Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 18

CANCIÓN sn 1 As calidades de Xehová

Confía na misericordia do “que xulga a terra enteira”

Confía na misericordia do “que xulga a terra enteira”

“O que xulga a terra enteira, ¿non vai facer xustiza?” (XÉN. 18:25).

OBXECTIVO

Entender mellor a misericordia e a xustiza de Xehová en canto á resurrección de inxustos.

1. Que animadora lección lle ensinou Xehová a Abrahán?

 FOI unha conversa que Abrahán nunca esqueceu. Por medio dun anxo, Xehová díxolle que ía acabar coas cidades de Sodoma e Gomorra. Aquel home fiel quedou preocupado, e preguntou: “¿Por caso aniquilaría-los inocentes cos culpables? [...] O que xulga a terra enteira, ¿non vai facer xustiza?”. Con moita paciencia, Xehová ensinoulle ó seu querido amigo unha lección que tamén nos beneficia e nos anima a todos nós: Deus nunca destruirá persoas xustas (Xén. 18:23-33).

2. Por que podemos estar seguros de que os xuízos de Xehová sempre son xustos e misericordiosos?

2 Por que podemos estar seguros de que Xehová sempre xulga con xustiza e misericordia? Porque “Deus ve o corazón” das persoas (1 Sam. 16:7). De feito, el coñece o “interior dos homes todos” (1 Reis 8:39; 1 Crón. 28:9). Isto é algo impresionante. El é moito máis sabio ca nós. Por iso, poida que ás veces non comprendamos completamente por que toma certas decisións. Con razón o apóstolo Paulo dixo sobre Xehová: “Que inescrutables son os seus xuízos” (Rom. 11:33).

3, 4. Que preguntas poderiamos facernos ás veces, e que imos analizar neste artigo? (Xoán 5:28, 29).

3 Aínda así, pode que ás veces nos fagamos preguntas parecidas ás que se fixo Abrahán. Quizais pensemos: “É posible que as persoas que Xehová destruíu, coma as de Sodoma e Gomorra, poidan volver a vivir? Estarán algunhas delas incluídas na ‘resurrección [...] de inxustos’?” (Feit. 24:15).

4 Repasemos o que sabemos sobre a resurrección. Recentemente puidemos comprender mellor en que consisten a “resurrección de vida” e a “resurrección de condena”, ou de xuízo (le Xoán 5:28, 29). a Debido a este novo entendemento, houbo que facer algúns axustes máis que analizaremos neste artigo e no seguinte. A continuación, falaremos sobre os xustos xuízos de Xehová. Primeiro veremos o que non sabemos e despois o que si sabemos.

O QUE NON SABEMOS

5. Que pensabamos no pasado sobre as persoas que morreron cando Xehová destruíu Sodoma e Gomorra?

5 No pasado, as nosas publicacións mencionaron que as persoas que foron destruídas por Xehová, como por exemplo as de Sodoma e Gomorra, non serán resucitadas. Pero, despois de estudar aínda máis o asunto e de orar moito sobre o tema, quedou claro que non se pode afirmar isto de maneira categórica. Por que?

6. a) Cales son algúns exemplos de xuízos de Xehová contra persoas inxustas? b) Que información non nos dá a Biblia?

6 Analicemos algunhas cuestións relacionadas. Na Biblia hai varios relatos que describen xuízos que Xehová levou a cabo contra persoas inxustas. Por exemplo, no Diluvio destruíu a tódalas persoas excepto a Noé e a súa familia. Tamén usou os israelitas para acabar coas sete nacións que vivían na Terra Prometida. E, mediante un anxo, matou 185.000 soldados asirios nunha noite (Xén. 7:23; Deut. 7:1-3; Is. 37:36, 37). Dános a Biblia suficiente información para saber se Xehová sentenciou cada unha destas persoas á destrución eterna, é dicir, sen esperanza de resucitar? Non, non nola dá. Por que o dicimos?

