ARTIGO DE ESTUDO 53
Rapaces, chegade a ser cristiáns maduros
“Tes que ser valente e portarte coma un home” (1 REIS 2:2).
CANCIÓN sjj 135 “Meu fillo, faime feliz sendo sabio”
AVANCE a
1. Que debe facer un varón cristián para ter éxito?
O REI David díxolle a Salomón: “Tes que ser valente e portarte coma un home” (1 Reis 2:1-3). Tódolos homes cristiáns fan ben en aplicar estas palabras. Para conseguilo deben aprender a obedecer as leis de Deus e a aplicar os principios bíblicos en tódolos aspectos da súa vida (Luc. 2:52). Por que é tan importante para os rapaces chegar a ser cristiáns maduros?
2, 3. Por que é importante para os rapaces chegar a ser cristiáns maduros?
2 Un varón cristián ten un papel moi importante tanto na familia coma na congregación. Se es un irmán xove seguro que pensaches nas responsabilidades que poderías ter no futuro. Quizais teñas a meta de chegar a ser pioneiro, servo ministerial e, máis tarde, ancián de congregación. E ó mellor tamén che gustaría casar e ter fillos (Ef. 6:4; 1 Tim. 3:1, TNM). Para alcanzar todos eses obxectivos, e que che vaia ben, necesitas ser un cristián maduro. b
3 Como podes chegar a ser un cristián maduro? Hai algunhas habilidades importantes que debes aprender. Entón, que podes facer agora para prepararte e ter éxito nas responsabilidades que quizais se che encarguen no futuro?
PASOS PARA ALCANZAR A MADUREZ CRISTIÁ
4. Onde podes atopar bos exemplos ós que imitar? (Ver tamén a imaxe).
4 Escolle bos exemplos ós que imitar. A Biblia está chea de exemplos de homes novos que amaron a Xehová e coidaron dos servos del atendendo diferentes responsabilidades. Tamén podes encontrar irmáns exemplares na congregación e na túa familia (Heb. 13:7). E sobre todo tes a Xesús, que nos deixou un modelo perfecto (1 Ped. 2:21). Mentres analizas coidadosamente estes exemplos, pensa nas calidades que máis admiras deles (Heb. 12:1, 2). Despois decide como queres imitalos.
5. Como podes cultivar capacidade de pensar, e por que é importante? (Salmo 119:9).
5 Consigue e “protexe [...] a capacidade de pensar”. (Prov. 3:21, TNM). Un home con capacidade de pensar non actúa por impulso, senón que analiza con coidado tódalas opcións antes de decidir o que vai facer. Conseguir e manter esta habilidade non é fácil. Por que? Porque o mundo está cheo de homes novos que toman decisións baseándose nas súas propias ideas e deixando que as emocións controlen os seus actos (Prov. 7:7; 29:11). Ademais, a televisión, as películas, Internet e as redes sociais poden influír moito en ti. Pero, como podes conseguir capacidade de pensar? Primeiro aprende na Biblia o que pensa e sente Xehová e despois reflexiona en por que é bo para ti facer o que el che di. A continuación, usa o que aprendiches para tomar decisións que lle agraden a Deus (le Salmo 119:9). Se consegues esta habilidade estarás dando un paso enorme para chegar a ser un cristián maduro (Prov. 2:11, 12; Heb. 5:14). Vexamos dúas situacións nas que a capacidade de pensar che pode axudar: ó tratar coas irmás e ó tomar decisións sobre o teu aspecto persoal.
6. Como lles axuda a capacidade de pensar ós rapaces a demostrar respecto polas mulleres?
6 Os homes que aprenderon a pensar como Xehová demostran respecto polas mulleres. Non hai nada de malo en que un irmán xove queira coñecer mellor unha irmá. Pero, se ten capacidade de pensar non dirá, escribirá, nin fará nada que ela poida interpretar como unha mostra de interese romántico a menos que teña a intención de casar con ela (1 Tim. 5:1, 2). Se está saíndo cunha irmá, protexerá a súa boa reputación non quedando con ela sen estar debidamente acompañados (1 Cor. 6:18).
7. Como lles axuda a capacidade de pensar ós rapaces cando teñen que tomar decisións sobre a roupa e o aspecto persoal?
7 Un rapaz que aprendeu a pensar como Xehová tamén o demostra co tipo de roupa que escolle e coa súa forma de levar o pelo. A maioría dos que deseñan e promoven as novas tendencias da moda non respectan a Xehová e levan vidas inmorais. Por iso, ás veces, a roupa que deseñan é moi axustada ou fai que os homes parezan mulleres. Un rapaz que está aprendendo a ser un cristián maduro escolle a roupa que vai poñer guiándose polos principios bíblicos e polos bos exemplos que encontra na congregación. Pode preguntarse: “Demostran as miñas decisións que teño unha mente limpa e que respecto os demais? Fará a miña forma de vestir que os demais me crean se lles digo que son un servo de Xehová?” (1 Cor. 10:31-33; Tito 2:6). Un rapaz que ten capacidade de pensar non só se ganará o respecto dos irmáns e irmás, senón tamén o do seu Pai celestial.
