ARTIGO DE ESTUDO 6
CANCIÓN sjj 10 Louvemos o noso Deus Xehová
“Louvade o nome de Xehová”
“Louvádeo, servos de Xehová, louvade o nome de Xehová” (SAL. 113:1, TNM).
OBXECTIVO
Analizar o que nos motiva a aproveitar tódalas oportunidades para louvar o santo nome de Xehová.
1, 2. Que pode axudarnos a entender como fan sentir a Xehová as mentiras que se contaron sobre el?
IMAXINA a seguinte situación: alguén a quen aprecias moito conta algo terrible sobre ti. Ti sabes que é unha mentira, pero outros empezan a crela. E o que é peor, comezan a espallala. Así que, aínda máis persoas a cren. Como te sentirías? Se che importa o que outros opinen sobre ti e a túa reputación, é probable que esta calumnia te faga sentir moi mal, verdade? (Prov. 22:1).
2 Esta situación pode axudarnos a entender como se sentiu Xehová cando se manchou a súa reputación. Un dos seus anxos contoulle mentiras sobre el á primeira muller, Eva. E ela creunas. Por culpa destas calumnias, Adán e Eva rebeláronse contra Xehová e, como resultado, tódolos humanos pecamos e finalmente morremos (Xén. 3:1-6; Rom. 5:12). Os problemas que vemos no mundo como, por exemplo, a morte, as guerras e o sufrimento existen debido ás mentiras que contou Satanás no xardín de Edén. Doeranlle a Xehová semellantes calumnias e os problemas que provocaron? Por suposto que si! Pero Xehová non está amargado nin é vingativo. De feito, el segue sendo o “Deus feliz” (1 Tim. 1:11, TNM).
3. Que privilexio temos?
3 Temos o privilexio de poder contribuír a demostrar que Satanás mentiu sobre Deus cando obedecemos o seguinte mandato: “Louvade o nome de Xehová” (Sal. 113:1, TNM). Facémolo ó falarlles ben del a outros. E ti? Louvarás o nome de Xehová? Analicemos tres motivos importantes que nos axudarán a facelo de todo corazón.
CANDO LOUVAMOS O SEU NOME FACEMOS MOI FELIZ A XEHOVÁ
4. Por que lle gusta a Xehová que o louvemos? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe).
4 A Xehová gústalle moito que lle demos honra ó seu nome (Sal. 119:108, TNM). Pero, significa isto que o Deus Todopoderoso é coma os humanos imperfectos que necesitan que os eloxien porque se senten inseguros? Non. Pensa no seguinte exemplo: imaxina unha nena pequena que corre cara ó seu pai, o abraza e lle di: “Papá, es o mellor pai do mundo!”. O pai alégrase moitísimo e incluso se emociona con este xesto espontáneo da súa filliña. Por que se sente así? Será que é un home inseguro que desexa ou incluso depende dos eloxios da súa filla? Claro que non. Conmóvese porque quere moito a súa pequena e alégrase de que ela lle demostre o seu amor e a súa gratitude. Tamén sabe que ter estas cualidades contribuirán a que sexa unha muller feliz no futuro. Da mesma forma, a Xehová, o Pai Supremo, conmóveo que o louvemos.
5. Que afirmación de Satanás desmentimos cando louvamos a Xehová?
5 Cando louvamos o noso Pai celestial contribuímos a que se demostre que o que Satanás dixo de cada un de nós é falso. O Demo dixo que ningún ser humano defenderá lealmente o nome de Xehová. El afirma que ningún de nós se manterá íntegro nas probas e que deixaremos de servir a Deus se non obtemos beneficios por facelo (Xob 1:9-11; 2:4). Pero o fiel Xob demostrou que Satanás é un mentireiro. Farás ti o mesmo? Todos nós temos o privilexio de decidir se defenderemos o noso Pai e se o faremos feliz servíndoo fielmente (Prov. 27:11). Que honor máis grande!
6. Como podemos imitar o rei David e os levitas? (Nehemías 9:5).
6 Os que aman a Xehová queren honrar o seu nome de todo corazón. David escribiu: “Louva a Xehová, alma miña; que todo o que hai dentro de min louve o seu santo nome” (Sal. 103:1, TNM). David entendía que honrar o nome de Deus é o mesmo que darlle louvanza a el. Cando escoitamos o seu nome, automaticamente pensamos na súa personalidade, en tódalas súas bonitas cualidades e nas súas impresionantes obras. David quería darlle gloria ó nome de seu Pai e santificalo, ou tratalo como santo. De feito, dixo que quería facelo con “todo o que [había] dentro” del, é dicir, de todo corazón. De forma parecida, os levitas puxeron o exemplo en canto a honrar a Xehová. Eles recoñeceron con humildade que as súas palabras nunca poderían expresar toda a honra que merece o seu santo nome (le Nehemías 9:5). Sen dúbida, esa louvanza humilde e sincera fixo moi feliz a Deus.
