ARTIGO DE ESTUDO 8
“Mantede o voso bo xuízo e estade vixiantes!”
“Mantede o voso bo xuízo e estade vixiantes!” (1 PE. 5:8, TNM).
CANCIÓN sn 24 Pon os ollos no mundo novo
AVANCE a
1. Que lles dixo Xesús ós seus discípulos cando lle preguntaron sobre cando chegaría o fin, e que advertencia lles deu?
UNS poucos días antes de que Xesús morrese, catro dos seus discípulos preguntáronlle: “Que sinal haberá […] da conclusión do sistema?” (Mt. 24:3, TNM). É posible que se estivesen preguntando como poderían saber cando ía terminar o sistema xudeu. Na resposta que lles deu, Xesús non só se refería ó fin do sistema xudeu, senón tamén á conclusión do sistema no que vivimos agora. Falando do tempo do fin, díxolles: “En canto ó día e maila hora no que isto vai acontecer ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente”. Despois, advertiu a tódolos seus discípulos de que se mantivesen despertos e atentos (Mc. 13:32-37).
2. Por que era importante que os cristiáns do primeiro século se mantivesen vixiantes?
2 Os cristiáns do primeiro século que vivían en Xudea tiñan que manterse vixiantes. De feito, a súa vida dependía diso. Xesús explicáralles ós seus seguidores como podían saber cando ía chegar o fin do sistema xudeu. Díxolles: “Cando vexades a Xerusalén sitiada polos exércitos, sabede que está a chega-la súa destrucción”. Nese momento, terían que obedecer a advertencia de Xesús e escapar “para os montes” (Lc. 21:20, 21). Os que lle fixeron caso sobreviviron cando os romanos destruíron Xerusalén.
3. Que imos analizar neste artigo?
3 Vivimos no tempo do fin e falta pouco para que este malvado sistema deixe de existir. Por iso nós tamén temos que manter o bo xuízo e estar vixiantes. Neste artigo imos analizar como podemos manter o equilibrio mentres estamos moi atentos ós sucesos mundiais, como podemos vixiarnos a nós mesmos e como podemos aproveitar o tempo que queda da mellor maneira.
SÉ EQUILIBRADO Ó VER OS SUCESOS MUNDIAIS
4. Por que debería interesarnos saber como se relacionan os sucesos mundiais co cumprimento das profecías da Biblia?
4 Os servos de Xehová temos boas razóns para estar pendentes de como se relacionan os sucesos mundiais actuais co cumprimento das profecías da Biblia. Cales son algunhas desas razóns? Por exemplo, unha delas é que Xesús nos deu unha lista de cousas específicas que pasarían e que nos axudarían a saber que o fin do sistema de Satanás estaría moi cerca (Mt. 24:3-14). Outra razón é que o apóstolo Pedro nos animou a estar atentos ó cumprimento das profecías para manter forte a nosa fe (2 Pe. 1:19-21). Ademais, o último libro da Biblia empeza con estas palabras: “Revelación de Xesús Cristo que Deus lle outorgou, para que el lles mostrase ós seus servos o que ten que acontecer axiña” (Ap. 1:1). Así que é normal que queiramos saber o que está pasando no mundo e como se relaciona isto coas profecías da Biblia. De feito, tamén é probable que queiramos falar destas cousas con outros.
5. Que deberiamos evitar, pero que temos que facer? (Ver as imaxes).
5 Deberiamos evitar especular sobre as profecías da Biblia, é dicir, facer suposicións sobre o seu cumprimento. Por que? Porque non queremos dicir nada que poida romper a unidade da congregación. Por exemplo, é probable que os líderes deste mundo falen de como poden resolver un conflito en particular e traer paz e seguridade. En vez de intentar relacionar ese suceso co cumprimento da profecía de 1 Tesalonicenses 5:3, temos que manternos ó día coa última información publicada pola organización de Xehová. Cando baseamos as nosas conversacións nesta información, colaboramos para que a congregación siga unida “nun mesmo pensamento” (1 Cor. 1:10; 4:6).
