Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 11

Como podes prepararte para o bautismo?

Como podes prepararte para o bautismo?

“¿Por que non me podo bautizar eu?” (FEIT. 8:36).

CANCIÓN sjj 50 A miña oración de dedicación

AVANCE a

Por todo o mundo, persoas de tódalas idades están progresando en sentido espiritual e bautizándose (ver os parágrafos 1 e 2).

1, 2. Por que non deberías desanimarte se aínda non estás listo para bautizarte? (Ver a imaxe da portada da revista).

 TES a meta de bautizarte? Iso é algo moi bo. Pero cres que xa estás listo para facelo? Se pensas que si, e os anciáns están de acordo, non deixes pasar a seguinte oportunidade que teñas para bautizarte. Se dás este paso, desfrutarás dunha vida marabillosa servindo a Xehová.

2 Pero quizais alguén che dixo que aínda non estás listo para bautizarte, ou igual chegaches a esa conclusión por ti mesmo. Se é así, non te desanimes. Sen importar cantos anos teñas, podes progresar para alcanzar esa meta tan importante.

“¿POR QUE NON ME PODO BAUTIZAR EU?”

3. Que lle preguntou un funcionario de Etiopía a Felipe, e que pregunta poderiamos facernos? (Feitos 8:36, 38).

3 Le Feitos 8:36, 38. Un funcionario de Etiopía preguntoulle a Felipe, o evanxelizador: “¿Por que non me podo bautizar eu?”. Aquel home quería bautizarse, pero de verdade estaba listo para dar aquel paso tan importante?

O funcionario etíope estaba decidido a seguir aprendendo máis de Xehová (ver o parágrafo 4).

4. Como demostrou o etíope que quería seguir aprendendo?

4 O etíope “fora a Xerusalén para adorar a Deus” (Feit. 8:27TNM). Así que debía ser un prosélito xudeu, é dicir, un xentil que aceptara o xudaísmo. Non hai dúbida de que aprendera sobre Xehová nos escritos sagrados das Escrituras Hebreas. Aínda así, estaba desexando aprender máis. De feito, que estaba facendo cando Felipe se encontrou con el? Lendo con moita atención un rolo que contiña o que escribira o profeta Isaías (Feit. 8:28). Iso era alimento espiritual sólido. Este funcionario non se conformaba só con aprender algunhas verdades básicas da Palabra de Deus, senón que quería seguir aprendendo.

5. Que fixo o etíope cando aprendeu a verdade?

5 Aquel home era un oficial moi importante que traballaba para a raíña Candaces de Etiopía. A Biblia di que “estaba encargado de tódolos seus tesouros” (Feit. 8:27). Así que debía ser un home ocupado con moitas responsabilidades. Aínda así, sacou tempo para adorar a Xehová. Non se conformou só con aprender a verdade. Tamén puxo en práctica na súa vida o que aprendeu. Por iso viaxou desde Etiopía a Xerusalén para poder adorar a Xehová no templo. Debía ser unha viaxe longa e cara pero, como quería adorar a Xehová, non lle importou facer todos eses esforzos.

6, 7. Como medrou o amor que sentía o etíope por Xehová?

6 Felipe ensinoulle ó etíope algunhas verdades novas moi importantes. Por exemplo, explicoulle quen era o Mesías (Feit. 8:34, 35). Seguro que lle chegou ó corazón ver o que Xesús fixera por el. Que fixo cando aprendeu esas cousas? En vez de quedar como estaba e seguir sendo un prosélito xudeu moi respectado, o seu amor por Xehová e polo seu Fillo medrou. Iso motivouno a tomar unha decisión que lle cambiou a vida: bautizarse como seguidor de Xesucristo. Felipe viu que aquel home estaba listo para dar ese paso e bautizouno.

7 Se imitas o exemplo do etíope, poderás prepararte para bautizarte. Entón ti tamén poderás dicir con total confianza: “¿Por que non me podo bautizar eu?”. Agora imos analizar o que podes facer para dar os mesmos pasos que deu el: seguir aprendendo, poñer en práctica o que aprendes e continuar aumentando o teu amor por Deus.

