Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 14

“Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos”

“Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos”

“Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros” (XN. 13:35).

CANCIÓN sjj 106 Medremos en amor

AVANCE a

Que pensan moitas persoas que non son Testemuñas cando ven o amor que nos demostramos os servos de Xehová? (ver o parágrafo 1).

1. Que lles chama a atención a moitas persoas a primeira vez que van ás nosas reunións? (Ver tamén a imaxe).

 IMAXINA que un matrimonio vai por primeira vez a un Salón do Reino das testemuñas de Xehová. Ó ver a cariñosa benvida que lles dan e o amor que se demostran uns a outros, quedan moi impresionados. De camiño á casa, a muller dille ó seu home: “As testemuñas de Xehová son diferentes das demais persoas. Encantoume estar con elas”.

2. Por que tropezaron algúns?

2 O amor que hai dentro da congregación cristiá é algo moi especial. Por suposto, as testemuñas de Xehová non somos perfectas (1 Xn. 1:8). Así que, canto máis coñezamos os irmáns da congregación, máis probable será que vexamos os seus defectos (Rm. 3:23). Por desgraza, algunhas persoas deixaron de servir a Xehová porque permitiron que as imperfeccións doutros irmáns os fixesen tropezar.

3. Que identifica os verdadeiros seguidores de Xesús? (Xoán 13:34, 35).

3 Fíxate outra vez no texto temático deste artigo (le Xoán 13:34, 35). Que identifica os verdadeiros seguidores de Xesús? O amor, non a perfección. Ademais, se te fixas, Xesús non dixo: “Nisto vós coñeceredes que sóde-los meus discípulos”. En vez diso, dixo: “Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos”. Que quería dicir con estas palabras? Que ese amor faría que incluso os que non forman parte da congregación cristiá puidesen recoñecer quen son os verdadeiros seguidores de Cristo.

4. Que poderían preguntarse algúns sobre os verdadeiros cristiáns?

4 Pode que algunhas persoas que non son testemuñas de Xehová se pregunten: “Por que é o amor o que identifica os verdadeiros seguidores de Xesús? Como demostrou Xesús que amaba os seus apóstolos? E como podemos imitar o seu exemplo hoxe en día?”. Os que xa somos testemuñas de Xehová bautizadas facemos ben en reflexionar nas respostas destas preguntas. Isto poderá axudarnos a demostrar máis amor, sobre todo cando vemos as imperfeccións dos demais (Ef. 5:2).

POR QUE É O AMOR O QUE IDENTIFICA OS VERDADEIROS SEGUIDORES DE XESÚS?

5. Explica o que significan as palabras de Xesús que aparecen en Xoán 15:12, 13.

5 Xesús deixou claro que o que identificaría os seus seguidores sería unha clase de amor moi especial (le Xoán 15:12, 13). Fíxate no que lles dixo: “Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei”. Que significa isto? Como explicou despois, esta clase de amor implica amar a outros máis que a un mesmo. Ademais, este amor fai que un cristián estea disposto a dar a súa vida polos seus irmáns se é necesario. b

6. Como destaca a Palabra de Deus que o amor é moi importante?

6 A Palabra de Deus destaca que o amor é moi importante. Por exemplo, a Biblia di: “Deus é amor” (1 Xn. 4:8), “amara-lo teu próximo coma a ti mesmo” (Mt. 22:39), “o amor tapa moitos pecados” (1 Pe. 4:8) e “o amor non pasa endexamais” (1 Cor. 13:8). Para moitas persoas, estes son algúns dos seus textos favoritos. Estes versículos da Biblia e moitos outros deixan claro que é moi importante cultivar e demostrar esta bonita calidade.

7. Por que Satanás nunca poderá crear unha irmandade mundial de persoas que se amen unhas ás outras?

7 Moitas persoas pregúntanse: “Como podo saber cal é a relixión verdadeira? Todas din que ensinan a verdade, pero cada unha di unha cousa diferente sobre Deus”. Satanás encargouse de que se creasen moitas relixións falsas para confundir a xente. Iso fai que ás persoas lles resulte difícil saber cal é a relixión verdadeira. Pero nunca poderá crear unha irmandade mundial de persoas que se amen unhas ás outras. Xehová é o único que pode conseguilo. Isto é lóxico porque o amor verdadeiro só vén de Xehová. Só os que teñen o seu espírito e a súa bendición poden demostrarse amor verdadeiro uns a outros (1 Xn. 4:7). Esta é a razón pola que Xesús dixo que só os seus seguidores se demostrarían amor verdadeiro.

8, 9. Como reaccionan moitas persoas ó ver o amor que se demostran as testemuñas de Xehová?

