ARTIGO DE ESTUDO 10
Por que deberías bautizarte?
“Que cada un de vós se faga bautizar” (FEIT. 2:38).
CANCIÓN sn 29 Camiñarei con integridade
AVANCE a
1, 2. a) Que pasa normalmente cando alguén se bautiza? b) Que imos analizar neste artigo?
FIXÁCHESTE algunha vez nun grupo de candidatos ó bautismo? Seguro que sentiches o convencidos que responderon as dúas preguntas que lles fixeron antes de bautizarse. E cando saíron da auga, escoitaches un forte aplauso e viches as súas caras cheas de felicidade. Ademais, puideches ver que os seus familiares e amigos tamén estaban moi contentos. De media, cada semana dan este paso miles de persoas, e así convértense en testemuñas de Xehová dedicadas e bautizadas.
2 E ti? Gustaríache bautizarte? Se estás pensando en dar este paso, significa que estás “buscando a Xehová”, e iso quere dicir que non es coma as demais persoas deste mundo malvado (Sal. 14:1, 2, TNM). Sen importar os anos que teñas, este artigo é para ti. E se xa estamos bautizados, tamén queremos estar cada vez máis decididos a seguir servindo a Xehová para sempre. Que razóns temos para facelo? Vexamos tres delas.
AMA A VERDADE E A XUSTIZA
3. Por que aman a verdade e a xustiza os servos de Xehová? (Salmo 119:128, 163).
3 Xehová mandoulle ó seu pobo: “Amade a verdade” (Zac. 8:19, TNM). E Xesús animou os seus seguidores a buscar a xustiza (Mt. 5:6). Isto quere dicir que necesitamos ter un forte desexo de facer o que é bo, xusto e limpo ós ollos de Deus. Dirías que amas a verdade e a xustiza? Por suposto que si! Odias as mentiras e todo o que Xehová di que é malo (le Salmo 119:128, 163). Cando alguén mente está imitando a Satanás, o gobernante deste mundo (Xn. 8:44; 12:31). Un dos obxectivos do Demo é manchar o santo nome de Xehová. De feito, leva espallando mentiras sobre Deus dende a rebelión que houbo no xardín de Edén. Quere que as persoas vexan a Xehová como un gobernante egoísta e mentireiro que non lles dá cousas boas ós humanos (Xén. 3:1, 4, 5). As mentiras de Satanás contaminan a mente e o corazón das persoas. Cando alguén decide non amar a verdade, o Demo inflúe nel para que faga todo tipo de cousas inxustas e malvadas (Rm. 1:25-31).
4. Como demostra Xehová que é o “Deus da verdade”? (Ver tamén a imaxe).
4 Xehová é o “Deus da verdade” e ensínallela xenerosamente a tódolos que o aman (Sal. 31:5, TNM). Desa forma, libera as persoas das mentiras de Satanás. Xehová tamén lles ensina ós seus servos a ser honestos e xustos. Iso fai que teñan máis autoestima e paz interior (Pr. 13:5, 6). Pasouche isto a ti? Notaches como che axudaba Xehová cando estudabas a Biblia? Seguro que aprendiches que todo o que el di sempre é o mellor para ti e para o resto das persoas (Sal. 77:14 [77:13, TNM]). Así que seguro que queres facer o que Xehová di que é xusto, defender a verdade e desmentir tódalas mentiras que se dixeron sobre o noso Deus (Mt. 6:33). Como podes conseguilo?
5. Como podes defender a verdade e a xustiza?
5 Pola túa maneira de vivir podes demostrar que rechazas as mentiras de Satanás e que defendes a verdade. É coma se dixeses: “Quero que Xehová sexa o meu gobernante, quero facer o que el di que está ben”. Como podes facelo? Primeiro, faille unha oración a Xehová na que te dediques a el. Despois, bautízate para demostrar publicamente que te dedicaches. Amar a verdade e a xustiza é unha moi boa razón para decidir bautizarte.
AMA A XESÚS
6. Que razóns se mencionan en Salmo 45:4 (TNM) para amar a Xesús?
6 Por que amas a Xesús? Atopamos algunhas boas razóns en Salmo 45:4 (TNM) (leo). Xesucristo ama a verdade, a humildade e a xustiza. Se ti tamén amas a verdade e a xustiza, é normal que o queiras a el. Pensa en como defendeu con valor a verdade e a xustiza (Xn. 18:37). Pero, como promove a humildade?