8. Como pode un rapaz aprender a ser de fiar?
8 Sé de fiar. Un irmán que é de fiar, atende con coidado tódalas súas responsabilidades (Luc. 16:10). Fíxate no exemplo perfecto de Xesús, quen nunca se despreocupou do que tiña que atender nin foi un irresponsable. Máis ben, cumpriu con todo o que Xehová lle encargara aínda cando non lle resultou fácil facelo. El amaba as persoas, especialmente os seus discípulos, e estivo disposto a dar a súa vida por eles (Xoán 13:1). Igual ca Xesús, traballa duro e cumpre coas tarefas que che encargaron. Se non estás seguro de como tes que facer algunha cousa, sé humilde e pide axuda a algún irmán maduro. E nunca te conformes con facer o mínimo posible (Rom. 12:11). En lugar diso, fai o teu traballo coma se o fixeses “para o Señor e non para os homes” (Col. 3:23). Claro, non es perfecto. Así que, cando cometas algún erro, sé modesto e recoñéceo (Prov. 11:2).
ADQUIRE HABILIDADES PRÁCTICAS
9. Por que é necesario que un rapaz aprenda algunhas habilidades prácticas?
9 Para chegar a ser un cristián maduro, terás que aprender algunhas habilidades prácticas. Estas axudaranche a asumir responsabilidades na congregación, a ter un traballo para manterte a ti mesmo ou á túa familia e a ter unha boa relación cos demais. A continuación veremos algunhas que son esenciais.
10, 11. Como se beneficiará un rapaz a si mesmo e tamén á congregación se aprende a ler e escribir ben? (Salmo 1:1-3) (Ver tamén a imaxe).
10 Aprende a ler e escribir ben. A Biblia di que o home feliz e que ten éxito dedica tempo cada día a ler a Palabra de Deus e meditar nela (le Salmo 1:1-3). Ó facelo tódolos días chega a coñecer como ve Xehová as cousas. Isto axudaralle a pensar con claridade e poñer en práctica o que aprende (Prov. 1:3, 4). As congregacións necesitan homes así. Por que?
11 Os nosos irmáns e irmás precisan a axuda de homes que saben ensinar e dar consellos baseados na Biblia (Tito 1:9). Se sabes ler e escribir ben, poderás preparar discursos e comentarios que sexan instrutivos e fortalezan a fe dos demais. Tamén che será útil para tomar bos apuntes cando estudes ou cando escoites os discursos nas reunións de congregación e nos congresos. Con estes apuntes poderás seguir aumentando a túa propia fe e animar a outros.
12. Que che axudará a aprender a comunicarte ben?
12 Aprende a comunicarte ben. Un cristián ten que aprender a comunicarse ben. Un bo comunicador escoita e entende o que pensan e senten os demais (Prov. 20:5, TNM). Pode chegar a percibir o que transmite o ton da voz, as expresións faciais e a linguaxe corporal da persoa coa que está falando. Pero claro, conseguir isto serache moito máis difícil se non pasas tempo con outros. Se sempre falas cos demais usando medios dixitais, como por exemplo os correos electrónicos ou as mensaxes de texto, serache máis difícil comunicarte con alguén cando teñas que facelo cara a cara. Por iso, crea oportunidades para falar cos demais persoalmente (2 Xoán 12).
13. Que máis debe aprender un mozo? (1 Timoteo 5:8) (Ver tamén a imaxe).
13 Aprende a ser autosuficiente. Un cristián maduro debe ser capaz de manterse a si mesmo e á súa familia (le 1 Timoteo 5:8). Nalgúns países, os mozos aprenden o oficio de seu pai ou doutro familiar. Pero, noutros lugares, poden estudar unha formación profesional de algo que lles guste. Vivas onde vivas, é bo adquirir certas habilidades prácticas que che axuden a encontrar un traballo (Feit. 18:2, 3; 20:34; Ef. 4:28). Gánate a reputación de ser alguén que traballa duro e que remata o que empeza. Se o fas, terás máis probabilidades de conseguir e conservar un traballo. As calidades e habilidades que se mencionan neste artigo tamén son importantes para que un cristián poida cumprir con outras responsabilidades no futuro. Imos analizar algunhas delas.
PREPÁRATE PARA FUTURAS RESPONSABILIDADES
14. Como pode prepararse un irmán para ser servo a tempo completo?
14 Ser servo a tempo completo. Moitos irmáns maduros empezaron o servizo a tempo completo cando aínda eran moi novos. Ser pioneiro axúdalle a un home xove a aprender como tratar con diferentes persoas. Tamén, fai que aprenda a administrar ben os cartos que gana e non gastar máis do necesario (Filip. 4:11-13). Unha boa maneira de prepararse para o servizo a tempo completo é sendo pioneiro auxiliar. Moitos fan isto durante un tempo, ata que están preparados para ser pioneiros regulares. Ser pioneiro pode abrirche as portas a outras facetas do servizo a Xehová, como por exemplo ser servo de construción ou betelita.
