ARTIGO DE ESTUDO 6
CANCIÓN sjj 18 Grazas polo rescate
Por que agradecemos o perdón de Xehová
“De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito” (XOÁN 3:16).
OBXECTIVO
Entender en que se basea Xehová para perdoar os nosos pecados e así estar máis agradecidos.
1, 2. En que se parece a situación da humanidade ó que lle pasou ó rapaz mencionado no parágrafo 1?
PENSA nun rapaz que creceu nunha familia rica. Un día sucede unha traxedia: os seus pais morren nun accidente. El está desconsolado. Pero aínda vai recibir outra terrible noticia: descobre que seus pais gastaron toda a fortuna familiar e que teñen moitísimas débedas. Isto é o que lle queda de herdanza. Ademais, as persoas ás que seus pais lles debían cartos queren que el lles pague xa, pero a débeda é tan grande que nunca terá o suficiente para pagala.
2 En certo sentido, a nosa situación é coma a dese rapaz. Os nosos primeiros pais, Adán e Eva, eran perfectos e vivían nun fermoso paraíso (Xén. 1:27; 2:7-9). Podían vivir felices para sempre. Pero, de pronto, todo cambiou. Pecaron e perderon a oportunidade de vivir no Paraíso eternamente. Entón, que herdamos os seus fillos? A Biblia di: “O pecado entrou no mundo por un home só [Adán], pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado” (Rom. 5:12). A herdanza que nos deixou Adán foi o pecado e, como resultado, a morte. O pecado que herdamos é coma unha enorme débeda que ningún de nós pode pagar (Sal. 49:9 [49:8, TNM]).
3. Por que son os nosos pecados coma “débedas”?
3 Xesús comparou os pecados con “débedas” (Mat. 6:12, nota; Luc. 11:4). Cando pecamos creamos unha débeda con Xehová, e temos que pagala. Se Deus non fixese os preparativos para poder saldar esta débeda doutra maneira, só poderiamos pagala coa morte (Rom. 6:7, 23).
4. a) Que nos pasaría a tódolos pecadores se ninguén nos axudase? (Salmo 49:8-10 [7-9, TNM]). b) A que se refire na Biblia a palabra pecado? (Ver o recadro “ Pecado”).
4 Poderemos recuperar o que perderon Adán e Eva? Non por nós mesmos (le Salmo 49:8-10 [7-9, TNM]). Se ninguén nos axudase non teriamos a esperanza de vivir para sempre ou de resucitar. Morreriamos e nunca máis poderiamos volver a vivir, igual que os animais (Ecl. 3:19; 2 Ped. 2:12).
5. Como nos axudou o noso querido Pai a pagar a débeda dos nosos pecados? (Ver a imaxe da portada).
5 Pensa no rapaz do que falamos ó principio. Como cres que se sentiría se un home rico lle ofrecese pagar tódalas súas débedas? Seguro que lle estaría moi agradecido e aceptaría este xeneroso regalo. De maneira parecida, o noso querido Pai Xehová deunos un regalo que paga a débeda do pecado que herdamos de Adán. Xesús explicouno desta maneira: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna” (Xoán 3:16). Ademais, este regalo tamén nos dá a oportunidade de ter unha boa relación con Xehová.
6. Que termos bíblicos imos analizar neste artigo, e por que?
6 Como podemos beneficiarnos deste marabilloso regalo que fai posible que os nosos pecados, ou “débedas”, sexan perdoados? Para responder esta pregunta analizaremos neste artigo varios termos bíblicos e o seu significado. Son os seguintes: reconciliación, expiación, propiciación, rescate, redención e ser declarados xustos. Ó meditar no que Xehová fixo para perdoarnos, estarémoslle máis agradecidos.
O OBXECTIVO: A RECONCILIACIÓN
7. a) Que máis perderon Adán e Eva? b) Como descendentes de Adán e Eva, que necesitamos? (Romanos 5:10, 11).
