Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 50

CANCIÓN sjj 135 “Meu fillo, faime feliz sendo sabio”

Pais, axudádelle ó voso fillo a fortalecer a súa fe

Pais, axudádelle ó voso fillo a fortalecer a súa fe

“Para que comprobedes por vós mesmos cal é a boa, agradable e perfecta vontade de Deus” (ROM. 12:2, TNM).

OBXECTIVO

Darlles ós pais ideas prácticas para que saiban como falar cos seus fillos sobre Deus e a Biblia e que, desta maneira, poidan axudarlles a fortalecer a súa fe.

1, 2. Como deberían reaccionar os pais se o seu fillo fai preguntas sobre Deus e a Biblia?

 A MAIORÍA da xente está de acordo en que criar un fillo implica moito traballo. Se sodes pais, seguro que estades facendo un gran esforzo por fortalecer a fe do voso fillo, e Xehová está moi contento por isto (Deut. 6:6, 7). A medida que o voso neno medre, é posible que empece a facer preguntas importantes sobre as nosas crenzas, como por exemplo por que non quere Xehová que fagamos certas cousas.

2 Ó principio quizais vos preocupen as preguntas que fai o voso fillo. Pode que incluso pensedes que a súa fe está indo a menos. Pero en realidade, a medida que se fai maior, necesita facerse preguntas para estar seguro do que cre (1 Cor. 13:11). Así que non vos preocupedes. Podedes ver as preguntas sinceras que fai sobre as nosas crenzas como unha oportunidade de axudarlle a desenvolver a súa capacidade de pensar.

3. Que veremos neste artigo?

3 Neste artigo veremos como podedes os pais axudarlles ós vosos fillos a 1) aumentar a súa confianza en Deus e na Biblia, 2) apreciar as normas morais da Biblia e 3) defender as súas crenzas. Tamén analizaremos aspectos positivos que teñen as preguntas dos nenos e algunhas actividades que podedes facer con eles que vos darán a oportunidade de falar sobre as nosas crenzas.

AXUDÁDELLE A AUMENTAR A SÚA CONFIANZA EN DEUS E NA BIBLIA

4. Que preguntas podería facerse un rapaz, e por que?

4 Os pais cristiáns recoñecen que os seus fillos non van ter fe en Deus simplemente porque eles a teñan. Igual que vós non nacestes tendo fe en Xehová, o voso fillo tampouco. Así que é posible que, co tempo, se empece a facer preguntas como: “Como sei que hai un Deus? Podo fiarme do que di a Biblia?”. De feito, a Biblia anímanos a usar a nosa “capacidade de razoar” e a comprobar tódalas cousas (Rom. 12:1, TNM; 1 Tes. 5:21). Entón, como lle podedes axudar ó voso fillo a fortalecer a súa fe?

5. Que poden facer os pais para axudarlle ó seu fillo a confiar na Biblia? (Romanos 12:2, TNM).

5 Animádeo a comprobar que o que di a Biblia é certo (le Romanos 12:2, TNM). Aproveitade que o voso fillo faga preguntas para demostrarlle como usar as ferramentas de investigación, como o Índice de las publicaciones Watch Tower e a Guía de estudo para as testemuñas de Xehová. Podedes animalo a buscar artigos e vídeos que lle axuden a comprobar que a Biblia non é simplemente un bo libro escrito por homes, senón que é a “palabra de Deus” (1 Tes. 2:13). Por exemplo, podería investigar sobre a antiga cidade asiria de Nínive. No pasado, algúns investigadores bíblicos dixeron que esta cidade nunca existira. Pero na década de 1850 encontráronse baixo terra as ruínas desta cidade, demostrando que o relato da Biblia é exacto (Sof. 2:13-15). Para saber máis sobre como a destrución de Nínive cumpriu unha profecía bíblica, podería ler o artigo “¿Lo sabía?” na revista La Atalaya de novembro de 2021. Ó comparar o que aprende nas nosas publicacións co que le en enciclopedias e noutras fontes fiables, a confianza do voso fillo na Biblia medrará.

6. Como poden os pais estimular a capacidade de pensar do seu fillo? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe).

