ARTIGO DE ESTUDO 23
Mantén viva “a chama de Xah”
“As súas chamas [as do amor] son un lume ardente, a chama de Xah” (CANT. 8:6, TNM).
CANCIÓN sn 36 O que Xehová xuntou
AVANCE a
1. Como describe a Biblia o verdadeiro amor?
A BIBLIA di sobre o amor: “As súas chamas son un lume ardente, a chama de Xah. As augas embravecidas non poden extinguir o amor, nin poden os ríos levalo coa corrente” (Cant. 8:6, 7, TNM). b Que descrición máis bonita do verdadeiro amor! Ademais, se estades casados, seguro que estas palabras vos animan moito. Por que? Porque queren dicir que podedes manter forte o voso amor.
2. Que ten que facer un matrimonio para asegurarse de que non se apague o seu amor?
2 Pero para que ese amor sexa duradeiro, o marido e a muller teñen que esforzarse. Ímolo explicar cun exemplo. Unha fogueira pode seguir ardendo indefinidamente, pero só se alguén lle bota leña. Se ninguén o fai, o lume acaba apagándose. Pois pasa o mesmo co matrimonio. O amor tamén pode durar indefinidamente, pero só se o marido e a muller fortalecen a súa relación. Aínda así, ás veces poderían sentir que ese amor se está apagando, sobre todo cando pasan por problemas económicos, problemas de saúde ou debido ás dificultades de criar os fillos. Así que, se estades casados, que podedes facer para manter viva “a chama de Xah” no voso matrimonio? Neste artigo analizaremos tres cousas que vos axudarán a manter forte a vosa relación e a ter un matrimonio feliz. c
SEGUIDE FORTALECENDO A VOSA RELACIÓN CON XEHOVÁ
3. Por que será máis fácil que o amor siga vivo no matrimonio se o marido e a muller teñen unha amizade estreita con Xehová? (Eclesiastés 4:12) (Ver tamén a imaxe).
3 Para manter viva “a chama de Xah”, tanto o marido coma a muller deben esforzarse por ter unha amizade estreita con Xehová. Como lles axudará iso no seu matrimonio? Se os dous valoran a súa amizade co seu Pai celestial estarán máis dispostos a poñer en práctica os seus consellos. Iso axudaralles a evitar e a superar os problemas que poderían apagar o amor que senten un polo outro (le Eclesiastés 4:12). Ademais, as persoas espirituais esfórzanse por imitar a Xehová e por cultivar as calidades que el demostra, como a bondade, a paciencia e o perdón (Ef. 4:32–5:1). Poñer isto en práctica no matrimonio axudará a que o amor siga medrando. Lena, unha irmá que leva casada máis de 25 anos, di: “É fácil querer e respectar unha persoa espiritual”.
4. Por que escolleu Xehová a Xosé e a María para ser os pais do futuro Mesías?
4 Pensa nisto. A quen escolleu Xehová para ser os pais do futuro Mesías? De entre tódolos descendentes de David, escolleu a Xosé e a María. Por que? Porque os dous tiñan unha amizade estreita con el, e iso faría que sempre o puxesen en primeiro lugar. Entón, que poden aprender de Xosé e María os matrimonios?
5. Que poden aprender de Xosé os maridos?
5 Xosé chegou a ser un bo marido porque obedecía enseguida a guía de Xehová. Deus deulle instrucións sobre a súa familia polo menos en tres ocasións. En cada unha delas, Xosé obedeceu rápido aínda que iso significase ter que facer cambios moi grandes (Mt. 1:20, 24; 2:13-15, 19-21). Desta maneira, protexeu e coidou a María. Ver a forma de actuar de Xosé seguro que fixo que María o quixese e o respectase aínda máis. Se estás casado, que podes facer para imitar a Xosé? Investiga os consellos que dá a Biblia para coidar da túa familia. d Ó aplicar eses consellos, incluso cando iso implique facer cambios, estaslle demostrando á túa muller que a queres e fortaleces o teu matrimonio. Unha irmá de Vanuatu, que leva casada máis de 20 anos, di: “Cando meu home busca e segue a guía de Xehová respéctoo máis. Síntome segura e confío nas súas decisións”.