7. Que é o que non sabemos sobre a xente que foi destruída no Diluvio ou na conquista da terra de Canaán? (Ver a imaxe).

7 Nos exemplos que mencionamos, aínda que é certo que Xehová destruíu aquelas persoas como grupo, non sabemos o que pensaba de cada unha delas individualmente. Tampouco sabemos se tiveron a oportunidade de aprender sobre Xehová e de arrepentirse. Cando a Biblia fala da época do Diluvio, di que Noé era “o pregoeiro da xustiza” (2 Ped. 2:5). Pero non aclara se, mentres construía aquela arca tan grande, tamén levaba a cabo unha campaña de predicación organizada para intentar chegar a cada unha das persoas que vivía na Terra naquel momento. De forma parecida, tampouco sabemos se toda a xente malvada que vivía na terra de Canaán tivo a posibilidade de coñecer a Xehová e cambiar a súa conduta.

Noé e a súa familia traballando na construción da arca. Non se sabe se, durante o tempo da construción, Noé levou a cabo unha campaña de predicación que chegase a tódalas persoas que vivían antes do Diluvio (ver o parágrafo 7).


8. Que non sabemos sobre a xente de Sodoma e Gomorra?

8 E que hai da xente de Sodoma e Gomorra? Lot, un home xusto, vivía alí con eles. Pero, sabemos se lles predicou a todos? Non. Está claro que tiñan un mal comportamento pero, realmente sabían todos eles o que estaba ben e o que estaba mal? Parece que non era o caso. Recorda o que di a Biblia sobre aquel grupo de homes que quería violar os invitados de Lot. O relato conta que aquela multitude incluía tanto vellos coma rapaces. Algúns destes rapaces serían aínda nenos. Así que quizais nin sequera comprendían que facer iso estaba mal (Xén. 19:4; 2 Ped. 2:7). De verdade sabemos se o noso misericordioso Deus, Xehová, decidiu que ningunha destas persoas vai resucitar? Non, non o sabemos. É certo que, polo que Xehová lle dixo a Abrahán, chegamos á conclusión de que non había nin dez xustos naquela cidade (Xén. 18:32). Así que eran inxustos, e Xehová tiña dereito a destruílos polas súas accións. Pero, podemos afirmar con seguridade que ningún deles vaia volver á vida na “resurrección [...] de inxustos”? Non, non podemos.

9. Que non sabemos sobre Salomón?

9 Por outro lado, na Biblia tamén lemos sobre persoas xustas que se volveron inxustas, como por exemplo o rei Salomón. El sabía quen era Xehová e como debía adoralo. De feito, Deus bendiciuno moito. Pero, máis tarde, Salomón empezou a venerar deuses falsos. Isto enfadou moito a Xehová e tivo consecuencias negativas para toda a nación de Israel durante séculos. É certo que a Biblia di que Salomón “durmiu con seus pais”, é dicir, que foi enterrado cos seus antepasados. Isto incluía homes fieis como o rei David (1 Reis. 11:5-9, 43; 2 Reis 23:13). Pero, é o feito de que as Escrituras usen esta expresión unha garantía de que Xehová o vai resucitar? A Biblia non o di. Algúns poderían chegar á conclusión de que si resucitará porque “o que morre queda liberado do pecado” (Rom. 6:7). Aínda que isto é certo, non quere dicir que tódolos que morreron vaian resucitar. Ó fin e ó cabo a resurrección non é un dereito que nós ganemos, senón un regalo do noso amoroso Deus. El concédellelo ás persoas ás que lles quere dar a oportunidade de que o sirvan para sempre (Xob 14:13, 14; Xoán 6:44). Recibirá Salomón este regalo? Só Xehová o sabe. O que si podemos saber nós é que o que el faga será xusto.

O QUE SI SABEMOS

10. Como se sente Xehová cando ten que destruír unha persoa? (Ezequiel 33:11) (Ver tamén a imaxe).

10 Le Ezequiel 33:11. Xehová explícanos como se sente cando xulga as persoas. O apóstolo Pedro escribiu baixo inspiración algo moi parecido ó que xa escribira Ezequiel. El dixo que Xehová “non quere que ninguén pereza” (2 Ped. 3:9). Estas palabras tranquilízannos porque nos recordan que Xehová non destrúe para sempre a alguén a non ser que teña unha razón de moito peso para facelo. El é moi misericordioso e demostra esta cualidade sempre que é posible.

Coa resurrección de inxustos, unha gran variedade de persoas terá a oportunidade de aprender sobre Xehová (ver o parágrafo 10).


