Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 6

Que nos permite ver a Biblia sobre o seu Autor?

Que nos permite ver a Biblia sobre o seu Autor?

“Escribe nun libro tódalas palabras que eu che diga” (XER. 30:2, TNM).

CANCIÓN sjj 96 A Palabra de Deus é un tesouro

AVANCE a

1. Por que lle agradeces a Xehová que nos dese a Biblia?

 QUE agradecidos lle estamos a Xehová pola Biblia! Nela dános consellos sabios que nos axudan a afrontar os problemas que temos. Ademais, dános unha marabillosa esperanza para o futuro. Pero o máis importante é que Xehová utilizou a Biblia para que poidamos coñecer moitos detalles da súa personalidade. Meditar nas súas bonitas calidades chéganos ó corazón, e motívanos a acercarnos ó noso Deus e a querer ser bos amigos del (Sal. 25:14, TNM).

2. De que formas se deu a coñecer Xehová ós humanos?

2 Xehová quere que as persoas o coñezan. Para conseguilo, no pasado utilizou soños, visións e incluso anxos (Núm. 12:6; Feit. 10:3, 4). Pero, como poderiamos saber destes soños, destas visións e destas mensaxes dos anxos se non estivesen escritos nalgún sitio? Por iso Xehová fixo que uns homes escribisen “nun libro” o que el quería que soubésemos (Xer. 30:2, TNM). Como “os camiños de Deus son perfectos”, podemos estar seguros de que esta é unha excelente forma de comunicarse con nós e de que ademais nos vai beneficiar (Sal. 18:31 [18:30, TNM]).

3. Como se asegurou Xehová de que a Biblia chegase ata os nosos días? (Isaías 40:8).

3 Le Isaías 40:8. A Palabra de Deus leva miles de anos dándolles bos consellos a homes e mulleres fieis. Como é posible? É certo que se escribiu hai moito tempo en materiais perecedoiros, é dicir, que se acaban estragando. Por iso, na actualidade non temos ningún deses documentos orixinais. Pero Xehová asegurouse de que se fixesen copias deste texto sagrado. Aínda que os copistas eran imperfectos, foron extremadamente coidadosos. Por exemplo, falando acerca das Escrituras Hebreas, un experto escribiu: “Pódese dicir con seguridade que non hai ningunha outra obra antiga que se transmitise de maneira tan exacta”. Así que, a pesar do paso do tempo, de que se usaron materiais perecedoiros e de que os copistas eran imperfectos, podemos estar seguros de que o que lemos hoxe en día na Biblia transmite as ideas do seu Autor, Xehová.

4. Que imos analizar neste artigo?

4 “Todo bo regalo e toda dádiva perfecta” vén de Xehová (Sant. 1:17). A Biblia é un dos mellores regalos que Deus nos deu. Cando alguén nos fai un regalo, demostra que nos coñece ben e que sabe o que necesitamos. O mesmo pasa con Xehová e coa Biblia. Cando a analizamos, aprendemos moito sobre el. Por exemplo, descubrimos que nos coñece moi ben e que sabe o que nos fai falta. Neste artigo imos analizar o que nos ensina a Biblia sobre tres calidades de Xehová: a sabedoría, a xustiza e o amor. Empecemos falando de como nos permite a Biblia ver a sabedoría de Deus.

A BIBLIA PERMÍTENOS VER A SABEDORÍA DE DEUS

5. De que maneira nos permite a Biblia ver a sabedoría de Deus?

5 Xehová sabe que necesitamos os seus bos consellos. Por iso, o seu regalo, a Biblia, está cheo da súa sabedoría. De que maneira nos permite a Biblia ver esa sabedoría? Os seus consellos teñen un efecto positivo na xente e son capaces de cambiarlles a vida ás persoas. Cando Moisés escribiu os primeiros libros da Biblia, díxolles ós israelitas, o pobo de Deus: “Non é unha palabra baleira de interese para vós, senón que é a vosa vida” (Dt. 32:47). Os que obedecesen as Escrituras podían ser felices e iríalles ben na vida (Sal. 1:2, 3). A pesar do paso do tempo, a Palabra de Deus segue tendo o poder de mellorar a vida das persoas. Por exemplo, na serie de artigos “A Biblia cambioulles a vida” de jw.org atoparás moitos exemplos da vida real que mostran o poderoso efecto que ten a Biblia nas persoas de hoxe en día (1 Tes. 2:13).

6. Por que podemos dicir que non hai ningún outro libro coma a Biblia?

6 Non hai ningún outro libro coma a Palabra de Deus. Por que? Porque o seu Autor, Xehová, é todopoderoso e eterno. Ademais, non hai ninguén tan sabio coma el. Moitos libros duran máis que os seus autores, pero os seus consellos non sempre seguen sendo útiles co paso do tempo. Por outro lado, os principios que atopamos na Biblia son eternos e prácticos para tódalas persoas sen importar a época na que vivan. Cando lemos este libro sagrado e meditamos no que aprendemos, o seu Autor utiliza o seu poderoso espírito santo para axudarnos a ver como podemos aplicar os seus consellos na nosa vida (Sal. 119:27; Mal. 3:16, TNM; Heb. 4:12). O Autor da Biblia está vivo e quere axudarnos. Isto debería motivarnos a lela con regularidade.