6. Que poden aprender de María as mulleres casadas?
6 María tiña a súa propia amizade con Xehová. A súa fe non dependía do que fixese Xosé. Ela coñecía ben as Escrituras. e Tamén sacaba tempo para meditar (Lc 2:19, 51). Seguro que todo iso fixo que fose unha excelente compañeira para Xosé. Na actualidade, moitas mulleres casadas tamén se esforzan por facer o mesmo. Por exemplo, unha irmá que se chama Emiko di: “Cando estaba solteira tiña a miña propia rutina espiritual. Despois de casar, como é o home quen dirixe a adoración en familia e ora en nome dos dous, deixei que a miña fe acabase dependendo do que el facía. Así que, vin que tiña que manter forte a miña propia relación con Xehová. Por iso agora saco tempo para orar, ler a Biblia, investigar e meditar en como ve Xehová as cousas” (Gál. 6:5). Se estás casada, sigue fortalecendo a túa amizade con Xehová. Se o fas, o teu home terá aínda máis razóns para quererte e para demostrar canto te valora (Pr. 31:30).
7. Que poden aprender do exemplo de Xosé e María os matrimonios?
7 Xosé e María tamén se esforzaron como matrimonio por fortalecer a súa relación con Xehová. Sabían que é moi importante que a familia adore xunta a Deus (Lc. 2:22-24, 41; 4:16). Quizais non lles foi fácil, sobre todo cando tiveron máis fillos, pero conseguírono. Que bo exemplo para os que están casados! Se tedes fillos, coma Xosé e María, pode que non vos sexa fácil ir ás reunións ou programar tempo para a adoración en familia. E pode que vos sexa aínda máis difícil encontrar tempo para estudar e orar como matrimonio. Aínda así, recorda que cando adorades a Xehová xuntos, acercádesvos máis a el e entre vós. Así que facede que a adoración a Xehová sexa unha prioridade na vosa vida.
8. Que poden facer para desfrutar da adoración en familia os matrimonios que teñen problemas?
8 Que podedes facer se tedes problemas no voso matrimonio? Quizais adorar xuntos a Xehová non sexa o que máis vos apeteza. Se vos pasa iso, por que non empezades analizando algo breve que vos guste ós dous? Isto pode axudarvos a querervos máis e a ter máis ganas de adorar xuntos a Xehová.
PASADE TEMPO XUNTOS
9. Por que os matrimonios teñen que pasar tempo xuntos?
9 Os matrimonios teñen que pasar tempo xuntos para que o seu amor non se apague. Iso axudaralles a manterse unidos porque coñecerán mellor o que pensa e sente a outra persoa (Xén. 2:24). Fíxate no que descubriron Lilia e Ruslan pouco despois de casar, hai máis de 15 anos. Ela di: “Démonos conta de que non pasabamos tanto tempo xuntos como tiñamos pensado. Estabamos moi ocupados co traballo, coas tarefas da casa e máis tarde cos nenos. Descubrimos que, se non nos dedicabamos tempo un ó outro, poderiamos acabar distanciándonos”.
10. Como poden os matrimonios aplicar o que di Efesios 5:15, 16?
10 É importante que os matrimonios se aseguren de que sacan tempo para estar xuntos. Para iso, é probable que teñan que organizarse ben (le Efesios 5:15, 16). Un irmán de Nixeria chamado Uzondu di: “Cando programo as miñas actividades, doulle prioridade ó tempo que quero pasar coa miña muller” (Flp. 1:10, TNM). Fíxate no que fai Anastasia, que está casada cun superintendente de circuíto de Moldova, para aproveitar ben o tempo. Ela conta: “Aproveito para adiantar traballo mentres o meu home está ocupado coas súas responsabilidades. Así, cando el acaba, podemos pasar máis tempo xuntos”. Pero que podedes facer se vos resulta difícil pasar tempo un co outro debido ós vosos horarios?
