Ir ó contido

Ir ó índice

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Quen son “os anxos escolleitos” mencionados en 1 Timoteo 5:21?

O apóstolo Paulo escribiulle a Timoteo, que tamén era ancián, as seguintes palabras: “Pídoche de corazón ante Deus e Cristo e os anxos escolleitos, que gardes estes consellos sen prexuízos e sen facer nada con parcialidade” (1 Tim. 5:21).

Primeiro, estes anxos non poden ser parte dos 144.000. Por que? Porque cando Paulo lle escribiu a Timoteo, a resurrección no ceo dos cristiáns unxidos non empezara. Os apóstolos e outros unxidos aínda non chegaran a ser criaturas espirituais, así que eles non podían ser “os anxos escolleitos” (1 Cor. 15:50-54; 1 Tes. 4:13-17; 1 Xoán 3:2).

Por outro lado, “os anxos escolleitos” non podían ser os anxos que desobedeceran no tempo do Diluvio. Eles puxéranse de parte de Satanás, converténdose en demos e facéndose inimigos de Xesús (Xén. 6:2; Luc. 8:30, 31; 2 Ped. 2:4). No futuro, estarán nun abismo durante 1000 anos e despois serán destruídos xunto co Demo (Xud. 6; Apoc. 20:1-3, 10).

“Os anxos escolleitos” que mencionou Paulo debían ser anxos que estaban no ceo e que apoiaban a “Deus e Cristo”, que tamén están mencionados no mesmo versículo.

Hai miles e miles de anxos fieis (Heb. 12:22, 23). Non temos por que pensar que todos eles teñen a mesma tarefa ó mesmo tempo (Apoc. 14:17, 18). Recorda que houbo unha vez na que se lle asignou a un só anxo destruír 185.000 soldados asirios (2 Reis 19:35). Quizais moitos anxos teñan a tarefa de sacar “do Reino tódalas cousas que levan ó pecado e tamén as persoas que desobedecen a lei” (Mat. 13:39-41). Posiblemente outros “reunirán os [...] escollidos” no ceo (Mat. 24:31). E outros recibiron a tarefa de protexernos (Sal. 91:11; Mat. 18:10; compara con Mateo 4:11 e Lucas 22:43).

É probable que “os anxos escolleitos” mencionados en 1 Timoteo 5:21 sexan anxos ós que se lles encargaron tarefas especiais que teñen relación con coidar os servos de Deus. No contexto, Paulo aconsellou os anciáns sobre como deberían cumprir coas súas responsabilidades e tamén dixo que a congregación debería respectalos. Dixo que os anciáns tiñan que actuar “sen prexuízos e sen facer nada con parcialidade”, e que non debían tomar decisións sen antes pensalas detidamente. Unha razón importante para que os anciáns sigan este consello inspirado é que fan todo “ante Deus e Cristo e os anxos escolleitos”. Polo tanto, está claro que algúns anxos teñen tarefas relacionadas con axudarlle á congregación. Entre outras cousas, protexen os servos de Deus, axúdanlles na predicación e cóntanlle a Xehová todo o que ven (Mat. 18:10; Apoc. 14:6).