Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 22

Sigue andando polo “Camiño da Santidade”

Sigue andando polo “Camiño da Santidade”

“Haberá un sendeiro alí, [...] chamado Camiño da Santidade” (IS. 35:8TNM).

CANCIÓN sn 26 Anda con Deus

AVANCE a

1, 2. Que importante decisión tiveron que tomar os xudeus que vivían en Babilonia? (Esdras 1:2-4).

 O REI acababa de anuncialo! Despois de estar 70 anos no exilio en Babilonia, os xudeus eran libres para volver á súa terra en Israel (le Esdras 1:2-4). Tan só Xehová podía conseguir algo así. Por que o dicimos? Porque os babilonios normalmente non liberaban as persoas que capturaban (Is. 14:4, 17). Pero Babilonia fora conquistada, e o novo gobernante dixéralles ós xudeus que podían deixar o país. Iso significaba que tódolos xudeus, sobre todo os cabezas de familia, terían que decidir se quedarían en Babilonia ou non. Pero seguro que tomar esa decisión non foi nada fácil. Por que?

2 É probable que algúns xa fosen demasiado maiores para facer unha viaxe tan longa e perigosa. Por outro lado, a maioría dos xudeus naceran en Babilonia, así que ese era o seu fogar. Para eles Israel era só a terra dos seus antepasados. Ademais a algúns fóralles moi ben en Babilonia e fixéranse ricos. Así que igual non lles era fácil deixar os seus negocios, as súas casas e tódalas comodidades que tiñan para ir vivir a unha terra descoñecida.

3. Cal sería a maior recompensa que recibirían os xudeus fieis que volvesen a Israel?

3 Para os xudeus fieis, os beneficios de volver a Israel superaban por moito calquera sacrificio que tivesen que facer. Pero a recompensa máis grande tiña que ver coa súa adoración a Xehová. Por exemplo, aínda que había máis de 50 templos pagáns en Babilonia, non había ningún templo de Xehová naquela cidade. Tampouco había un sacerdocio organizado nin un altar para que se puidesen ofrecer os sacrificios que mandaba a Lei mosaica. Ademais, os servos de Xehová estaban rodeados de persoas que adoraban deuses falsos e que non respectaban as normas de Deus. Así que había miles de xudeus fieis que estaban desexando volver á súa terra para poder restaurar a adoración pura.

4. Que axuda lles prometeu Xehová ós xudeus que volvesen a Israel?

4 A viaxe desde Babilonia a Israel era perigosa e levaba uns catro meses. Pero Xehová prometeu que quitaría calquera obstáculo que puidese impedir que os xudeus volvesen á súa terra. O profeta Isaías escribiu: “No deserto preparádelle o camiño ó Señor. Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus [...]; que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado” (Is. 40:3, 4). Imaxina a seguinte escena: Un camiño totalmente plano a través do deserto. Que axuda máis grande para os viaxeiros! Seríalles moito máis fácil ir por un camiño así que ter que subir, baixar e rodear montañas e vales. Tamén sería máis rápido.

5. Como se lle chamou ó camiño simbólico entre Babilonia e Israel?

5 Na actualidade, normalmente os camiños e as estradas teñen un nome ou un número que os identifica. Pois o camiño simbólico do que falou Isaías tamén ten un nome. De feito, el escribiu: “Haberá un sendeiro alí, si, un camiño chamado Camiño da Santidade. O impuro non viaxará por el” (Is. 35:8TNM). Que significou esta promesa para os israelitas no pasado? E que significa para nós hoxe en día?

O “CAMIÑO DA SANTIDADE” NO PASADO E NO PRESENTE

6. Por que se di que este camiño é santo?

6 O “Camiño da Santidade”. Que nome máis bonito para un camiño! Pero, por que se di que é santo? Porque na nación restaurada de Israel non podería haber ningún “impuro”, é dicir, ningún xudeu que practicase inmoralidade, adorase deuses falsos ou cometese calquera outro pecado grave. Os xudeus que volvesen á súa terra chegarían a ser un “pobo consagrado”, ou santo, para o seu Deus (Dt. 7:6). Claro, iso non quere dicir que non tivesen que facer cambios para agradarlle a Xehová.

