Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 52

Rapazas, chegade a ser cristiás maduras

Rapazas, chegade a ser cristiás maduras

“As mulleres igualmente deben ser [...] moderadas nos seus hábitos e fieis en tódalas cousas” (1 TIM. 3:11, TNM).

CANCIÓN sn 41 Lembra a Xehová nos anos mozos

AVANCE a

1. Que temos que facer para ser cristiáns maduros?

 É IMPRESIONANTE ver o rápido que se converte un neno nun adulto. O seu crecemento prodúcese de maneira automática. Pero, non pasa o mesmo coa madurez cristiá (1 Cor. 13:11; Heb. 6:1). b Para chegar a ser persoas maduras en sentido espiritual necesitamos ter unha amizade profunda con Xehová. Tamén é necesario ter o seu espírito santo para cultivar calidades cristiás, adquirir habilidades prácticas e prepararnos para responsabilidades futuras (Prov. 1:5).

2. Que aprendemos de Xénese 1:27, e que imos analizar neste artigo?

2 Xehová deseñou os humanos para que sexamos homes ou mulleres (le Xénese 1:27). É evidente que somos diferentes en sentido físico, pero tamén o somos noutros aspectos. Por exemplo, Xehová deulles ó home e á muller diferentes responsabilidades. Por iso necesitan cultivar calidades e habilidades que lles axuden a levar a cabo as súas respectivas funcións (Xén. 2:18). Neste artigo analizaremos que pode facer unha rapaza para converterse nunha muller cristiá madura. E no seguinte falaremos dos rapaces.

CULTIVA CALIDADES CRISTIÁS

Imitar as calidades de mulleres fieis como Rebeca, Ester e Abigail axudarache a chegar a ser unha cristiá madura (ver os parágrafos 3 e 4).

3, 4. Onde poden atopar as mulleres novas bos exemplos que imitar? (Ver tamén a imaxe).

3 A Biblia fala de moitas mulleres exemplares que amaron a Xehová e o serviron (mira o artigo “¿Qué aprendemos de las mujeres de la Biblia?, dispoñible en español, en jw.org). Como di o texto temático deste artigo, elas foron “moderadas nos seus hábitos e fieis en tódalas cousas”. As irmás tamén poden encontrar nas congregacións exemplos de cristiás maduras que aman a Xehová e das que se pode aprender moito.

4 Irmás, por que non escolledes algunhas cristiás maduras que coñezades e que poidades imitar? Fixádevos nas súas fermosas calidades e despois pensade en como poderiades demostralas vós. Nos seguintes parágrafos imos analizar tres calidades importantes que necesitan cultivar as irmás que queiran ser cristiás maduras.

5. Por que é esencial a humildade para unha cristiá madura?

5 A humildade é moi necesaria para ser unha cristiá madura. Se unha muller é humilde, desfrutará dunha boa relación con Xehová e levarase ben cos demais (Sant. 4:6). Por exemplo, cando unha muller ama a Xehová, a súa humildade fará que decida apoiar o principio de autoridade que o seu Pai celestial estableceu (1 Cor. 11:3). Este principio aplica tanto na congregación como na familia. c

6. Que poden aprender as irmás da humildade de Rebeca?

6 Fíxate no exemplo de Rebeca. Ela era unha muller intelixente e decidida, que ó longo da súa vida tomou a iniciativa de maneiras apropiadas (Xén. 24:58; 27:5-17). Ademais, era respectuosa e submisa (Xén. 24:17, 18, 65). Igual ca Rebeca, se ti tamén apoias con humildade a quen Xehová lle deu autoridade serás un bo exemplo para os demais membros da túa familia e tamén na congregación.

