Ir ó contido

Ir ó índice

BIOGRAFÍA

Nunca estiven só

Nunca estiven só

HAI moitas circunstancias na vida que poden facer que nos sintamos sós: a perda de seres queridos, mudarse a un lugar descoñecido ou estar illado fisicamente. Eu pasei por todas elas pero, cando penso na miña vida, doume conta de que en realidade nunca estiven só. Deixa que che conte que me fixo chegar a esta conclusión.

O EXEMPLO DOS MEUS PAIS

Meus pais eran católicos moi devotos. Pero cando aprenderon coa axuda da Biblia que o nome de Deus é Xehová, ambos se converteron en testemuñas de Xehová moi entusiastas. Meu pai deixou de esculpir imaxes de Xesús e empezou a usar as súas habilidades como carpinteiro para converter a planta baixa da nosa casa no primeiro Salón do Reino en San Juan del Monte, un barrio ás aforas de Manila, a capital de Filipinas.

Cos meus pais e outros membros da familia

Despois de que eu nacese, en 1952, meus pais empezaron a ensinarme sobre Xehová, igual que fixeran cos meus catro irmáns e as miñas tres irmás maiores. A medida que ía crecendo, meu pai animábame a ler un capitulo da Biblia cada día e estudou comigo moitas publicacións teocráticas diferentes. De vez en cando, meus pais invitaban a quedar na casa a superintendentes viaxantes e a representantes da sucursal. Como familia, alegrounos e animounos moito escoitar as experiencias que nos contaban estes irmáns. Isto motivounos a facer que o servizo a Xehová fose o máis importante na nosa vida.

Aprendín moito do exemplo de meus pais, que foron moi fieis a Xehová. Despois de que a miña querida nai morrese por culpa dunha enfermidade, meu pai e mais eu empezamos a servir como pioneiros regulares en 1971. Pero en 1973, cando eu tiña 20 anos, el tamén faleceu. Perder os meus pais fixo que me sentise moi baleiro e só. Pero a esperanza “segura e firme” que atopei na Biblia axudoume a manter unha actitude positiva, a non deprimirme demasiado e a seguir cerca de Xehová (Heb. 6:19). Pouco despois de que morrese meu pai, aceptei unha asignación como pioneiro especial na illa remota de Coron, na provincia de Palawan.

SÓ ANTE ASIGNACIÓNS DIFÍCILES

Tiña 21 anos cando cheguei a Coron. Como sempre vivín na cidade, sorprendeume moito ver que naquela illa non había moitas casas que tivesen electricidade e auga corrente, e tamén escaseaban coches e motos. Aínda que había algúns irmáns, non tiña ningún compañeiro pioneiro e ás veces tocábame predicar a min só. Durante o primeiro mes, botei moitísimo de menos a miña familia e os meus amigos. De noite, poñíame a mirar cara ó ceo cheo de estrelas e caíanme as lágrimas. Víñanme ganas de deixalo todo e volver á casa.

Durante aqueles momentos, contáballe a Xehová o que pensaba e como me sentía. Acordábame de ideas animadoras que lera na Biblia e nas nosas publicacións. Moitas veces víñame á mente o Salmo 19:15 (19:14, TNM). Deime conta de que Xehová sería “a miña rocha e o meu redentor” se meditaba en cousas que lle gustasen, como nas súas obras e cualidades. O artigo “Usted nunca está solo” da revista La Atalaya foime de moita axuda. a Líao unha e outra vez. Dalgunha forma, cando estaba só, sentía que Xehová estaba comigo e tiña a oportunidade de orarlle, estudar e meditar.

Pouco despois de chegar a Coron, fun nomeado ancián. Como era o único, empecei a dirixir a Escola para Ensinar a Biblia, a Preparación para Predicar, o Estudo de Libro de Congregación e o Estudo de A Atalaia. Tamén daba o discurso público cada semana. Unha cousa estaba clara: xa non tiña tempo nin para sentirme só!

Tiven bos resultados predicando en Coron. Algúns dos meus estudantes da Biblia, co tempo, chegaron a bautizarse. Pero tamén tiven desafíos. Ás veces tiña que camiñar medio día para chegar ó territorio, sen saber nin onde ía durmir cando chegase. O territorio da congregación tamén incluía moitas illas máis pequenas. A miúdo tiña que viaxar en lancha co mar moi picado para chegar a elas, aínda que non sabía nadar. Durante eses momentos difíciles, Xehová protexeume e sostívome. Máis tarde deime conta de que Xehová me estivera preparando para desafíos aínda máis grandes na miña seguinte asignación.

