes que Deus aprobara, coma Abraham, Isaac e Xacob, morreran. Así que recoñecía que el tamén acabaría morrendo (Sal. 37:25; 39:5 [39:4, TNM]). Pero as súas palabras que aparecen no Salmo 61:8 (TNM) mostran o seu desexo e determinación de louvar a Deus para sempre, é dicir, toda a súa vida (2 Sam. 7:12).
Algúns dos salmos que escribiu David falan de cousas que lle foron pasando na vida. Podemos ver algúns exemplos ó principio dos Salmos 18, 51 e 52. Ademais, David era pastor e no Salmo 23 describiu a Xehová como un bo pastor que dá guía, ánimo e protección. Por iso quería servir a Deus toda a súa vida (Sal. 23:6).
Tamén hai que ter en conta que foi Xehová quen inspirou a David para que escribise estas cousas. De feito, chegou a escribir profecías que se cumpriron moito despois. Por exemplo, no Salmo 110, David mencionou un tempo no que o seu Señor sentaría á “dereita” de Deus no ceo e recibiría moito poder. Para que o usaría? Para dominar os inimigos de Deus e executar a súa sentenza contra as nacións da Terra. David foi antepasado do Mesías, quen gobernaría no ceo e sería “sacerdote para sempre” (Sal. 110:1-6). Xesús confirmou que a profecía do Salmo 110 falaba del e que se cumpriría no futuro (Mt. 22:41-45).
Xehová inspirou a David para que escribise sobre o seu tempo e sobre o futuro, cando sexa resucitado e poida louvalo para sempre. Isto axúdanos a ver que o Salmo 37:10, 11, 29 non só se cumpriu no pasado, no antigo Israel, senón que tamén se cumprirá no futuro, cando Deus leve a cabo o que prometeu. (Mira o parágrafo 8 do artigo titulado “Estarás comigo no Paraíso” desta mesma revista).
O Salmo 61:8 (TNM) e outros versículos parecidos mostran que a intención de David era louvar a Xehová no antigo Israel ata que morrese. Ademais, explican de maneira realista o que poderá facer no futuro cando Xehová o resucite.