BIOGRAFÍA
Vin como Xehová bendiciu os irmáns pola súa fe
SEGURO que recordas algunhas conversacións que tiveches ó longo da túa vida que foron moi especiais e importantes para ti. No meu caso, acórdome dunha que tiven hai uns 50 anos mentres estaba sentado cun amigo ó lado dunha fogueira en Kenia. Estabamos morenos porque levabamos meses viaxando. Puxémonos a falar dunha película que tocaba un tema relixioso, e el díxome: “Iso non é o que di a Biblia”.
Boteime a rir porque non pensei que o meu amigo fose unha persoa relixiosa. Entón pregunteille: “E ti que sabes da Biblia?”. El tardou un pouquiño en contestar, pero ó final díxome que súa nai era testemuña de Xehová e que lle ensinara algunhas cousas. Como tiña curiosidade, díxenlle que me contase máis.
Estivemos falando ata moi tarde. Díxome que a Biblia ensina que o gobernante do mundo é Satanás (Xn. 14:30, TNM). Quizais ti xa o sabes dende sempre, pero para min era algo novo e moi interesante. Sempre escoitara que era un Deus bondadoso o que gobernaba o mundo. Pero iso non me tiña sentido. Aínda que só tiña 26 anos, xa vira moitas cousas que me preocupaban moito.
Meu pai fora piloto nas Forzas Aéreas dos Estados Unidos, así que xa de rapaz era moi consciente de que existía a posibilidade de que ocorrese unha guerra nuclear. O exército estaba listo para enviar unha desas bombas en calquera momento. Cando empezou a guerra de Vietnam, eu estaba estudando no instituto en California e uninme ás protestas dos estudantes. A policía perseguíanos con porras e nós escapabamos deles correndo, asfixiados e case sen poder ver nada debido ó gas lacrimóxeno. Foi unha época de axitación e rebelión. Asasináronse políticos, e había protestas e disturbios. Cada persoa tiña unha opinión diferente sobre o que se debía facer. Todo era moi confuso.
En 1970, empecei a traballar na costa norte de Alasca, e alí gañei moitos cartos. Entón fun a Londres, comprei unha moto e viaxei cara ó sur sen ter ningún destino na cabeza. Meses despois, cheguei a África. Polo camiño, coñecín xente que tamén quería escapar de tódolos seus problemas.
Por todo o que vira e escoitara, tíñame sentido que a Biblia ensinase que unha criatura espiritual malvada estivese manipulando o que pasa no
mundo. Pero preguntábame: “Se Deus non está controlando o mundo, entón que fai?”.Nos seguintes meses puiden atopar a resposta. Co tempo, cheguei a coñecer moitos homes e mulleres que demostraran ser fieis ó único Deus verdadeiro en toda clase de circunstancias, e a querelos moito.
IRLANDA DO NORTE: “A TERRA DAS BOMBAS E DAS BALAS”
Cando volvín a Londres, contactei coa nai do meu amigo e deume unha Biblia. Máis tarde, fun a Ámsterdam (Países Baixos) e unha Testemuña que me viu lendo a Biblia debaixo dun poste da luz explicoume algunha cousa máis. Despois, fun a Dublín (Irlanda) e encontrei a sucursal das Testemuñas de Xehová. Chamei á porta principal e alí coñecín a Arthur Matthews, un irmán sabio e con experiencia. Pedinlle un curso da Biblia e aceptou estudar comigo.
Empecei a estudar con moito entusiasmo e encantábame ler os libros e as revistas que publicaban as Testemuñas. Por suposto, tamén empecei a ler a Biblia. Foi moi emocionante! Nas reunións de congregación vía que incluso os nenos sabían responder as preguntas que a xente máis estudada deste mundo se leva facendo dende hai centos de anos, como por exemplo: “Por que existe a maldade? Quen é Deus? Que pasa cando morremos?”. Tódolos meus amigos eran testemuñas de Xehová porque non coñecía a ninguén máis no país. Eles axudáronme a chegar a amar a Xehová e a querer facer a súa vontade.
Bauticeime en 1972, e un ano despois fíxenme pioneiro regular e comecei a servir nunha pequena congregación en Newry (Irlanda do Norte). Vivía nunha casa de pedra alugada que estaba illada na ladeira dunha montaña, e practicaba os meus discursos diante dunhas vacas que estaban nun campo que había cerca. Parecía que me escoitaban con moita atención mentres pastaban. Aínda que non me daban consellos para mellorar, axudáronme a aprender a mirar o auditorio mentres discursaba. En 1974 nomeáronme pioneiro especial e asignáronme un compañeiro, Nigel Pitt, que se converteu no meu amigo para o resto da miña vida.
