ARTIGO DE ESTUDO 8
CANCIÓN sjj 130 Perdoemos os demais
Como podes imitar o perdón de Xehová
“Coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós”(COL. 3:13).
OBXECTIVO
Aprender que pasos podemos dar para perdoar a quen nos fixo dano.
1, 2. a) Cando pode ser especialmente difícil perdoar a outros? b) Como demostrou Denise o seu perdón?
RESÚLTACHE difícil perdoar os demais? A moitos de nós si, especialmente cando alguén fai ou di algo que nos fai moito dano. Pero o certo é que hai algúns pasos que podemos dar para deixar de estar enfadados ou ofendidos e perdoar. Vexamos a experiencia de Denise, quen perdoou de maneira extraordinaria. a No ano 2017, Denise e a súa familia foron visitar a sede central das Testemuñas de Xehová, que había pouco que se inaugurara. Cando viaxaban de volta á casa, outro condutor perdeu o control do seu coche e chocou contra eles. Denise perdeu o coñecemento. Cando despertou soubo que os seus fillos estaban gravemente feridos e que o seu marido, Brian, morrera. Ó pensar naquel momento, ela di: “Sentinme moi deprimida e confundida”. Máis adiante soubo que cando sucedera o accidente o condutor non estaba baixo o efecto do alcohol nin das drogas, e tampouco estaba distraído mirando o telefono ou facendo outras cousas. Así que Denise oroulle a Xehová pedíndolle que lle dese paz e lle axudase a controlar as súas emocións.
2 O condutor que chocara contra eles foi acusado de homicidio involuntario. Se o tribunal decidía que era culpable é posible que tivese que ir ó cárcere. Entón, un funcionario xudicial díxolle a Denise que o que ela testificase tería moito peso á hora de decidir se aquel home finalmente iría a prisión ou non. Ela di: “Sentín como se alguén volvese a abrir a miña ferida e botase un quilo de sal nela, porque tiña que revivir os peores momentos da miña vida”. Tan só unhas semanas máis tarde, Denise sentouse na sala do xulgado para dar o seu testemuño diante do home que tanta dor lle causara á súa familia. Que foi o que dixo? Denise pediulle ó xuíz que tivese piedade daquel home. b Cando ela acabou de falar, o xuíz botouse a chorar. Dixo: “Nos 25 anos que levo sendo xuíz xamais escoitei nada igual no meu tribunal. Nunca escoito os familiares das vítimas suplicarme que teña piedade do acusado. Nunca escoito palabras de amor e perdón”.
3. Que lle axudou a Denise a perdoar?
3 Que lle axudou a Denise a perdoar? Meditar en como perdoa Xehová (Miq. 7:18). Se valoramos profundamente que Xehová nos perdoe a nós sentirémonos motivados a perdoar os demais.
4. Que quere Xehová que fagamos? (Efesios 4:32).
4 Xehová quere que esteamos tan dispostos a perdoar os demais como el o está con nós (le Efesios 4:32). Espera que perdoemos os que nos fan dano (Sal. 86:5; Luc. 17:4). Neste artigo veremos tres pasos que nos axudarán a facelo.
NON IGNORES OS TEUS SENTIMENTOS
5. Segundo Proverbios 12:18, como é posible que nos sintamos cando alguén nos ofende?
5 Pode ser que nos sintamos moi feridos polo que alguén dixo ou fixo, especialmente se esta persoa é un bo amigo ou un familiar (Sal. 55:13-15 [55:12-14, TNM]). Ás veces podemos estar tan enfadados ou ofendidos que nos sentimos coma se nos apuñalasen (le Proverbios 12:18). Quizais intentemos ignorar os nosos sentimentos, pero facer isto sería como deixar o puñal dentro da ferida. Non podemos esperar que os nosos sentimentos melloren se simplemente os ignoramos.
6. Como é posible que reaccionemos cando alguén nos ofende?
6 Cando alguén nos ofende, a nosa primeira reacción pode ser enfadarnos. A Biblia recoñece que incluso podemos chegar a sentir ira. Pero tamén nos advirte que non debemos deixarnos controlar por esta emoción (Sal. 4:5 [4:4, TNM]; Ef. 4:26). Por que? Porque as emocións a miúdo inflúen nas nosas accións, e estar enfadados rara vez trae bos resultados (Sant. 1:20). Recorda, enfadarse é unha reacción pero seguir enfadado é unha decisión.