11. Que cousas facían xuntos Áquila e Priscila?
11 Os matrimonios poden aprender do exemplo de Áquila e Priscila, unha parella moi querida polos cristiáns do primeiro século (Rm. 16:3, 4). Aínda que a Biblia non dá moitos detalles sobre o seu matrimonio, si que nos di algunhas cousas que facían xuntos, como traballar, predicar e axudar a outros (Feit. 18:2, 3, 24-26). De feito, sempre que a Biblia fala deles, menciónaos xuntos.
12. Que poden facer os matrimonios para pasar máis tempo xuntos? (Ver tamén a imaxe).
12 Como poden os matrimonios imitar a Áquila e Priscila? Se estás casado, pensa en tódalas cousas que tedes que facer no voso día a día. En vez de facelas por separado, sería posible que fixésedes algunhas xuntos? Por exemplo, Áquila e Priscila predicaban xuntos. E vós? Poderiades facer plans para predicar xuntos con regularidade? Áquila e Priscila tamén traballaban xuntos. É probable que vós non teñades o mesmo traballo, pero poderiades facer xuntos as tarefas da casa? (Ecl. 4:9) Se vos axudades un ó outro, teredes tempo para falar e sentiredes que sodes un equipo. Fíxate no exemplo de Robert e Linda, que levan casados máis de 50 anos. El di: “É certo que non temos moito tempo para divertirnos xuntos. Pero síntome feliz cando lavo os pratos e a miña muller os seca. Ou cando estou fóra traballando no xardín e ela vén para botarme unha man. Facer cousas como matrimonio únenos moito e fai que nos queiramos aínda máis”.
13. Que deberían facer os matrimonios para estar unidos de verdade?
13 Pero ten en conta que estar xuntos non significa que automaticamente vaiades estar máis unidos. Unha irmá do Brasil que está casada di: “Hoxe en día hai moitas distraccións. Deime conta de que é fácil caer na trampa de pensar que estamos pasando tempo xuntos só porque vivimos na mesma casa. Pero aprendín que fai falta algo máis. Tamén hai que darlle á outra persoa a atención que necesita”. Fíxate no que fan Bruno e a súa muller Tays para asegurarse de estar pendentes un do outro. El conta: “Cando estamos xuntos no noso tempo libre, deixamos a un lado os teléfonos e desfrutamos de estar un co outro”.
14. Que poden facer os matrimonios se non desfrutan pasando tempo xuntos?
14 E que pasa se non desfrutades pasando tempo xuntos? Quizais vos gusten cousas diferentes ou acabedes por desesperarvos un ó outro. Que podedes facer se vos pasa iso? Acórdate do exemplo da fogueira do que falamos antes. Ó principio non arde moito. Hai que ir botándolle máis leña pouco a pouco. De maneira parecida, por que non empezades pasando xuntos só uns poucos momentos cada día? En vez de facer cousas polas que poderiades terminar discutindo, asegurádevos de facer algo que vos guste ós dous (Sant. 3:18). Empezar por cousas pequenas pode facer que o voso amor volva a medrar.
TRATÁDEVOS CON RESPECTO
15. Por que o respecto é fundamental no matrimonio para que o amor se manteña vivo?
15 O respecto é fundamental no matrimonio. É coma o osíxeno que fai que a fogueira siga ardendo con forza. Sen osíxeno o lume apágase rápido. De forma parecida, o amor pode apagarse rapidamente se non hai respecto no matrimonio. Pero cando o home e a muller se esforzan por demostrar esta calidade, contribúen a manter vivo o amor. Aínda así, recorda que non se trata de que ti penses que demostras respecto, senón de que ela ou el se sinta respectado. Fíxate no exemplo de Penny e Aret, que levan casados máis de 25 anos. Ela di: “Como nos respectamos, sinto que no meu fogar hai amor. Podemos expresarnos con liberdade porque sabemos que as nosas opinións van ser valoradas”. Entón, que podes facer para que a túa muller ou o teu home sinta que de verdade o respectas? Imos analizar o exemplo de Abraham e Sara.