PAPÚA-NOVA GUINEA

En 1978 asignáronme a Papúa-Nova Guinea, ó norte de Australia. Este pais é moi montañoso e case ten o tamaño de España. Quedei impresionado ó saber que a poboación, que era duns 3 millóns de persoas, falaba máis de 800 idiomas en total. Menos mal que a maioría da xente sabía falar pidgin melanesio, tamén coñecido como tok pisin.

Asignáronme de maneira temporal a unha congregación inglesa da capital, Port Moresby. Pero despois cambieime a unha congregación na que falaban tok pisin e empecei a ir a clases para aprender o idioma. Utilizaba na predicación o que me ían ensinando e así puiden mellorar moi rápido. En pouco tempo, fun capaz de dar un discurso público neste idioma. Imaxinade a miña sorpresa cando, antes de levar un ano en Papúa-Nova Guinea, me asignaron servir como superintendente de circuíto nas congregacións de tok pisin en varias provincias moi grandes.

Como as congregacións estaban moi separadas, tiña que organizar moitos congresos de circuíto e viaxar continuamente. Ó principio sentíame moi só porque estaba nun país novo, as persoas falaban un idioma diferente e tiñan costumes moi distintas ás miñas. Como o terreo era montañoso e escarpado, non podía viaxar entre as congregacións por terra, así que case tódalas semanas tiña que ir en avión. Ás veces era o único pasaxeiro nun avión monomotor moi descoidado. Estas viaxes poñíanme igual de nervioso que viaxar en lancha!

Moi poucas persoas tiñan teléfono, así que tiña que comunicarme coas congregacións por carta. A miúdo chegaba eu antes que as miñas cartas, e tiña que ir preguntándolle á xente da zona para localizar os publicadores. Pero cando os encontraba recibíanme con tanto cariño que enseguida recordaba por que me estaba esforzando tanto. Sentín a axuda de Xehová de moitas maneiras e a miña relación con el medrou moitísimo.

Na miña primeira reunión na illa de Bougainville, un matrimonio acercouse a min todo contento e preguntoume: “Acórdaste de nós?”. Entón recordei que lles predicara cando acababa de chegar a Port Moresby. Empezara a estudar a Biblia con eles antes de pasarlle o curso a un irmán da zona. E resulta que agora estaban bautizados! Esta foi unha das moitas bendicións que recibín durante os tres anos que estiven en Papúa-Nova Guinea.

UNHA PEQUENA E OCUPADA FAMILIA

Con Adel

Antes de marchar de Coron en 1978, coñecín unha irmá encantadora e moi sacrificada chamada Adel. Era pioneira regular á vez que criaba os seus fillos, Samuel e Shirley. Ademais tamén coidaba da súa nai, que era moi maior. En maio de 1981 volvín a Filipinas para casar con ela. Despois da voda, servimos xuntos como pioneiros regulares e coidamos da familia.

Servindo en Palawan con Adel, Samuel e Shirley

A pesar de ter unha familia, volvéronme nomear pioneiro especial en 1983 e asignáronme á illa de Linapacan, na provincia de Palawan. Mudámonos todos a este lugar illado onde non había Testemuñas. Tristemente, a nai de Adel morreu máis ou menos un ano despois. Aínda así, mantivémonos centrados na predicación, o que nos axudou a aguantar a dor. Empezamos tantos cursos da Biblia con persoas que querían asistir ás reunións que, en pouco tempo, necesitamos construír un pequeno Salón do Reino. Así que fixemos un nós mesmos. Tan só tres anos despois de chegar, fíxonos moi felices ver que asistiron 110 persoas á Conmemoración. Moitas delas progresaron e bautizáronse despois de que nós marchásemos.

En 1986 asignáronme á illa de Culion, onde había moitos enfermos de lepra. Poucos anos despois, nomearon tamén a Adel pioneira especial. Ó principio poñiámonos nerviosos ó pensar en predicarlles a persoas que estaban desfiguradas pola lepra. Pero os irmáns da zona aseguráronnos que os que padecían esta enfermidade recibiran tratamento e que había moi pouco risco de contaxio. Algunhas daquelas persoas asistían ás reunións na casa dunha irmá. Levounos pouco tempo adaptarnos e foi marabilloso compartir a esperanza da Biblia con xente que se sentía rechazada por Deus e pola sociedade. Foi un pracer ver como persoas que estaban tan enfermas recuperaban a alegría ó aprender que algún día terían saúde perfecta (Luc. 5:12, 13).