7. Como poden as irmás novas imitar a modestia de Ester?

7 Outra calidade que necesitan tódalas cristiás é a modestia. A Biblia di que “a Sabedoría vai cos modestos” (Prov. 11:2). Ester foi unha serva de Deus que demostrou esta calidade. Grazas a que foi modesta, non se volveu altiva cando a fixeron raíña. Ademais, escoitou e obedeceu o consello que lle deu seu primo maior, Mardoqueo (Est. 2:10, 20, 22). Ti tamén podes demostrar que es modesta se pides que che dean bos consellos e os aplicas (Tito 2:3-5).

8. Segundo 1 Timoteo 2:9, 10 (TNM), como pode a modestia axudarlles ás irmás a tomar boas decisións sobre a roupa e o aspecto persoal?

8 Ester tamén demostrou modestia doutra maneira. Ela era unha muller “de fermosa figura e belida presencia” pero, aínda así, non trataba de ser o centro de atención (Est. 2:7, 15). Como se poden beneficiar as mulleres cristiás do exemplo de Ester? Unha forma é facendo o que di 1 Timoteo 2:9, 10 (TNM) (leo). Neste texto o apóstolo Paulo aconselloulles ás irmás que vestisen con modestia e bo xuízo. Os termos gregos que se utilizan nesta pasaxe indican que as mulleres cristiás deben vestir de forma respectuosa e que demostre consideración polos sentimentos e as opinións dos demais. Que orgullosos estamos da modestia que demostran ó vestir as irmás maduras en sentido espiritual!

9. Que podemos aprender do exemplo de Abigail?

9 Para chegar a ser irmás maduras, tódalas cristiás deben demostrar discernimento. Pero, que é o discernimento? Implica ter bo xuízo, é dicir, a habilidade de distinguir o que está ben do que está mal e despois tomar decisións sabias. Vexamos o exemplo de Abigail. A mala decisión que tomou o seu home ía ter consecuencias moi graves para tódolos da súa casa. Pero, Abigail actuou de inmediato e o seu discernimento salvou vidas (1 Sam. 25:14-23, 32-35). Esta calidade tamén nos vai axudar a saber cando é o momento de falar ou cando é mellor non facelo. Ademais axudaranos a ser equilibrados cando demostramos interese persoal noutros, para non facer sentir incómodo a ninguén (1 Tes. 4:11).

ADQUIRE HABILIDADES PRÁCTICAS

Como te beneficiou aprender a ler e escribir ben? (Ver o parágrafo 11).

10, 11. Como vos podedes beneficiar ti e os demais se aprendes a ler e escribir ben? (Ver tamén a imaxe).

10 Unha muller cristiá necesita adquirir habilidades prácticas. Algunhas das que se aprenden de nena seguen sendo moi beneficiosas ó longo de toda a vida. Vexamos algúns exemplos.

11 Aprende a ler e escribir ben. Nalgunhas culturas crese que unha muller non necesita aprender a ler e escribir. Pero, o certo é que esta é unha habilidade esencial para tódolos cristiáns, tanto mulleres coma homes (1 Tim. 4:13). d Así que, non permitas que nada che impida aprender a ler e escribir ben. Que beneficios obterás se o fas? Pode que che sexa máis fácil encontrar e conservar un traballo. Tamén te farás unha mellor estudante e mestra da Palabra de Deus. E o mellor de todo é que, ó ler e meditar nela, acercaraste aínda máis a Xehová (Xos. 1:8; 1 Tim. 4:15).

12. Como pode axudarche Proverbios 31:26 (TNM) a aprender a comunicarte ben?

12 Aprende a comunicarte ben. É importante que un cristián saiba comunicarse ben cos demais. Falando sobre isto, o discípulo Santiago deunos un consello moi práctico cando dixo: “Que todo home sexa espilido para escoitar, calmo para falar” (Sant. 1:19). Cando escoitas con atención mentres outros falan demostras empatía polos demais (1 Ped. 3:8, TNM). Se non estas segura de que entendes o que di ou sente unha persoa, fai preguntas apropiadas. Despois, pensa un momentiño antes de falar (Prov. 15:28). Pregúntate: “É verdadeiro e edificante o que vou dicir? Demostra respecto e amabilidade?”. Aprende do bo exemplo de irmás maduras que saben comunicarse ben (le Proverbios 31:26, TNM). Fíxate en que din e en como o fan. Esta habilidade serache moi útil para ser unha boa amiga e manter a paz cos demais.