11. Quen non resucitará, e como o sabemos?

11 Que é o que si sabemos sobre as persoas que non van resucitar? A Biblia menciona tan só algúns exemplos. b Xesús dixo que Xudas Iscariote non resucitará (Mar. 14:21; ver tamén a nota de estudo en Xoán 17:12, nwtsty-S). Este home sabía que o que estaba facendo ía en contra de Xehová e do seu Fillo, pero aínda así, fíxoo (Mar. 3:29). c Xesús tamén dixo que algúns dos líderes relixiosos que se opoñían a el morrerían sen ter a esperanza de volver a vivir (Mat. 23:33; ver tamén a nota de estudo “el hombre” en Xoán 19:11, nwtsty-S). E o apóstolo Paulo advertiu que os apóstatas que non se arrepinten non serán resucitados (Heb. 6:4-8; 10:29).

12. Que sabemos da misericordia de Xehová? Pon algúns exemplos.

12 E que sabemos en canto á misericordia de Xehová? Como demostrou que “non quere que ninguén pereza”? Fíxate en como tratou con misericordia algunhas persoas que cometeron erros graves. Por exemplo, o rei David pecou gravemente. Entre outras cousas, cometeu adulterio e asasinato. Pero como se arrepentiu de corazón, Xehová perdoouno con xenerosidade (2 Sam. 12:1-13). Outro exemplo é o rei Manasés, quen fixo cousas horribles durante a maior parte da súa vida. Incluso nun caso tan extremo coma este, Deus estivo disposto a perdoar porque Manasés se arrepentiu (2 Crón. 33:9-16). Estes exemplos déixannos claro que Xehová mostra misericordia sempre que ve motivos para facelo. Así que resucitará estes homes, porque se deron conta das cousas tan malas que fixeron e se arrepentiron.

13. a) Por que foi Xehová misericordioso cos ninivitas? b) Que dixo Xesús máis tarde sobre os habitantes de Nínive?

13 Outro exemplo que nos demostra a misericordia que ten Xehová é o da xente de Nínive. El díxolle a Xonás: “Proclama contra ela oráculos de como subiu á miña presencia a ruindade dos seus habitantes”. Pero cando se arrepentiron dos seus pecados, Xehová perdoounos. De feito, foi moito máis misericordioso ca Xonás. Cando este profeta se enfadou, Deus recordoulle que os ninivitas nin sequera sabían distinguir o que estaba ben do que estaba mal (Xon. 1:1, 2; 3:10; 4:9-11). Máis adiante, Xesús usou este exemplo para ensinar unha lección sobre a misericordia e a xustiza de Xehová. El dixo que os ninivitas que se arrepentiron “resucitarán no Día do Xuízo” (Mat. 12:41).

14. Que significará a “resurrección de condena” para os ninivitas?

14 Que significa que os ninivitas resuciten “no Día do Xuízo”? Como vimos, Xesús dixo que haberá unha “resurrección de condena”, ou de xuízo (Xoán 5:29). Estábase referindo ó que ocorrerá durante o seu Reinado de Mil Anos, no que haberá “unha resurrección tanto de xustos coma de inxustos” (Feit. 24:15). Para os inxustos esta será unha “resurrección de condena”, ou de xuízo. Por que dicimos isto? Porque Xehová e Xesús observarán e xulgarán o comportamento destas persoas e se poñen en práctica o que aprenden. Se un ninivita que resucite rechaza adorar a Xehová, el non deixará que siga vivindo (Is. 65:20). Pero tódolos que escollan servir a Deus fielmente terán a oportunidade de vivir para sempre (Dan. 12:2).

15. a) Por que non deberiamos dicir que non resucitará ningún dos que foron destruídos en Sodoma e Gomorra? b) Contradixo Xudas a Xesús coas palabras que se rexistran en Xudas 7? (Mira o recadro “ Que quixo dicir Xudas?”).

15 Cando Xesús falou da xente de Sodoma e Gomorra, dixo que “o Día do Xuízo será máis fácil de soportar” para os habitantes desas cidades que para os que o rechazaban a el e as súas ensinanzas (Mat. 10:14, 15; 11:23, 24; Luc. 10:12). Que quixo dicir? Poderiamos pensar que estaba usando unha hipérbole, ou esaxeración. Pero parece que non era o caso, igual que non a usou cando falou dos ninivitas. d Máis ben, parece que Xesús estaba sendo literal. “O Día do Xuízo” que mencionou aquí seguramente era o mesmo do que falou cando se referiu ós ninivitas. Igual que a xente de Nínive, os habitantes de Sodoma e Gomorra fixeron cousas malas. Pero os ninivitas tiveron a oportunidade de arrepentirse. Ademais, recorda o que dixo Xesús sobre a “resurrección de condena”, ou de xuízo. Dixo que incluiría tamén “os que obraron o mal” (Xoán 5:29). Así que parece que podería haber algunha esperanza para as persoas de Sodoma e Gomorra. É posible que polo menos algunhas delas resuciten, e que teñamos a oportunidade de ensinarlles sobre Xehová e Xesucristo.

