ARTIGO DE ESTUDO 13
Usa a creación para ensinarlles ós teus fillos sobre Xehová
“¿Quen fixo esas cousas?” (IS. 40:26).
CANCIÓN sn 15 A creación pregoa a gloria de Xehová
AVANCE a
1. A que lles queren axudar os pais ós seus fillos?
PAIS, sabemos que de verdade queredes axudarlles ós vosos fillos a chegar a coñecer e a amar a Xehová. Pero Deus é invisible. Como podedes axudarlles a que o vexan como unha persoa real e a que se acerquen a el? (Sant. 4:8).
2. Como poden os pais ensinarlles ós seus fillos sobre as calidades de Xehová?
2 Unha boa maneira de axudarlles ós fillos a acercarse a Xehová é estudando a Biblia con eles (2 Tim. 3:14-17). Pero os rapaces tamén poden aprender de Xehová doutras formas. Por exemplo, a Biblia fala no libro de Proverbios dun pai que lle recorda ó seu fillo que nunca perda de vista as calidades de Xehová, que son evidentes en toda a creación (Pr. 3:19-21). Neste artigo, veremos como poden os pais utilizar a creación para axudarlles ós seus fillos a aprender da personalidade de Xehová.
COMO PODES USAR A CREACIÓN PARA ENSINARLLES ÓS TEUS FILLOS?
3. Que lles deberían axudar a ver os pais ós seus fillos?
3 A Biblia di que as calidades invisibles de Deus “vense claramente desde a creación do mundo, pois percíbense polas cousas creadas” (Rm. 1:20, TNM). Se tes fillos pequenos, seguro que che encanta pasar tempo con eles fóra da casa. Aproveita eses momentos para axudarlles a ver que relación hai entre as cousas que creou Xehová e as súas marabillosas calidades. Imos ver o que poden aprender os pais da forma de ensinar que tiña Xesús.
4. Como utilizou Xesús a creación para ensinarlles ós seus discípulos? (Lucas 12:24, 27-30).
4 Párate a pensar en como utilizou Xesús a creación para ensinar. Por exemplo, nunha ocasión pediulles ós seus discípulos que se fixasen nos corvos e nos lirios (le Lucas 12:24, 27-30). Aínda que puido falar de calquera outro animal ou planta, escolleu un paxaro e unha flor que os seus discípulos coñecían ben. De feito, é probable que os campos estivesen cheos desas flores e que houbese corvos voando mentres Xesús falaba. Podes imaxinar a Xesús sinalando estas cousas mentres ensinaba? Que fixo xusto despois de mencionar estes exemplos? Ensinoulles ós seus discípulos unha lección moi importante sobre a xenerosidade e a bondade do seu Pai celestial: Xehová alimentará e vestirá os seus servos fieis, igual que o fai cos corvos e coas flores do campo.
5. Que cousas da creación poden utilizar os pais para ensinarlles ós seus fillos sobre Xehová?
5 Se es pai ou nai, como podes imitar a forma de ensinar de Xesús? Poderías falarlle ó teu fillo dalgunhas cousas da creación que che gusten a ti persoalmente, como por exemplo a túa planta ou o teu animal favorito. Cando o fagas, asegúrate de explicarlle o que nos ensina de Xehová. Despois poderías preguntarlle cal é a súa planta ou o seu animal favorito. É probable que estea máis atento cando lle fales das calidades de Xehová se utilizas algún detalle da creación que lle interese a el.
6. Que podemos aprender do que facía a nai de Christopher?
6 Cres que fai falta que os pais dediquen moito tempo a buscar información sobre algún animal ou algunha planta para poder falar do que nos ensina de Xehová? Non teñen por que. Xesús non deu unha longa explicación sobre como comen os corvos ou sobre como medran os lirios. É posible que haxa algún momento no que o teu fillo queira falar dalgún detalle específico da natureza. Pero, ás veces, chega cun pequeno comentario ou cunha pregunta para que entenda a idea que queres destacar. Fíxate no que recorda Christopher de cando era neno: “Miña nai facía pequenos comentarios para axudarnos a valorar a creación que tiñamos ó noso arredor. Por exemplo, cando estabamos cerca das montañas, dicía: ‘Mirade que grandes e que bonitas son esas montañas! A que Xehová é impresionante?’. E cando estabamos cerca do mar, dicía: ‘Mirade canta forza ten o mar! A que Deus ten moito poder?’”. Christopher di: “Aqueles pequenos comentarios ensinábannos moito e facíannos pensar”.
7. Como lles podes axudar ós teus fillos a pararse a pensar máis na creación?
7 A medida que os teus fillos vaian medrando, podes axudarlles a pararse a pensar máis na creación e a ver o que nos ensina sobre a personalidade de Xehová. Por exemplo, poderías falarlles dalgunha cousa que Deus creou e preguntarlles: “Que che ensina isto de Xehová?”. Poida que te sorprenda escoitar o que pensan (Mt. 21:16).