Unha muller que sabe levar a súa casa é moi valiosa para a súa familia e a congregación (ver o parágrafo 13).

13. Como podes aprender a levar unha casa? (Ver tamén a imaxe).

13 Aprende a levar unha casa. En moitos lugares, as mulleres levan gran parte da responsabilidade de administrar o fogar. Túa nai ou outra irmá madura poden ensinarche a facelo da mellor maneira. Unha irmá que se chama Cindy conta: “Un dos regalos máis valiosos que me fixo miña nai foi ensinarme a alegría e satisfacción que produce ser traballadora. Aprender a cociñar, limpar, coser e administrar ben os cartos facilitoume a vida e permitiume facer máis no servizo a Xehová. Mamá tamén me ensinou a ser hospitalaria, e grazas a iso, coñecín a irmáns e irmás dos que aprendín moito” (Prov. 31:15, 21, 22). Unha muller dilixente, hospitalaria e que sabe levar a súa casa é unha bendición para a súa familia e para toda a congregación (Prov. 31:13, 17, 27; Feit. 16:15).

14. Que che ensina a experiencia de Crystal, e en que deberías centrarte?

14 Aprende a valerte por ti mesma. Ser autosuficiente é unha meta importante para calquera cristián maduro (2 Tes. 3:7, 8). Unha irmá que se chama Crystal di: “Meus pais animáronme a estudar unha formación profesional que me fose útil máis adiante na vida. Por exemplo, meu pai aconselloume que estudase contabilidade, e isto resultou ser moi bo”. Ademais de adquirir as habilidades necesarias para conseguir un traballo, tamén debes aprender a administrar ben os cartos que ganas (Prov. 31:16, 18). Se evitas débedas innecesarias e estás contenta cun estilo de vida sinxelo serache máis fácil facer máis no servizo a Xehová (1 Tim. 6:8).

PREPÁRATE PARA FUTURAS RESPONSABILIDADES

15, 16. Por que son tan valiosas as irmás solteiras? (Marcos 10:29, 30).

15 Se adquires calidades espirituais e habilidades valiosas estarás mellor preparada para levar a cabo futuras responsabilidades. Vexamos algúns exemplos do que poderías facer.

16 Poderías permanecer solteira por un tempo. Tal e como dixo Xesús, algunhas mulleres escollen non casar, aínda que isto estea desaconsellado na súa cultura (Mat. 19:10-12). E algunhas están solteiras por outras circunstancias. Podes ter a seguridade de que Xehová e Xesús non menosprezan as cristiás que non están casadas. Arredor do mundo, as cristiás solteiras son unha moi boa influencia para as congregacións. Ó mostrar amor e interese sincero polos demais, chegan a ser coma nais ou irmás para moitos (le Marcos 10:29, 30; 1 Tim. 5:2).

17. Como pode preparase unha cristiá nova xa agora para servir a tempo completo?

17 Poderías chegar a servir a tempo completo. As mulleres cristiás fan unha gran parte do labor de predicación a nivel mundial (Sal. 68:11, TNM). Podes facer axustes agora para servir a tempo completo? Quizais podes ser pioneira, serva de construción ou betelita. Así que, ora polas túas metas, fala con outros que as alcanzasen e infórmate sobre que debes facer para cumprir cos requisitos. A continuación, ponte obxectivos realistas que che permitan alcanzar as túas metas. Servir a tempo completo abrirache moitas portas no teu servizo a Xehová.

Se estás pensando en casar, debes escoller moi ben con quen o farás (ver o parágrafo 18).