15, 16. Como pode un rapaz cumprir cos requisitos para chegar a ser servo ministerial ou ancián?
15 Ser servo ministerial ou ancián. Tódolos varóns cristiáns deberían esforzarse por demostrar as calidades necesarias e cumprir cos requisitos para servir os seus irmáns como anciáns de congregación. A Biblia di que os homes que se esforzan por cumprir con este papel desexan “un labor moi bo” (1 Tim. 3:1, TNM). Antes de chegar a ser ancián, un irmán ten que cumprir cos requisitos para ser servo ministerial. Os servos ministeriais axúdanlles ós anciáns de moitas maneiras prácticas. Ambos predican con entusiasmo e traballan con humildade para os irmáns e irmás. Un mozo que está nos últimos anos da adolescencia xa podería reunir os requisitos para ser servo ministerial. E, un servo ministerial con pouco máis de 20 anos que estea ben capacitado, pode ser nomeado ancián.
16 Como podes cultivar as calidades necesarias para cumprir cos requisitos? Non existe unha fórmula. Pero, a Biblia contén unha lista de requisitos que son necesarios e que están baseados no amor a Xehová, á túa familia e á congregación (1 Tim. 3:1-13; Tito 1:6-9; 1 Ped. 5:2, 3). Esfórzate por entender cada un deles e óralle a Xehová para que che axude a cumprilos. c
17. Como pode prepararse un irmán xove para chegar a ser marido e cabeza de familia? (Ver tamén a imaxe).
17 Ser marido e cabeza de familia. Xesús indicou que algúns cristiáns maduros permanecen solteiros (Mat. 19:12). Pero, se decides casar, tamén terás que asumir os papeis de marido e cabeza de familia (1 Cor. 11:3). Xehová espera que o esposo ame a súa muller e que coide das necesidades físicas, emocionais e espirituais dela (Ef. 5:28, 29). As calidades e habilidades que analizamos anteriormente neste artigo, como por exemplo conseguir capacidade de pensar, demostrar respecto polas mulleres e ser de fiar, tamén che axudarán a ser un bo marido e a estar ben preparado para cumprir co teu papel como cabeza de familia.
18. Como pode prepararse un irmán xove para ser pai?
18 Ser pai. Despois de casar, quizais chegues a ser pai. Que podes aprender de Xehová para cumprir ben con este papel? Hai moitas leccións (Ef. 6:4). Por exemplo, Xehová díxolle abertamente ó seu fillo que o amaba e que tiña a súa aprobación (Mat. 3:17). Se chegas a ser pai, asegúrate de dicirlles con regularidade ós teus fillos que os queres moito. Tamén deberías eloxialos xenerosamente polas cousas boas que fan. Os pais que imitan o exemplo de Xehová axúdanlles ós seus fillos a converterse en cristiáns maduros. Podes prepararte xa agora para ser un bo pai coidando con cariño tanto dos membros da túa familia coma dos irmáns da congregación. Aprende a dicirlles que os queres e que os valoras moito (Xoán 15:9). Isto axudarache a cumprir ben coa túa responsabilidade se, nalgún momento, chegas a ser marido ou pai. Mentres tanto, seguirás sendo moi valioso para Xehová, a túa familia e a congregación.
QUE VAS FACER AGORA?
19, 20. Que lles axudará ós rapaces a converterse en cristiáns maduros? (Ver a imaxe da portada da revista).
19 Un non se converte automaticamente nun cristián maduro. Máis ben, é necesario escoller bos exemplos ós que imitar, cultivar capacidade de pensar, ser de fiar, adquirir habilidades prácticas para a vida e prepararte para asumir futuras responsabilidades.
20 Ás veces, quizais sintas que aínda tes demasiadas cousas nas que mellorar. Pero, ánimo! Podes logralo! Recorda que Xehová ten moitas ganas de axudarche (Is. 41:10, 13). E, por suposto, os irmáns e irmás da congregación tamén te van apoiar. Cando chegues a ser o home que Xehová quere que sexas, sentiraste moi contento e satisfeito. Desexamos que Xehová te siga bendicindo mentres traballas para chegar a ser un cristián maduro. Querémoste moitísimo! (Prov. 22:4).
CANCIÓN sn 45 Vaiamos cara adiante!
a Na congregación necesítanse varóns maduros espiritualmente. Neste artigo veremos como os rapaces poden chegar a ser cristiáns maduros.
b Mira a “Idea importante” do artigo anterior.
c Mira o libro Organizados para hacer la voluntad de Jehová, capítulos 5 e 6 (dispoñible en español).