Como se adaptaron os nosos fillos á vida en Culion? Adel mais eu invitamos dúas irmás xoves que eran de Coron para que se unisen a nós e que así os nosos rapaces tivesen boas compañías. Samuel, Shirley e estas dúas irmás desfrutaban de ensinarlles xuntos a verdade a moitos nenos mentres que Adel e eu estudabamos cos pais deles. De feito, chegou un momento no que estudabamos con once familias. Pouco despois, tiñamos tantos estudantes da Biblia que progresaban que puidemos formar unha nova congregación!

Ó principio eu era o único ancián da zona. Así que a sucursal pediume que dirixise a reunión de entre semana para os oito publicadores de Culion, e que fixese o mesmo para os nove dunha vila chamada Marily, que estaba a tres horas en lancha. Despois de facer as reunións alí, camiñaba xunto coa miña familia varias horas por unha zona montañosa para dirixir cursos da Biblia nunha vila chamada Halsey.

Co tempo, houbo tanta xente que aceptou a verdade en Marily e en Halsey que construímos Salóns do Reino nos dous lugares. Igual que en Linapacan, os irmáns e as persoas interesadas aportaron a maior parte do material e da man de obra. O auditorio de Marily tiña un aforo de 200 persoas e era extensible, o que nos permitía facer alí tamén os congresos.

PENA, SOIDADE E ALEGRÍA RECUPERADA

En 1993, cando os rapaces xa eran adultos, Adel e eu empezamos na obra de circuíto en Filipinas. Despois, no ano 2000, asistín ó Curso de Adestramento Ministerial para recibir capacitación para ser instrutor dese curso. Eu non me sentía preparado para esa asignación, pero Adel sempre me animou. Ela recordábame que Xehová me daría as forzas para levar a cabo esta nova tarefa (Filip. 4:13). Adel sabía do que falaba, xa que estaba cumprindo coa súa asignación a pesar de ter problemas de saúde.

No 2006, mentres estaba como instrutor, a Adel diagnosticáronlle párkinson. Quedamos de pedra! Cando lle propuxen poñerlle fin á nosa asignación para coidar dela, díxome: “Por favor, busca un médico que me poida axudar coa miña enfermidade e eu sei que, grazas a Xehová, seguiremos adiante”. Durante os seguintes seis anos, Adel continuou servindo a Xehová sen queixarse. Cando xa non podía camiñar, predicaba dende a cadeira de rodas. E cando apenas podía falar, contestaba cunha ou dúas palabriñas nas reunións. Moitos irmáns mandábanlle mensaxes dicíndolle canto agradecían o seu bonito exemplo de aguante. Finalmente morreu no ano 2013. Levaba 30 anos con Adel, unha compañeira fiel e cariñosa, así que cando se durmiu na morte volvín sentirme moi triste e só.

Adel querería que seguise coa miña asignación, así que iso fixen. Mantívenme ocupado, o que me axudou a facerlle fronte á soidade. Dende o 2014 ata o 2017 asignáronme visitar as congregacións de idioma tagalo en países onde a obra estaba restrinxida. Despois visitei varias congregacións deste idioma en Taiwán, nos Estados Unidos e no Canadá. No 2019 dirixín clases en inglés do Curso para Evanxelizadores do Reino na India e en Tailandia. Sentín moita alegría en todas estas asignacións. Son o home máis feliz do mundo cando estou totalmente centrado en servir a Xehová.

A AXUDA NUNCA ESTÁ MOI LONXE

En cada nova asignación encaríñome cos irmáns, así que sempre se me fai difícil marchar. Pero aprendín a confiar por completo en Xehová neses momentos. Notei o seu apoio moitas veces, o que me axudou a aceptar de todo corazón calquera cambio que viñese. Hoxe en día sirvo como pioneiro especial en Filipinas e establecinme nunha nova congregación, que chegou a ser unha familia que me coida e me apoia. Ademais, estou moi orgulloso de ver como Samuel e Shirley seguen o exemplo fiel da súa nai (3 Xoán 4).

A congregación converteuse nunha familia que coida de min

É certo que pasei por moitos momentos moi duros na vida, como ver a miña muller sufrir e morrer por culpa dunha enfermidade dexenerativa. Tamén me tiven que adaptar moitas veces a novas circunstancias. Pero vin como Xehová “non está moi lonxe de cada un de nós” (Feit. 17:27). A súa man “non é tan curta” como para non darnos o apoio e as forzas que necesitamos os seus servos, incluso estando en territorios illados (Is. 59:1). Xehová, a miña Roca, estivo comigo durante toda a miña vida e síntome moi agradecido. Grazas a el, nunca estiven só.

a Mira La Atalaya do 15 de xaneiro de 1973, páxinas 41 a 47 (dispoñible en español).