SIGUE APRENDENDO

8. Segundo Xoán 17:3, que debes facer?

8 Le Xoán 17:3. Fixeron estas palabras de Xesús que quixeses estudar a Biblia? Iso foi o que nos pasou a moitos de nós. Pero necesitamos seguir aprendendo. De feito, a Biblia di que nunca deixaremos de aprender do Deus verdadeiro (Ecl. 3:11TNM). Seguiremos aprendendo del por toda a eternidade. E canto máis aprendamos sobre Xehová, máis nos acercaremos a el (Sal. 73:28).

9. Que temos que facer despois de aprender as ensinanzas básicas da Biblia?

9 Cando comezamos a aprender sobre Xehová, o normal é empezar polas ensinanzas básicas da Biblia. Na carta que lles escribiu ós hebreos, o apóstolo Paulo chamoulles a estas ensinanzas as “cousas elementais”. Con isto non quería dicir que non fosen importantes. En vez diso, estábaas comparando co leite co que se alimenta un bebé (Heb. 5:12, TNM; 6:1). Pero tamén animou a tódolos cristiáns a non aprender só as ensinanzas básicas, senón tamén as verdades profundas da Palabra de Deus. E ti? Xa cultivaches o desexo de aprender as ensinanzas profundas da Biblia? Estás disposto a seguir “medrando”, é dicir, a seguir aprendendo sobre Xehová e os seus propósitos?

10. Por que a algúns se lles fai difícil estudar?

10 A moitos de nós fáisenos difícil estudar. Que tal se che dá a ti? Puideches aprender a estudar e a ler ben na escola? Gustábache facelo e sentías que aprendías moito? Ou chegaches á conclusión de que non se che dá ben estudar? Se che pasa iso, non es o único. Pero Xehová pode axudarche. El é perfecto e ademais é o mellor mestre que hai.

11. Como demostra Xehová que é o “Grande Instrutor”?

11 Xehová di que el é “o teu Grande Instrutor” (Is. 30:20, 21TNM). É un mestre paciente, amable e comprensivo que se fixa nas cousas boas dos seus estudantes (Sal. 130:3). Ademais, acórdate de que o teu cerebro é un regalo de Xehová, foi el mesmo quen o deseñou. Polo tanto, nunca che vai pedir máis do que poidas dar (Sal. 139:14). As persoas temos o desexo natural de aprender. O noso Creador quere que sigamos aprendendo para sempre e que desfrutemos de facelo. Por iso, o mellor é que xa agora cultivemos o desexo de aprender as verdades da Biblia (1 Pe. 2:2). Así que ponte metas que poidas alcanzar. Fai un horario para ler e estudar a Biblia e axústate a el (Xos. 1:8). Coa axuda de Xehová, desfrutarás de ler e de aprender del cada vez máis.

12. Por que deberiamos dedicar tempo no noso estudo persoal a aprender de Xesús?

12 Dedica tempo de maneira regular a meditar na vida e no ministerio de Xesús. Para servir a Xehová, é fundamental seguir os pasos do seu Fillo con moito coidado, sobre todo nesta época tan difícil da historia (1 Pe. 2:21). Xesús falou con franqueza dos desafíos ós que se enfrontarían os seus seguidores (Lc. 14:27, 28). Aínda así, estaba seguro de que os seus verdadeiros seguidores poderían superalos, igual que fixo el (Xn. 16:33). Polo tanto, estuda detalles da súa vida e ponte metas para imitalo no teu día a día.

13. Que deberías seguir pedíndolle a Xehová, e por que?

13 Pero non chega só con ter coñecemento. A razón pola que seguimos aprendendo é porque queremos saber máis de Xehová e tamén para cultivar calidades como o amor a Deus e a fe (1 Cor. 8:1-3). Mentres vas aprendendo, sigue pedíndolle a Xehová que che axude a ter máis fe (Lc. 17:5). El contesta con xenerosidade esa clase de oracións. A verdadeira fe baseada no coñecemento exacto do noso Deus axudarache a poñer en práctica o que aprendes (Sant. 2:26).