Como uniu a Biblia o pobo de Deus no pasado e como o fai hoxe en día? (Ver os parágrafos 7 e 8).

7. Como uniu a Biblia os servos de Deus no pasado?

7 Cal é outra importante razón pola que podemos dicir que a Biblia nos permite ver a sabedoría de Xehová? Porque lles axuda ós servos de Deus a estar unidos. Por exemplo, fíxate no que lles pasou ós israelitas cando entraron na Terra Prometida. Establecéronse en diferentes zonas e algúns fixéronse pescadores, outros gandeiros e outros agricultores. Sería fácil que os que vivían nunha zona deixasen de preocuparse polo benestar dos que vivían noutras partes do país. Pero Xehová fixo que se xuntasen en diferentes ocasións para que escoitasen como se lía e explicaba a súa Palabra (Dt. 31:10-13; Neh. 8:2, 8, 18). Imaxina como debían sentirse os israelitas fieis cando chegaban a Xerusalén e quizais vían millóns de persoas que viñeran de tódalas partes da nación para adorar a Deus. Grazas a isto, Xehová axudoulle ó seu pobo a manterse unido. Outro exemplo é o da congregación cristiá que se formou máis adiante. Estaba composta por homes e mulleres que falaban diferentes idiomas. Algúns eran ricos ou importantes, e outros eran humildes ou pobres. Pero como todos amaban as Escrituras, adoraban unidos o único Deus verdadeiro. Ademais, se alguén quería ser cristián só podía entender a Palabra de Deus coa axuda doutro cristián que lle ensinase e asistindo ás reunións (Feit. 2:42, TNM; 8:30, 31).

8. Como se mantén unido o pobo de Xehová grazas á Biblia?

8 O noso Deus Xehová segue demostrando a súa sabedoría ensinándolle ó seu pobo e manténdoo unido grazas á Biblia. O alimento espiritual que tanto necesitamos baséase na Palabra de Deus. Por iso nos xuntamos regularmente nas reunións de congregación e nos congresos para escoitar como se len, explican e analizan as Escrituras. Así que a Biblia é unha ferramenta moi importante que Xehová utiliza para que os seus servos “o sirvan ombro a ombro” (Sof. 3:9, TNM).

9. Que fai falta para entender a mensaxe da Biblia? (Lucas 10:21).

9 Vexamos outra proba da sabedoría de Xehová. Deus fixo que moitas partes das Escrituras se escribisen de forma que só as persoas humildes puidesen entendelas (le Lucas 10:21). Xente de todo o mundo le a Biblia. De feito, un experto destacou que a Biblia “non só é o libro que máis se leu, senón tamén o que se leu con máis coidado”. Pero só os que son humildes de verdade entenden e aplican o que di (2 Cor. 3:15, 16).

10. De que outra forma nos permite a Biblia ver a sabedoría de Xehová?

10 De que outra forma nos permite a Biblia ver a sabedoría de Xehová? Deus non só usa a súa Palabra para ensinarnos como grupo, senón tamén para ensinarnos e consolarnos de maneira individual. Cando lemos a Biblia, podemos sentir como se preocupa Xehová persoalmente por cada un de nós (Is. 30:21). Seguro que cando tes un problema buscas axuda na Biblia. Cantas veces che pasou que liches un versículo que parecía estar escrito xusto para ti? A Biblia chégalles ó corazón a millóns de persoas. Como pode ser que a súa información siga sendo útil co paso do tempo e que sexa xusto o que ti necesitas? Isto só é posible porque o seu Autor é o máis sabio de todo o Universo (2 Tim. 3:16, 17).

A BIBLIA PERMÍTENOS VER A XUSTIZA DE DEUS

11. Como demostrou Deus que é imparcial mentres se ía escribindo a Biblia?

11 A xustiza é outra das calidades de Xehová (Dt. 32:4). Esta calidade está moi relacionada coa imparcialidade, e Xehová é imparcial (Feit. 10:34, 35; Rm. 2:11). Unha proba diso son os idiomas nos que se escribiu a súa Palabra. Xehová non decidiu que se escribise nun único idioma. Os primeiros 39 libros da Biblia escribíronse maiormente en hebreo, que era o idioma que mellor entendían os servos de Deus daquel tempo. Pero os últimos 27 escribíronse principalmente en grego porque era o idioma que falaba a maioría das persoas no primeiro século. Hoxe en día, hai case oito mil millóns de persoas no mundo que falan moitos idiomas. Como é posible que tanta xente poida aprender sobre Xehová?