7. Que é o que máis che gusta da humildade de Xesús?
7 Xesús promove a humildade co seu exemplo. Sempre lle dá toda a gloria ó seu Pai, nunca a si mesmo (Mc. 10:17, 18; Xn. 5:19). Como te sentes cando ves o humilde que é? Verdade que te motiva a amalo e a ser o seu discípulo? Seguro que si. Por que é humilde Xesús? Porque imita e quere moito a seu Pai, que tamén é humilde (Sal. 18:36 [18:35, TNM]; Heb. 1:3). Ver como imita Xesús á perfección as calidades de Xehová fai que te queiras acercar máis a el.
8. Por que nos fai felices que Xesús sexa o noso Rei?
8 Xesús é o mellor gobernante que podemos ter. Por iso nos fai moi felices que sexa o noso Rei. O propio Xehová capacitouno e escolleuno para gobernar (Is. 50:4, 5). Ademais, pensa no amor que demostrou Xesús ó sacrificarse por nós (Xn. 13:1). Como é o teu Rei, merece o teu cariño. Para que nos vexa como os seus amigos, temos que querelo de verdade e demostrarlle ese amor facendo o que nos manda (Xn. 14:15; 15:14, 15). Que honor poder ser amigos do Fillo de Xehová!
9. En que se parece o bautismo dos cristiáns ó de Xesús?
9 Unha das cousas que Xesús lles mandou facer ós seus seguidores é bautizarse (Mt. 28:19, 20). El mesmo puxo o exemplo. Nalgúns aspectos, o seu bautismo foi diferente ó dos seus discípulos. (Mira o recadro “ En que se diferencia o bautismo de Xesús do dos seus seguidores?”). Pero noutros aspectos si que se parece. Cando se bautizou, comprometeuse a facer a vontade do seu Pai (Heb. 10:7). De maneira parecida, o bautismo dos seus seguidores tamén é unha demostración pública de que se dedicaron a Xehová e de que agora a súa vida se centra en facer a vontade de Deus, non a súa propia. Desta maneira, seguen o exemplo do seu Mestre, Xesús.
10. Por que queres a Xesús, e a que te debería motivar ese amor?
10 Para ti, Xesús é o Fillo unixénito de Xehová e o Rei que el escolleu para gobernarnos. Sabes que é humilde e que imita á perfección o seu Pai. Aprendiches que alimentou os que tiñan fame, consolou os desanimados e ata curou os enfermos (Mt. 14:14-21). Tamén viches como dirixe hoxe en día a congregación (Mt. 23:10). Ademais, sabes que fará aínda máis cousas no futuro como Rei do Reino de Deus. Como podes demostrar que o queres moito? Imitando o seu exemplo (Xn. 14:21). Podes facelo se te dedicas a Xehová e se te bautizas.
AMA A XEHOVÁ
11. Cal dirías que é a razón máis importante pola que se bautiza unha persoa?
11 Cal é a razón máis importante pola que se bautiza unha persoa? Xesús explicou cal é o maior mandamento de Deus, cando dixo: “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con tódalas túas forzas” (Mc. 12:30). Cres que estas palabras describen ben canto queres a Deus?
12. Por que amas a Xehová? (Ver tamén a imaxe).
12 Existen moitas razóns para amar a Xehová. Por exemplo, chegaches a comprender que el é a “fonte da vida” e que “todo bo regalo e toda dádiva perfecta” veñen del (Sal. 36:10 [36:9, TNM]; Sant. 1:17). Tódalas cousas boas das que desfrutas veñen de Xehová, o noso cariñoso e xeneroso Deus.
13. Por que o rescate é un regalo tan marabilloso?
13 O rescate é un regalo marabilloso que nos deu Xehová. Por que podemos dicir isto? Pensa na relación tan estreita que hai entre Xehová e o seu Fillo. Xesús dixo “ámame o Pai” e “eu amo ó Pai” (Xn. 10:17; 14:31). Esta relación fíxose máis forte co paso de miles de millóns de anos (Pr. 8:22, 23, 30). Agora pensa en canto lle debeu doer a Deus permitir que o seu Fillo sufrise e morrese. Xehová quérenos moito ós humanos, incluído a ti. De feito, quérenos tanto que estivo disposto a dar o seu querido Fillo como sacrificio para que ti e o resto de persoas tivésemos a oportunidade de vivir para sempre (Xn. 3:16; Gál. 2:20). Non existe razón máis importante para amar a Deus.