16. Que sabemos sobre como decide Xehová a quen vai resucitar? (Xeremías 17:10).

16 Le Xeremías 17:10. Este versículo axúdanos a resumir o que si sabemos: Xehová sempre analiza “as intencións” e “examina os sentimentos”. Así que, cando decide a quen vai resucitar, el sempre lle dá “a cada un conforme o seu comportamento”. Xehová será firme cando sexa necesario, pero misericordioso sempre que sexa posible. Polo tanto, nunca deberiamos supoñer que alguén non ten esperanza de resucitar, a menos que o saibamos con seguridade porque o diga a Biblia.

“O QUE XULGA A TERRA ENTEIRA” FARÁ O QUE É XUSTO

17. Que lles espera ás persoas que morreron?

17 A morte é un “inimigo” terrible (1 Cor. 15:26). Dende que Adán e Eva se uniron a Satanás e se rebelaron contra Xehová Deus, millóns de persoas morreron. Que lles espera a todas elas? Por un lado, hai un pequeno grupo de seguidores fieis de Cristo, 144.000 en total, que resucitarán no ceo e serán inmortais (Apoc. 14:1). Por outro lado, un gran número de homes e mulleres fieis que demostraron o seu amor por Xehová volverán á vida na “resurrección [...] de xustos”. E se se manteñen leais durante o Reinado de Mil Anos de Cristo e durante a proba final poderán vivir para sempre na Terra (Dan. 12:13; Heb. 12:1). Ademais, durante o Milenio os “inxustos”, é dicir, os que nunca serviron a Xehová ou incluso “os que obraron o mal”, terán a oportunidade de cambiar o seu comportamento e chegar a ser servos fieis del (Luc. 23:42, 43). Pero, algunhas persoas foron tan malvadas e estiveron tan decididas a rebelarse contra Xehová e o seu propósito, que el decidiu que non as vai resucitar (Luc. 12:4, 5).

18, 19. a) Por que podemos confiar en como xulgará Xehová os que morreron? (Isaías 55:8, 9) b) Que imos analizar no seguinte artigo?

18 Podemos estar totalmente seguros de que cando Xehová xulga as persoas sempre toma a decisión correcta. Como moi ben entendía Abrahán, Xehová, “o que xulga a terra enteira”, é perfecto, sabio e misericordioso. El capacitou o seu Fillo e delegou nel a responsabilidade de xulgar as persoas (Xoán 5:22). Os dous saben o que cada persoa ten no corazón (Mat. 9:4). Así que non hai dúbida de que sempre farán o que é xusto!

19 Estamos resoltos a confiar en Xehová e en tódalas súas decisións. Sabemos que nós non estamos capacitados para xulgar, pero el si (le Isaías 55:8, 9). Por iso queremos que sexan Xehová e seu Fillo os que xulguen tódalas cousas. Ademais sabemos que o noso Rei, Xesús, imitará á perfección a xustiza e a misericordia de seu Pai (Is. 11:3, 4). Pero, que podemos dicir sobre os xuízos que eles levarán a cabo durante a gran tribulación? Que é o que non sabemos? E, que é o que si sabemos? Contestaremos estas preguntas no seguinte artigo.

CANCIÓN snnw 142 Todos podemos ser amigos de Xehová

b En canto ó caso de Adán, Eva e Caín, mira a nota que aparece en La Atalaya do 1 de xaneiro de 2013, páxina 12 (dispoñible en español).

c Se queres saber máis mira en jw.org o artigo “¿Qué es el pecado imperdonable?” (dispoñible en español).

d A hipérbole é o uso intencionado e evidente dunha esaxeración co fin de destacar unha idea. Cando se utiliza, non se pretende que as palabras se entendan de forma literal. Pero o que dixo Xesús sobre a xente de Sodoma e Gomorra ben podería ser literal. Así que nesta ocasión non estaba usando unha hipérbole.