Aquela foi unha época de moita violencia, coñecida en inglés como The Troubles (Os Problemas). De feito, algúns chamábanlle a Irlanda do Norte “a terra das bombas e das balas”. Era habitual que houbese persoas loitando polas rúas, tiroteos, francotiradores disparándolle á xente, ou
que se puxesen bombas nos coches. Moitas veces, estes problemas viñan por culpa da política e da relixión. Tanto os protestantes coma os católicos recoñecían que as Testemuñas eramos neutrais, e por iso podiamos predicar libremente e sen medo. De feito, moitas veces os veciños ós que lles predicabamos sabían cando e onde ía haber actos violentos, e avisábannos para que non estivésemos alí.Aínda así, pasamos por algunhas situacións perigosas. Un día estaba predicando nunha cidade próxima con outro pioneiro que se chamaba Denis Carrigan. Só estiveramos predicando naquela zona unha vez e alí non vivía ningunha Testemuña. Entón, unha muller acusounos de ser soldados británicos encubertos, quizais porque ningún dos dous falabamos con acento irlandés. Asustounos moito que nos acusase diso porque daquela podían matarte ou dispararche no xeonllo tan só por ser amable cos soldados. Estabamos fóra, ó frío, esperando sós a que chegase o autobús, e de repente vimos que un coche paraba diante da cafetería onde estaba a muller que nos acusara. Ela saíu e púxose a falar cos dous homes do coche, sinalándonos moi alterada. Entón, os homes conduciron lentamente ata onde estabamos e preguntáronnos sobre o horario do bus. Cando o bus chegou, falaron co condutor. Non puidemos escoitar o que lle dicían. Como non había ningún outro pasaxeiro, estabamos convencidos de que estaban planeando levarnos ás aforas da cidade para facernos dano. Pero ó final non pasou nada. Cando chegamos, díxenlle ó condutor do autobús: “Preguntáronche algo sobre nós aqueles homes?”. El respondeume: “Sei quen sodes, e iso foi o que lles dixen. Non vos preocupedes, estades a salvo”.
En 1976, fun a un congreso de distrito a en Dublín, e alí coñecín a Pauline Lomax, unha pioneira especial de Inglaterra que estaba de visita. Era unha irmá espiritual, humilde e encantadora. Ela e o seu irmán, Ray, coñecían a verdade dende pequeniños. Un ano despois, Pauline e eu casamos e estivemos servindo como pioneiros especiais en Ballymena (Irlanda do Norte).
Estivemos na obra de circuíto durante un tempo en Belfast, Londonderry e noutras zonas perigosas. Animounos moito ver a fe que demostraban os irmáns deses lugares. Algúns antes tiñan crenzas relixiosas, prexuízos e odios moi arraigados no seu corazón, pero desfixéranse de todo iso para poder servir a Xehová. E el protexeu e bendiciu moito estes irmáns!
Vivín en Irlanda durante dez anos, ata que nos invitaron a asistir á clase número 72 do Curso Bíblico de Galaad en 1981. Despois de graduarnos, asignáronnos a Serra Leoa (África Occidental).
SERRA LEOA: IRMÁNS FIEIS A PESAR DA POBREZA
Viviamos nun fogar misional con outros 11 marabillosos irmáns. Compartiamos unha cociña, tres baños, dúas duchas, un teléfono, unha lavadora e unha secadora. Os cortes de electricidade eran moi frecuentes e podían ocorrer en calquera momento. O tellado estaba cheo de ratas e había cobras no soto da casa.
Aínda que non tiñamos as circunstancias ideais, desfrutabamos moitísimo da predicación. As persoas respectaban a Biblia e escoitaban con moita atención. Moitos empezaron a estudar
e aceptaron a verdade. Ó principio, as persoas da zona chamábanme “señor Robert”, e Pauline era a “señora Robert”. Pero cando empecei a colaborar coa sucursal tiña menos tempo para predicar, así que a miña muller pasou a ser a “señora Pauline” e eu convertinme no “señor Pauline”. Que contenta se puxo!Moitos irmáns eran pobres, pero Xehová sempre coidaba deles e dáballes o necesario, ás veces de maneiras incribles (Mt. 6:33). Acórdome dunha irmá que tan só tiña cartos para comprar a comida dese día para ela e os seus fillos. A pesar do pouco que tiña, deullo todo a un irmán que estaba enfermo e que non tiña cartos para comprar a medicación para a malaria. Ese mesmo día, pero un pouco máis tarde, unha muller apareceu sen avisar e pagoulle á irmá para que a peitease. Cousas así pasaban moitas veces.
