Preguntas dos lectores
Por que dixo o familiar do home de Rut que se danaría a súa herdanza se casaba con ela? (Rut 4:1, 6)
Que pasaba en tempos bíblicos se un home casado morría sen ter fillos? Que pasaría coas súas terras? Perderíase o nome da familia para sempre? A Lei mosaica respondía estas preguntas.
Que pasaba coas terras dun home que morrera ou que tivera que vendelas porque non tiña cartos? Un irmán ou un familiar próximo podía recompralas. Así esas terras seguirían pertencendo á familia (Lev. 25:23-28; Núm. 27:8-11).
Como se podía conservar o nome da familia dun home que morrera? A través do matrimonio de cuñado, ou de levirato, como ocorreu no caso de Rut. Se un home casaba coa viúva do seu irmán e tiña un fillo con ela, entón o neno levaría o nome do home que morrera e herdaría as súas propiedades. Esta medida tan amorosa tamén servía para coidar da viúva (Dt. 25:5-7; Mt. 22:23-28).
Vexamos o exemplo de Noemí. Ela estaba casada con Elimélec. Cando o seu marido e os seus dous fillos morreron, quedou sen ningún home na familia que puidese coidar dela (Rut 1:1-5). Cando volveu a Xudá, Noemí enviou a Rut, a súa nora, a pedirlle a Boaz que fose o recomprador da súa terra, xa que era un familiar próximo de Elimélec (Rut 2:1, 19, 20; 3:1-4). Pero Boaz deuse conta de que había outro familiar aínda máis próximo ca el. Polo tanto, tiña que preguntarlle antes se quería ser o recomprador. Na Biblia non se di o nome deste home, senón que se lle chama “fulano” (Rut 3:9, 12, 13).
Ó principio, parecía que aquel home estaba disposto a axudar (Rut 4:1-4). Ademais de saber que tería que gastar cartos para comprar as propiedades de Elimélec, tamén sabía que Noemí era demasiado maior para ter fillos que as herdasen. Así que aquela compra podía parecer unha boa inversión porque a herdanza de Elimélec acabaría sendo súa.
Pero este familiar de Elimélec cambiou de opinión cando se deu conta de que tería que casar con Rut. Así que dixo: “Non me é posible facer de protector [ou recomprador] sen dana-la miña herdanza” (Rut 4:5, 6). Por que cambiou de opinión?
Se el ou outro home casaba con Rut e tiñan un fillo, entón ese fillo herdaría as terras de Elimélec. Por que podería danar isto a herdanza de quen casase con Rut? A Biblia non o di, pero vexamos algunhas posibles razóns.
Primeiro, podería parecer que ía perder os cartos que pagara, porque a herdanza de Elimélec non acabaría sendo súa. Sería do fillo de Rut.
Segundo, tería a responsabilidade de alimentar e coidar tanto a Noemí como a Rut.
Terceiro, se Rut tiña máis fillos con el, entón estes compartirían a herdanza co resto dos fillos que xa tivese ese home.
Cuarto, se o recomprador non tiña outros fillos, o fillo de Rut tería o dereito de herdar tanto as propiedades de Elimélec como as del. De feito, cando ese home morrese, as súas terras serían deste fillo que levaba o nome de Elimélec e non o seu. Así que, ó final, o home ó que se lle chama “fulano” non estivo disposto a arriscar a súa herdanza por axudarlle a Noemí. Preferiu deixarlle esa responsabilidade a Boaz, o seguinte recomprador. Boaz aceptou porque quería “facer rexurdi-lo nome do finado na súa herdanza” (Rut 4:10).
Parece que o que máis lle interesaba a aquel home era manter o seu propio nome e a súa herdanza. Esta forma de pensar era moi egoísta. Aínda que se esforzou por conservar o seu nome, hoxe en día non sabemos como se chamaba. Ademais, perdeu un privilexio moi especial que si recibiu Boaz: formar parte da lista de antepasados do Mesías, Xesucristo. Que final máis triste para este home ó que se lle chama “fulano”! E todo por ser egoísta e non estar disposto a axudarlle a alguén que o necesitaba (Mt. 1:5; Lc. 3:23, 32).