Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 48

CANCIÓN sjj 97 A Palabra de Deus mantennos

Que podemos aprender do milagre que Xesús fixo co pan

Que podemos aprender do milagre que Xesús fixo co pan

“Eu son o pan da vida. Quen chegue a ser o meu seguidor non terá fame nunca máis” (XOÁN 6:35).

OBXECTIVO

Examinar o relato que encontramos no capítulo 6 de Xoán, onde se conta como Xesús multiplicou pans e peixes para moita xente, e ver que aprendemos del.

1. Canta importancia tiña o pan para as persoas de tempos bíblicos?

 O PAN era un dos alimentos máis importantes para as persoas de tempos bíblicos (Xén. 14:18; Luc. 4:4). De feito, era tan importante que, ás veces, a Biblia usa a palabra pan para referirse á comida en xeral (Mat. 6:11). Xesús usouno en dous dos seus milagres máis coñecidos (Mat. 16:9, 10). Podemos ler sobre un destes milagres no capítulo 6 de Xoán. Imos repasar este relato e buscar leccións que podemos aplicar hoxe en día.

2. Que pasou para que miles de persoas necesitasen comida?

2 Os apóstolos de Xesús viñan de predicar. Entón cruzaron o mar de Galilea nunha barca xunto con Xesús e chegaron a un lugar apartado da zona de Betsaida para poder descansar (Mar. 6:7, 30-32; Luc. 9:10). Pero moitas persoas vírono marchar e outras soubérono. Así que foron correndo xuntos pola beira do mar e, cando o barco chegou, miles de persoas xa estaban alí. Xesús non os ignorou, senón que foi amable e dedicoulles tempo para ensinarlles sobre o Reino e para curar os enfermos. Como se estaba facendo tarde, os discípulos preguntáronse como conseguiría toda aquela xente algo para comer. Quizais algúns tiñan un pouco de comida, pero outros terían que ir ás vilas para comprala (Mat. 14:15; Xoán 6:4, 5). Que faría Xesús?

XESÚS PROVEU PAN DE MANEIRA MILAGROSA

3. Que lles dixo Xesús ós seus apóstolos que tiñan que facer por toda aquela xente? (Ver tamén a imaxe).

3 Xesús díxolles ós seus apóstolos: “Non fai falta que marchen. Dádelles vós de comer” (Mat. 14:16). Iso parecía imposible porque había uns 5000 homes. E, se contamos as mulleres e os nenos, quizais houbese que alimentar unhas 15.000 persoas (Mat. 14:21). Andrés dixo: “Aquí hai un neno que ten cinco pans de cebada e dous peixiños. Pero, como vai chegar isto para tanta xente?” (Xoán 6:9). O pan de cebada era un alimento común, e pode ser que os peixes estivesen secos e salgados. Aínda así, o que tiña o rapaz non era suficiente para alimentar tantas persoas. Ou si?

Xesús atendendo as necesidades da xente, tanto espirituais como físicas (ver o parágrafo 3).


4. Que aprendemos de Xoán 6:11-13? (Ver tamén as imaxes).

4 Xesús quería ser hospitalario con aquelas persoas, así que pediulles que formasen grupos e sentasen na herba (Mar. 6:39, 40; le Xoán 6:11-13). Despois, deulle grazas ó seu Pai polo pan e polos peixes. Ó facelo demostrou que estaba moi agradecido por aqueles alimentos e que fora Deus quen os provera. É bo que recordemos o exemplo de Xesús e que oremos antes de cada comida, sexa que esteamos sós ou que teñamos máis persoas ó redor. Entón Xesús díxolles ós discípulos que repartisen a comida, e todos comeron e quedaron satisfeitos. Ó final incluso sobrou comida. Como Xesús non quería que se desperdiciase nada, pediu que a recollesen, posiblemente para máis tarde. Desta maneira, púxonos o exemplo de como usar sabiamente os nosos recursos. Se es pai, por que non analizas este relato cos teus fillos e falades de que leccións podedes aprender sobre a oración, a hospitalidade e a xenerosidade?

Estou seguindo o exemplo de Xesús de orar antes de comer? (Ver o parágrafo 4).


5. Como reaccionaron as persoas que viron o que Xesús fixo aquel día, pero como actuou el?

5 A xente estaba impresionada pola maneira de ensinar de Xesús e polos milagres que facía. Como coñecían a promesa de Moisés de que Deus enviaría un profeta especial, é posible que se preguntasen: “Será Xesús ese profeta?” (Deut. 18:15-18). Probablemente pensasen que Xesús podería ser un gobernante incrible, incluso capaz de alimentar toda a nación de Israel. Por iso, a multitude quería “levalo á forza e facelo rei” (Xoán 6:14, 15). Se Xesús o permitise, estaría participando na política dos xudeus, que naquel momento estaban baixo o goberno romano. Pero non o permitiu, senón que “marchou [...] á montaña el só”. Así que, a pesar da presión dos demais, non se involucrou na política. Que lección tan importante para nós!