8 O que predixo Xesús cumpriuse, e moitos recoñeceron os seus verdadeiros seguidores polo amor auténtico que se demostran uns a outros. Por exemplo, un irmán que se chama Ian recorda o primeiro congreso ó que foi. Celebrouse nun estadio de deportes cerca da súa casa. Ian estivera nun evento deportivo nese mesmo estadio uns meses antes. El di: “Vaia diferenza vin no congreso! As Testemuñas eran educadas e ían ben vestidas. E os seus fillos portábanse moi ben”. E engade: “O que máis me chamou a atención foi que parecían felices e que tiñan paz. Iso era o que eu quería na miña vida. Non me acordo de nada do que se dixo nos discursos dese día, pero a súa conduta impresionoume moito”. c Por suposto, esa conduta é o resultado de demostrarnos amor verdadeiro uns a outros. Como amamos os nosos irmáns, tratámolos con amabilidade e respecto.

9 John tamén tivo unha impresión parecida cando empezou a ir ás reunións. El di: “Impresionoume ver que todos eran amables [...], parecían uns santos. Ver que se demostraban amor auténtico convenceume de que atopara a relixión verdadeira”. d Estas e outras experiencias demostran que os servos de Xehová son cristiáns verdadeiros.

10. En que situacións podemos demostrar que de verdade amamos os nosos irmáns? (Ver tamén a nota).

10 Como dixemos ó principio, ningún dos nosos irmáns é perfecto. Ás veces, din ou fan cousas que nos ofenden (Sant. 3:2). e A nosa reacción pode demostrar se de verdade amamos os nosos irmáns. Que podemos aprender do exemplo que nos puxo Xesús? (Xn. 13:15).

COMO DEMOSTROU XESÚS QUE AMABA OS SEUS APÓSTOLOS?

Xesús tratou con amor os seus apóstolos aínda que se equivocaron moitas veces (ver os parágrafos 11 a 13).

11. Que aspectos negativos da súa personalidade demostraron Santiago e Xoán? (Ver tamén a imaxe).

11 Xesús non esperaba que os seus seguidores fosen perfectos. Máis ben, axudáballes con cariño a corrixir os aspectos negativos da súa personalidade para que puidesen conseguir a aprobación de Xehová. Nunha ocasión, dous dos seus discípulos, Santiago e Xoán, dixéronlle á súa nai que falase con Xesús para que lles dese unha posición importante no Reino (Mt. 20:20, 21). Ó facer iso, Santiago e Xoán estaban demostrando que eran orgullosos e que querían ser máis importantes que os demais (Pr. 16:18).

12. Por que podemos dicir que Santiago e Xoán non foron os únicos que demostraron que aínda tiñan cousas que mellorar na súa personalidade?

12 Pero nesa ocasión, Santiago e Xoán non foron os únicos que demostraron que aínda tiñan cousas que mellorar na súa personalidade. Fíxate en como reaccionaron os demais apóstolos: “Ó escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns” (Mt. 20:24). É fácil imaxinar que se puxesen a discutir e a dicirse de todo menos cousas bonitas. Quizais lles dixeron algo así: “Quen pensades que sodes para pedir ter unha posición importante no Reino? Non sodes os únicos que vos esforzastes por traballar con Xesús. Nós estamos igual de preparados ca vós para ter privilexios especiais!”. Non sabemos como foi esa discusión, pero o que si sabemos é que por un momento deixaron de recordar que sempre debían mostrarse amor e ser amables uns con outros.

13. Que fixo Xesús cando viu os defectos dos seus apóstolos? (Mateo 20:25-28).

13 Que fixo Xesús? Indignouse con eles? Non. Tampouco lles dixo que ía buscar outros apóstolos, uns que fosen mellores, máis humildes, e que se tratasen sempre con amor uns ós outros. En vez diso, viu que tiñan bo corazón, foi paciente e razoou con eles (le Mateo 20:25-28). Esta non era a primeira vez que discutían entre eles sobre quen era o máis importante, nin tampouco foi a última. Pero Xesús seguiunos tratando con amor (Mc. 9:34; Lc. 22:24).

14. Como era a cultura na que se criaron os apóstolos de Xesús?

14 Non hai dúbida de que Xesús tivo en conta a cultura na que se criaran os seus apóstolos (Xn. 2:24, 25). Por exemplo, os líderes relixiosos ensinaban que as persoas só eran importantes se tiñan unha boa posición social (Mt. 23:6; compara co vídeo Asientos del frente en la sinagoga que aparece na nota de Mateo 23:6 na edición de estudo da Traducción del Nuevo Mundo). Ademais, críanse mellores que os demais (Lc. 18:9-12). f Xesús entendía que ese ambiente podía influír en como se vían os apóstolos a si mesmos e en como vían os demais (Pr. 19:11). Non esperaba que os seus discípulos nunca se equivocasen e era paciente con eles. Ademais, sabía que tiñan bo corazón. Por iso lles axudou con paciencia a desfacerse do orgullo e da ambición, e a substituílos por amor.

COMO PODEMOS IMITAR O EXEMPLO DE XESÚS?