6. Que podemos aprender do que di 2 Pedro 3:11-13 (TNM)?
6 Le 2 Pedro 3:11-13 (TNM). O apóstolo Pedro axúdanos a ter un punto de vista equilibrado ó analizar as profecías da Biblia. Anímanos a estar “moi pendentes da presenza do día de Xehová”. Por que? Non é porque queiramos descubrir o día e a hora no que Xehová vai traer o Harmaguedón, senón porque queremos usar o tempo que nos queda para realizar “actos santos de conduta e feitos de devoción a Deus” (Mt. 24:36; Lc. 12:40). Isto quere dicir que queremos seguir tendo unha boa conduta e asegurarnos de que os esforzos que facemos por servir a Xehová demostren que o queremos moito. Para ter ese punto de vista temos que vixiarnos a nós mesmos.
QUE SIGNIFICA VIXIARNOS A NÓS MESMOS?
7. Como demostramos que nos vixiamos a nós mesmos? (Lucas 21:34, TNM).
7 Xesús díxolles ós seus discípulos que non só estivesen atentos ós sucesos mundiais senón tamén a si mesmos. Deixou clara esta idea na advertencia que se menciona en Lucas 21:34 (TNM) (leo). Fíxate no que dixo Xesús: “Vixiádevos a vós mesmos”. Que significa isto? Significa estar alerta ante calquera perigo que poida ameazar a nosa relación con Xehová, e intentar evitalo. Así, manterémonos no amor de Deus (Pr. 22:3; Xds. 20, 21).
8. Que lles dixo o apóstolo Paulo ós cristiáns?
8 O apóstolo Paulo advertiu os cristiáns de que se vixiasen a si mesmos. Por exemplo, díxolles ós irmáns de Éfeso: “Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos” (Ef. 5:15, 16). Satanás intenta continuamente acabar coa nosa amizade con Xehová. Por iso a Biblia nos aconsella que intentemos “comprender cal é a vontade do Señor” para que poidamos facerlle fronte a calquera proba (Ef. 5:17).
9. Como podemos entender cal é a vontade de Xehová para nós?
9 A Biblia non nos di cales son tódalas cousas que poden poñer en perigo a nosa amizade con Xehová. Moitas veces temos que tomar decisións sobre asuntos dos que non se fala directamente na Biblia. Para tomar boas decisións, necesitamos percibir, ou entender, cal é a vontade de Xehová. Como podemos conseguilo? Estudando con regularidade a Palabra de Deus e meditando nela. Debemos entender cal é a vontade de Xehová e esforzarnos por ter “a mente de Cristo” (1 Cor. 2:14-16, TNM). Canto máis o fagamos, máis probable será que tomemos boas decisións, incluso cando non haxa normas específicas sobre ese asunto. Algúns perigos son fáciles de identificar, pero outros non se ven tan facilmente.
10. Cales son algúns dos perigos que debemos evitar?
10 Algúns dos perigos que debemos evitar son: flirtear, comer ou beber demasiado, dicir cousas que lles fagan dano a outros, e ver entretemento violento, pornografía ou cousas parecidas (Sal. 101:3). O noso adversario, o Demo, sempre está buscando oportunidades para danar a nosa amizade con Xehová (1 Pe. 5:8, TNM). Se non estamos vixiantes, Satanás podería plantar na nosa mente e no noso corazón as sementes da envexa, da falta de honradez, da cobiza, do odio, do orgullo e do resentimento (Gál. 5:19-21). Ó principio pode ser que pensemos que estas tendencias non son tan perigosas, pero se non as arrancamos de inmediato seguirán medrando coma unha planta velenosa e acabarán causando problemas (Sant. 1:14, 15).
