ARTIGO DE ESTUDO 7
CANCIÓN sn 109 Alabemos o Primoxénito de Xehová!
Como te beneficia o perdón de Xehová
“En ti está o verdadeiro perdón” (SAL. 130:4, TNM).
OBXECTIVO
Analizar algunhas comparacións da Biblia que describen a maneira única que ten Xehová de perdoarnos. Este artigo tamén nos axudará a estar máis agradecidos polo seu verdadeiro perdón.
1. Que pode pasar cando un amigo che di: “Perdóote”?
IMAXINA que dixeches ou fixeches algo que feriu un amigo teu. Pero despois pídeslle perdón e el diche: “Perdóote”. Como te sentirías ó escoitar estas palabras? É moi probable que sentises coma se che quitaran unha carga moi pesada. Pero será a vosa amizade a mesma? Ou as cousas serán diferentes agora?
2. Como se describe o perdón de Xehová na Biblia? (Ver tamén a nota).
2 A maneira que ten Xehová de perdoarnos ós humanos imperfectos é moi diferente á nosa. Ninguén pode perdoar coma el. O salmista expresouno da seguinte forma: “Porque en ti está o verdadeiro perdón, e así despertas reverencia” (Sal. 130:4, TNM). a Como o perdón de Xehová é verdadeiro, el é quen nos ensina o que significa realmente perdoar. Nalgúns casos, os escritores da Biblia utilizaron unha palabra hebrea para describir como perdoa Xehová que nunca se usa para describir como perdoan os humanos.
3. En que se diferencia o perdón de Xehová do noso? (Isaías 55:6, 7).
3 Cando Xehová nos perdoa, o noso pecado bórrase totalmente. Grazas a iso, podemos seguir tendo unha relación moi estreita co noso Deus. Que agradecidos estamos de saber que nos perdoa por completo unha e outra vez (le Isaías 55:6, 7).
4. Como nos axuda Xehová a entender o que significa o verdadeiro perdón?
4 Se o perdón de Xehová é diferente ó noso, como podemos os humanos imperfectos chegar a entender o que significa perdoar de verdade? Xehová utiliza comparacións moi claras para axudarnos a comprender a súa maneira de perdoar. Neste artigo veremos algunhas delas. Estas farannos ver como Xehová borra o noso pecado e, ó mesmo tempo, nos permite volver a ser os seus amigos. Ó ir analizando estas comparacións, estarémoslle moito máis agradecidos ó noso Pai, quen nos perdoa de moitas maneiras.
XEHOVÁ PON LONXE DE NÓS O PECADO
5. Que pasa cando Xehová perdoa os nosos pecados?
5 A Biblia a miúdo compara os pecados con cargas pesadas. O rei David falou dos seus propios pecados da seguinte maneira: “As miñas culpas sóbenme á cabeza, coma carga que non podo aturar” (Sal. 38:5 [38:4, TNM]). Pero Xehová perdoa os pecados dos que se arrepinten (Sal. 25:18; 32:5). A expresión hebrea traducida como perdón significa basicamente “levantar” ou “levar”. Quizais nos imaxinemos a Xehová coma un home forte que, en sentido simbólico, levanta dos nosos ombros esa carga tan pesada que é o pecado e que despois a leva lonxe de nós.
6. Que distancia pon Xehová entre nós e os nosos pecados?
6 Hai outra comparación que nos mostra o lonxe que pon Xehová os pecados de nós. No Salmo 103:12 lemos: “Canto dista o nacente do poñente, así arreda de nós as nosas culpas”. O nacente e o poñente están en direccións totalmente opostas e á maior distancia posible. Noutras palabras, cando Xehová nos perdoa pon os pecados o máis lonxe posible de nós, moito máis do que podemos imaxinar. Isto asegúranos que el nos perdoa completamente.
7. Como se describe na Biblia o que Xehová fai cos nosos pecados? (Miqueas 7:18, 19).
7 Sabemos que Xehová leva de maneira simbólica os nosos pecados lonxe de nós. E que fai con eles despois? Tenos gardados? Non. O rei Ezequías dixo sobre Xehová: “Botaches sobre [ou tras] o teu lombo tódolos meus pecados” (Is. 38:9, 17). Esta comparación demostra que Xehová pon os pecados dos que se arrepinten fóra da súa vista. As palabras de Ezequías tamén poderían entenderse da seguinte maneira: “Fixeches coma se [os meus pecados] nunca ocorresen”. b Hai unha comparación parecida en Miqueas 7:18, 19 (leo). Neste texto dise que Xehová bota ó fondo do mar tódolos nosos pecados. En tempos antigos, era imposible que alguén recuperase un obxecto que caera ó fondo do mar.