7. Como podemos louvar a Xehová na predicación e no noso día a día?
7 Na actualidade tamén podemos agradarlle a Xehová falando del con gratitude e dunha forma que demostre canto o queremos. Cando predicamos, o noso obxectivo principal é acercar as persoas a Xehová e que cheguen a querelo tanto como o queremos nós (Sant. 4:8). Gústanos moito ensinarlles o que di a Biblia sobre Deus e falarlles do seu amor, xustiza, sabedoría, poder e das súas outras fermosas cualidades. Tamén o louvamos e o facemos feliz cando nos esforzamos ó máximo por imitalo (Ef. 5:1). Desta maneira, quizais algunhas persoas se dean conta de que somos diferentes e se pregunten por que (Mat. 5:14-16). Ó relacionarnos con elas no noso día a día podemos explicarlles por que actuamos da forma que o facemos. Como resultado, as persoas de corazón sincero sentiranse atraídas a Deus e isto farao moi feliz (1 Tim. 2:3, 4).
CANDO LOUVAMOS O NOME DE XEHOVÁ FACEMOS MOI FELIZ A XESÚS
8. Por que é Xesús o mellor exemplo do que implica louvar o nome de Xehová?
8 De tódalas criaturas intelixentes que hai no ceo e na Terra, ninguén coñece a Xehová mellor que seu Fillo, Xesús (Mat. 11:27). El ama a seu Pai e por iso tomou a iniciativa de louvar o seu nome (Xoán 14:31). A noite antes de morrer, fíxolle unha oración na que resumiu o seu ministerio na Terra desta forma: “Eu manifestéille-lo teu nome” (Xoán 17:26). Como o fixo?
9. Que parábola usou Xesús para explicar de maneira clara como é seu Pai?
9 Xesús fixo máis que simplemente dicirlles ás persoas que o nome de Deus é Xehová. De feito, os xudeus que escoitaban falar a Xesús xa sabían isto. Pero, el tomou a iniciativa de explicar como é Deus (Xoán 1:17, 18). Por exemplo, as Escrituras Hebreas revelan que é misericordioso e compasivo (Éx. 34:5-7). Xesús fixo que esta verdade se entendese mellor ca nunca cando contou a parábola do fillo pródigo. Ó ler sobre ese pai que ve o seu fillo arrepentido cando “aínda estaba lonxe”, sae correndo ó seu encontro, o abraza e o perdoa de todo corazón, entendemos moi ben o misericordioso e compasivo que é Xehová (Luc. 15:11-32). Xesús axudoulles a outros a entender como é seu Pai realmente.
10. a) Como sabemos que Xesús usaba o nome de seu Pai e que quería que outros fixesen o mesmo? (Marcos 5:19) (Ver tamén a imaxe) b) Que quere Xesús que fagamos nós?
10 Quería Xesús que os demais tamén usasen o nome persoal de seu Pai? Claro que si! Pode que algúns líderes relixiosos daquel tempo cresen que era unha falta de respecto dicir o nome de Deus. Pero Xesús nunca permitiu que esas tradicións, que non estaban baseadas nas Escrituras, lle impedisen honrar o nome de seu Pai. Fíxate no que pasou cando curou un home endemoñado na rexión dos xerasenos. A xente colleu moito medo e pediulle a Xesús que marchase, así que se foi de alí (Mar. 5:16, 17). Pero el quería que se coñecese o nome de Xehová naquela zona. Por iso lle pediu ó home que curara que se encargase de dicirlle á xente, non o que el fixera, senón o que Xehová fixera (le Marcos 5:19). a Xesús segue querendo o mesmo hoxe en día: que deamos a coñecer o nome de seu Pai por todo o mundo (Mat. 24:14; 28:19, 20). Cando colaboramos nisto, facemos que o noso Rei, Xesús, estea moi contento.
11. Que lles ensinou Xesús ós seus seguidores a pedir en oración, e por que é isto tan importante? (Ezequiel 36:23).
11 Xesús sabía que o propósito de Xehová é que se santifique o seu nome e se desmintan tódalas acusacións falsas que se fixeron sobre el. Por iso o noso Mestre lles ensinou ós seus seguidores a orar: “Noso Pai que estás nos ceos, que o teu nome sexa santificado” (Mat. 6:9). O Fillo de Deus entendía que este é o asunto máis importante e que involucra toda a creación (le Ezequiel 36:23). Ningunha criatura intelixente no Universo fixo tanto coma Xesús por santificar o nome de Xehová. Pero cando o arrestaron, de que o acusaron? De blasfemia! Seguro que sentía que faltarlle ó respecto ó santo nome de seu Pai era o peor dos pecados. E estaba moi desgustado de que o acusasen e o declarasen culpable diso. Probablemente esta foi a razón principal pola que se sentiu “cheo de angustia” as horas antes de que o arrestasen (Luc. 22:41-44).