16. Que poden aprender de Abraham os homes casados? (1 Pedro 3:7) (Ver tamén a imaxe).
16 Abraham tratou a Sara con respecto. Tivo en conta as súas opinións e respectou os seus sentimentos. Nunha ocasión, Sara estaba moi preocupada e desafogouse con el, e incluso lle botou a culpa dun problema. Que fixo Abraham? Contestoulle mal? Non. Sabía que Sara era unha muller respectuosa que sempre apoiaba as súas decisións. Así que, escoitouna e intentou solucionar o problema (Xén. 16:5, 6). Que podemos aprender? Se es un home casado, Xehová deuche a autoridade para tomar decisións na familia (1 Cor. 11:3). Pero a forma máis amorosa de facelo sería tendo en conta a opinión da túa muller antes de decidir, sobre todo se a decisión lle vai afectar a ela (1 Cor. 13:4, 5). Outras veces poida que a túa muller estea estresada e que necesite contarche como se sente. Que podes facer para respectala? Escoitala con atención (le 1 Pedro 3:7). Angela e Dmitry levan casados case 30 anos. Ela explica o que fai o seu home para que se sinta respectada: “Dmitry sempre está disposto a escoitarme cando estou molesta ou simplemente quero falar. É paciente comigo, incluso cando me altero”.
17. Que poden aprender de Sara as mulleres casadas? (1 Pedro 3:5, 6).
17 Sara respectaba a Abraham e apoiaba as súas decisións (Xén. 12:5). Nunha ocasión, Abraham decidiu mostrarlles hospitalidade a uns visitantes inesperados. Pediulle a Sara que deixase o que estaba facendo e que preparase unha gran cantidade de pan (Xén. 18:6). Sara fixo rapidamente o que Abraham lle pedira. Se es unha muller casada, podes imitar a Sara apoiando as decisións do teu home. Así fortalecerás o teu matrimonio (le 1 Pedro 3:5, 6). Dmitry, do que xa falamos no parágrafo anterior, explica o que fai a súa muller para que se sinta respectado. El conta: “Valoro moito os esforzos que fai Angela para apoiar as miñas decisións, sobre todo cando non opina o mesmo ca min. E se ó final as cousas non saen ben, non me critica”. Que fácil é querer a alguén que te respecta!
18. Cales serán os resultados se os matrimonios se esforzan por manter vivo o seu amor?
18 Satanás quere acabar co amor que hai nos matrimonios cristiáns. Sabe que se deixan de quererse é probable que os dous empecen a separarse de Xehová. Pero o verdadeiro amor non se pode apagar. Polo tanto, facede que o amor no voso matrimonio sexa coma o que se describe no Cantar dos Cantares. Decidídevos a poñer a Xehová en primeiro lugar no voso matrimonio, sacade tempo para estar xuntos e respectade os sentimentos e as necesidades da outra persoa. Se o facedes, o voso matrimonio daralle honra a Xehová, a Fonte do verdadeiro amor. E, igual que unha fogueira ben alimentada, o voso amor non se apagará.
CANCIÓN sn 87 Xa somos un
a Xehová deunos o regalo do matrimonio. Grazas a el, o marido e a muller poden desfrutar dunha relación especial. Pero ás veces o amor podería apagarse. Se estás casado, este artigo axudarache a manter vivo ese amor e a ter un matrimonio feliz.
b O verdadeiro amor é duradeiro e non cambia. A Biblia chámalle a este amor “a chama de Xah” porque Xehová é a Fonte desta clase de amor.
c Incluso se estás casado con alguén que non é testemuña de Xehová, os consellos deste artigo axudaranche a fortalecer o teu matrimonio (1 Cor. 7:12-14; 1 Pe. 3:1, 2).
d Por exemplo, mira os consellos que se dan na serie de artigos “Ayuda para las familias”, que podes encontrar en jw.org e en JW Library® (dispoñibles en español).
e Mira o libro Ejemplos de fe, capítulo 17 parágrafo 15 (dispoñible en español).