14. Cal é o mellor obxectivo que te podes poñer na vida?
14 Canto máis aprendías sobre Xehová, máis crecía o teu amor por el. Seguro que queres seguir acercándote a el por toda a eternidade. E podes conseguilo! El anímate con cariño a alegrar o seu corazón (Pr. 23:15, 16). Podes facelo non só coas túas palabras, senón tamén coas túas accións. Se decides vivir da maneira que lle agrada a Xehová, demostrarás que de verdade o amas (1 Xn. 5:3). Este é o mellor obxectivo que te podes poñer na vida.
15. Como podes demostrar que amas a Xehová?
15 Como podes demostrar que amas a Xehová? Primeiro, fai unha oración especial na que te dediques ó único Deus verdadeiro (Sal. 40:9 [40:8, TNM]). Despois, fai pública a túa dedicación bautizándote. Como vimos antes, este é un momento moi feliz e moi importante na túa vida. Ese día empezas unha nova vida na que xa non vivirás para ti, senón para Xehová (Rm. 14:8; 1 Pe. 4:1, 2). É certo que dar este paso é unha decisión moi importante, pero permitirache desfrutar da mellor vida posible. Como?
16. Segundo Salmo 41:12 (TNM), como recompensará Xehová os que dedican a súa vida a servilo?
16 Non hai ninguén máis xeneroso ca Xehová. Sen importar o que lle deas, el sempre che dará moito máis (Mc. 10:29, 30). De feito, se dedicas a túa vida a servilo, darache a vida máis interesante e satisfactoria posible, incluso xa agora neste malvado mundo. E isto é só o principio. A viaxe que empezas co teu bautismo non ten final, senón que poderás servir o teu querido Pai para sempre. O amor que hai entre ti e el seguirá medrando e, coma el, poderás vivir por toda a eternidade (le Salmo 41:12, TNM).
17. Que podes darlle a Xehová que aínda non ten?
17 Cando te dedicas e te bautizas, tes o privilexio de darlle algo moi valioso ó teu Pai. El deuche tódalas cousas boas e tódolos momentos felices dos que desfrutaches. A cambio, podes darlle ó Dono do ceo e da terra algo que non ten: a túa lealdade de corazón (Xob 1:8; 41:11, TNM; Pr. 27:11). Non existe forma mellor de usar a túa vida! Sen dúbida, amar a Xehová é a razón máis importante para bautizarse.
POR QUE AÍNDA NON TE BAUTIZACHES?
18. Que preguntas te podes facer?
18 Entón, que farás? Vaste bautizar? Isto é algo que só ti podes responder. Quizais poida axudarche saber a resposta a esta outra pregunta: “Por que aínda non me bauticei?” (Feit. 8:36). Recorda as tres cousas das que falamos neste artigo e que te motivarán a bautizarte. Primeiro, amar a verdade e a xustiza. Pregúntate: “Quero ver o día no que todos digan a verdade e fagan o que está ben?”. Segundo, amar a Xesús. Pregúntate: “Quero que o Fillo de Deus sexa o meu Rei e quero imitar o seu exemplo?”. E terceiro e máis importante, amar a Xehová. Pregúntate: “Quero alegrar o corazón de Xehová servíndoo?”. Se respondiches estas preguntas cun si, por que non te bautizas? Por que esperar? (Feit. 16:33).
19. Por que non deberías dubidar se bautizarte ou non? Pon un exemplo (Xoán 4:34).
19 Se dubidas se bautizarte ou non, fíxate no exemplo que usou Xesús (le Xoán 4:34). Xesús comparou facer a vontade do seu Pai coa comida. Por que? Porque a comida é algo bo para nós. Xesús sabía que todo o que Deus nos pide é bo para nós. Xehová non quere que fagamos nada que nos faga dano. Pensas que el quere que te bautices? Si (Feit. 2:38). Así que podes estar convencido de que obedecer o mandato de bautizarte será bo para ti. Seguro que se che ofrecesen a mellor comida do mundo non dubidarías en probala. Entón, por que dubidar se bautizarte ou non?
20. Que imos analizar no seguinte artigo?
20 Por que aínda non te bautizaches? Algúns poderían dicir que aínda non están preparados. O certo é que dedicarte a Xehová e bautizarte é a decisión máis importante que vas tomar na túa vida. Así que tes que pensalo ben, dedicarlle tempo e esforzarte por estar preparado. Se de verdade queres dar este paso, que podes facer agora para estar preparado? Contestaremos esta pregunta no seguinte artigo.
CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?
a O bautismo é un paso esencial na vida de tódolos estudantes da Biblia. Que pode motivalos a dalo? O amor. Pero, que é o que hai que amar e a quen? Neste artigo responderemos esta pregunta e veremos como pode ser a nosa vida despois de bautizarnos como cristiáns.