ARTIGO DE ESTUDO 50
A fe e as obras levan á xustiza
“Seguen as pegadas da fe que o noso pai Abraham tivo” (ROM. 4:12).
CANCIÓN sn 54 Teñamos unha fe forte
AVANCE a
1. Que pregunta pode que nos fagamos cando pensamos na fe de Abrahán?
A PESAR de que moitas persoas escoitaron falar de Abrahán, a maioría delas saben moi pouco sobre el. Pero ese non é o teu caso. Ti sabes, por exemplo, que a Abrahán se lle chama “pai de tódolos crentes” (Rom. 4:11). Aínda que quizais te preguntes: “Podo eu tamén seguir os pasos de Abrahán e ter unha fe tan forte coma a del?”. Claro que si!
2. Por que é importante estudar o exemplo de Abrahán? (Santiago 2:22, 23).
2 Unha maneira de conseguir unha fe coma a de Abrahán é estudando o seu exemplo. El sempre facía o que Deus lle pedía. Por exemplo, estivo disposto a mudarse a un lugar distante, a vivir en tendas de campaña durante décadas e ata a sacrificar o seu querido fillo Isaac. Abrahán fixo todo isto porque tiña unha fe moi forte en Xehová. Grazas á súa fe e ás súas obras ganouse a aprobación e a amizade de Deus (le Santiago 2:22, 23). Xehová tamén quere que todos nós, incluído ti, poidamos desfrutar da súa aprobación e amizade. Por iso fixo que dous escritores bíblicos, Paulo e Santiago, falasen do exemplo de Abrahán. A continuación imos analizar o capítulo 4 de Romanos e o capítulo 2 de Santiago. Nestes dous capítulos faise unha declaración moi importante sobre Abrahán.
3. De que versículo da Biblia citaron Paulo e Santiago?
3 Tanto Paulo coma Santiago citaron de Xénese 15:6, onde di: “Abram creu ó Señor, que llo tivo en conta para a xustificación”. Que Xehová xustifique unha persoa, é dicir, que a vexa como xusta, implica que ten a súa aprobación e que a considera sen culpa. Verdade que é impresionante que Deus poida ver así unha persoa imperfecta e pecadora? Seguro que ti tamén queres que Xehová pense iso de ti. Para saber como conseguilo, necesitamos entender por que Xehová vía así a Abrahán.
PARA QUE DEUS NOS CONSIDERE XUSTOS NECESITAMOS FE
4. Que impide que os seres humanos sexamos xustos?
4 Na súa carta ós Romanos, Paulo dixo que tódolos seres humanos somos pecadores (Rom. 3:23). Entón, como pode ser que Deus nos considere xustos, ou sen culpa, e que poidamos conseguir a súa aprobación? Para axudarlles ós cristiáns verdadeiros a responder esta pregunta, Paulo utilizou o exemplo de Abrahán.
5. En que se baseou Deus para declarar xusto a Abrahán? (Romanos 4:2-4).
5 Xehová declarou xusto a Abrahán mentres vivía na terra de Canaán. Pero, por que puido facelo? Sería porque este servo de Deus obedecía á perfección a Lei mosaica? Está claro que este non foi o motivo, xa que a Lei déuselle á nación de Israel uns 400 anos máis tarde (Rom. 4:13). Entón, en que se baseou Deus para dicir que Abrahán era xusto? Debido á fe que este home tiña, Xehová mostroulle bondade inmerecida e declarouno xusto (le Romanos 4:2-4).
6. Por que pode Xehová dicir que un pecador é xusto?
6 Paulo dixo que cando unha persoa pon fe en Deus, iso “válelle para xustificación” (Rom. 4:5). E engadiu: “Xa David declara ditoso o home a quen Deus lle concede a xustiza sen as obras: Benia aqueles a quen se lles perdoaron as súas iniquidades, ós que lles enterraron os seus pecados. Benia o home a quen o Señor non lle ten en conta o pecado” (Rom. 4:6-8; Sal. 32:1, 2). Deus perdoa, ou cobre, os pecados daqueles que poñen fe nel. Xa non os ten máis en conta. Debido á fe que demostran estas persoas, considéraas xustas ou sen culpa.