CANDO PODERÍAS USAR A CREACIÓN PARA ENSINARLLES ÓS TEUS FILLOS?
8. Que podían facer os pais israelitas cando viaxaban polos camiños?
8 Os pais e as nais israelitas tiñan que ensinarlles ós seus fillos o que dicía a Lei de Xehová cando ían “de camiño” a algún lado (Dt. 11:19). Polos camiños que había por toda a nación de Israel podíanse ver moitos animais, paxaros e flores. Cando os israelitas viaxaban, podían aproveitar para falarlles ós seus fillos da creación de Xehová. Hoxe en día, os pais tamén poden falar da creación cos seus fillos en momentos parecidos para ensinarlles sobre Xehová. Vexamos como o fixeron algúns.
9. Que nos ensina o exemplo de Punitha e Katya?
9 Punitha, unha nai que vive nunha cidade grande da India, di: “Algúns dos nosos familiares viven nunha zona rural. Cando os imos visitar, aproveitamos para axudarlles ós nosos fillos a aprender sobre as cousas marabillosas que fixo Xehová. Penso que os meus fillos entenden mellor a creación cando están lonxe das rúas cheas de xente e do tráfico da cidade”. É moi probable que ós teus fillos se lles quede gravado para sempre o tempo que pasades xuntos rodeados da creación de Xehová. Katya, unha irmá de Moldova, di: “O mellor recordo que teño de cando era pequena é o tempo que pasei con meus pais no campo. Agradézolles moito que me ensinasen desde tan nova a pararme, a fixarme no que fixo Xehová, e a pensar no que me ensina del a súa creación”.
10. Que poden facer os pais se non lles é fácil viaxar fóra da cidade? (Ver o recadro “ Axuda para os pais”).
10 E que podes facer se non che é fácil viaxar fóra da cidade? Amol, que tamén vive na India, di: “Onde eu vivo, os pais teñen que traballar moitas horas, e viaxar a unha zona rural pode ser moi caro. Pero os parques ou as azoteas tamén poden ser bos sitios para observar a creación e falar sobre as calidades de Xehová”. Se te fixas ben, seguro que descubrirás que cerca da túa casa hai moitas cousas que lles podes ensinar ós teus fillos sobre a creación (Sal. 104:24). Por exemplo, é probable que encontres paxaros, insectos ou plantas. Karina, de Alemaña, di: “A miña nai encántanlle as flores. Cando eu era nena, sempre me falaba das bonitas flores que atopabamos cando iamos de paseo”. Ademais, os vídeos e as publicacións sobre a creación que produciu a nosa organización tamén son boas ferramentas que poden usar os pais para ensinarlles ós seus fillos. Polo tanto, sen importar onde vivas, podes axudarlles ós teus fillos a fixarse nas cousas que fixo Deus. Agora vexamos algunhas calidades de Xehová que poderías destacarlles ós teus fillos.
AS CALIDADES INVISIBLES DE XEHOVÁ VENSE CLARAMENTE
11. Como poden os pais axudarlles ós seus fillos a ver o amor de Xehová?
11 Para axudarlles ós teus fillos a ver o amor de Xehová, poderías falarlles do cariño co que moitos animais tratan as súas crías (Mt. 23:37). Tamén poderías destacarlles que na creación hai moitísima variedade. Karina, a irmá da que falamos antes, di: “Cando iamos de paseo, miña nai axudábame a pararme e a fixarme en que cada flor é única, e en como a súa beleza é unha mostra do amor de Xehová. Aínda que xa pasaron anos, sígome fixando moito nas flores, na súa variedade, deseño e color. E aínda me seguen recordando que Xehová nos quere moito”.
12. Como poden os pais axudarlles ós seus fillos a ver a sabedoría de Deus? (Salmo 139:14) (Ver tamén a imaxe).
12 Axúdalles ós teus fillos a ver a sabedoría de Deus. Non hai dúbida de que Xehová é moitísimo máis sabio ca nós (Rm. 11:33). Por exemplo, poderías falarlles de como se evapora a auga para formar as nubes e de como se move polo ceo sen esforzo (Xob 38:36, 37, TNM). Tamén poderías destacar que o corpo humano está deseñado dunha maneira incrible (le Salmo 139:14). Fíxate en como o fixo un pai que se chama Vládimir. El conta: “Un día o noso fillo caeu da bici e fíxose dano, pero a ferida tardoulle só uns poucos días en curar. A miña muller e mais eu explicámoslle que Xehová creou as nosas células coa capacidade de repararse a si mesmas. Entón, axudámoslle a ver que isto non pasa coas cousas que fan os humanos. Por exemplo, un coche non se repara só despois dun accidente. Isto axudoulle a ver que Xehová é moi sabio”.