7 Cando Adán e Eva pecaron perderon a oportunidade de vivir para sempre. Ademais, convertéronse en inimigos do seu Pai, Xehová. Antes de pecar, eles eran parte da familia de Deus (Luc. 3:38). Pero, ó desobedecer, Xehová non lles permitiu seguir nela (Xén. 3:23, 24; 4:1). Como isto sucedeu antes de que empezasen a ter fillos, ningún dos seus descendentes poderiamos ser parte da familia de Xehová. Así que necesitabamos axuda para poder reconciliarnos e ter unha boa relación con el (le Romanos 5:10, 11). Segundo unha obra de consulta, a palabra grega que se utilizou neste versículo para reconciliar pode significar “facernos amigos de quen era un inimigo”. É impresionante que Xehová fose quen tomou a iniciativa para facer isto posible. Como o conseguiu?
A SOLUCIÓN: A EXPIACIÓN
8. a) Que é a expiación? b) Que é a propiciación?
8 A expiación é a solución de Xehová para restaurar a súa boa relación cos seres humanos pecadores. Organizou unha maneira de recuperar o que Adán perdera substituíndoo por algo do mesmo valor. As Escrituras Gregas Cristiás usan o termo propiciación, que ten un significado parecido ó de expiación (Rom. 3:25). A propiciación é o que nos permite estar en paz con Deus e ter unha boa relación con el.
9. Que organizou temporalmente Xehová para poder perdoar os pecados dos israelitas?
9 Xehová organizou algo temporal para perdoar os pecados dos israelitas e que así puidesen ter unha boa relación con el. En Israel, o Día de Expiación celebrábase cada ano. Nese día, o sumo sacerdote ofrecía sacrificios de animais en nome do pobo. Claro, como os animais son inferiores ós humanos, estas ofrendas non podían cubrir por completo os seus pecados. Pero, mentres os israelitas arrepentidos ofrecesen o que Xehová lles pedía, el estaba disposto a perdoalos (Heb. 10:1-4). Os sacrificios que ofrecían, tanto no Día de Expiación coma noutras ocasións, axudábanlles a darse conta de que eran pecadores e de que necesitaban algo máis para que os seus pecados fosen cubertos por completo.
10. Que fixo Xehová para que os humanos puidesen recibir o perdón dos pecados?
10 Que fixo Xehová para que os humanos puidesen recibir o perdón dos seus pecados? Planificou que o seu querido Fillo se ofrecese unha soa vez “para quita-los pecados” de moita xente (Heb. 9:28). Xesús deu “a súa vida como rescate a cambio de moitas persoas” (Mat. 20:28). Pero, que é un rescate?
O PREZO: O RESCATE
11. a) Segundo a Biblia, por que era necesario pagar un rescate? b) Quen era o único que podía pagar ese rescate?
11 Segundo a Biblia, Xehová decidiu que se tiña que pagar un rescate para que os nosos pecados fosen perdoados e para que puidésemos ser os seus amigos. E cal era o prezo dese rescate? Recordemos que Adán e Eva perderan a súa vida perfecta e a esperanza de vivir para sempre. Así que, para que os humanos puidésemos recuperar o perdido, o rescate tiña que ter o mesmo valor (1 Tim. 2:6). Só podería pagalo un home adulto que 1) fose perfecto, 2) puidese vivir para sempre na Terra e 3) estivese disposto a sacrificar a súa vida por nós. A vida dunha persoa así era o único que podía substituír o que se perdera.
12. Por que foi Xesús capaz de pagar o prezo do rescate?
12 Vexamos tres razóns polas que Xesús puido pagar o prezo deste rescate. 1) El era perfecto, é dicir “non fixo pecado” (1 Ped. 2:22). 2) Por esta razón tiña a posibilidade de vivir para sempre na Terra. 3) Estaba disposto a morrer e a facer ese sacrificio por nós (Heb. 10:9, 10). Xesús era perfecto, igual que o primeiro home antes de pecar (1 Cor. 15:45). Así que, ó morrer, puido pagar o prezo exacto para recuperar o que Adán perdera (Rom. 5:19). Por iso se di que chegou a ser “o último Adam”. Como Xesús morreu “dunha vez para sempre” xa non é necesario que ningunha outra persoa perfecta pague este rescate (Heb. 7:27; 10:12).