6. Como demostramos que queremos imitar o exemplo de Xesús? (Ver tamén a imaxe).

6 Obviamente, ninguén nos pedirá que multipliquemos comida, que curemos milagrosamente alguén enfermo nin tampouco que sexamos o rei ou o gobernante dunha nación. Pero quizais nos animen a involucrarnos na política votando ou demostrando o noso apoio por alguén que pensan que mellorará as cousas. Agora ben, o exemplo que puxo Xesús é claro. El negouse a participar en asuntos políticos e incluso dixo máis tarde: “O meu Reino non é parte deste mundo” (Xoán 17:14; 18:36). Os cristiáns hoxe en día facemos ben en imitar a forma de pensar e actuar de Xesús. Igual ca el, nós apoiamos o Reino de Deus, falamos del a outros e oramos para que veña (Mat. 6:10). Pero hai máis cousas que podemos aprender de cando Xesús proveu pan milagrosamente. Imos velas.

Poñendo o exemplo para os seus seguidores, Xesús non se involucrou na política (ver o parágrafo 6).


“O SIGNIFICADO DO MILAGRE QUE XESÚS FIXERA COS PANS”

7. Que fixo Xesús, e como reaccionaron os apóstolos? (Xoán 6:16-20).

7 Despois de darlle de comer á multitude, díxolles ós seus apóstolos que volvesen en barca a Capernaúm e el marchou á montaña, evitando a xente que quería facelo rei (le Xoán 6:16-20). Mentres ían navegando, empezou unha tormenta con fortes ventos e grandes ondas. Entón Xesús foi onda eles camiñando por riba da auga e invitou o apóstolo Pedro a camiñar tamén sobre a auga (Mat. 14:22-31). Tan pronto como Xesús subiu á barca, o vento amainou. Os seus discípulos quedaron impresionados e dixeron: “Ti realmente es o Fillo de Deus” (Mat. 14:33). a É interesante que dixesen isto despois de velo camiñar sobre a auga e non despois de prover comida milagrosamente. Marcos engade o seguinte detalle: “[Os apóstolos] quedaron pasmados, porque non entenderan o significado do milagre que Xesús fixera cos pans e aínda non eran capaces de entender todo” (Mar. 6:50-52). O certo é que non captaron que Xehová lle dera poder a Xesús para facer moito máis que prover comida. Pouco despois, Xesús volveu falar sobre este milagre dos pans e deu outra lección máis para nós.

8, 9. Por que quería a xente encontrar a Xesús? (Xoán 6:26, 27).

8 As persoas que Xesús alimentou estaban centradas en satisfacer os seus desexos e as súas necesidades físicas. Por que dicimos isto? Ó día seguinte viron que Xesús e os seus discípulos marcharan. Entón estas persoas subíronse a uns botes que chegaran de Tiberíades e dirixíronse a Capernaúm para buscar a Xesús (Xoán 6:22-24). Irían tras el porque querían saber máis sobre o Reino? Non. O que querían é que Xesús lles dese máis pan. Como o sabemos?

9 Fíxate no que pasou cando a xente encontrou a Xesús cerca de Capernaúm. El díxolles directamente que só viñan onda el porque querían satisfacer as súas necesidades físicas. Aínda que comeran “dos pans ata que xa non [tiñan] máis fame”, Xesús explicoulles que ese era un “alimento que se bota a perder”, e animounos a buscar máis ben o pan que “dá vida eterna” (le Xoán 6:26, 27). Cando as persoas escoitaron que había un pan que podía darlles vida eterna, seguramente quedaron moi sorprendidas. Pero, que clase de comida era esa e como podían conseguila?

10. Que tiña que facer a xente para ter “vida eterna”?

10 Eses xudeus querían saber o que tiñan que facer para conseguir esa comida. Quizais pensaron nas cousas que a Lei mosaica mandaba cumprir. Pero Xesús díxolles: “Isto é o que Deus aproba: que demostredes fe naquel que el enviou” (Xoán 6:28, 29). Para conseguir a “vida eterna” é necesario crer no representante de Deus. De feito, Xesús xa dixera isto anteriormente (Xoán 3:16-18, 36). E máis adiante, volvería a falar sobre como podemos obter esa vida eterna (Xoán 17:3).

11. Como demostraron os xudeus que só lles interesaba a comida? (Salmo 78:24, 25).

11 Aqueles xudeus non creron que tiñan que demostrar fe en Xesús. Preguntáronlle: “Que sinal farás para que poidamos velo e te creamos?” (Xoán 6:30). Tamén contaron que, nos días de Moisés, os seus antepasados recibiran milagrosamente maná, que era o que comían cada día (Neh. 9:15; le Salmo 78:24, 25). Era evidente que só se preocupaban por ter comida literal. De feito, nin sequera lle preguntaron a Xesús que quería dicir cando falou do “verdadeiro pan do ceo” que, a diferenza do maná, podía darlles vida eterna (Xoán 6:32). Estaban tan centrados nas súas necesidades físicas que non escoitaron o que Xesús estaba intentando ensinarlles sobre como conseguir a vida eterna. Que podemos aprender deste relato?