Enfadarse é unha reacción pero seguir enfadado é unha decisión
7. Que outros sentimentos poderiamos experimentar cando alguén nos fai dano?
7 Cando outros nos tratan mal podemos sentir moita dor. Por exemplo, unha irmá que se chama Ann di: “Cando era unha nena, meu pai deixou a miña nai e casou coa miña coidadora. Sentinme abandonada. E cando tiveron fillos foi coma se eles ocupasen o meu lugar. Crecín sentindo que non me querían”. Unha irmá que se chama Georgette conta como se sentiu cando o seu marido lle foi infiel: “Eramos amigos dende nenos e serviamos como pioneiros xuntos. Rompeume o corazón”. E unha irmá chamada Naomi conta: “Nunca pensei que o meu home me faría dano. Así que, cando me confesou que estivera vendo pornografía a escondidas, sentinme enganada e traizoada”.
8. a) Cales son algunhas razóns polas que deberiamos perdoar? b) Como nos beneficia perdoar? (Ver o recadro “ E se alguén nos fixo tanto dano que nos provocou un trauma?”).
8 Non podemos controlar o que outros nos din ou nos fan, pero si que podemos intentar controlar a nosa resposta, e normalmente o mellor é perdoar. Por que? Porque amamos a Xehová e el quere que perdoemos. Se seguimos estando enfadados e non perdoamos é probable que fagamos algunha parvada e que incluso danemos a nosa saúde (Prov. 14:17, 29, 30). Fíxate no exemplo dunha irmá que se chama Christine. Ela di: “Cando estou enfadada ou ofendida sorrío menos, como alimentos pouco saudables, non durmo o suficiente e cústame máis controlar as emocións. Todo isto aféctalle ó meu matrimonio e á miña relación cos demais”.
9. Por que deberiamos deixar de estar enfadados?
9 Incluso se a persoa nunca nos pide perdón polo que fixo, podemos reducir o dano que nos provocou. Como? Georgette, de quen falamos antes, di: “Necesitei tempo, pero conseguín deixar de estar enfadada co meu exmarido. Grazas a iso sentín unha paz enorme”. Cando deixamos de estar resentidos non permitimos que a amargura lle afecte á nosa maneira de tratar os demais. Tamén é bo para nós, porque deixamos de pensar no asunto e volvemos a desfrutar da vida (Prov. 11:17). Pero que deberiamos facer se aínda non nos sentimos preparados para perdoar?
XESTIONA OS TEUS SENTIMENTOS
10. Por que debemos darnos un tempo para curar en sentido emocional? (Ver tamén as imaxes).
10 Como podemos deixar de estar enfadados ou ofendidos? Unha maneira é dándonos un tempo para curar. Despois de recibir un tratamento médico, unha persoa que foi ferida de gravidade necesita tempo para recuperarse. De maneira parecida, necesitamos un tempo para recuperarnos en sentido emocional antes de poder perdoar alguén de todo corazón (Ecl. 3:3; 1 Ped. 1:22).
11. Por que a oración nos pode axudar a perdoar?
11 Óralle a Xehová pedindo que che axude a perdoar. c Ann, da que xa falamos antes, explica como lle axudou a oración. Ela conta: “Pedinlle a Xehová que nos perdoase a todos na familia polas cousas que non fixemos ben. Despois, escribinlle unha carta ó meu pai e á súa nova muller dicíndolles que xa os perdoara”. Ann recoñece que iso non foi fácil, pero segue dicindo: “Espero que, ó intentar imitar o perdón de Xehová, o meu pai e a súa muller queiran saber máis sobre Deus”.
12. Por que debemos confiar máis en Xehová que nos nosos sentimentos? (Proverbios 3:5, 6).
12 Confía en Xehová e non nos teu sentimentos (le Proverbios 3:5, 6). El sempre sabe o que é mellor para nós e nunca nos pedirá algo que nos faga dano (Is. 55:8, 9). Así que, cando nos anima a que perdoemos podemos ter a seguridade de que facelo é o mellor para nós (Sal. 40:5 [40:4, TNM]; Is. 48:17, 18). Pero se confiamos nos nosos sentimentos pode ser que nunca sexamos capaces de perdoar (Prov. 14:12; Xer. 17:9, TNM). Naomi, mencionada antes, di: “Ó principio cría que non tiña por que perdoar o meu marido por ver pornografía. Tiña medo de que me fixese dano outra vez ou de que esquecese toda a dor que me provocara. Eu razoaba que Xehová entendía os meus sentimentos. Pero empecei a darme conta de que o feito de que Xehová entenda os meus sentimentos non significa que estea de acordo con eles. Sabe como me sinto e que necesito tempo para recuperarme, pero tamén quere que perdoe”. d