8. Que aprendemos ata agora?
8 A Biblia mostra claramente que cando Xehová nos perdoa, quítanos a carga do pecado por completo para que xa non nos sintamos culpables. As seguintes palabras de David son moi certas: “Benia [ou felices] aqueles a quen se lles perdoaron as súas iniquidades, ós que lles enterraron os seus pecados. Benia o home a quen o Señor non lle ten en conta o pecado” (Rom. 4:7, 8). Isto é o que significa o verdadeiro perdón!
XEHOVÁ BORRA O PECADO
9. Que comparación usa Xehová para explicar que nos perdoa por completo?
9 Xehová utiliza outra comparación para axudarnos a entender como, por medio do rescate, el borra os pecados das persoas que se arrepinten. Na Biblia dise que Deus limpa ou lava estes pecados. Como resultado, purifica o pecador (Sal. 51:9 [51:7, TNM]; Is. 4:4; Xer. 33:8). Xehová describe o proceso desta maneira: “Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán; aínda que fosen vermellos coma o carmesí, coma lá se volverán” (Is. 1:18). É moi difícil limpar unha tea que ten unha mancha dun vermello moi intenso. Aínda así, mediante esta comparación, Deus asegúranos que os nosos pecados poden ser limpados e que polo tanto desaparecen.
10. Que outra comparación hai na Biblia que ilustra a magnitude do perdón de Xehová?
10 Tal e como se explicou no artigo anterior, a miúdo os pecados son comparados con débedas (Mat. 6:12, nota; Luc. 11:4). Así que, cada vez que pecamos contra Xehová, aumentamos a nosa débeda. Imaxina o grande que é! Pero cando Xehová nos perdoa, é coma se a cancelase. Ademais, non nos pide contas polos pecados que xa nos perdoou. Igual que unha persoa está moi feliz cando cancelan as súas débedas, nós tamén o estamos cando Xehová nos perdoa.
11. Que significa que na Biblia se diga que os nosos pecados son borrados? (Feitos 3:19).
11 Xehová non só salda as nosas débedas, ou pecados, senón que tamén as borra (le Feitos 3:19). Cando falamos de cancelar unha débeda quizais pensamos en alguén facendo unha X sobre a cantidade de cartos que debiamos. Aínda así, calquera podería ver os números que hai debaixo da X. Pero borrar algo é diferente. Para entender esta comparación temos que recordar que a tinta que se usaba no pasado podía borrarse con auga, por exemplo, cunha esponxa mollada. Así que, cando dicimos que se borrou unha débeda, significa que desapareceu por completo. O que estaba escrito antes xa non se pode ver, así que é coma se nunca chegase a existir. Que bonito é pensar en que Xehová non só cancela os nosos pecados senón que os elimina por completo (Sal. 51:11 [51:9, TNM]).
12. Que aprendemos da comparación do nubarrón?
12 Xehová tamén describe doutra maneira como fai para borrar completamente os nosos pecados. El di: “Farei desaparecer as túas ofensas como se as cubrise unha nube, e os teus pecados como se os cubrise un nubarrón” (Is. 44:22, TNM). Cando Xehová perdoa, é coma se usase un nubarrón para esconder as nosas ofensas para que nin el nin nós poidamos velas.
13. Como te sentes cando Xehová perdoa os teus pecados?
13 Que significa isto para nós? Que cando Xehová perdoa, non deberiamos seguir sentíndonos culpables polo que fixemos. As nosas débedas cancélanse por completo mediante o sangue de Xesucristo. Cando Xehová nos perdoa é coma se nunca cometésemos ese erro. Isto é o que significa o perdón verdadeiro que recibiremos de Xehová se nos arrepentimos dos nosos erros.