SIGUE POÑENDO EN PRÁCTICA O QUE APRENDES

Antes do Diluvio, Noé e a súa familia demostraron que tiñan fe e puxeron en práctica o que aprenderon (ver o parágrafo 14).

14. De que maneira destacou o apóstolo Pedro o importante que é seguir poñendo en práctica o que aprendemos? (Ver tamén a imaxe).

14 O apóstolo Pedro mencionou o relato bíblico de Noé para destacar o importante que é que os seguidores de Cristo sigan poñendo en práctica o que aprenden. Xehová dixéralle a Noé que ía traer un diluvio para destruír tódalas persoas malvadas daquel tempo. Pero Noé e a súa familia non se salvarían só por saber que ía vir o Diluvio. Por que o sabemos? Porque Pedro estaba falando do que pasou antes de que chegase o Diluvio “mentres se construía a arca” (1 Pe. 3:20). Noé e a súa familia construíron unha arca, e así puxeron en práctica o que aprenderan de Deus (Heb. 11:7). Despois, Pedro comparou o que fixo Noé co bautismo. Escribiu: “O bautismo, que é ó que isto corresponde, agora tamén vos está salvando a vós” (1 Pe. 3:21TNM). Así que, en certo sentido, podemos comparar o que estás facendo agora para prepararte para o bautismo co que fixeron Noé e a súa familia durante anos ó construír a arca. Que tes que facer para estar preparado para bautizarte?

15. Como podemos demostrar que estamos arrepentidos de verdade?

15 Unha das primeiras cousas que debemos facer é arrepentirnos de corazón polos nosos pecados (Feit. 2:37, 38). O verdadeiro arrepentimento produce verdadeiros cambios. E ti? Xa deixaches de facer cousas que lle desagradan a Xehová, como por exemplo practicar inmoralidade sexual, fumar, ser mal falado ou utilizar palabras ofensivas? (1 Cor. 6:9, 10, TNM; 2 Cor. 7:1; Ef. 4:29) Se aínda non o fixeches, sigue esforzándote por cambiar. Fala coa persoa coa que estudas a Biblia, ou pídelles ós anciáns da congregación que che axuden e déixate guiar por eles. Se es novo e vives con teus pais, sigue pedíndolles que che axuden a romper con calquera mal hábito que poida impedir que te bautices.

16. Que implica ter unha boa rutina espiritual?

16 Tamén é importante ter unha boa rutina espiritual. Isto inclúe ir ás reunións e participar nelas (Heb. 10:24, 25). Cando cumpras os requisitos para predicar coa congregación, asegúrate de que isto tamén forme parte da túa rutina. Canto máis prediques, máis desfrutarás da predicación (2 Tim. 4:5). Se es novo e aínda vives con teus pais, pregúntate: “Teñen que dicirme meus pais que vaia ás reunións e que predique, ou fágoo eu porque quero?”. Se tomas ti a iniciativa, demostrarás que tes fe en Xehová, que lle queres moito e que lle estás moi agradecido. Ademais, estes “feitos de devoción a Deus” son coma regalos que lle fas a Xehová (2 Pe. 3:11, TNM; Heb. 13:15). A el gústalle moito todo o que lle damos de boa gana (compara con 2 Corintios 9:7). E a nós fainos moi felices darlle o mellor a Xehová.

SIGUE AUMENTANDO O TEU AMOR POR DEUS

17, 18. Que importante calidade che axudará a progresar cara ó bautismo, e por que? (Proverbios 3:3-6TNM).