13. Como poden os pais axudarlles ós fillos a ver o poder de Deus? (Isaías 40:26).
13 Xehová dinos que levantemos os ollos cara ó ceo e que pensemos en como o seu incrible poder fai que todo o Universo se manteña no seu sitio (le Isaías 40:26). Así que podes animar os teus fillos a mirar o ceo e a reflexionar no que ven. Fíxate no que recorda Tingting, unha irmá de Taiwán, de cando era pequena: “Unha vez, miña nai levoume de acampada e pola noite puidemos ver o ceo cheo de estrelas, sen que nos estorbasen as luces da cidade. Daquela eu estaba preocupada porque non sabía se podería seguir séndolle fiel a Xehová e resistir a presión dos compañeiros da escola. Pero miña nai axudoume a pensar en canto poder tivo que utilizar Xehová para crear todas esas estrelas. Tamén me fixo recordar que el pode usar ese poder para axudarme a afrontar calquera proba. Naquela viaxe puiden observar a creación, e iso motivoume a coñecer mellor a Xehová e a decidirme aínda máis a servilo”.
14. Como poden os pais utilizar a creación para axudarlles ós seus fillos a ver que Xehová é un Deus feliz?
14 A creación demostra que Xehová é un Deus alegre e que ten sentido do humor. Os científicos déronse conta de que a maioría dos animais xogan, incluídos os paxaros e os peixes (Xob 40:20). Algunha vez viches o teu fillo rindo ó ver como xoga un animal? Quizais un gatiño correndo detrás dunha pelota, ou uns canciños xogando uns cos outros. A próxima vez que vexas o teu fillo rindo por algunha cousa graciosa que fai un animal, por que non aproveitas para recordarlle que servimos a un Deus feliz? (1 Tim. 1:11, TNM).
DESFRUTADE DA CREACIÓN DE XEHOVÁ COMO FAMILIA
15. Que lles pode axudar ós pais a conseguir saber o que pensan os seus fillos? (Proverbios 20:5, TNM) (Ver tamén a imaxe).
15 Ás veces, a algúns pais non lles é fácil conseguir que os seus fillos lles conten os problemas que teñen. Se che pasa iso, quizais teñas que axudarlles a contarche como se senten (le Proverbios 20:5, TNM). Algúns pais descubriron que lles é máis fácil conseguilo cando están ó aire libre desfrutando da natureza cos seus fillos. Unha das razóns é que hai menos distraccións, tanto para os fillos como para os pais. Masahiko, un pai de Taiwán, menciona outra razón: “Cando pasamos tempo cos nosos fillos ó aire libre, dando un paseo polo monte ou pola praia, normalmente están máis relaxados. Por iso se nos fai máis fácil acercarnos a eles e saber o que se lles pasa pola cabeza”. Katya, a irmá que mencionamos antes, di: “Despois de clase, miña nai levábame a un parque moi bonito. Ó estar naquel ambiente tan tranquilo, érame máis fácil contarlle o que me pasara na escola ou o que me preocupaba”.
16. Como poden as familias aproveitar a creación de Xehová para relaxarse e divertirse?
16 Cando as familias desfrutan das cousas que fixo Xehová, poden relaxarse e divertirse xuntas. Isto axúdalles a quererse máis uns ós outros. A Biblia di que hai “un tempo para rir” e “un tempo para bailar” (Ecl. 3:1, 4). Xehová creou sitios impresionantes nos que podemos desfrutar de facer cousas que nos encantan. A moitas familias gústalles ir xuntos a un parque natural, a unha zona rural, á montaña ou á praia. A algúns nenos encántalles correr e xogar no parque, ver animais, ou nadar nun río, nun lago ou no mar. Hai moitas cousas que podemos facer para desfrutar da natureza cando estamos ó aire libre, rodeados de todo o que fixo Xehová.
17. Por que deberían os pais axudarlles ós fillos a desfrutar da creación de Deus xa agora?
17 No novo mundo, os pais e os fillos desfrutarán da creación de Xehová coma nunca antes. Entón non teremos por que terlles medo ós animais, nin eles nolo terán a nós (Is. 11:6-9). Poderemos desfrutar para sempre de todo o que fixo Xehová (Sal. 22:27 [22:26, TNM]). Pero, se tes fillos, non esperes a que chegue ese momento. Axúdalles xa agora a desfrutar de todo o que creou Deus. Se usas a creación para ensinarlles sobre Xehová, seguro que eles tamén lle dirán o mesmo que lle dixo o rei David: “Non hai feitos coma os teus” (Sal. 86:8).
CANCIÓN sjj 134 Os fillos son un regalo de Deus
a Moitos irmáns e irmás teñen bos recordos do tempo que pasaron cos seus pais desfrutando da creación cando eran nenos. Aínda se acordan de como usaron seus pais eses momentos para ensinarlles sobre a personalidade de Xehová. Se tes fillos, este artigo axudarache a ver como podes utilizar a creación para ensinarlles sobre as calidades de Deus.