NIXERIA: APRENDEMOS UNHA NOVA CULTURA
Estivemos nove anos en Serra Leoa. Entón mandáronnos ó Betel de Nixeria, que era unha sucursal moi grande. Eu facía o mesmo traballo de oficina que en Serra Leoa, pero para Pauline foi un cambio moi difícil. Pasou de predicar 130 horas cada mes e de ter estudantes da Biblia que progresaban moi ben a colaborar cosendo e remendando roupa tódolos días. Levoulle un tempo adaptarse, pero ó final deuse conta de que os demais valoraban moito o que facía, e concentrouse en buscar oportunidades para animar a outros compañeiros betelitas.
Tiñamos moito que aprender da cultura de Nixeria xa que era algo novo para nós. Unha vez, un irmán veu á miña oficina para presentarme unha irmá que acababa de empezar a servir en Betel. Cando intentei darlle a man, ela inclinouse diante dos meus pés. Quedei moi sorprendido! De repente, viñéronme á cabeza dous textos da Biblia: Feitos 10:25, 26 e Apocalipse 19:10. Entón, pregunteime: “Debería dicirlle que non faga iso?”. Pero, ó mesmo tempo, recordei que ela acababa de empezar en Betel, así que xa sabía o que ensina a Biblia.
Seguín coa conversación moi avergonzado e despois busquei información sobre o tema. Entón aprendín que era un costume habitual nalgunhas zonas do país. Os homes tamén o facían. Eu non o sabía, pero era unha forma de mostrar respecto a outros, non de adoralos. De feito, na 1 Sam. 24:9 [24:8, TNM]). Menos mal que non dixen nada que puidese avergonzar a irmá.
Biblia hai exemplos de persoas que tamén fixeron isto (Tamén puidemos coñecer moitos irmáns de Nixeria que demostraran ter unha fe moi forte durante anos. Por exemplo, un deles foi Isaiah Adagbona. b Coñecera a verdade de rapaz, pero entón diagnosticáronlle lepra e enviárono a unha colonia de leprosos. A pesar da oposición e de que era a única testemuña de Xehová na colonia, axudoulles a máis de 30 leprosos a aceptar a verdade. De feito, chegou a haber unha congregación alí.
KENIA: OS IRMÁNS FORON PACIENTES COMIGO
En 1996 asignáronnos á sucursal de Kenia. Era a primeira vez que volvía ó país dende que me pasara o que contei ó principio. Viviamos en Betel. Alí había uns moniños, os cercopitecos verdes, que visitaban Betel de vez en cando para “roubarlles” froita ás irmás que a transportaban. Un día, unha irmá deixou a súa ventá aberta. Cando volveu, atopouse cunha familia de monos comendo a comida que tiña na habitación. A irmá gritou e botou a correr. Entón os monos tamén berraron e saltaron pola ventá.
Pauline mais eu empezamos a servir nunha congregación suahili. Pouco despois, encargáronme dirixir o Estudo de Libro de Congregación (o que agora se chama Estudo bíblico de congregación). Aínda que falaba o idioma coma un neno pequeno, esforzábame por estudar antes a información para ser capaz de ler as preguntas. Pero se os comentarios que se facían non eran xusto o que estaba escrito, xa non os entendía. Era unha situación moi incómoda! Sentíame mal polos irmáns, pero impresionoume que foron moi pacientes e humildes, e deixaron que seguise dirixindo esta reunión.
OS ESTADOS UNIDOS: IRMÁNS FIEIS A PESAR DAS COMODIDADES
Estivemos en Kenia menos dun ano. En 1997 invitáronnos ó Betel de Brooklyn (Nova York). Nos Estados Unidos, a xente ten moitas cousas materiais, pero isto tamén pode ser un desafío (Pr. 30:8, 9). Aínda así, os irmáns demostran que teñen moita fe. En vez de intentar ser ricos, utilizan o seu tempo e os seus recursos para apoiar a organización de Xehová.
Ó longo dos anos, vimos como os nosos irmáns demostraban a súa fe en diferentes circunstancias. En Irlanda, demostrábana a pesar da violencia. En África, a pesar da pobreza e de vivir onde non había máis Testemuñas. E nos Estados Unidos, a pesar das cousas materiais e das comodidades. Seguro que Xehová se sente moi feliz cando ve que tantas persoas lle demostran canto o queren en todo tipo de situacións!
Os anos pasaron moi rápido, ou como di a Biblia, “máis axiña cá lanzadeira de tecer” (Xob 7:6). Agora colaboramos con outros irmáns na sede central de Warwick (Nova York), e desfrutamos moito de seguir servindo a Xehová con persoas que de verdade se queren unhas ás outras. Sentímonos moi felices e satisfeitos de facer todo o que podemos por apoiar o noso Rei, Xesucristo, que moi pronto recompensará a tódolos seus servos fieis (Mt. 25:34).