12. Como santificou Xesús o nome de seu Pai da mellor maneira posible?
12 Co fin de santificar o nome de seu Pai, Xesús aguantou todo tipo de torturas, insultos e acusacións falsas. El sabía que obedecera a Xehová en todo, e por iso non tiña nada do que avergonzarse (Heb. 12:2). Tamén sabía que Satanás o estaba atacando directamente neses momentos tan difíciles (Luc. 22:2-4; 23:33, 34). Seguramente o Demo tiña a esperanza de conseguir que Xesús lle fallase a Xehová, pero equivocouse por completo! O Fillo de Deus demostrou de maneira definitiva que Satanás é un cruel mentireiro e tamén que Xehová ten servos fieis que manteñen a súa integridade incluso durante as probas máis duras.
13. Como podemos facer feliz o noso Rei?
13 E ti? Queres facer feliz o noso Rei que xa está gobernando? Pois segue louvando o nome de Xehová e axudándolles a outros a coñecer como é el realmente. Se o fas, imitarás a Xesús (1 Ped. 2:21). Coma el, estarás alegrando a Deus e demostrando que o seu inimigo, Satanás, é un mentireiro sen escrúpulos.
CANDO LOUVAMOS O NOME DE XEHOVÁ CONTRIBUÍMOS A SALVAR VIDAS
14, 15. Que cousas marabillosas poden suceder cando lles ensinamos ás persoas sobre Xehová?
14 Cando louvamos o nome de Xehová axudamos a salvar vidas. Por que dicimos isto? Porque Satanás “cegóulle-lo entendemento” ás persoas deste mundo (2 Cor. 4:4). E como resultado chegaron a crer as súas mentiras, como por exemplo que Deus non existe, que é distante, que non se interesa polos humanos, que é cruel e que tortura para sempre os que fan o mal. Estes enganos o único que fan é manchar o nome de Xehová e conseguir que as persoas non queiran acercarse a el. Pero cando predicamos impedimos que Satanás consiga o seu obxectivo. Máis ben, ensinámoslle á xente a verdade sobre o noso Pai e louvamos o seu santo nome. Con que resultado?
15 As verdades da Palabra de Deus teñen un poder enorme. Ó ensinarlles a outros sobre Xehová e como é el realmente, sucede algo marabilloso. Podemos observar como, pouco a pouco, se lles cae dos ollos a venda das mentiras de Satanás e empezan a ver o noso querido Pai tal e como o vemos nós. Por exemplo, quedan impresionados co seu poder, que non ten límites (Is. 40:26). Séntense seguros ó ver que a súa xustiza é perfecta (Deut. 32:4). Quedan asombrados pola súa enorme sabedoría (Is. 55:9; Rom. 11:33). E séntense reconfortados ó saber que el é a personificación do amor (1 Xoán 4:8). Canto máis se achegan a Xehová, máis segura se fai a súa esperanza de vivir para sempre como fillos seus. É un grande honor para nós axudarlles ás persoas a acercarse a seu Pai. Cando participamos nisto, Xehová considéranos “colaboradores seus” (2 Cor. 6:1).
16. Que efecto ten nalgunhas persoas coñecer o nome de Deus? Pon algúns exemplos.
16 O simple feito de aprender que o nome de Deus é Xehová pode ter un grande impacto nunha persoa sincera. Fíxate no exemplo de Aaliyah, unha muller nova que se criou nunha familia que non é cristiá. b Ela non estaba satisfeita coa súa relixión e non se sentía cerca de Deus. Pero, isto cambiou cando empezou a estudar coas testemuñas de Xehová. Comezou a ver a Deus coma un amigo. Tamén quedou moi sorprendida ó ver que o nome de Deus se quitara de moitas Biblias e se substituíra por simples títulos, como Señor. Aprender o nome de Xehová cambioulle a vida. Ela dixo: “O meu mellor amigo ten un nome!”. Cal foi o resultado? Aaliyah conta: “Agora teño moita paz e síntome moi privilexiada”. Outro exemplo é o de Steve, un músico que se criou nun ambiente xudeu moi conservador. Debido a toda a hipocrisía que vira, xa non quería formar parte dunha relixión organizada. Pero, cando morreu súa nai, un amigo invitouno a asistir a un curso da Biblia que impartía unha testemuña de Xehová, e Steve aceptou. Quedou profundamente impactado ó aprender o nome de Deus. El conta: “Nunca me ensinaran que el ten un nome”. E engade: “Por primeira vez entendín que Deus é real! Empecei a velo como a unha persoa e souben que encontrara un amigo”.
17. Por que estás decidido a seguir louvando o nome de Xehová? (Ver tamén a imaxe).
17 Cando predicas e dás cursos da Biblia, ensínaslles o santo nome de Xehová ás persoas? Axúdaslles a ver como é o noso Deus realmente? Así louvas o seu nome. Sigue facendo isto sempre! Desta maneira salvarás vidas, imitarás o exemplo do noso Rei, Cristo Xesús, e sobre todo alegrarás moito o noso Pai, Xehová. Fai túas as seguintes palabras: “Louvarei por sempre o [seu] nome”! (Sal. 145:2).
POR QUE Ó LOUVAR O NOME DE DEUS...
-
... facemos feliz a Xehová?
-
... facemos feliz a Xesús?
-
... contribuímos a salvar vidas?
CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová