ARTIGO DE ESTUDO 21
Como contesta Xehová as nosas oracións
“Estamos tamén certos de que xa conseguímo-lo que lle estamos pedindo” (1 XN. 5:15).
CANCIÓN sjj 41 Sinte meu rogo
AVANCE a
1, 2. Que poderiamos preguntarnos ás veces sobre as nosas oracións?
PREGUNTÁCHESTE algunha vez se Xehová contesta as túas oracións? Se é así, non es o único. Moitos irmáns e irmás tamén se preguntaron o mesmo, sobre todo cando afrontaron algunha dificultade. Se estamos pasando por problemas, pode que non nos sexa fácil darnos conta de como está respondendo Xehová as nosas oracións.
2 Neste artigo imos repasar algunhas razóns polas que podemos estar convencidos de que Xehová contesta as oracións dos seus servos (1 Xn. 5:15). Tamén analizaremos estas preguntas: Por que ás veces podería parecer que Xehová non nos está contestando? De que maneiras responde Xehová as oracións hoxe en día?
XEHOVÁ NON SEMPRE CONTESTA COMO ESPERAMOS
3. Por que quere Xehová que lle oremos?
3 A Biblia asegúranos que Xehová nos quere moito e que somos moi valiosos para el (Ax. 2:7; 1 Xn. 4:10). Por iso nos invita a que lle oremos para pedirlle axuda (1 Pe. 5:6, 7). O noso Deus quere axudarnos a afrontar as dificultades e a manternos cerca del.
4. Por que sabemos que Xehová contesta as oracións dos seus servos? (Ver tamén a imaxe).
4 Na Biblia encontramos moitos exemplos que demostran que Xehová contesta as oracións dos seus servos. Ocórreseche algún? Pensa no rei David. Durante toda a súa vida, tivo que enfrontarse a moitos inimigos perigosos e pediulle axuda a Xehová moitas veces. Nunha ocasión suplicoulle: “Escoita, Señor a miña oración, pola túa fidelidade, atende a miña súplica, respóndeme, pola túa xustiza” (Sal. 143:1). David pediulle a Xehová que o salvase e el contestou as súas oracións (1 Sam. 19:10, 18-20; 2 Sam. 5:17-25). Por iso puido dicir con confianza: “O Señor está cerca dos que o chaman” (Sal. 145:18). Nós tamén podemos ter esa mesma confianza.
5. Contestou sempre Xehová as oracións dos seus servos do pasado como eles esperaban? Pon un exemplo (ver tamén a imaxe).
5 Xehová non sempre contesta as nosas oracións como esperamos. Iso foi o que lle pasou ó apóstolo Paulo. El pediulle especificamente a Xehová en tres ocasións que lle quitase un “aguillón na carne”. Contestou Xehová as súas oracións? Si, pero non como el esperaba. En vez de quitarlle o problema, deulle as forzas que necesitaba para que o puidese seguir servindo fielmente (2 Cor. 12:7-10).
6. Por que ás veces podería parecer que Xehová non contesta as nosas oracións?
6 É probable que a nós tamén nos pase o mesmo. Pero podemos estar seguros de que Xehová sabe perfectamente cal é a mellor forma de axudarnos. De feito, “pode facer moito máis —inmensamente máis— do que nós poidamos pedir ou imaxinar” (Ef. 3:20). Así que quizais conteste as nosas oracións dunha forma ou nun momento que non esperamos.
7. Por que poderiamos ter que axustar o que lle pedimos a Xehová cando lle oramos? Pon un exemplo.
7 Cando entendemos mellor cal é a vontade de Xehová, poida que ás veces teñamos que axustar o que lle pedimos cando lle oramos. Pensa no exemplo de Martin Poetzinger. Pouco despois de casar, metérono nun campo de concentración nazi. Ó principio, pedíalle a Xehová que o sacase de alí para poder coidar da súa muller e volver a predicar. Pero cando xa levaba dúas semanas, non parecía que Xehová fose facer nada para que o liberasen. Por iso lle pediu: “Axúdame a ver o que queres que faga”. Entón, empezou a pensar nos demais irmáns que había no campo de concentración. Moitos deles estaban moi preocupados polas súas mulleres e os seus nenos. Así que o irmán Poetzinger oroulle a Xehová: “Grazas pola miña nova asignación. Axúdame a fortalecer e a animar os meus irmáns”. E iso foi xusto o que fixo durante os seguintes nove anos que pasou nos campos de concentración.
8. Que debemos recordar cando oramos?
8 Debemos recordar que Xehová ten un propósito e que xa escolleu o momento no que o vai cumprir. Ese propósito inclúe eliminar por completo e de maneira definitiva tódolos problemas que tanto nos fan sufrir hoxe en día, como os desastres naturais, as enfermidades e a morte. Xehová utilizará o seu Reino para facer todo isto (Dn. 2:44; Ap. 21:3, 4). Pero ata entón, está deixando que o Demo controle o mundo (Xn. 12:31; Ap. 12:9). b Se Xehová resolvese os problemas da humanidade agora mesmo, podería parecer que Satanás é un bo gobernante. Así que, de momento, temos que esperar ata que Xehová cumpra algunhas promesas. Pero iso non quere dicir que non nos estea axudando. Como o fai? Imos analizar algunhas formas.
COMO CONTESTA XEHOVÁ AS ORACIÓNS HOXE EN DÍA
9. Como nos axuda Xehová cando temos que tomar decisións? Pon un exemplo.
9 Xehová dános sabedoría. El promete que nos vai dar a sabedoría que necesitamos para tomar boas decisións. Necesitamos esa sabedoría sobre todo cando tomamos decisións que nos afectarán o resto da nosa vida, como se imos casar ou quedar solteiros (Sant. 1:5). Fíxate na experiencia de María, c unha irmá solteira que era moi feliz servindo como pioneira. Entón coñeceu un irmán. Ela conta: “Canto máis amigos nos faciamos, máis atraídos nos sentiamos un polo outro. Sabía que tiña que tomar unha decisión. Oreille moito a Xehová sobre este asunto. Necesitaba a súa guía, pero tiña claro que el non ía tomar a decisión por min”. María sente que Xehová contestou as súas oracións e que lle deu sabedoría. Como? Ó investigar nas nosas publicacións, puido encontrar artigos específicos que lle axudaron a responder as preguntas que tiña. Ademais escoitou os bos consellos que lle daba súa nai, unha fiel serva de Xehová. Iso axudoulle a analizar os seus sentimentos. Ó final puido tomar unha boa decisión.
10. Segundo Filipenses 4:13, que fará Xehová para axudarlles ós seus servos? Pon un exemplo (ver tamén a imaxe).
10 Xehová dános forzas para aguantar. Igual que fixo co apóstolo Paulo, tamén nos dará a nós as forzas que necesitamos para aguantar as dificultades (le Filipenses 4:13). Fíxate en como lle axudou a Benjamin. Durante a maior parte da súa xuventude, el e a súa familia viviron en campos de refuxiados en África. Benjamin conta: “Oráballe constantemente a Xehová, e pedíalle que me dese forzas para facer o que lle agrada. El contestou as miñas oracións dándome calma, valor para seguir predicando e publicacións para manterme forte espiritualmente”. Ademais engade: “Ler experiencias doutros irmáns e ver como Xehová lles axudou a aguantar fortaleceu a miña determinación de manterme leal”.
11, 12. Como pode usar Xehová a nosa familia espiritual para contestar as nosas oracións? (Ver tamén a imaxe).
11 Xehová usa a nosa familia espiritual. A noite antes de dar a súa vida por toda a humanidade, Xesús orou moi intensamente. Suplicoulle a Xehová que o librase da deshonra de ser condenado por blasfemar contra el. Pero en vez diso, Xehová axudoulle doutra maneira. Mandou un anxo, un dos irmáns espirituais de Xesús, para fortalecelo (Lc. 22:42, 43). No noso caso, poida que Xehová nos axude e nos anime mediante unha chamada ou unha visita dun irmán. Así que todos podemos buscar oportunidades para animar a outros coas nosas palabras (Pr. 12:25).
12 Pensa no que lle pasou a Míriam. Unhas semanas despois de que morrese o seu home, estaba soa na casa e sentíase moi triste e deprimida. Non podía deixar de chorar e necesitaba falar con alguén. Ela di: “Non tiña forzas para chamar a ninguén, así que lle orei a Xehová. Mentres aínda estaba chorando e orando, soou o teléfono. Era un ancián, un bo amigo”. Aquel ancián e a súa muller animárona moito. Míriam está convencida de que foi Xehová quen motivou este irmán para que a chamase.
13. Como utiliza Xehová as persoas que non o adoran para contestar as nosas oracións? Pon un exemplo.
13 Xehová pode usar persoas que non o adoran (Pr. 21:1). Ás veces, Deus contesta as oracións dos seus servos facendo que algunhas persoas que non o adoran lles axuden. Por exemplo, motivou o rei Artaxerxes para que lle permitise a Nehemías volver a Xerusalén e axudar coa reconstrución da cidade (Neh. 2:3-6). Hoxe en día, Xehová tamén pode facer que incluso as persoas que non o adoran nos axuden cando o necesitamos.
14. Como te anima a experiencia de Soo Hing? (Ver tamén a imaxe).
14 Iso foi o que lle pasou a Soo Hing. Ela sentiu que Xehová lle axudaba mediante o seu médico. Ó seu fillo diagnosticáronlle varias enfermidades mentais cando era pequeno. Anos máis tarde, o rapaz tivo un accidente moi grave e ela e o seu home tiveron que deixar o traballo para coidar del. Debido a isto, acabaron tendo problemas económicos. Soo Hing comentou que sentía que xa non podía máis. Así que lle abriu o seu corazón a Xehová e pediulle que lle axudase. Entón o seu médico interesouse polo seu caso. Grazas a isto, puideron recibir axuda do goberno e encontraron unha vivenda que podían pagar. Ó final, Soo Hing dixo: “Vin como nos axudaba Xehová. El de verdade é quen escoita as oracións” (Sal. 65:3 [65:2, TNM]).
FAI FALTA FE PARA ENCONTRAR E ACEPTAR A RESPOSTA DE XEHOVÁ
15. Que lle axudou a unha irmá a darse conta de que Xehová estaba contestando as súas oracións?
15 Normalmente Xehová non responde as nosas oracións de maneira espectacular, pero as súas respostas sempre son xusto o que necesitamos para manternos leais a el. Así que estate atento para ver como che responde. Fíxate no que lle pasou a Yoko. Ela sentía que Xehová non lle estaba contestando as súas oracións. Pero entón empezou a anotar nun caderno o que lle pedía. Despois dun tempo, volveu repasar o que anotara e deuse conta de que Xehová contestara a maioría das súas oracións, incluso algunhas das que xa non se acordaba. Que nos ensina isto? Que temos que sacar tempo de vez en cando para reflexionar en como está contestando Xehová as nosas oracións (Sal. 66:19, 20).
16. Como demostramos que temos fe cando oramos? (Hebreos 11:6).
16 Para demostrar que temos fe non só debemos orarlle a Xehová, senón tamén aceptar a súa resposta sen importar cal sexa (le Hebreos 11:6). Pensa no exemplo de Mike e a súa muller Chrissy. Eles tiñan a meta de servir en Betel. Mike conta: “Enviamos a solicitude durante moitos anos e orámoslle a Xehová unha e outra vez sobre esta meta”. Pero segue dicindo: “Nunca nos invitaron”. Aínda así, estaban convencidos de que Xehová sabía de que maneira podían serlle máis útiles. Así que seguiron esforzándose o máximo posible como pioneiros regulares, servindo en sitios onde facía falta axuda e apoiando proxectos de construción da organización de Xehová. Hoxe en día están na obra de circuíto. Mike di: “Xehová non sempre contestou as nosas oracións como esperabamos”. E engade: “Pero si que as contestou, e de formas aínda mellores das que nos podiamos imaxinar”.
17, 18. Segundo Salmo 86:6, 7, de que podemos estar convencidos?
17 Le Salmo 86:6, 7. O salmista David estaba seguro de que Xehová escoitaba e contestaba as súas oracións. Ti tamén podes ter esa mesma confianza. Os exemplos que vimos neste artigo asegúrannos que Xehová pode darnos a sabedoría e as forzas que necesitamos para aguantar. Tamén pode usar a nosa familia espiritual, ou incluso a algunhas persoas que non o adoran agora mesmo, para axudarnos dalgunha forma.
18 Sabemos que Xehová responde as nosas oracións. Aínda que poida que non o faga como esperamos, sempre nos vai dar o que nos fai falta e xusto cando o necesitamos. Polo tanto, sigue orando coa confianza de que Xehová te escoita. Podes estar convencido de que coidará de ti agora e de que no novo mundo “concederache os desexos do teu corazón” (Sal. 37:4, TNM).
CANCIÓN sjj 46 Graciñas, Xehová!
a Xehová asegúranos que vai contestar as nosas oracións se están de acordo coa súa vontade. Cando pasamos por problemas, podemos ter a confianza de que Xehová nos vai dar a axuda que necesitamos para manternos leais a el. Neste artigo imos analizar como contesta Xehová as nosas oracións.
b Para saber por que Xehová permite que o Demo controle o mundo, mira o artigo “No perdamos de vista la cuestión de la soberanía”, que se publicou na revista La Atalaya de xuño de 2017 (dispoñible en español).
c Cambiáronse algúns nomes.
d DESCRICIÓN DA IMAXE. Unha nai e a súa filla chegando a outro país como refuxiadas. Os irmáns recíbenas con cariño e danlles axuda práctica.