XEHOVÁ RESTAURA A NOSA AMIZADE
14. Por que podemos confiar en que Xehová nos perdoará por completo? (Ver tamén as imaxes).
14 O verdadeiro perdón de Xehová permítenos ter unha boa relación con el. Grazas a iso non necesitamos seguir sentíndonos culpables. Non temos que ter medo de que Xehová estea resentido e buscando maneiras de castigarnos. Isto nunca pasará. Por que podemos confiar en Xehová cando nos di que nos perdoa? El díxolle ó profeta Xeremías: “Eu perdoaréille-la súa iniquidade, e xa non me lembrarei máis dos seus pecados” (Xer. 31:34). Paulo citou estas palabras en Hebreos 8:12. Pero que significa isto realmente?
15. Que significa que Xehová non lembre os nosos pecados?
15 Na Biblia, a expresión “lembrar” non sempre se refire a recordar algo que sucedeu no pasado. Tamén pode implicar facer algo, é dicir, actuar. O criminal que estaba colgado no madeiro ó lado de Xesús pediulle: “Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei” (Luc. 23:42, 43). Aquel home non só lle estaba pedindo que, chegado o momento, pensase nel. A resposta de Xesús indica que actuaría e o resucitaría. Así que, cando Xehová nos di que non lembra os nosos pecados, significa que non actuará en contra nosa. Non nos castigará no futuro polos pecados que xa nos perdoou.
16. Como describe a Biblia a liberdade que sentimos cando Xehová nos perdoa?
16 A Biblia utiliza outra comparación para axudarnos a entender a liberdade que sentimos cando Deus nos perdoa. Di que, debido á nosa imperfección, somos “escravos do pecado”. Pero grazas ó perdón de Xehová, somos coma escravos que foron “liberados do pecado” (Rom. 6:17, 18; Apoc. 1:5). Cando sabemos que Xehová nos perdoou, podemos sentirnos tan felices coma un escravo que quedou libre.
17. En que sentido cura o perdón? (Isaías 53:5).
17 Le Isaías 53:5. Na última comparación da que falaremos compárasenos con persoas que teñen unha enfermidade terminal. Grazas ó sacrificio de rescate que Xehová ofreceu mediante o seu Fillo, fomos curados (1 Ped. 2:24). Cando pecamos danamos a nosa relación con Xehová. Pero, grazas ó rescate, el pode perdoarnos e volvemos a ter a posibilidade de ser os seus amigos. Igual que unha persoa é moi feliz cando cura dunha enfermidade grave, nós tamén nos sentimos inmensamente felices cando curamos espiritualmente e recuperamos a aprobación de Xehová.
QUE SIGNIFICA PARA NÓS O PERDÓN DE XEHOVÁ
18. Que aprendemos das comparacións que analizamos neste artigo sobre o perdón de Xehová? (Ver tamén o recadro “Como nos perdoa Xehová”).
18 Que aprendemos das comparacións que analizamos neste artigo sobre o perdón de Xehová? Que cando el perdoa faino por completo e para sempre. Isto permítenos ser amigos do noso Pai celestial. Pero, ó mesmo tempo, temos que recordar que o verdadeiro perdón é un regalo que Xehová nos dá porque nos ama e porque é xeneroso, non porque o merezamos (Rom. 3:24).
19. a) De que deberiamos estar agradecidos? (Romanos 4:8). b) Que veremos no seguinte artigo?
19 Le Romanos 4:8. Estamos moi agradecidos de que Xehová nos perdoe (Sal. 130:4, TNM). Pero recibir o seu perdón depende de algo moi importante. Xesús explicouno así: “Se non lles perdoades ós demais as súas ofensas, o voso Pai tampouco vos perdoará a vós” (Mat. 6:14, 15). Así que é imprescindible imitar a Xehová e perdoar os demais. Como podemos facer isto? Verémolo no seguinte artigo.
CANCIÓN sjj 46 Graciñas, Xehová!
a O texto hebreo orixinal utiliza a expresión “o perdón”, o que implica que este é o único perdón verdadeiro aínda que existan outras formas de perdoar. Moitas traducións da Biblia non transmiten esta idea importante no Salmo 130:4.
b New International Dictionary of Old Testament Theology & Exegesis, escrito por Walter Kasper, editado por Willem A. VanGemeren, volume 1, “No. 1567”, páx. 832.