7. Que cambios tiveron que facer algúns xudeus? Pon un exemplo.

7 Como dixemos antes, a maioría dos xudeus naceran en Babilonia e parece ser que moitos xa estaban afeitos a algunhas formas de pensar e normas dos babilonios. Décadas despois de que os primeiros xudeus volvesen a Israel, Esdras descubriu que algúns deles casaran con mulleres pagás (Éx. 34:15, 16; Esd. 9:1, 2). Máis adiante, o gobernador Nehemías sorprendeuse ó darse conta de que algúns nenos que naceran en Israel nin sequera sabían falar hebreo, o idioma dos xudeus (Dt. 6:6, 7; Neh. 13:23, 24). Pero a Palabra de Deus estaba escrita nese idioma. Entón, como poderían eses rapaces aprender a amar e adorar a Xehová se non entendían o hebreo? (Esd. 10:3, 44) Así que aqueles xudeus tiñan que facer cambios moi grandes. Pero seríalles máis fácil facelos agora que vivían en Israel, porque era alí onde se estaba restaurando a adoración pura pouco a pouco (Neh. 8:8, 9).

Desde 1919, millóns de homes, mulleres e nenos abandonaron Babilonia a Grande e empezaron a andar polo “Camiño da Santidade” (ver o parágrafo 8).

8. Que ten que ver con nós o que lles pasou ós xudeus hai tanto tempo? (Ver a imaxe da portada da revista).

8 Alguén podería pensar: “Isto é moi interesante, pero que ten que ver comigo o que lles pasou ós xudeus hai tanto tempo?”. Pois en certo sentido, tódolos servos de Deus estamos andando polo “Camiño da Santidade”, tanto se somos unxidos como das “outras ovellas” (Xn. 10:16). Manternos nese camiño axudaranos a desfrutar de servir a Xehová agora e fará que poidamos recibir as recompensas que traerá o Reino no futuro. b Desde 1919, millóns de homes, mulleres e nenos abandonaron Babilonia a Grande, o imperio mundial da relixión falsa, e empezaron a andar por este camiño simbólico. É posible que ti sexas un deles. Aínda que o camiño se abriu hai uns 100 anos, houbo persoas que xa foron preparando o terreo moitos anos antes.

PREPÁRASE O CAMIÑO

9. De acordo con Isaías 57:14, en que sentido se foi preparando o “Camiño da Santidade”?

9 Xehová asegurouse de que os xudeus que saísen de Babilonia non se encontrasen con ningún obstáculo na viaxe (le Isaías 57:14). De que maneira fixo o mesmo no “Camiño da Santidade” de tempos modernos? Varios séculos antes de 1919, empezou a usar homes que o respectaban para preparar o camiño que sae de Babilonia a Grande (compara con Is. 40:3). En sentido espiritual, foron quitando os obstáculos para que máis tarde as persoas de bo corazón puidesen deixar a relixión falsa e adorar a Xehová xunto co seu pobo. Como se preparou este camiño? Imos analizar algunhas cousas que se foron facendo.

Durante varios séculos algúns homes que respectaban a Deus empezaron a preparar o camiño que sae de Babilonia a Grande (ver os parágrafos 10 e 11).

10, 11. Como axudaron a impresión e a tradución a que o coñecemento da Biblia chegase a máis persoas? (Ver tamén a imaxe).

10 Impresión. Durante moitos séculos houbo que copiar a Biblia a man, e isto levaba moito tempo. Así que había poucas copias da Biblia e eran moi caras. Pero a mediados do século XV inventouse a imprenta. A partir dese momento foi máis fácil facer copias da Biblia e distribuílas.

11 Tradución. Durante séculos a gran maioría das copias da Biblia estaban en latín, e este idioma só o entendían as persoas con máis estudos. Pero cando empezou a haber imprentas, algúns homes que respectaban a Deus esforzáronse por traducir a Biblia ós idiomas que falaba a maioría da xente. Grazas a iso, as persoas que lían a Biblia podían comparar o que lles contaran os seus líderes relixiosos co que de verdade ensina a Palabra de Deus.

Algúns homes que respectaban a Deus empezaron a preparar o camiño que sae de Babilonia a Grande (ver os parágrafos 12 a 14). c

12, 13. Pon un exemplo de como algunhas persoas sinceras que estudaron a Biblia no século XIX empezaron a sacar á luz ensinanzas relixiosas falsas.

12 Axudas para estudar a Biblia. Algunhas persoas estudaron a fondo a Biblia e descubriron moitas cousas nela. Entón, aínda que iso non lle gustou nada ó clero, estes estudantes empezaron a contarlles a outros o que aprenderan. Por exemplo, no século XIX un grupo de homes sinceros empezou a publicar escritos para sacar á luz as ensinanzas falsas das igrexas.

