Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 20

Melloremos a calidade das nosas oracións

Melloremos a calidade das nosas oracións

“Desafoga diante del o corazón” (SAL. 62:9 [62:8, TNM]).

CANCIÓN sjj 45 O sentir do meu corazón

AVANCE a

Podemos orarlle a Xehová de forma regular e pedirlle a súa guía para tódolos aspectos da nosa vida (ver o parágrafo 1).

1. Que invitación lles fai Xehová ós seus servos? (Ver tamén a imaxe).

 A QUEN podemos acudir cando necesitamos consolo e guía? Como ben sabemos, podemos orarlle a Xehová para acercarnos a el. De feito, el quere que o fagamos e por iso nos fai a seguinte invitación: “Orade constantemente”, é dicir, con frecuencia (1 Tes. 5:17). Temos a tranquilidade de que podemos orarlle e pedirlle a súa guía para tódolos aspectos da nosa vida (Pr. 3:5, 6). Como é un Deus tan xeneroso, dinos que podemos orarlle tantas veces como queiramos.

2. Que imos analizar neste artigo?

2 Valoramos moito o regalo da oración. Pero, como temos tantas cousas que facer, poida que non nos sexa fácil encontrar tempo para orar. Ou ó mellor sentimos que temos que mellorar a calidade das nosas oracións. Se nos pasa isto, a Biblia pode guiarnos e animarnos moito. Neste artigo, imos analizar como nos axuda o exemplo de Xesús a sacar tempo para orar. Ademais, falaremos de cinco cousas importantes que podemos incluír nas nosas oracións para mellorar a súa calidade.

XESÚS SACOU TEMPO PARA ORAR

3. Que aprendeu Xesús sobre a oración?

3 Xesús aprendeu que as nosas oracións son moi importantes para Xehová. Moito antes de vir á Terra, puido ver que seu Pai contestaba as oracións dos seus servos fieis. Por exemplo, estaba ó lado de Xehová cando El contestou as oracións sinceras de Ana, David e Elías, entre outros (1 Sam. 1:10, 11, 20; 1 Re. 19:4-6; Sal. 32:5). Por iso non nos sorprende que lles ensinase ós seus discípulos a orar con frecuencia e con confianza (Mt. 7:7-11).

4. Que exemplo nos puxo Xesús coas súas propias oracións?

4 Xesús púxonos un bo exemplo coas súas propias oracións. Orou con frecuencia durante todo o seu ministerio. Para poder facelo, tivo que sacar tempo porque normalmente estaba ocupado e rodeado de moita xente (Mc. 6:31, 45, 46). Por exemplo, levantábase cedo pola mañá para poder estar só e ter tempo para orar (Mc. 1:35). Ademais, polo menos nunha ocasión, pasou toda a noite orando antes de tomar unha decisión moi importante (Lc. 6:12, 13). E a noite antes de morrer, orou unha e outra vez para poder cumprir coa parte máis difícil da tarefa que Xehová lle encargara aquí na Terra (Mt. 26:39, 42, 44).

5. Como podemos imitar a Xesús cando oramos?

5 O exemplo de Xesús ensínanos que temos que sacar tempo para orar sen importar o ocupados que esteamos. Coma el, poida que teñamos que buscar momentos específicos para facelo. Por exemplo, quizais teñamos que levantarnos máis cedo pola mañá ou ir durmir un pouquiño máis tarde. Se o facemos, demostrarémoslle a Xehová que valoramos este regalo tan especial. Fíxate no agradecida que se sentiu unha irmá chamada Lynne cando aprendeu que lle podía orar a Xehová. Ela conta: “Saber que podía falar con Xehová en calquera momento axudoume a velo como un moi bo amigo e a querer mellorar a calidade das miñas oracións”. Seguro que moitos de nós tamén nos sentimos así. Por iso imos analizar cinco cousas importantes que podemos incluír nas nosas oracións.

CINCO COUSAS IMPORTANTES QUE PODEMOS INCLUÍR NAS ORACIÓNS

6. Segundo Apocalipse 4:10, 11, que merece recibir Xehová?

6 Louva a Xehová. Nunha visión impresionante, o apóstolo Xoán viu 24 anciáns no ceo adorando a Xehová. Estaban louvando a Deus e dicindo que el merece “recibir gloria, honra e poder” (le Apocalipse 4:10, 11). Os anxos fieis tamén teñen moitas razóns para louvar e honrar a Xehová. Como están no ceo con el, coñéceno moi ben. Cando se fixan en todo o que fai, poden ver as súas calidades e séntense motivados a louvalo (Xob 38:4-7).

7. Que outras razóns temos para louvar a Xehová?

7 Nós tamén deberiamos louvar a Xehová cando lle oramos. Podemos facelo dicíndolle por que o queremos e o respectamos tanto. Ademais, cando leas e estudes a Biblia, intenta identificar as calidades de Xehová que máis che gustan (Xob 37:23; Rm. 11:33). Despois, cóntalle a Xehová como te fan sentir esas calidades. Como el sempre nos coida e nos protexe, tamén podemos louvalo pola axuda que nos dá, tanto a nós coma ó resto dos irmáns por todo o mundo (1 Sam. 1:27; 2:1, 2).