17 A medida que sigas progresando cara ó bautismo, afrontarás desafíos. Pode que algúns se burlen de ti polas túas novas crenzas, ou que incluso se opoñan ou te persigan (2 Tim. 3:12). Tamén pode ser que teñas algunha recaída ó intentar superar algún mal hábito. Ou poida que te impacientes ou te frustres porque che parece que a túa meta está moi lonxe. Se che pasa iso, hai unha calidade moi importante que che vai axudar a aguantar: o amor a Xehová.

18 Amar a Xehová é marabilloso. De feito, ese amor é a mellor calidade que podes ter (le Proverbios 3:3-6TNM). Se o teu amor por Xehová é forte, poderás superar os desafíos ós que te enfrontes na vida. Na Biblia menciónase moitas veces que Deus lles ten amor leal ós seus servos. Ese amor leal é a razón pola que nunca os abandonará nin os deixará de querer (Sal. 100:5). Recorda que estás feito á imaxe de Deus (Xén. 1:26). Entón, como podes imitar esa clase de amor?

Podes demostrarlle o teu agradecemento a Xehová tódolos días (ver o parágrafo 19). b

19. Que podes facer para estarlle máis agradecido a Xehová por todo o que fai por ti? (Gálatas 2:20).

19 O primeiro que podes facer é ser agradecido (1 Tes. 5:18). Cada día, pregúntate: “Como me demostrou Xehová que me quere?”. Despois, asegúrate de darlle as grazas cando lle ores e de mencionar cousas específicas que fixo por ti. Igual que o apóstolo Paulo, recorda que Xehová te quere moito e que por iso fai cousas boas por ti (le Gálatas 2:20). Así que, pregúntate: “Quero eu demostrarlle que tamén o quero moito?”. Amar a Xehová axudarache a seguir resistindo as tentacións e a superar os desafíos. Ademais, motivarate a manter a túa rutina espiritual. Así poderás demostrarlle a teu Pai cada día canto o queres.

20. a) Que implica dedicarlle a túa vida a Xehová? b) Canta importancia ten esta decisión?

20 Co tempo, o teu amor a Xehová motivarate a facerlle unha oración para dedicarlle a túa vida. Recorda que cando o fagas pasarás a ter unha esperanza marabillosa: poderás pertencerlle por toda a eternidade. Cando te dedicas a Xehová, prométeslle que o vas servir cando as cousas che vaian ben e tamén cando che vaian mal. É unha promesa permanente que non terás que volver a facer. É certo que é un paso moi importante, pero pensa nisto: vas tomar moitas decisións na túa vida, algunhas delas moi boas, pero non haberá ningunha mellor ca esta (Sal. 50:14). Satanás vai intentar debilitar o teu amor polo teu Pai para que non lle sigas sendo fiel. Xamais deixes que gane! (Xob 27:5) Se o teu amor a Xehová é forte, poderás manter a túa promesa de servilo para sempre, e ademais acercaraste cada vez máis ó teu Pai celestial.

21. Por que podemos dicir que o bautismo non é o final, senón o principio?

21 Despois de dedicarte a Xehová, fala cos anciáns da túa congregación sobre o seguinte paso que tes que dar. Recorda sempre que o bautismo non é o final, senón o principio. Cando te bautizas, empezas o teu camiño como servo de Xehová, un camiño polo que poderás andar toda a eternidade. Por iso, esfórzate por aumentar o teu amor polo teu Pai agora e ponte metas para que ese amor poida medrar cada día máis. Iso motivarate a bautizarte, e ese será un día marabilloso. Pero o bautismo só é o principio. Así que, fai que o teu amor por Xehová e polo seu Fillo siga medrando para sempre!

CANCIÓN sjj 135 “Meu fillo, faime feliz sendo sabio”

a Para poder progresar ata o bautismo, necesitamos ter a motivación correcta. Ademais, debemos dar os pasos que Xehová espera de nós. Neste artigo imos falar do exemplo dun funcionario etíope e analizaremos os pasos que ten que dar un estudante da Biblia para poder bautizarse.

b DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha irmá orándolle a Xehová para darlle as grazas polas cousas que nos dá.