Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 51

A túa esperanza non te decepcionará

A túa esperanza non te decepcionará

“A esperanza non decepciona” (ROM. 5:5, TNM).

CANCIÓN sjj 142 Lémbrate sempre da túa esperanza

AVANCE a

1. Por que podemos dicir que a esperanza de Abrahán tiña unha base sólida?

 XEHOVÁ prometeulle ó seu amigo Abrahán que tódalas nacións da Terra se bendicirían por medio da súa descendencia (Xén. 15:5; 22:18). Como Abrahán tiña moita fe en Deus, estaba convencido de que esa promesa se faría realidade. Con todo, cando tiña 100 anos e a súa muller 90, esta parella aínda non tiña ningún fillo (Xén. 21:1-7). Pero a Biblia di que Abrahán “creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións, como se lle dixera” (Rom. 4:18). E nós sabemos que a súa esperanza se fixo realidade. Co tempo, chegou a ser pai do fillo que tanto esperaba, Isaac. Por que tiña Abrahán plena confianza en que a promesa de Xehová se ía cumprir?

2. Por que estaba convencido Abrahán de que a promesa de Xehová se cumpriría?

2 Como Abrahán coñecía ben a Xehová, estaba plenamente convencido de que “é poderoso para cumpri-lo que promete” (Rom. 4:21). Xehová deulle a súa aprobación e declarouno xusto debido á súa fe (Sant. 2:23). Como indica Romanos 4:18 a fe e a esperanza de Abrahán estaban moi relacionadas. A continuación imos analizar o que Paulo escribiu sobre a esperanza no capítulo 5 de Romanos.

3. Que explicou Paulo sobre a esperanza?

3 Paulo explicou por que podemos estar seguros de que “a [nosa] esperanza non decepciona” (Rom. 5:5, TNM). O que el dixo tamén nos axuda a entender como pode crecer, ou facerse máis forte, a esperanza cristiá. Mentres analizamos o proceso do que falou Paulo en Romanos 5:1-5 pensa en como a túa propia esperanza medrou ó longo do tempo. Esta análise tamén nos permitirá ver como podemos conseguir que medre aínda máis. Pero primeiro vexamos cal é esa marabillosa esperanza que Paulo dixo que non fallaría.

A NOSA MARABILLOSA ESPERANZA

4. Que se explica en Romanos 5:1, 2?

4 Le Romanos 5:1, 2. Paulo escribiulle estas palabras á congregación de Roma. Estes irmáns aprenderan sobre Xehová e Xesús, demostraran fe e fixéranse cristiáns. Por iso Deus os declarou “xustificados [...] pola fe” e os unxiu con espírito santo. Así que, conseguiran unha marabillosa esperanza.

5. Que esperanza teñen os unxidos?

5 Máis tarde, Paulo escribiulles ós cristiáns unxidos de Éfeso sobre a esperanza que Xehová lles dera, o que incluía unha “gloriosa herdanza destinada ós crentes” (Ef. 1:18). Cando lles escribiu ós colosenses, tamén lles mencionou onde tería lugar esa recompensa. Díxolles que sería “no ceo” (Col. 1:4, 5). Así que, a esperanza que teñen os cristiáns unxidos é a de resucitar para vivir para sempre no ceo e reinar con Cristo (1 Tes. 4:13-17; Apoc. 20:6).

O irmán Franz expresou moi ben o seguros que están os cristiáns unxidos da súa esperanza (ver o parágrafo 6).

6. Que dixo un irmán unxido sobre a súa esperanza?

6 Os cristiáns unxidos valoran moito a esperanza que teñen. O irmán Frederick Franz, quen forma parte deste grupo, falou dela da seguinte maneira: “A nosa esperanza é segura e cumprirase por completo no caso de todos e cada un dos 144.000 membros do rabaño pequeno. Será aínda moito mellor do que imaxinamos”. Despois de servir a Deus fielmente durante décadas, o irmán Franz dixo no ano 1991: “Aínda valoramos moito a nosa esperanza. [...] Canto máis temos que agardar por ela, máis a apreciamos. É algo polo que vale a pena esperar, aínda que o teñamos que facer durante un millón de anos. Incluso a valoro máis ca antes”.

7, 8. Que esperanza teñen a maioría dos servos de Xehová? (Romanos 8:20, 21).