12. De que maneira se está cumprindo nestes últimos días a profecía de Daniel 12:4 (TNM)?

12 Mediante o profeta Daniel, Xehová prometeu que “o coñecemento verdadeiro” que se atopa na Biblia se faría abundante no tempo do fin. Isto quere dicir que moitas persoas entenderían o que di a Biblia (le Daniel 12:4, TNM). De que maneiras se fixo abundante este coñecemento? Unha forma foi mediante a tradución, publicación e distribución da Biblia e de publicacións baseadas nela. Grazas a isto, a Palabra de Deus converteuse no libro máis traducido e distribuído do mundo. Ás veces, algunhas empresas producen traducións da Biblia moi caras. Pero ata agora, o pobo de Xehová traduciu a Biblia, completa ou en parte, en máis de 240 idiomas, e calquera persoa pode conseguir unha copia de maneira gratuíta. Como resultado, persoas de tódalas nacións están aprendendo a “Boa Nova do Reino” antes de que veña o fin (Mt. 24:14). O noso Deus é xusto e quere darlle a oportunidade de ler a Biblia ó maior número de persoas posible para que poidan chegar a coñecelo. Por que? Porque nos quere moito a todos.

A BIBLIA PERMÍTENOS VER O AMOR DE DEUS

13. Por que podemos dicir que a Biblia nos permite ver o amor de Xehová? (Xoán 21:25).

13 A Biblia permítenos ver que a calidade máis importante do seu Autor é o amor (1 Xn. 4:8). Fíxate no que Xehová decidiu incluír na Biblia e no que non. Deunos xusto o que necesitamos para poder ser os seus amigos, para ter unha vida feliz agora e para conseguir vida eterna. Pero como nos quere moito, non encheu a Biblia con información que non nos fai falta para servilo (le Xoán 21:25).

14. De que outra forma nos permite a Biblia ver o amor de Deus?

14 Xehová tamén demostrou o seu amor ó comunicarse con nós dunha forma que nos dignifica. Na Biblia, non nos dá unha lista interminable de normas para controlar cada pequeno detalle da nosa vida. En vez diso, utiliza historias de persoas reais, profecías emocionantes e consellos prácticos para axudarnos a tomar boas decisións. Isto fai que a Palabra de Deus nos motive a amar a Xehová e a obedecelo de corazón.

Por que deberiamos meditar en como tratou Xehová os seus servos no pasado? (Ver o parágrafo 15).

15. a) De que maneira nos permite a Biblia ver que Xehová se preocupa moito por nós? b) En que personaxes da Biblia está meditando cada unha das persoas da imaxe? (Xén. 39:1, 10-12; 2 Re. 5:1-3; Lc. 2:25-38).

15 A Biblia permítenos ver que Xehová se preocupa moito por nós. De que maneira? A Palabra de Deus está chea de relatos cos que nos podemos identificar porque os seus personaxes eran “coma calquera de nós”, é dicir, tiñan sentimentos coma os nosos (Sant. 5:17). Pero o máis importante é que, se nos fixamos en como tratou Xehová esas persoas, poderemos entender mellor que “o Señor é compasivo e misericordioso” (Sant. 5:11).

16. Que aprendemos sobre Xehová cando lemos na Biblia acerca de persoas que cometeron erros? (Isaías 55:7).

16 De que outra maneira nos permite a Biblia ver o amor de Xehová? Asegúranos que o noso Deus non nos vai abandonar cando cometamos erros. Por exemplo, os israelitas pecaron unha e outra vez contra Xehová. Aínda así, cando se arrepentiron de corazón, el perdoounos (le Isaías 55:7). Os cristiáns do primeiro século tamén sabían que Xehová os quería moito. Por exemplo, Deus inspirou o apóstolo Paulo para que lles dixese ós seus irmáns que perdoasen e consolasen un home que estivera cometendo un pecado moi grave durante un tempo, pero que agora estaba arrepentido (1 Cor. 5:1-5; 2 Cor. 2:6, 7). Canto nos anima saber que Xehová non rechazou os seus servos só porque se equivocasen! En vez diso, axudoulles con cariño, corrixiunos e invitounos a volver a ser amigos del. Hoxe en día, promete facer o mesmo por tódolos pecadores que se arrepintan (Sant. 4:8-10).

VALORA O REGALO DA PALABRA DE DEUS

17. Por que é a Biblia un regalo tan extraordinario?

17 Xehová deunos un regalo marabilloso: a Biblia. Por que é tan extraordinario este regalo? Como aprendemos neste artigo, permítenos ver a sabedoría, a xustiza e o amor de Deus. Ademais, demostra que Xehová quere que o coñezamos e que sexamos os seus amigos.

18. Como podemos demostrar que lle agradecemos a Xehová o regalo da Biblia?

18 Non queremos dar por sentado o regalo da Biblia (Sant. 1:17). Así que demostremos que o agradecemos dedicando tempo a lela e a meditar nela. Se o facemos, podemos estar seguros de que o seu Autor bendicirá os nosos esforzos e de que atoparemos o “coñecemento de Deus” (Pr. 2:5).

CANCIÓN sn 37 A Palabra de Deus é a nosa guía

a A Biblia axúdanos a acercarnos máis a Xehová. Que nos ensina este libro sagrado sobre a sabedoría de Deus, a súa xustiza e o seu amor? O que aprendamos poderá axudarnos a valorar máis a Palabra de Deus e a vela como o que realmente é: un regalo do noso Pai celestial.