6 Estimulade a súa capacidade de pensar. Buscade oportunidades para falar co voso fillo sobre a Biblia ou a fe en Deus. Estas conversacións poderían xurdir visitando un museo, un xardín botánico ou unha exposición nunha sucursal das Testemuñas de Xehová. Por exemplo, cando visitedes un museo, xa sexa en persoa ou virtualmente, poderiades dirixir a atención do voso fillo a obxectos ou eventos históricos que lle axuden a ver que a Biblia é exacta. Sabe o voso fillo que o nome persoal de Deus aparece na Pedra Moabita, que ten máis de 3000 anos? A pedra orixinal está en París (Francia), no Museo do Louvre. Ademais, hai unha réplica desta pedra na exposición “A Biblia e o nome de Deus” na sede central das Testemuñas de Xehová en Warwick, Nova York. A Pedra Moabita mostra que o rei Mesa de Moab rebelouse contra Israel, e isto está de acordo co que di a Biblia (2 Reis 3:4, 5). Cando o voso fillo vexa cos seus propios ollos probas da veracidade e da exactitude da Biblia, a súa fe fortalecerase (compara con 2 Crónicas 9:6).

Estimulade a capacidade de pensar do voso fillo falando sobre obxectos históricos que demostran que a Biblia é exacta (ver o parágrafo 6).


7, 8. a) Que podemos aprender dos bonitos deseños que hai na natureza? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe) b) Que pregunta podería axudarlle a un fillo a fortalecer a súa fe nun Creador?

7 Animádeo a meditar na creación. Cando camiñedes polo campo ou esteades coidando dun xardín, dirixide a atención do voso fillo ás interesantes formas que se repiten na natureza. Por que? Porque demostran que alguén moi intelixente e sabio debeu crealas. Por exemplo, moitas cousas na natureza teñen forma de espiral e os científicos levan anos investigándoas. O biofísico Nicola Fameli explica que, cada vez que contes o número de espirais que hai nun obxecto na natureza, descubrirás o mesmo padrón de números. Estes números forman a chamada secuencia de Fibonacci. Pódense encontrar espirais en moitas cousas, como por exemplo na forma dalgunhas galaxias, nas cunchas dos caracois, nas follas de plantas e nos xirasoles. a

8 Na escola o voso fillo aprenderá sobre outras formas que se repiten na natureza. Por exemplo, cada folerpa de neve está formada seguindo uns modelos xeométricos coñecidos como fractais. Hai moitos destes modelos xeométricos na natureza. E quen os deseñou? Canto máis pense o voso rapaz nesta pregunta, máis probable será que chegue a estar convencido de que Deus creou tódalas cousas (Heb. 3:4). A medida que se vaia facendo maior, tedes que axudarlle a entender por que é importante obedecer os mandatos de Xehová. Para conseguilo poderiades facerlle a seguinte pregunta: “Se Deus nos creou, non pensas que el é quen mellor sabe como debemos comportarnos para ser felices?”. Despois podedes destacar que a súa valiosa guía se encontra na Biblia.

NASA, ESA, and the Hubble Heritage (STScl/AURA)-ESA/Hubble Collaboration

Quen está detrás da beleza e dos deseños que encontramos na natureza? (Ver os parágrafos 7 e 8).


AXUDÁDELLE A APRECIAR AS NORMAS MORAIS DA BIBLIA

9. Por que podería un rapaz facerse preguntas sobre as normas morais da Biblia?

9 Se o voso fillo cuestiona o valor das normas morais da Biblia, intentade discernir por que vos fai esa pregunta. Realmente non está de acordo co que di a Biblia ou o problema é que simplemente non sabe como explicarlles a outros as súas crenzas? En calquera dos casos podedes axudarlle a entender por que é bo obedecer os mandatos de Xehová estudando con el o libro Desfruta da vida para sempre! b

10. Como poden os pais axudarlle ó seu fillo a pensar na súa propia relación con Xehová?

10 Axudádelle a facer de Xehová o seu mellor amigo. Ó estudar a Biblia co voso fillo, intentade que se exprese abertamente utilizando as preguntas de opinión e as imaxes do libro Desfruta da vida para sempre! (Prov. 20:5) Por exemplo, a lección 8 compara a Xehová cun bo amigo que che recorda como podes protexerte para que che vaia ben. Despois de falar sobre 1 Xoán 5:3 podedes preguntarlle: “Sabendo que Xehová é tan bo amigo, como deberiamos ver o que nos di que fagamos?”. Esta pode parecer unha pregunta moi simple, pero quizais lle axude ó voso fillo a entender que Xehová nos pon normas porque nos quere (Is. 48:17, 18).