7 Moitos dos que adoran a Xehová hoxe en día teñen outra esperanza. Trátase da mesma que tivo Abrahán: vivir para sempre na Terra baixo o Reino de Deus (Heb. 11:8-10, 13). Paulo tamén escribiu sobre a magnífica recompensa que recibirán os que teñen esta esperanza (le Romanos 8:20, 21). Que promesa da Biblia che chamou máis a atención cando a escoitaches por primeira vez? Foi a de que algún día todos seremos perfectos e xa non teremos a tendencia a pecar? Ou emocionoute aínda máis saber que os teus seres queridos que morreron van resucitar e vivir para sempre nun paraíso? Grazas á esperanza que Xehová nos deu, podemos agardar con moita ilusión o futuro marabilloso que temos por diante.

8 Sexa que esperemos vivir para sempre no ceo ou na terra, temos moitos motivos para estar contentos. Pero, a nosa esperanza pode facerse aínda máis forte. Paulo explicou como é posible isto. Imos analizar que máis escribiu sobre a esperanza. As súas palabras axúdannos a ter máis confianza en que as promesas de Deus para o futuro se farán realidade.

COMO MEDRA A ESPERANZA

Tódolos cristiáns teremos que pasar por algún tipo de dificultade (ver os parágrafos 9 e 10).

9, 10. Igual ca Paulo, que podemos esperar os cristiáns? (Romanos 5:3, TNM) (Ver tamén as imaxes).

9 Le Romanos 5:3 (TNM). Paulo mencionou que cando pasamos por dificultades a nosa esperanza pode facerse máis segura. Isto quizais nos pareza estraño. Pero o certo é que tódolos seguidores de Xesús teremos que pasar por tribulacións. Fíxate no exemplo de Paulo. El díxolles ós tesalonicenses: “Cando estabamos aínda convosco xa vos avisamos que iades ter que aturar dificultades. E, como vedes, asi foi” (1 Tes. 3:4). E ós corintios díxolles algo parecido: “Non queremos que descoñezades, irmáns, as tribulacións que pasamos [...], ata perde-la esperanza de saírmos con vida” (2 Cor. 1:8; 11:23-27).

10 Os cristiáns de hoxe en día tamén teremos que pasar por todo tipo de tribulacións (2 Tim. 3:12). E ti? Sufriches persecución por crer en Xesús e seguir o seu exemplo? Pode que os teus amigos e familiares se burlasen de ti. Quizais, algúns incluso te trataron con crueldade. Tiveches problemas no traballo por estar decidido a ser honesto en todo? (Heb. 13:18) Enfrontácheste a persecución por parte do goberno debido a compartir a túa esperanza con outros? Paulo dixo que, sen importar o tipo de dificultades que pasemos, debemos alegrarnos. Por que?

11. Por que temos que estar decididos a aguantar calquera proba?

11 Temos razóns para estar alegres incluso cando sufrimos dificultades porque sabemos que isto nos pode axudar a cultivar unha importante calidade. Romanos 5:3 (TNM) di que “as dificultades producen aguante”. Como tódolos cristiáns pasaremos por probas, temos que estar decididos a aguantar. Só así poderemos ver como se fai realidade a nosa esperanza. Non queremos ser coma aqueles nos que Xesús pensaba cando falou sobre as sementes que caen entre as pedras. Ó principio aceptan a verdade con alegría, pero cando chegan “as dificultades ou a persecución”, abandonan a fe (Mat. 13:5, 6, 20, 21). É certo que pasar por probas e oposición non é fácil nin agradable, pero aguantalas benefícianos. De que maneira?

12. Como nos beneficia aguantar as dificultades?

12 O discípulo Santiago destacou os beneficios de aguantar as probas. El escribiu: “Deixade que o aguante complete a súa obra, para que sexades completos e sans en tódolos sentidos, e non vos falte nada” (Sant. 1:2-4, TNM). Santiago di que o aguante ten unha obra que completar, é dicir, un propósito que lograr. Cal é? Axudarnos a cultivar máis paciencia, fe e confianza en Xehová. Pero aínda hai outro beneficio.

13, 14. Que produce o aguante, e como se relaciona coa esperanza? (Romanos 5:4, TNM).

13 Le Romanos 5:4 (TNM). Paulo menciona que o aguante “fai que teñamos a aprobación de Deus”. Isto non significa que a Xehová lle guste que pases por problemas. Máis ben, o que quere dicir é que el se alegra de que ti aguantes fielmente. É moi alentador saber que cando aguantamos facemos feliz a Xehová (Sal. 5:13 [5:12, TNM]).