11. Que outro perigo menos evidente debemos evitar, e por que?
11 Un dos perigos que non se ve tan facilmente é xuntarse con malas compañías. Por exemplo, pensa nesta situación. Tes un compañeiro de traballo que non é testemuña de Xehová. Como queres que teña unha boa impresión de nós, tratas de axudarlle e de ser amable con el. Ás veces quedades para comer xuntos e, antes de que te deas conta, iso convértese nunha rutina. De vez en cando, o teu compañeiro ponse a falar de cousas inmorais. Ó principio a ti non che gusta e intentas non facerlle caso pero, co tempo, fáiseche tan normal escoitalo falar desas cousas que xa non che molestan. Entón un día invítate a tomar algo despois do traballo e ti aceptas. Pouco a pouco, empezas a pensar coma el. Se chegas a ese punto, canto tardarás en empezar a comportarte coma el? Claro, queremos ser amables e respectar a todo o mundo. Pero tamén temos que recordar que as persoas coas que decidimos pasar o noso tempo inflúen moito en nós (1 Cor. 15:33). Se nos vixiamos a nós mesmos, como mandou Xesús, evitaremos xuntarnos de maneira innecesaria cos que non obedecen as normas de Xehová (2 Cor. 6:15). Veremos o perigo e evitarémolo.
APROVEITA O TEMPO DA MELLOR MANEIRA
12. Que tiñan que facer os discípulos de Xesús mentres esperaban a que Xerusalén e o seu templo fosen destruídos?
12 Os discípulos de Xesús non tiñan que estar sen facer nada mentres esperaban a que Xerusalén e o seu templo fosen destruídos. El encargoulles que predicasen as boas noticias “en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra” (Feit. 1:6-8). Vaia labor máis grande! Se facían todo o posible por predicarlles a outros, estarían aproveitando o tempo da mellor maneira.
13. Por que debemos aproveitar o tempo da mellor maneira? (Colosenses 4:5, TNM).
13 Le Colosenses 4:5 (TNM). Para vixiarnos a nós mesmos, debemos analizar como usamos o noso tempo. Por que? Porque a Biblia di que a todos nos pode pasar algún suceso imprevisto (Ecl. 9:11, TNM). De feito, podemos perder a vida de repente.
14, 15. Como podemos aproveitar o tempo da mellor maneira? (Hebreos 6:11, 12) (Ver a imaxe).
14 Podemos aproveitar o tempo da mellor maneira se facemos a vontade de Xehová e fortalecemos a nosa amizade con el (Xn. 14:21). A Biblia dinos: “Mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez máis á obra do Señor” (1 Cor. 15:58). Así, cando chegue o fin, xa sexa o fin da nosa vida ou deste mundo malvado, non teremos de que arrepentirnos (Mt. 24:13; Rm. 14:8).
15 Na actualidade, Xesús segue dirixindo os seus discípulos mentres predican acerca do Reino de Deus por toda a Terra. El xa está facendo a súa parte. A través da organización de Xehová, ensínanos a predicar e dános as ferramentas que necesitamos para dar a coñecer as boas noticias (Mt. 28:18-20). Nós facemos a nosa parte cando nos esforzamos o máximo posible por predicar e ensinar, e cando nos vixiamos a nós mesmos mentres esperamos a que Xehová traia o fin deste sistema. Se queremos manter firme a nosa esperanza ata o final, temos que seguir o consello de Hebreos 6:11, 12 (leo).
16. Que estamos decididos a facer?
16 Xehová xa decidiu o momento exacto no que acabará co mundo de Satanás. Cando chegue ese momento, cumprirá sen falta as profecías que deixou rexistradas na súa Palabra. Mentres tanto, poida que ás veces pareza que o fin tarda en chegar. Pero o día de Xehová “non demorará” (Hab. 2:3). Por iso, decidámonos a facer o que nos di a Biblia en Miqueas 7:7: “Eu mirarei atentamente para o Señor, esperarei no Deus da miña salvación”.
CANCIÓN sjj 139 Imaxina que estás no mundo novo
a Neste artigo imos analizar como podemos manter o noso equilibrio e estar vixiantes en sentido espiritual. Ademais, veremos que significa vixiarnos a nós mesmos e como podemos usar o noso tempo da mellor maneira.
b DESCRICIÓN DA IMAXE: (Arriba) Un matrimonio está vendo as noticias. Están convencidos de que eses sucesos cumpren unha profecía da Biblia. Máis tarde, ó acabar a reunión de congregación, cóntanlles a outros as súas opinións persoais sobre o que viron. (Abaixo) Un matrimonio está vendo un informe do Consello Reitor para estar ó día co último entendemento sobre as profecías bíblicas. Ofrécenlles a outras persoas publicacións baseadas na Biblia que nos dá o criado fiel.