7. En que sentido foron xustos os servos fieis de Deus do pasado?
7 Aínda que Xehová declarou xustos a Abrahán, David e outros fieis servos seus, seguían sendo persoas imperfectas e pecadoras. Pero debido á súa fe, Deus viunos sen culpa, sobre todo ó comparalos coa xente que non o adoraba (Ef. 2:12). Paulo explicou na súa carta ós romanos que a fe é esencial para chegar a ser amigos de Deus. Así foi no caso de Abrahán e David, e tamén o será no noso.
COMO SE RELACIONAN A FE E AS OBRAS?
8, 9. A que conclusións equivocadas chegaron algunhas persoas sobre o que escribiron Paulo e Santiago, e por que?
8 Durante séculos, os líderes relixiosos debateron sobre a relación que hai entre a fe e as obras. Algúns clérigos ensinan que o único que hai que facer para salvarse é crer no Señor Xesucristo. Quizais os escoitaches dicir: “Acepta a Xesús e salvaraste”. Algúns incluso citan as palabras de Paulo: “Deus [...] concede a xustiza sen as obras” (Rom. 4:6). Pero outros defenden que te podes salvar peregrinando a certos lugares e facendo boas obras que establecen as igrexas. Poida que citen de Santiago 2:24, que di: “Son os feitos os que xustifican o home e non só a fe”.
9 Como resultado, algúns investigadores bíblicos chegaron á conclusión de que Paulo e Santiago non estaban de acordo entre eles co que hai que facer para ter a aprobación de Deus. Segundo algúns mestres relixiosos, Paulo cría que só se necesita ter fe para conseguir a aprobación de Deus, pero Santiago dicía que tamén hai que facer boas obras. Un profesor de divindade explicouno da seguinte maneira: “Santiago non comprendía por que Paulo insistía en que [para ser declarados xustos] só se necesita a fe e non as obras”. Pero Xehová inspirou tanto a Paulo coma a Santiago para que escribisen as súas cartas (2 Tim. 3:16). Así que ten que haber unha explicación razoable para entender como se relaciona o que eles escribiron. Para descubrila, analicemos o contexto das súas palabras.
10. A que “obras” se refería Paulo principalmente? (Romanos 3:21, 28) (Ver tamén a imaxe).
10 De que “obras” estaba falando Paulo en Romanos 3 e 4? Referíase principalmente ás “obras da Lei”, a Lei de Moisés, que se lles deu ós israelitas no monte Sinaí (le Romanos 3:21, 28). Parece ser que no tempo de Paulo, a algúns cristiáns xudeus lles custaba aceptar que a Lei mosaica xa fora abolida e que, polo tanto, as súas obras xa non eran necesarias. Por iso, Paulo usou o exemplo de Abrahán para demostrar que unha persoa non necesita as “obras da Lei” para que Deus a considere xusta. Paulo explicou que o que se necesita é a fe. Saber isto é moi animador porque nos dá a confianza de que ser amigos de Deus está ó noso alcance. Se temos fe en Xehová e en Cristo, contaremos coa aprobación de Deus.
11. De que tipo de “obras” falaba Santiago?
11 Por outro lado, as “obras” das que se fala en Santiago capítulo 2 non son as “obras da Lei” que menciona Paulo. Santiago referíase ás obras, ou actividades, da vida dun cristián. Estes feitos demostran se un cristián ten verdadeira fe en Deus ou non. Vexamos dous exemplos que puxo Santiago.
12. Como explicou Santiago a relación que hai entre a fe e as obras? (Ver tamén a imaxe).
12 No primeiro exemplo, Santiago explica que os cristiáns teñen que ser imparciais ó tratar cos demais. Ilustrouno cun home que é amable cun rico pero que despreza un pobre. Santiago indicou que, aínda que este home diga que ten fe, as súas obras non o demostran (Sant. 2:1-5, 9). No segundo exemplo, Santiago mencionou unha persoa que ve que un irmán necesita roupa e comida pero non lle axuda. Aínda que esa persoa diga que ten fe, non o demostra con feitos, polo tanto esa fe é inútil. Por iso dixo Santiago que a fe “se non ten feitos, leva a morte no seu cerne” (Sant. 2:14-17).