CAMBIA OS TEUS SENTIMENTOS
13. Segundo Romanos 12:18-21, que debemos facer?
13 Cando perdoamos alguén que nos fixo moito dano queremos facer máis que simplemente non falar do tema. O noso obxectivo debe ser facer as paces con ela, especialmente se esa persoa tamén é un servo de Xehová (Mat. 5:23, 24). Para facer iso, en vez de seguir enfadados escollemos demostrar misericordia e perdoar (le Romanos 12:18-21; 1 Ped. 3:9). Que nos axudará a facelo?
14. Que debemos esforzarnos por facer, e por que?
14 Xehová decide fixarse nas cousas boas das persoas. E nós deberiamos esforzarnos por imitalo e buscar as boas cualidades que ten a persoa que nos ofendeu (2 Crón. 16:9; Sal. 130:3). O certo é que se buscamos cousas malas nos demais, ímolas encontrar. Pero se buscamos cousas boas tamén as atoparemos, e iso fará que nos sexa máis fácil perdoalos. Por exemplo, un irmán que se chama Jarrod di: “Resúltame máis fácil perdoar un irmán cando penso en tódalas cousas que me gustan del en vez de no seu erro”.
15. Por que pode ser de axuda dicirlle a alguén que xa o perdoamos?
15 Outra cousa importante que debemos facer é dicirlle á persoa que xa a perdoamos. Por que? Fíxate no que di Naomi, de quen xa falamos antes: “O meu marido preguntoume: ‘Perdoáchesme?’. Cando lle ía dicir que si, non puiden facelo. Deime conta de que non o perdoara de verdade no meu corazón. Co tempo si que fun capaz de dicirlle esa frase tan importante: ‘Perdóote’. Nese momento ó meu marido saltáronlle as lágrimas. Sorprendeume ver o aliviado que se sentiu el e a paz que tamén sentín eu. Dende entón aprendín de novo a confiar nel e recuperamos a nosa amizade”.
16. Que aprendiches sobre o perdón?
16 Xehová quere que perdoemos (Col. 3:13). Aínda así, é posible que nos sexa difícil facelo. Pero poderemos logralo se non ignoramos os nosos sentimentos e nos esforzamos por xestionalos. Entón poderemos empezar a cambiar o que sentimos por esa persoa (mira o recadro “ Tres pasos para perdoar”).
CÉNTRATE NOS BENEFICIOS DE PERDOAR
17. Por que debemos perdoar a outros?
17 Temos moitas razóns para perdoar. Pensa nas seguintes: primeiro, imitamos e facemos feliz o noso misericordioso Pai Xehová (Luc. 6:36). Segundo, demostramos que agradecemos de verdade que Deus nos perdoase (Mat. 6:12). E terceiro, temos mellor saúde e mantemos fortes as nosas amizades.
18, 19. Que pode pasar grazas a que perdoemos?
18 Cando perdoamos a outros é posible que recibamos bendicións que non esperabamos. Por exemplo, fíxate no que lle pasou a Denise, de quen xa falamos neste artigo. Aínda que ela non o sabía, o home que provocara o accidente tiña pensado suicidarse despois do xuízo. Pero estaba tan agradecido polo perdón de Denise que empezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová.
19 É posible que perdoar alguén sexa o máis difícil que teñamos que facer nunca, pero tamén pode que sexa unha das cousas que máis beneficios nos traia (Mat. 5:7). Polo tanto, esforcémonos ó máximo por imitar o perdón de Xehová.
CANCIÓN sn 21 “Ditosos os misericordiosos”
a Cambiáronse algúns nomes.
b Nesta situación, cada cristián debe tomar unha decisión persoal sobre que facer.
c En jw.org, mira os vídeos das cancións “Hay que perdonar”, “Te perdono” e “Es hora de hacer las paces” (dispoñibles en español).
d Aínda que ver pornografía é un pecado e fai moito dano, non lle dá ó cónxuxe inocente base bíblica para divorciarse.