8. Cales son algunhas razóns polas que lle podemos dar grazas a Xehová? (1 Tesalonicenses 5:18).

8 Dálle as grazas a Xehová. Temos moitas razóns para darlle grazas a Xehová cando lle oramos (le 1 Tesalonicenses 5:18). Por exemplo, podemos agradecerlle tódalas cousas boas que temos, xa que “todo bo regalo” vén del (Sant. 1:17). Así que podemos darlle as grazas polo planeta tan bonito no que vivimos e polas cousas tan marabillosas que creou. Tamén podemos agradecerlle a vida, a familia, os amigos e a esperanza que nos deu. E, por suposto, queremos darlle as grazas por permitirnos desfrutar da súa fermosa amizade.

9. Por que temos que cultivar agradecemento polo que Xehová fai por nós?

9 Pode ser que teñamos que esforzarnos para pensar nas razóns que temos cada un de nós para estarlle agradecidos a Xehová. Por que? Porque vivimos nun mundo desagradecido. As persoas normalmente céntranse en conseguir o que queren, en vez de pensar no que poden facer para demostrar que están agradecidas polo que teñen. Se se nos pega esa actitude, as nosas oracións poderían converterse nunha lista de peticións. Para que iso non nos pase, temos que seguir cultivando e demostrando agradecemento por todo o que Xehová fai por nós (Lc. 6:45).

Demostrarlle o noso agradecemento a Xehová pode axudarnos a aguantar (ver o parágrafo 10).

10. Como lle axudou a unha irmá ter unha actitude agradecida? (Ver tamén a imaxe).

10 Ter unha actitude agradecida pode axudarnos a aguantar situacións difíciles. Fíxate na experiencia de Kyung-sook, a quen os médicos lle diagnosticaron un cáncer de pulmón en fase avanzada. b Ela contou: “Saber que estaba enferma foi un golpe moi duro. Sentín que o perdera todo e estaba moi asustada”. Que lle axudou a afrontar esa situación? Ela dixo que, cada noite antes de ir durmir, subía á azotea da súa casa e oráballe a Xehová en voz alta para falarlle de cinco cousas polas que lle estaba agradecida ese día. Isto facía que se sentise máis tranquila e motivábaa a demostrar canto quería a Xehová. Ademais, puido ver que El sostén os seus servos fieis cando pasan por situacións difíciles. E deuse conta de que na vida temos moitas máis bendicións ca problemas. Igual ca Kyung-sook, nós tamén temos moitas razóns para darlle grazas a Xehová, incluso se estamos pasando por un problema. Demostrarlle o noso agradecemento cando lle oramos pode axudarnos a aguantar e a manter o equilibrio en sentido emocional.

11. Por que necesitaron valor os discípulos de Xesús despois de que el volvese ó ceo?

11 Pídelle a Xehová que che dea valor para predicar. Xusto antes de volver ó ceo, Xesús recordoulles ós seus discípulos que lles encargara o labor de ser as súas testemuñas “en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra” (Feit. 1:8; Lc. 24:46- 48). Pouco despois, os líderes xudeus arrestaron os apóstolos Pedro e Xoán, e leváronos diante do Sanedrín. Alí ordenáronlles que deixasen de predicar e incluso os ameazaron (Feit. 4:18, 21). Como reaccionaron Pedro e Xoán?

12. Segundo Feitos 4:29, 31, que fixeron os discípulos?

12 Despois de escoitar as ameazas dos líderes relixiosos xudeus, Pedro e Xoán responderon: “Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes ca a El, porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido” (Feit. 4:19, 20). Cando liberaron a Pedro e a Xoán, os discípulos oráronlle a Xehová para que lles axudase a obedecelo. Pedíronlle: “Concédelles ós teus servidores proclamar con toda ousadía a túa palabra”. E Xehová contestou aquela sincera oración (le Feitos 4:29, 31).

13. Que nos ensina o exemplo de Jin-hyuk?

13 Podemos imitar os discípulos do primeiro século se seguimos predicando incluso cando as autoridades nos ordenan que deixemos de facelo. Fíxate no exemplo de Jin-hyuk, un irmán ó que meteron no cárcere por ser neutral. Alí encargáronlle que atendese algúns prisioneiros que estaban en illamento. Pero só lle permitían falar con eles de cousas relacionadas coa súa tarefa. Iso quería dicir que non podía falarlles da Biblia. Aínda así, pediulle a Xehová que lle dese valor para predicar con discreción e para aproveitar tódalas oportunidades (Feit. 5:29). El conta: “Xehová contestou as miñas oracións, e deume valor e sabedoría. Grazas a iso, puiden empezar moitos cursos da Biblia de cinco minutos nas portas das celas. Despois, de noite, escribía cartas para dárllelas ós presos ó día seguinte”. Nós tamén podemos estar convencidos de que Xehová nos axudará a cumprir co labor de predicar. Como Jin-hyuk, podemos pedirlle que nos dea valor e sabedoría.

