Como ser un verdadeiro amigo
ALGUNHA vez pasaches por un problema e non había ninguén para axudarche? Estamos vivindo en “intres difíciles” que poden facernos sentir desanimados e sós (2 Tim. 3:1). Pero cando pasamos por dificultades hai persoas que nos poden botar unha man. A Biblia destaca o valioso que é ter verdadeiros amigos “en tempos de angustia” (Prov. 17:17, TNM).
COMO PODEN AXUDAR OS VERDADEIROS AMIGOS
O apóstolo Paulo fixera viaxes misionais con algúns dos seus amigos e eles axudáronlle de moitas maneiras (Col. 4:7-11). Cando estaba no cárcere en Roma, os seus amigos cumpriron con algunhas tarefas que el mesmo non podía facer. Por exemplo, Epafrodito levoulle algunhas cousas de parte dos irmáns de Filipos (Filip. 4:18). E Tíquico entregou cartas de Paulo a diferentes congregacións. Co apoio dos seus amigos, Paulo levou a cabo o seu ministerio a pesar de estar baixo arresto domiciliario ou illado no cárcere. Como podes ti ser un bo amigo hoxe en día?
Hai exemplos da actualidade que demostran o que poden facer os amigos para axudarse uns ós outros. Vexamos o caso dunha irmá que demostrou ser unha boa amiga para Elisabet, unha pioneira regular que serve en España. Cando á nai de Elisabet lle diagnosticaron un cáncer terminal, esta irmá envioulle moitas mensaxes animadoras baseadas en textos da Biblia. Elisabet di: “Estas mensaxes déronme as forzas que necesitaba para facerlle fronte a cada día sen sentirme soa” (Prov. 18:24).
Podemos fortalecer a nosa amizade cos irmáns apoiándoos nas actividades da congregación. Por exemplo, poderías ofrecerte para levar un irmán maior á reunión ou á predicación? Se o fas, os dous sairedes animados (Rom. 1:12). Pero quizais algúns nin sequera poidan saír da casa. Como podes ser un verdadeiro amigo tamén para eles?
SÉ UN VERDADEIRO AMIGO PARA OS QUE NON PODEN SAÍR DA CASA
Algúns irmáns teñen problemas de saúde ou outras circunstancias que lles impiden asistir ás reunións en persoa. Este foi o caso de David, a quen lle diagnosticaron un linfoma. Durante os máis de 6 meses que recibiu quimioterapia, tanto el como a súa muller, Lidia, conectáronse ás reunións dende a casa.
Como os animaron os seus amigos da congregación? Despois de cada reunión, algúns dos que estaban no Salón do Reino facían o esforzo de falar con eles por videoconferencia. Ademais, cando David e Lidia comentaban nas reunións, máis tarde recibían mensaxes nas que os irmáns
lles dicían o moito que lles gustaran os seus comentarios. Grazas a isto, percibiron o amor dos irmáns e sentíronse menos sós.Quizais poderías facer plans para predicar cos irmáns que non poden saír da casa. Con algúns pequenos axustes podes demostrarlles que non te esqueciches deles (Prov. 3:27). Por que non planificas un tempo para predicar con eles por carta ou por teléfono? Ademais, os anciáns poden facer plans para que tamén sexa posible conectarse por videoconferencia ás reunións para predicar. David e Lidia agradeceron moito que se fixese isto. David conta: “Simplemente estar cos irmáns nestas pequenas reunións e orar con eles dábanos moitísimo ánimo”. Ademais, se as circunstancias o permiten e é seguro facelo, cres que poderías levar un estudante da Biblia á casa dun irmán que está confinado e facer o curso alí de vez en cando?
Cando pasamos tempo con estes irmáns coñecemos mellor as súas fermosas cualidades e facémonos máis amigos deles. Por exemplo, admiraralos aínda máis cando prediques con eles e vexas o ben que usan a Palabra de Deus para chegarlle ó corazón a alguén. Se apoias os irmáns nas actividades espirituais, poderás ampliar o teu círculo de amigos (2 Cor. 6:13).
A Paulo animouno moito estar co seu amigo Tito (2 Cor. 7:5-7). Está ben dicirlles palabras animadoras ós nosos irmáns. Pero o exemplo de Tito ensínanos que tamén pode ser moi bo pasar tempo con eles e facer cousas para axudarlles (1 Xoán 3:18).
SÉ UN VERDADEIRO AMIGO EN TEMPOS DE PERSECUCIÓN
Os irmáns de Rusia póñennos un bonito exemplo sobre como apoiarnos uns ós outros. Por exemplo, a policía rexistrou a casa de Sergey e Tatyana, e despois leváronos á comisaría para interrogalos. A ela liberárona primeiro e volveu para a casa. Sergey conta: “Tan pronto como Tatyana chegou á casa, foi visitala unha irmá moi valente. Ó pouco, chegaron máis irmáns e irmás ó noso apartamento para axudarnos a limpalo despois da redada”.
Sergey di: “Sempre me gustou Proverbios 17:17 (TNM) que di que ‘o verdadeiro amigo ama en todo momento e é un irmán en tempos de angustia’. Durante esta época de persecución, necesitei moita axuda dos meus amigos. Entón foi cando vin o certas que son as palabras deste texto. Xehová deume amigos que son moi valentes e que están sempre ó meu lado”. a
Como estamos pasando por situacións difíciles, necesitamos amigos nos que apoiarnos. E necesitarémolos aínda máis durante a gran tribulación. Así que esforcémonos xa agora por ser verdadeiros amigos! (1 Ped. 4:7, 8).
a Mira en jw.org o artigo “Jehová me ha dado amigos valientes que no me han abandonado” (dispoñible en español).