18. Por que debería unha irmá escoller con moito coidado con quen vai casar? (Ver tamén a imaxe).

18 Poderías casar. As calidades e habilidades que mencionamos ata agora tamén che axudarán a ser unha boa esposa. Claro, se estás pensando en casar, tes que escoller moi ben a túa parella. Recorda que, esta é unha das decisións máis importantes que tomarás na túa vida, xa que estarás baixo a autoridade do home que ti escollas (Rom. 7:2; Ef. 5:23, 33). Por iso, pregúntate: “É un cristián maduro? Pon a Xehová en primeiro lugar na súa vida? Toma boas decisións? Recoñece os seus erros? Respecta as mulleres? Será capaz de apoiarme en sentido espiritual, material e emocional? Cumpre ben coas súas responsabilidades? Por exemplo, que tarefas ten asignadas na congregación, e como as xestiona?” (Luc. 16:10; 1 Tim. 5:8). Claro, se queres encontrar un bo marido, ti tamén tes que ser unha boa muller.

19. Por que dignifica a muller o papel de axudante?

19 A Biblia di que unha boa esposa complementa o seu home e que é “unha axuda” (Xén. 2:18). É isto unha descrición degradante? Para nada! O papel da esposa como axudante dignifícaa moito. De feito, a Biblia a miúdo describe o propio Xehová como un “axudante” (Sal. 54:6 [54:4, TNM]; Heb. 13:6, TNM). Unha muller é unha verdadeira axuda para o seu home cando o apoia e colabora con el para poñer en práctica as decisións que afectan á familia. E, como ama a Xehová, esfórzase por manter a boa reputación do seu marido (Prov. 31:11, 12; 1 Tim. 3:11). Podes prepararte xa agora para ser unha boa esposa no futuro se fortaleces o teu amor por Xehová e se estás disposta a axudar ós demais no teu fogar e na congregación.

20. Que impacto positivo pode ter unha nai na súa familia?

20 Poderías ser nai. Despois de casar, quizais ti e o teu marido decidades ter fillos (Sal. 127:3). Así que, é bo reflexionar sobre o que se necesita para ser unha boa nai. As calidades e as habilidades que se analizaron neste artigo tamén che axudarán se no futuro decides casar e ter fillos. O amor, a amabilidade e a paciencia contribuirán a crear un ambiente agradable, no que os vosos nenos se sintan seguros e queridos (Prov. 24:3).

Moitas irmás novas que aprenderon da Biblia e puxeron en práctica o que di, chegaron a ser cristiás maduras en sentido espiritual (ver o parágrafo 21).

21. Que pensamos das nosas irmás, e por que? (Ver a imaxe da portada da revista).

21 Irmanciñas, querémosvos moito por todo o que facedes por Xehová e o seu pobo (Heb. 6:10). Traballades moi duro para cultivar calidades e habilidades que vos preparan para asumir futuras responsabilidades e que ademais contribúen a que a vosa vida e a dos demais sexan máis felices. Sodes realmente valiosas para a organización de Xehová!

CANCIÓN sjj 137 As nosas fieis irmás

a Valorámosvos moito, irmás xoves das congregacións! Se cultivades calidades cristiás, adquirides habilidades prácticas e vos preparades para responsabilidades futuras chegaredes a ser cristiás maduras. Como resultado, desfrutaredes de moitas bendicións no voso servizo a Xehová.

b IDEA IMPORTANTE: Alguén que chegou a ser un cristián maduro déixase guiar polo espírito de Deus, e non pola sabedoría do mundo. El ou ela imita o exemplo de Xesús, esfórzase moito por manter unha amizade estreita con Xehová e demostra un amor verdadeiro polos demais.

c Mira La Atalaya de febreiro de 2021, páxinas 14 a 19 (dispoñible en español).

d Para máis información sobre a importancia da lectura, mira o artigo “¿Por qué es importante que los niños lean? | Parte 1: ¿Ver o leer?” (dispoñible en español) en jw.org.