14. Que nos pode axudar cando afrontamos dificultades? (Salmo 37:3, 5).

14 Pídelle a Xehová que che axude a afrontar as dificultades. Moitos estamos pasando por problemas emocionais ou físicos, perdemos algún ser querido, temos unha situación familiar complicada, sufrimos persecución ou afrontamos algunha outra dificultade. E cousas como as pandemias e as guerras fixeron que moitos destes problemas se volvesen aínda máis difíciles de levar. Que nos pode axudar? Ábrelle o teu corazón a Xehová. Cóntalle a situación pola que estás pasando, igual que lla contarías a un bo amigo. Podes estar seguro de que Xehová che vai axudar (le Salmo 37:3, 5).

15. Como nos pode axudar a oración a aguantar as dificultades? Pon un exemplo.

15 Orar con constancia axudaranos a aguantar as dificultades (Rm. 12:12). Xehová sabe polo que están pasando os seus servos, el “escoita o seu pranto” (Sal. 145:18, 19). Iso foi o que sentiu Kristie, unha pioneira de 29 anos. Cando menos o esperaba, empezou a ter problemas graves de saúde. Debido a iso, caeu nunha depresión profunda. Máis tarde, á súa nai diagnosticáronlle unha enfermidade terminal. Kristie di: “Suplicáballe a Xehová que me dese as forzas que necesitaba para superar cada día. Esforceime por ir ás reunións e non descoidar o meu estudo persoal para manter unha boa rutina espiritual”. E engade: “A oración axudoume a aguantar nos momentos máis difíciles. Sabía que Xehová sempre estaba aí. E iso dábame moito consolo e axudábame a sentirme mellor. Aínda que os meus problemas de saúde non se solucionaron da noite para a mañá, Xehová contestou as miñas oracións dándome calma e paz interior”. Así que nunca esquezamos que Xehová “sabe ben como librar da proba os homes piadosos” (2 Pe. 2:9).

Para resistir as tentacións, 1) pídelle a Xehová que che axude, 2) actúa de acordo co que lle pides e 3) fortalece a túa relación con el (ver os parágrafos 16 e 17).

16. Por que necesitamos a axuda de Xehová para resistir as tentacións?

16 Pídelle a Xehová que che axude a resistir as tentacións. Como somos imperfectos, temos que loitar constantemente contra a tentación de facer o que está mal. O Demo fai todo o que pode para poñérnolo o máis difícil posible. Como o fai? Unha das maneiras é utilizando o entretemento inmoral para intentar corromper a nosa forma de pensar. Ese tipo de entretemento pode encher a nosa mente de pensamentos que lle desagradan a Xehová. Iso faría que deixásemos de estar limpos ós seus ollos e podería levarnos a cometer un pecado grave (Mc. 7:21-23; Sant. 1:14, 15).

17. Que temos que facer despois de pedirlle a Xehová que nos axude a resistir as tentacións? (Ver tamén a imaxe).

17 Para resistir a tentación de facer o que está mal, necesitamos que Xehová nos axude. De feito, na oración modelo Xesús incluíu esta petición: “Non nos deixes caer na tentación, senón líbranos do Maligno” (Mateo 6:13TNM). Xehová está desexando axudarnos, pero temos que pedirllo. Ademais, debemos actuar de acordo co que lle pedimos. Como podemos facelo? Temos que tomar medidas prácticas para evitar ver ou escoitar as formas de pensar e as ideas equivocadas que promove este mundo controlado polo Demo (Sal. 97:10). Para protexer a nosa mente e enchela de pensamentos que lle agraden a Xehová, temos que ler e estudar a Biblia, ir ás reunións e predicar. Se o facemos, Xehová promete que non deixará que sexamos tentados máis alá do que podemos soportar (1 Cor. 10:12, 13).

18. Que necesitamos facer todos?

18 Vivimos nos últimos días. Por iso todos necesitamos orarlle a Xehová máis ca nunca para manternos fieis. Polo tanto, saca tempo cada día para orarlle de forma sincera e contarlle como te sentes. El quere que lle oremos e desafoguemos “diante del o corazón” (Sal. 62:9 [62:8, TNM]). Louva a Xehová e dálle grazas por todo o que fai. Pídelle que che axude a ter valor para predicar. Suplícalle que che axude a afrontar os problemas e a resistir as tentacións que poidas ter. Non permitas que nada nin ninguén faga que deixes de orarlle regularmente. Agora ben, como contesta Xehová as nosas oracións? No seguinte artigo, responderemos esta pregunta tan importante.

CANCIÓN sjj 42 A oración do servo de Deus

a Queremos que as nosas oracións sexan coma cartas sinceras que lle escribimos a un amigo moi querido. Aínda así, non sempre é fácil encontrar tempo para orar. Tamén pode ser difícil saber de que cousas imos falar cando oramos. Neste artigo imos analizar estas dúas cuestións tan importantes.

b Mira a revista La Atalaya do 15 de xaneiro de 2015, páxina 11 parágrafo 11 (dispoñible en español).