Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 49

CANCIÓN sn 12 A promesa da vida eterna

Que necesitas facer para vivir para sempre?

Que necesitas facer para vivir para sempre?

“Todo o que acepte ó Fillo e demostre que ten fe nel [terá] vida eterna” (XOÁN 6:40).

OBXECTIVO

Analizar como se benefician do sacrificio de Xesucristo tanto os unxidos coma as outras ovellas.

1. Que pensan algúns sobre vivir para sempre?

 MOITAS persoas esfórzanse por comer alimentos saudables e intentan facer exercicio regularmente para manterse sans e vivir o máximo posible. Aínda así, non esperan vivir para sempre. Posiblemente crean que isto non é realista. Pero Xesús dixo que si é posible que as persoas teñamos “vida eterna”, como indica Xoán 3:16 e Xoán 5:24.

2. Que di Xoán capítulo 6 sobre a vida eterna? (Xoán 6:39, 40).

2 Nunha ocasión, Xesús alimentou milagrosamente con pan e peixe a miles de persoas. a Isto foi impresionante pero, o que dixo o día seguinte, aínda o foi máis. A multitude seguírao ata Capernaúm, cerca da costa de Galilea, e alí contoulles que as persoas poderían resucitar e obter a vida eterna (le Xoán 6:39, 40). Pensa no que isto significa para os teus amigos e familiares que morreron. Xesús dixo que moitos dos que faleceron poden ser resucitados e que, tanto ti coma os teus seres queridos, podedes desfrutar da vida eterna. Pero a moitas daquelas persoas fíxoselles difícil entender o que Xesús dixo a continuación en Xoán capítulo 6 e, na actualidade, a moitos aínda lles custa. Que foi o que dixo?

3. Segundo Xoán 6:51, que revelou Xesús sobre si mesmo?

3 Toda aquela xente en Capernaúm viu unha relación entre os pans que Xesús lles dera de comer había pouco tempo e o maná que Xehová lles dera ós seus antepasados. De feito, as Escrituras chámanlle ó maná “pan do ceo” (Sal. 105:40; Xoán 6:31). Xesús mencionou algúns detalles que eles coñecían sobre o maná para ensinarlles algo moi importante. Aínda que Deus dera este alimento milagrosamente, a xente que o comeu acabou morrendo (Xoán 6:49). Pola contra, Xesús chamouse a si mesmo “o verdadeiro pan do ceo”, “o pan de Deus” e “o pan da vida” (Xoán 6:32, 33, 35). Entón Xesús destacou unha diferenza importante entre el e o maná. Dixo: “Eu son o pan vivo que baixou do ceo. Se alguén come deste pan, vivirá para sempre(le Xoán 6:51). Aqueles xudeus quedaron confundidos. Non entendían como Xesús podía afirmar que era “o pan” que baixara do ceo e que ademais era mellor que o maná que Deus lles dera ós seus antepasados. Pero xusto despois Xesús deulles unha pista interesante cando dixo: “O pan que vou dar [...] é a miña carne”. Que quería dicir? É importante que coñezamos a resposta porque demostra como é posible a vida eterna para nós e para os nosos seres queridos. Así que imos ver o que significaba.

QUE QUIXO DICIR XESÚS Ó FALAR DO PAN DA VIDA E DA SÚA CARNE?

4. Por que quedaron impactados algúns co que Xesús dixo?

4 Algúns quedaron impactados cando Xesús dixo que o pan que debían comer era a súa carne, que el daría “para que o mundo viva”. Quizais pensaron que Xesús quería que comesen a súa carne literalmente (Xoán 6:52). Pero, a continuación, Xesús díxolles algo que aínda os sorprendeu máis: “Se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida” (Xoán 6:53).

5. Por que podemos estar seguros de que Xesús non lles estaba dicindo ás persoas que bebesen o seu sangue literal?

5 Nos días de Noé, Deus prohibíralles ós humanos consumir sangue (Xén. 9:3, 4). E máis tarde, Xehová repetiu este mandamento na Lei que lle deu a Israel. Calquera que consumise sangue tiña que ser exterminado (Lev. 7:27). Xesús cumpriu e ensinou a Lei, así que é impensable que animase a multitude a comer a súa carne e beber o seu sangue literalmente (Mat. 5:17-19). En realidade, con estas palabras tan impactantes Xesús estaba ensinando como conseguir a “vida eterna” (Xoán 6:54).