13 Un deses homes sinceros que respectaba a Deus foi Henry Grew. Arredor de 1835, publicou un escrito no que falaba do que pasa cando morremos. Nel demostraba coa Biblia que non nacemos cunha alma inmortal, como ensinan a maioría das igrexas, senón que só podemos conseguir vida inmortal se Deus nola dá. En 1837, un ministro relixioso chamado George Storrs encontrou unha copia dese escrito mentres viaxaba nun tren. Cando o leu, quedou convencido de que descubrira unha verdade fundamental e decidiu contarlles a outros o que aprendera. En 1842, deu unha serie de discursos sobre o tema “Son inmortais os inicuos?”. Os escritos de George Storrs tiveron unha influencia positiva en Charles Taze Russell.

14. Como lles axudou a Russell e ós seus colaboradores o que outros fixeran antes para preparar o camiño en sentido espiritual? (Ver tamén a imaxe).

14 Como lles axudou a Russell e ós seus colaboradores o que outros fixeran antes para preparar o camiño en sentido espiritual? Grazas ó traballo que xa se fixera, cando eles empezaron a investigar puideron consultar dicionarios, concordancias e varias traducións da Biblia. Ademais, tamén lles foi útil o que investigaran sobre a Biblia algúns homes como Henry Grew, George Storrs e outros. Russell e os seus colaboradores produciron moitas publicacións que analizaban o que ensina a Biblia, e así seguiron preparando o camiño en sentido espiritual.

15. Que acontecementos importantes houbo en 1919?

15 En 1919 abriuse o “Camiño da Santidade”, e o pobo de Deus deixou de estar baixo o control de Babilonia a Grande. Ese ano apareceu o “criado fiel e prudente”, xusto a tempo para axudarlles ás persoas de bo corazón a empezar a andar por ese camiño (Mt. 24:45-47). Ademais, todo o traballo que se fixera para preparar ese camiño permitiu que os que empezaban a andar por el fosen coñecendo mellor a Xehová e os seus propósitos (Pr. 4:18). Tamén lles axudou a vivir de acordo coas normas de Deus. Pero Xehová non esperaba que fixesen tódolos cambios de golpe. En vez diso, foi refinando os seus servos co paso do tempo (mira o recadro “ Xehová refina o seu pobo pouco a pouco”). Imaxina o felices que nos sentiremos cando poidamos agradarlle ó noso Deus “en todo” (Col. 1:10TNM).

O “CAMIÑO DA SANTIDADE” AÍNDA ESTÁ ABERTO

16. Que traballos de mantemento se levan facendo no “Camiño da Santidade” desde 1919? (Isaías 48:17; 60:17).

16 Tódolos camiños necesitan que se lles faga mantemento para seguir estando en boas condicións. No “Camiño da Santidade” lévanse facendo traballos de mantemento desde 1919 para que máis persoas poidan saír de Babilonia a Grande. O criado fiel e prudente, que se nomeou en 1919, púxose mans á obra e en 1921 publicou unha axuda para estudar a Biblia deseñada para que as persoas aprendesen a verdade da Palabra de Deus. Esa publicación chamábase A arpa de Deus e chegaron a facerse case seis millóns de copias en 36 idiomas. Moitas persoas aprenderon a verdade con este libro. Hai pouco recibimos unha nova publicación para dirixir cursos da Biblia: o libro Desfruta da vida para sempre! Durante estes últimos días, Xehová está usando a súa organización para manternos ben alimentados en sentido espiritual e que poidamos seguir andando polo “Camiño da Santidade” (le Isaías 48:17; 60:17).

17, 18. A onde leva o “Camiño da Santidade”?

17 Pódese dicir que cando alguén acepta un curso da Biblia ten a oportunidade de empezar a andar polo “Camiño da Santidade”. Algúns abandónano ó pouco de empezar a andar por el. Outros están decididos a seguir camiñando ata o final. Pero a onde leva ese camiño?

18 Para os que teñen a esperanza celestial, o “Camiño da Santidade” leva ó “xardín de Deus” no ceo (Ap. 2:7). Para os que teñen a esperanza de vivir na Terra, ese camiño leva á perfección ó final dos mil anos. Se xa vas por ese camiño, non mires atrás. Sigue andando por el ata o final. Que teñas boa viaxe!

CANCIÓN sjj 24 Vinde á montaña de Xehová

a Xehová chamoulle ó camiño simbólico desde Babilonia a Israel o “Camiño da Santidade”. En tempos modernos, Xehová tamén preparou un camiño parecido para os seus servos. Desde o ano 1919 da nosa era, millóns de persoas abandonaron Babilonia a Grande e empezaron a andar polo “Camiño da Santidade”. Todos debemos seguir andando por el ata o final.

c DESCRICIÓN DA IMAXE. O traballo que outros fixeran no pasado axudoulles ó irmán Russell e ós seus colaboradores a estudar a Biblia.