11. Como poden axudarlle os pais ó seu fillo a valorar os principios bíblicos? (Proverbios 2:10, 11, TNM).

11 Falade sobre como nos beneficia aplicar principios bíblicos. Cando leades a Biblia ou o texto do día xuntos, falade sobre como lle axudou á vosa familia aplicar os principios que hai nela. Por exemplo, ve o voso fillo os beneficios de ser traballador e honesto? (Heb. 13:18) Tamén poderiades destacar como aplicar os principios bíblicos nos protexe física e emocionalmente (Prov. 14:29, 30). É posible que analizar estes principios lle axude ó voso fillo a apreciar aínda máis os consellos da Biblia (le Proverbios 2:10, 11, TNM).

12. Que fai un pai para axudarlle ó seu fillo a entender os beneficios de seguir os consellos da Biblia?

12 Un pai de Francia que se chama Steve explica como el e a súa muller lle axudan a Ethan, o seu fillo adolescente, a entender o amor que hai detrás das leis de Xehová. El conta: “Facémoslle preguntas como: ‘Por que nos pide Xehová que respectemos este principio? Como nos demostra isto que nos quere? Que podería pasar se non obedeceses este principio?’”. Conversacións coma estas axudáronlle a Ethan a confiar en que o que Xehová nos pide é o mellor. Steve segue dicindo: “A nosa meta é axudarlle a Ethan a ver que a sabedoría da Biblia é moi superior á humana”.

13. Como poden os pais capacitar o seu fillo para que aplique principios bíblicos? Pon un exemplo.

13 Capacitádeo para aplicar principios bíblicos. Unha oportunidade de facelo é cando o voso fillo ten que ler un libro como parte dun proxecto da escola. Pode que os personaxes do libro practiquen cousas que Xehová di que están mal, como por exemplo a inmoralidade sexual e a violencia. Quizais o libro estea escrito de tal maneira que faga que o lector queira ser coma estes personaxes. Entón poderiades pedirlle ó voso fillo que pense en como se sente Xehová cando alguén fai estas cousas (Prov. 22:24, 25; 1 Cor. 15:33; Filip. 4:8). Isto poderá axudarlle a ver por que obedecer a Deus é o mellor. E, se o seu profesor ou os seus compañeiros lle preguntan sobre o libro, será capaz de falar das súas crenzas.

PREPARÁDEO PARA DEFENDER AS SÚAS CRENZAS

14. Que tema podería resultarlle difícil de tratar con outros a un rapaz cristián, e por que?

14 Ás veces os rapaces poden ter medo de falarlles a outros sobre o que cren. Por exemplo, quizais sintan vergonza ó ter que explicar por que non cren na teoría da evolución. Por que? É posible que os profesores presenten a evolución coma se fose un feito probado e non coma unha teoría. Pais, como podedes axudarlle ó voso fillo a seguir confiando en que as súas crenzas son correctas?

15. Que lle pode axudar a un rapaz cristián a ter máis confianza nas súas crenzas?

15 Axudádelle a confiar máis no que cre. O voso fillo non ten que sentir vergonza por crer nun Creador (2 Tim. 1:8). Por que non? O certo é que moitos científicos tamén cren que a vida non apareceu de maneira espontánea ou por casualidade. Eles tamén ven probas evidentes de que ten que haber alguén intelixente detrás do deseño de tódalas cousas complexas que existen. Por iso non aceptan a teoría da evolución que se ensina en moitas escolas arredor do mundo. Algo que lle pode axudar ó voso fillo a fortalecer a súa fe e o seu valor é buscar o que convenceu outros irmáns de que a vida foi creada. c

16. Como poden axudarlle os pais ó seu fillo a explicar por que cre que existe un Creador? (1 Pedro 3:15, 16) (Ver tamén a imaxe).