6. Por que podemos dicir que Xoán estaba falando de maneira figurada en Xoán 6:53?

6 Cal era a intención de Xesús? Está claro que falou de maneira figurada, tal e como o fixera antes coa muller samaritana, a quen lle dixo: “O que beba da auga que eu lle vou dar non terá sede nunca máis. A auga que eu lle vou dar será coma unha fonte dentro del que dá vida eterna” (Xoán 4:7, 14). b Xesús non estaba suxerindo que a muller samaritana conseguiría a vida eterna simplemente por beber dunha auga específica. Da mesma maneira, tampouco lle estaba dicindo á multitude en Capernaúm que poderían vivir para sempre se comían a súa carne e bebían o seu sangue.

ESTÁN RELACIONADAS AS PALABRAS DE XESÚS COA CEA DO SEÑOR?

7. Que afirman algúns sobre as palabras de Xesús que aparecen en Xoán 6:53?

7 Algunhas persoas relixiosas afirman que o que dixo Xesús en Xoán 6:53 sobre comer a súa carne e beber o seu sangue deixou un modelo a seguir para a Cea do Señor porque nesta última ocasión usou palabras parecidas (Mat. 26:26-28). Din que todos aqueles que asisten á Cea do Señor deberían comer do pan e beber do viño cando se pasa entre os presentes. Pero, é isto correcto? Saber a resposta é importante porque millóns de persoas de todo o mundo celebran con nós este evento cada ano. A continuación veremos algunhas diferenzas entre o que lemos en Xoán 6:53 e o que Xesús dixo na Cea do Señor.

8. Cales son algunhas das diferenzas entre os dous sucesos? (Ver tamén as imaxes).

8 Imos ver dúas diferenzas entre estas ocasións. Primeira, cando e onde dixo Xesús as palabras que se rexistraron en Xoán 6:53-56? Díxollas no ano 32 n. e. a unha multitude de xudeus que estaban en Galilea. Isto pasou arredor dun ano antes de que instituíse a Cea do Señor en Xerusalén. Segunda, a quen llas dixo? A persoas que estaban máis interesadas en satisfacer as necesidades físicas que as espirituais (Xoán 6:26). De feito, cando Xesús dixo algo que lles custou entender, rapidamente deixaron de crer nel. Incluso algúns dos seus discípulos deixaron de seguilo (Xoán 6:14, 36, 42, 60, 64, 66). Comparemos ese suceso co que pasou máis ou menos un ano despois no 33 n. e. cando Xesús instituíu a Cea do Señor. Naquel momento, os seus 11 apóstolos fieis estaban con el aínda que non entendían completamente todo o que estaba ensinando. Pero, a diferenza da maioría dos que estiveron en Galilea, os seus apóstolos fieis estaban convencidos de que Xesús era o Fillo de Deus que baixara do ceo (Mat. 16:16). El felicitounos dicíndolles: “Vós fostes os que estivestes ó meu lado durante as miñas probas” (Luc. 22:28). Con tan só estas dúas diferenzas xa se bota abaixo a afirmación de que as palabras de Xesús en Xoán 6:53 establecesen un modelo para a Cea do Señor. E aínda hai máis.

Xoán capítulo 6 relata o que lle dixo Xesús a unha multitude en Galilea (esquerda). Un ano despois el falou só cos seus 11 apóstolos fieis en Xerusalén (dereita) (ver o parágrafo 8).


QUE SIGNIFICAN PARA TI AS PALABRAS DE XESÚS?

9. A que grupo lle aplica o que dixo Xesús na Cea do Señor?

9 Durante a Cea do Señor Xesús deulles ós seus apóstolos pan sen fermentar e díxolles que representaba o seu corpo. Despois pasoulles unha copa de viño para que bebesen e díxolles que representaba “o sangue do pacto” (Mar. 14:22-25; Luc. 22:20; 1 Cor. 11:24). O que dixo sobre o pacto é moi importante. El chamoulle o “novo pacto”, e só forman parte del os que gobernarán con Xesús no Reino, non toda a humanidade (Heb. 8:6, 10; 9:15). Os apóstolos non comprenderon todo iso naquel momento, pero pouco tempo despois foron unxidos con espírito santo e entraron nese novo pacto que lles daba un lugar no ceo xunto a Xesús (Xoán 14:2, 3).

10. Cal é outra diferenza entre o que dixo Xesús durante a Cea do Señor e o que lle dixo á multitude en Galilea? (Ver tamén a imaxe).