13. Que exemplo utilizou Santiago para demostrar que necesitamos tanto a fe como as boas obras? (Santiago 2:25, 26).
13 Santiago mencionou a Rahab como un exemplo de alguén que demostra cos seus actos a fe que ten (le Santiago 2:25, 26). Ela escoitara falar de Xehová e dérase conta de que os israelitas tiñan o seu apoio (Xos. 2:9-11). Demostrou a súa fe con obras, xa que protexeu a dous espías israelitas cando estaban en perigo. Como resultado, esta muller imperfecta que ademais non era israelita, foi declarada xusta, igual que fora Abrahán. O seu exemplo destaca a importancia de que a nosa fe quede demostrada polas nosas accións.
14. Por que podemos dicir que o que escribiron Paulo e Santiago non se contradí?
14 Paulo e Santiago simplemente estaban falando da fe e das obras dende diferentes perspectivas. Paulo dixo que os cristiáns xudeus nunca poderían conseguir a aprobación de Deus simplemente cumprindo coa Lei mosaica. Pero Santiago destacou que tódolos cristiáns temos que demostrar a nosa fe facendo cousas boas por outros.
15. Cales son algunhas maneiras de demostrar a nosa fe con feitos? (Ver tamén a imaxe).
15 Xehová non dixo que para que nos considere xustos teñamos que facer exactamente o mesmo que fixo Abrahán. De feito, hai moitas maneiras de demostrar coas nosas accións que realmente temos fe. Podemos darlles a benvida ós novos na congregación e axudarlles ós irmáns que o necesitan. Tamén temos que portarnos ben cos membros da nosa familia. Todo isto é algo que Xehová aproba e bendice (Rom. 15:7; 1 Tim. 5:4, 8; 1 Xoán 3:18). E, unha das formas máis importantes de demostrar que temos fe é predicando as boas noticias con entusiasmo (1 Tim. 4:16). Todos podemos deixar claro coas nosas accións que temos fe en que as promesas de Xehová se farán realidade e en que obedecelo é o mellor para nós. Se o facemos podemos ter a seguridade de que Xehová nos considerará xustos e nos verá como amigos seus.
A ESPERANZA FORTALECE A NOSA FE
16. Como se relacionaron a fe e a esperanza no caso de Abrahán?
16 No capítulo 4 de Romanos destácase outra lección que podemos aprender de Abrahán: a importancia da esperanza. Xehová prometeu que mediante Abrahán bendiciría “moitas nacións”. Que esperanza tan marabillosa tiña este home fiel! (Rom. 4:17; Xén. 12:3; 15:5; 17:4) Pero, cando Abrahán tiña 100 anos e Sara 90 aínda non tiveran ningún fillo e, dende un punto de vista humano, parecía imposible que o fosen ter. Seguro que isto foi unha proba para el. Aínda así, “creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións” (Rom. 4:18, 19). Co tempo, o que esperaba fíxose realidade cando naceu Isaac, o fillo que Deus lle prometera (Rom. 4:20-22).
17. Como sabemos que Deus tamén nos pode considerar xustos e amigos seus?
17 Igual que Abrahán, nós tamén podemos conseguir a aprobación de Deus e que el nos considere xustos e amigos seus. De feito, Paulo mencionou isto cando dixo: “Estas palabras non se escribiron soamente por el [Abrahán], senón tamén por nós. Pois tamén nos vai ‘valer’ a nós que cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús” (Rom. 4:23, 24). Pero, coma Abrahán, nós tamén debemos ter unha fe forte, facer boas obras e confiar en que as promesas de Xehová se farán realidade. No seguinte artigo analizaremos o capítulo 5 de Romanos, onde o apóstolo Paulo seguiu falando da esperanza.
CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?
a Queremos que Xehová nos considere xustos e ter a súa aprobación. Neste artigo analizaremos o que escribiron Paulo e Santiago para saber como conseguilo. Tamén veremos que tanto a fe como as obras son necesarias para obter a aprobación de Xehová.
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Paulo díxolles os cristiáns que se centrasen na fe, non nas “obras da Lei” como por exemplo coser un fío azul na roupa, celebrar a Pascua ou facer as limpezas cerimoniais.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Santiago animou os cristiáns a demostrar a fe facendo boas obras por outros, como por exemplo axudándolles ós pobres.