15. Que podemos aprender do que lles pasou a Santiago e Xoán cos demais apóstolos?

15 Podemos aprender máis cousas do que lles pasou a Santiago e Xoán cos demais apóstolos. É certo que se equivocaron ó pedir ter posicións importantes no Reino. Pero os outros apóstolos tamén se equivocaron porque permitiron que esa situación rompese a súa unidade. Aínda así, Xesús foi amable e demostroulles amor ós 12 apóstolos. Que nos ensina isto? Que non só importa como actúan os demais, tamén importa como reaccionamos nós cando outros se equivocan ou cando vemos os seus defectos. Que nos pode axudar a reaccionar ben? Se estamos enfadados cun irmán, podemos preguntarnos: “Por que me molestou tanto o que fixo? Revela isto que teño que mellorar algún aspecto da miña personalidade? Pode ser que esa persoa estea pasando por problemas? Incluso se sinto que o meu enfado está xustificado, podo demostrarlle amor e perdoalo?”. Canto máis tratemos a outros con amor, máis demostraremos que somos verdadeiros seguidores de Xesús.

16. Que máis nos ensina o exemplo de Xesús?

16 O exemplo de Xesús tamén nos ensina que debemos esforzarnos por entender os nosos irmáns (Pr. 20:5TNM). Xesús podía ler os corazóns, pero nós non podemos. O que si podemos facer é ser pacientes coas imperfeccións dos nosos irmáns e irmás (Ef. 4:1, 2; 1 Pe. 3:8). Seranos máis fácil facelo se nos esforzamos por coñecer mellor a súa cultura e a súa crianza. Vexamos un exemplo.

17. Como lle axudou a un superintendente de circuíto coñecer mellor un irmán?

17 Un superintendente de circuíto que visitaba congregacións en África Oriental, recorda que había un irmán que non lle caía demasiado ben. Como reaccionou? El di: “En vez de evitalo, intentei coñecelo mellor”. Grazas a iso, deuse conta de que o seu pasado influíra moito na personalidade daquel irmán. El segue dicindo: “Cando me dei conta de como se esforzara por cambiar e de todo o que conseguira, cheguei a admiralo moito e fixémonos moi bos amigos”. Sen dúbida, cando nos esforzamos por comprender os nosos irmáns, fáisenos máis fácil demostrarlles amor.

18. Que preguntas é bo que nos fagamos se nos ofendeu un irmán? (Proverbios 26:20).

18 Pode que ás veces necesitemos falar cun irmán que nos ofendeu. Antes de dar ese paso, sería bo que nos fixésemos as seguintes preguntas: “Teño toda a información sobre o que pasou?” (Pr. 18:13). “Podería ser que non o fixese a propósito?” (Ecl. 7:20). “Cometín eu algunha vez un erro parecido?” (Ecl. 7:21, 22). “Que vai pasar se falo coa persoa do tema? Empeorará o problema que estou intentado resolver?” (le Proverbios 26:20). Cando nos paramos a pensar nestas preguntas, é probable que nos deamos conta de que o noso amor polos irmáns pode motivarnos a pasar por alto esa ofensa.

19. Que estamos decididos a facer?

19 Como grupo, as testemuñas de Xehová demostran que son verdadeiros seguidores de Xesús. Cada un de nós podemos demostrar que tamén o somos se lles demostramos amor verdadeiro ós nosos irmáns, aínda que son imperfectos. Se o facemos, poderemos axudarlles a outros a recoñecer cal é a relixión verdadeira e animalos a adorar con nós a Xehová, o Deus de amor. Sigamos decididos a seguir demostrando o amor que identifica os verdadeiros cristiáns!

CANCIÓN sn 84 “Pois quero”

a Moitas persoas queren aprender máis de Xehová e da súa Palabra cando ven que nos demostramos amor verdadeiro entre nós. Pero, como somos imperfectos, ás veces pode que non nos sexa fácil tratar con amor a algún irmán. Vexamos por que o amor é tan importante e como podemos imitar o exemplo de Xesús cando outros cometen erros.

b Mira o libro Ven, sé mi seguidor”, capítulo 17 parágrafos 10 e 11 (dispoñible en español).

c Para ler o artigo completo, vai a jw.org e escribe “A miña vida por fin ten sentido” no recadro de busca.

d Para ler o artigo completo, vai a jw.org e escribe “Parecía que tiña unha boa vida” no recadro de busca.

e Este artigo non fala de pecados graves que deberían tratar os anciáns, como os que se mencionan en 1 Corintios 6:9, 10 (TNM).

f Dise que, moito tempo despois, un rabino comentou: “No mundo hai polo menos trinta homes tan xustos como Abraham. Se hai trinta, o meu fillo e eu somos dous deles. Se hai dez, o meu fillo e eu somos dous deles. Se hai cinco, o meu fillo e eu somos dous deles. Se hai dous, somos o meu fillo e mais eu. E se hai un, son eu”.