10 Fíxate en que o que Xesús dixo durante a Cea do Señor aplicáballe ó “rabaño pequeno”. Os primeiros en formar parte deste pequeno grupo foron os seus apóstolos fieis, que estaban alí con el (Luc. 12:32). Eles foron ós que Xesús lles pediu que comesen do pan e bebesen do viño. Outros que chegarían a ser parte deste grupo máis tarde tamén deberían facer o mesmo ó celebrar a Cea do Señor. Eles son os que recibirán un lugar no ceo ó lado de Xesús. Así que esta é outra diferenza entre a Cea do Señor e o que sucedera anteriormente en Galilea. O que Xesús lles dixo na Cea do Señor ós seus apóstolos só lle aplica a un pequeno grupo de persoas, mentres que o que dixo en Galilea aplícalle a unha cantidade ilimitada de xente.

Só un pequeno grupo participa do pan e do viño, pero tódolos humanos podemos obter a vida eterna se temos fe en Xesús (ver o parágrafo 10).


11. Que dixo Xesús en Galilea que demostra que non se estaba referindo a un grupo limitado de persoas?

11 A maioría das persoas ás que Xesús lles falou en Galilea só querían que lles dese comida. Pero el intentou axudarlles a entender que había algo moito máis importante que a comida, algo que lles podería dar vida eterna. Xesús incluso dixo que os que xa morreran poderían resucitar no último día e vivir para sempre. Aquí non lles estaba falando a uns poucos, é dicir, a un grupo limitado, como si que fixo despois na Cea do Señor. Máis ben, en Galilea, estaba falando da bendición da vida eterna, que tódalas persoas poden conseguir. De feito, el dixo: “O pan que vou dar para que o mundo viva é a miña carne” (Xoán 6:51).

12. Que hai que facer para conseguir vida eterna?

12 Significa o que dixo Xesús que tódalas persoas que viviron nalgún momento terán vida eterna? Non, só quen “come deste pan”, é dicir, quen demostre fe en Xesús. Moitas persoas hoxe en día din que cren en Xesús e chámanlle o seu salvador (Xoán 6:29). Pero é necesario facer algo máis. Moitos dos que estaban en Galilea ó principio creron en Xesús, pero despois deixaron de seguilo. Por que?

13. Que fai falta para ser un verdadeiro discípulo de Xesús?

13 A maioría das persoas daquela multitude que Xesús alimentou seguírono de boa gana mentres el lles deu o que querían. Estaban interesadas en que os curase milagrosamente, lles dese comida gratis e lles dixese o que querían escoitar. Pero Xesús mostrou que fai falta algo máis para ser o seu verdadeiro discípulo. El non veu á Terra para satisfacer os desexos da xente. Tiñan que responder á súa invitación de “ser o [seu] seguidor” aceptando e obedecendo todo o que ensinaba (Xoán 5:40; 6:44).

14. Que máis hai que facer para conseguir vida eterna?

14 Xesús destacoulle á multitude que necesitaban demostrar fe. En que? No poder redentor da súa carne e do seu sangue que, co tempo, el sacrificaría. Esa fe era esencial para aqueles xudeus, e segue séndoo hoxe (Xoán 6:40). Así que o que Xesús dixo en Xoán 6:53 significa que, para conseguir vida eterna, temos que ter fe no rescate. Esta posibilidade está ó alcance de moitísimas persoas (Ef. 1:7).

15, 16. Que cousas importantes aprendemos de Xoán capítulo 6?

15 Xoán capítulo 6 ensina moitas cousas animadoras e importantes para todos nós. Aprendemos que Xesús se preocupa moito pola xente. Cando estivo en Galilea, curou os enfermos, ensinoulles sobre o Reino e asegurouse de que todos tivesen algo que comer (Luc. 9:11; Xoán 6:2, 11, 12). Pero, máis importante aínda, ensinou que el é “o pan da vida” (Xoán 6:35, 48).

16 É certo que ós que Xesús chamou “outras ovellas” non deben comer do pan nin beber do viño na Cea do Señor (Xoán 10:16). Pero, comen do “pan da vida” ó mostrar fe no sacrificio de rescate de Xesús e nas incribles cousas que este fai posible (Xoán 6:53). Pola contra, os que participan do pan e do viño demostran que forman parte do novo pacto e teñen a esperanza de reinar no Reino celestial. Así que, tanto se somos unxidos como das outras ovellas, o relato do capítulo 6 de Xoán é moi valioso para nós porque nos ensina que, para vivir para sempre, temos que ter unha fe forte no rescate.

CANCIÓN sjj 150 Xehová é quen te salvará

a Xoán 6:5-35 analizouse no artigo anterior.

b A auga da que falou Xesús representa todo o que fixo Xehová e o que está facendo para que os humanos poidamos vivir para sempre.