16 Preparádeo para explicar por que cre que existe un Creador (le 1 Pedro 3:15, 16). Quizais vos resulte útil repasar xuntos artigos de jw.org que falen da creación e da evolución. O voso fillo pode escoller os razoamentos que sinta que son mellores para axudarlles a outros a entender que hai un Creador, e despois podedes practicar a explicación. Recordádelle que non ten que discutir cos seus compañeiros de clase. Mais ben, animádeo a usar razoamentos simples e lóxicos se alguén está disposto a falar do tema. Por exemplo, quizais algún compañeiro lle diga: “Eu só creo no que vexo, e nunca vin a Deus”. A continuación o voso fillo podería contestar: “Imaxina que vas camiñando polo bosque, moi lonxe de calquera cidade ou pobo, e de repente ves un bonito refuxio. Que pensarías? Tivo que construílo alguén. Pois o mesmo pasa co noso planeta e con todo o que existe. Alguén intelixente tivo que crealo”.

Usa razoamentos simples e lóxicos cando fales cos teus compañeiros de clase (ver os parágrafos 16 e 17). d


17. Como poden os pais animar o seu fillo a buscar oportunidades para predicar? Pon un exemplo do que o rapaz lle pode dicir a un compañeiro de clase.

17 Animádeo a buscar oportunidades para falarlles a outros da Biblia (Rom. 10:10). Podedes comparar o seu esforzo por falarlles a outros da súa fe co esforzo necesario que fai alguén para aprender a tocar un instrumento musical. Ó principio empeza con cancións sinxelas pero, co tempo, resúltalle máis fácil tocar. Da mesma maneira, ó principio un rapaz cristián pode comezar a predicar de forma moi sinxela. Por exemplo, podería dicirlle a un compañeiro de clase: “Sabías que os enxeñeiros copian moitas veces os deseños da natureza? Vouche ensinar un vídeo moi interesante”. Despois de poñerlle un vídeo da serie Deseñouno alguén? podería preguntarlle: “Se un científico recibe o mérito por un deseño que xa existía na natureza, quen debería recibir o mérito polo orixinal?”. Esta simple conversación pode ser suficiente para despertar o interese dunha persoa nova e deixalo coas ganas de aprender máis.

SEGUIDE AXUDÁNDOLLE A FORTALECER A SÚA FE

18. Como poden os pais seguir axudándolle ó seu fillo a fortalecer a súa fe en Deus?

18 Vivimos nun mundo cheo de persoas que non cren en Xehová (2 Ped. 3:3). Por iso, pais, mentres estudades a Biblia co voso fillo, animádeo a investigar temas que fagan que respecte máis a Palabra de Deus e as normas morais. Estimulade a súa capacidade de pensar falando sobre a creación. Axudádelle a entender as impresionantes profecías bíblicas que xa se cumpriron. E, sobre todo, orade con el e por el. Se o facedes, podedes estar seguros de que Xehová recompensará os vosos esforzos por axudarlle ó voso fillo a fortalecer a súa fe (2 Crón. 15:7).

CANCIÓN sn 41 Lembra a Xehová nos anos mozos

a Para saber máis, podes ver o vídeo Las maravillas de la creación revelan la gloria de Dios: Patrones en la naturaleza (dispoñible en español) en jw.org.

b Se o voso fillo xa estudou por completo o libro Desfruta da vida para sempre!, podedes repasar con el algunhas leccións das seccións 3 e 4 que falan das normas morais da Biblia.

c Mira o artigo “Por qué creemos que hay un Creador”, da revista Despertad! de setembro de 2006 (dispoñible en español), e o folleto A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta. Se queres ver máis exemplos, mira en jw.org a serie de vídeos Opinións sobre a orixe da vida.

d DESCRICIÓN DA IMAXE: Un rapaz que é Testemuña ensínalle un vídeo da serie Deseñouno alguén? a un compañeiro de clase ó que lle gustan os drons.