13. Cal é a diferenza entre a expiación e o rescate?
13 Entón, cal é a diferenza entre a expiación e o rescate? A expiación é o que fai Deus para restaurar a súa boa relación coa humanidade. O rescate é o prezo que se pagou para facer posible a expiación dos nosos pecados. O prezo represéntase co valioso sangue de Xesús que derramou por nós (Ef. 1:7; Heb. 9:14).
OS RESULTADOS: A REDENCIÓN E SER DECLARADOS XUSTOS
14. Que analizaremos agora, e por que?
14 Cales son os resultados da expiación? A Biblia utiliza diferentes expresións para destacar os beneficios. Aínda que significan cousas similares, cada unha delas destaca un aspecto específico da expiación que nos permite obter o perdón de Xehová. Ó analizar estas expresións tamén imos ver como nos afectan persoalmente.
15, 16. a) Cal foi o resultado de que se pagase o rescate? b) Como nos fai sentir ser liberados do pecado e da morte?
15 A Biblia di que podemos obter a redención grazas a que se pagou o rescate. O apóstolo Paulo expresouno da seguinte maneira: “[Xesucristo] entregouse por nós, para nos redimir de toda iniquidade” (Tito 2:14a).
16 Grazas ó sacrificio de rescate podemos ser liberados do pecado e da morte que tanto sufrimento nos causan (Rom. 5:21). Estamos moi agradecidos a Xehová e a Xesús por redimirnos co valioso sangue, ou vida, de Xesús (1 Cor. 15:22).
17, 18. a) Que significa ser declarados xustos? b) Como nos beneficia que Xehová nos declare xustos?
17 A Biblia di que os servos de Xehová somos declarados xustos. Isto significa que el xa non nos pide que paguemos polos pecados que cometemos. Ó facer isto, Xehová non está pasando por alto as súas normas de xustiza. El non nos declara xustos porque o merezamos nin tampouco aproba os nosos pecados. Pero grazas ó rescate e á nosa fe na expiación, Xehová ten unha base para cancelar as nosas débedas (Rom. 3:24; Gál. 2:16).
18 Como nos beneficia que Xehová nos declare xustos? Algúns dos que Xehová xa declarou xustos foron escollidos para reinar con Cristo no ceo e chegaron a ser fillos de Deus (Tito 3:7; ). Os seus pecados foron perdoados. É coma se nunca os cometeran, e por iso cumpren os requisitos para estar no Reino de Deus ( 1 Xoán 3:1Rom. 8:1, 2, 30). Outros dos que foron declarados xustos teñen a esperanza de vivir para sempre na Terra. Xehová tamén perdoou os seus pecados e chegaron a ser amigos seus (Sant. 2:21-23). Ademais, a gran multitude que sobreviva ó Armaxedón terá a oportunidade de non morrer nunca (Xoán 11:26). Tamén haberá unha resurrección “tanto de xustos coma de inxustos” (Feit. 24:15; Xoán 5:28, 29). Finalmente, tódolos servos obedientes de Xehová na Terra obterán a “salvación gloriosa dos fillos de Deus” (Rom. 8:21). Temos moitas ganas de que chegue ese momento no que poidamos recuperar a boa relación que tiñamos co noso Pai!
19. Como mellorou a nosa situación? (Ver tamén o recadro “ O perdón de Xehová”).
19 Está claro que a nosa situación era parecida á do rapaz que mencionamos ó principio, quen o perdera todo e herdara unha enorme débeda que nunca podería saldar. Pero Xehová axudounos. A nosa situación cambiou grazas a que el organizou unha maneira para perdoar os nosos pecados e a que Xesús pagou o rescate. A nosa fe en Xesucristo permítenos ser redimidos, ou liberados, do pecado e da morte. Cando Xehová perdoa os nosos pecados, para el é coma se nunca os cometésemos. Pero o máis importante de todo é que, grazas a isto, agora podemos ter unha boa amizade co noso querido Pai celestial, Xehová.
20. De que falaremos no seguinte artigo?
20 Ó meditar no que Xehová e Xesús fixeron por nós, sentímonos moi agradecidos (2 Cor. 5:15). Sen a súa axuda non teriamos ningunha esperanza! Pero que significa realmente o perdón de Xehová para cada un de nós? No seguinte artigo falaremos disto.
CANCIÓN sjj 10 Louvemos o noso Deus Xehová