14 Recordemos que Abrahán pasou por probas e, ó aguantalas, puido ter a aprobación de Xehová. Incluso chegou a ser amigo del e Deus considerouno un home xusto (Xén. 15:6; Rom. 4:13, 22). O mesmo pode ocorrer con nós. Xehová non se basea na cantidade de traballo que facemos ou nos privilexios de servizo que temos para darnos a súa aprobación. El aproba a quen aguanta fielmente. E todos podemos logralo sen importar a idade, as circunstancias e as habilidades que teñamos. Estás aguantando fielmente algunha dificultade nestes momentos? Se é así, recorda que tes a aprobación de Xehová e que o estás facendo moi feliz. Saber isto, pode ter moi bo efecto en nós, xa que fortalece a nosa esperanza.

UNHA ESPERANZA MÁIS FORTE

15. Que dixo Paulo en Romanos 5:4, 5 (TNM), e que pregunta podería xurdir?

15 Como explicou Paulo, conseguimos a aprobación de Xehová aguantando con fe as probas. Fíxate no que segue dicindo o apóstolo: “A aprobación de Deus produce esperanza, e a esperanza non decepciona” (Rom. 5:4, 5, TNM). Estas palabras poderían sorprendernos. Por que? Porque anteriormente, tal e como di Romanos 5:2, Paulo mencionou que aqueles cristiáns de Roma xa tiñan unha esperanza, a “de logra-la gloria de Deus”. Por iso, alguén podería preguntarse: “Se estes cristiáns xa tiñan unha esperanza, por que Paulo volve falar dela na enumeración que fai?”.

Co tempo, estás máis seguro de que a túa esperanza se fará realidade. Espérala con máis ilusión ca antes e sénteste máis agradecido por ela (ver os parágrafos 16 e 17).

16. Como medra a esperanza dunha persoa? (Ver tamén as imaxes).

16 Podemos entender o que Paulo quixo dicir se temos en conta que a esperanza é algo que pode medrar. Para ilustralo: recordas cando escoitaches falar por primeira vez das marabillosas promesas que se atopan na Palabra de Deus? Nese momento é posible que pensases que a idea de vivir para sempre nun paraíso na Terra era demasiado bonita para ser certa. Pero, a medida que fuches coñecendo mellor a Xehová e as súas promesas, chegaches a convencerte de que esa esperanza se fará realidade.

17. Como segue medrando a túa esperanza despois da dedicación e o bautismo?

17 Incluso xa estando dedicado e bautizado, seguiches aprendendo e madurando en sentido espiritual. Iso tamén fixo que chegases a estar máis seguro da túa esperanza, é dicir, que esta medrase (Heb. 5:13–6:1). Seguramente viches como se cumpriron en ti as palabras que analizamos de Romanos 5:2-4 (TNM). É moi probable que pasases por varias dificultades, pero aguantáchelas e puideches notar que tes a aprobación de Xehová. Como sabes que te quere, agora estás máis seguro de que vas desfrutar das cousas que el prometeu. A túa esperanza é máis forte e real que ó principio. En certo sentido, inflúe en tódolos aspectos da túa vida. Por exemplo, cambia a forma na que tratas a túa familia, as decisións que tomas e o que fas co tempo que tes.

18. Que garantía nos dá Xehová?

18 O apóstolo engade un detalle moi importante respecto á esperanza que temos despois de recibir a aprobación de Deus. Asegúranos que se cumprirá. Por que podemos estar tan seguros? Paulo inclúe a seguinte garantía que Deus lles fai ós cristiáns: “A esperanza non decepciona; porque o amor de Deus derramouse nos nosos corazóns mediante o espírito santo que recibimos” (Rom. 5:5, TNM). Temos moitos motivos para confiar na esperanza que Xehová nos deu.

19. De que podemos estar seguros?

19 Reflexionemos na promesa que Xehová lle fixo a Abrahán e no feito de que o aprobou e o considerou amigo seu. A esperanza que tiña Abrahán fíxose realidade. A Biblia di: “Deste xeito Abraham, agardando con paciencia, conseguiu a promesa” (Heb. 6:15; 11:9, 18; Rom. 4:20-22). Está claro que non levou unha decepción. Da mesma forma, nós tamén podemos estar seguros de que, se nos mantemos fieis, recibiremos a recompensa que agardamos. Temos moitos motivos para estar alegres porque sabemos que o que Deus promete é real e non nos decepcionará (Rom. 12:12). Paulo dixo: “Que o Deus da esperanza vos encha de alegría e de paz na vosa fe, para que rebordedes na esperanza pola forza do Espírito Santo” (Rom. 15:13).

CANCIÓN sjj 139 Imaxina que estás no mundo novo

a Neste artigo imos analizar en que consiste a esperanza cristiá e como podemos estar seguros de que se fará realidade. O capítulo 5 de Romanos axudaranos a ver que diferenza hai entre a esperanza que temos agora e a que tiñamos cando aprendemos a verdade.