QUE DEBE SER O MÁIS IMPORTANTE PARA NÓS

12. Como demostrou Xesús que é o máis importante?

12 Aquí temos unha lección clave que se encontra en Xoán capítulo 6: o máis importante para nós deberían ser as necesidades espirituais. Recorda que Xesús deixou isto claro cando rexeitou a tentación de Satanás (Mat. 4:3, 4). E no Sermón do Monte destacou a idea de que temos que recoñecer que necesitamos a guía de Deus (Mat. 5:3). Tendo isto en conta, podemos preguntarnos: “Demostra a miña vida que me preocupo máis por coidar a relación que teño con Xehová que por satisfacer as miñas necesidades físicas?”.

13. a) Por que non está mal desfrutar da comida? b) A que advertencia lle debemos prestar atención? (1 Corintios 10:6, 7, 11).

13 Non está mal que oremos por ter e desfrutar de cousas físicas (Luc. 11:3). O traballo duro que nos permite “comer e beber” fainos felices e “pende da man de Deus” (Ecl. 2:24; 8:15; Sant. 1:17). Pero debemos poñer as cousas materiais no lugar que lles corresponde. Podemos ver isto nas palabras que o apóstolo Paulo lles escribiu ós cristiáns. El fixo referencia ó mal exemplo dos israelitas cando estaban no deserto, incluído o que fixeron cerca do Monte Sinaí, e advertiulles os cristiáns que non desexasen cousas prexudiciais como fixeran os israelitas (le 1 Corintios 10:6, 7, 11). Xehová provéralles alimento milagrosamente ós israelitas pero, polos seus desexos egoístas, isto convertérase en algo malo para eles (Núm. 11:4-6, 31-34). Cando veneraron o becerro de ouro, demostraron que estaban máis preocupados por comer, beber e pasalo ben que por obedecer a Xehová (Éx. 32:4-6). Paulo citou destes sucesos como unha advertencia para os cristiáns que vivían antes do final do sistema xudeu, no ano 70 n. e. Nós tamén vivimos cerca do final dun sistema, da destrución deste mundo, así que facemos ben en tomar en serio o consello de Paulo.

14. Que di a Biblia sobre a comida no novo mundo?

14 Cando nos dixo de orar polo “pan que necesitamos para este día”, Xesús tamén nos ensinou a pedir que se faga a vontade de Deus “na terra, coma se fai no ceo” (Mat. 6:9-11). En que che fai pensar isto? A Biblia indica que a vontade de Deus para a Terra tamén inclúe boa comida. Segundo Isaías 25:6-8, baixo o Reino de Xehová haberá comida en abundancia. O Salmo 72:16 di sobre o futuro: “Abundará o trigo nos campos, nos montes ondularán coma no Líbano os froitos”. Imaxínaste usando ese gran para preparar o teu pan favorito ou para probar novas receitas? Ademais disto, desfrutarás de plantar as túas viñas e do seu froito (Is. 65:21, 22). Todo o mundo desfrutará destas cousas.

15. Que aprenderán os que sexan resucitados? (Xoán 6:35).

15 Le Xoán 6:35. Que lles espera ós que comeron do pan e dos peixes que Xesús proveu? Na resurrección que haberá no futuro quizais poidamos coñecer algúns deles. Incluso se no pasado non tiveron fe, pode que sexan resucitados (Xoán 5:28, 29). Eles terán que aprender o significado das seguintes palabras de Xesús: “Eu son o pan da vida. Quen chegue a ser o meu seguidor non terá fame nunca máis”. Necesitarán cultivar fe en que Xesús deu a súa vida por eles. Nese tempo, haberá un programa de educación espiritual para tódolos resucitados e os nenos que nazan no novo mundo. Que felicidade poder participar nese programa! Axudarlles a outros a ter unha relación con Xehová faranos aínda máis felices que desfrutar do rico pan que comeremos no novo mundo.

16. Que imos analizar no seguinte artigo?

16 Ata agora vimos parte do relato de Xoán capítulo 6, pero Xesús tiña aínda moito máis que ensinar sobre a “vida eterna”. Os xudeus ós que el lles falou necesitaban escoitalo con atención, e nós debemos facer o mesmo. Por iso seguiremos analizando o capítulo 6 de Xoán no seguinte artigo.

CANCIÓN snnw 148 Entregaches o teu Fillo por nós

a Para saber máis sobre este emocionante relato, mira os libros Jesús: el camino, la verdad y la vida, páxina 131 e Ejemplos de fe, páxina 185 (dispoñibles en español).