Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 12

CANCIÓN snnw 143 Luz no medio das tebras

Evitemos a escuridade, manteñámonos na luz

Evitemos a escuridade, manteñámonos na luz

“Porque antes, si, erades tebras pero agora sodes luz” (EF. 5:8).

OBXECTIVO

Ver o que podemos aprender das metáforas sobre a luz e a escuridade que se mencionan en Efesios capítulo 5.

1, 2. a) En que circunstancias estaba Paulo cando lles escribiu ós efesios? b) Que preguntas imos contestar?

 MENTRES estaba baixo arresto domiciliario en Roma, Paulo quería animar os seus irmáns. Non podía visitalos en persoa, así que decidiu mandarlles cartas. Unha delas, que escribiu arredor do ano 60 ou 61 da nosa era, ía dirixida ós efesios (Ef. 1:1; 4:1).

2 Uns 10 anos antes, Paulo pasara unha boa temporada predicando e ensinando as boas noticias en Éfeso (Feit. 19:1, 8-10; 20:20, 21). El queríalles moito ós seus irmáns e desexaba axudarlles a manterse leais a Xehová. Pero por que lles escribiu a cristiáns unxidos sobre a luz e a escuridade? Que leccións podemos aprender tódolos cristiáns do que el escribiu? Neste artigo imos responder estas preguntas.

DA ESCURIDADE Á LUZ

3. Que metáfora usou Paulo na carta que lles escribiu ós efesios?

3 Paulo díxolles ós cristiáns de Éfeso: “Antes, si, erades tebras pero agora sodes luz” (Ef. 5:8). O apóstolo aquí usou as metáforas das tebras e a luz para facer un contraste, é dicir, para falar de dúas situacións totalmente opostas. Imos ver por que Paulo dixo que os efesios antes estaban nas “tebras”, ou en escuridade.

4. En que sentido estaban os efesios en escuridade relixiosa?

4 Escuridade relixiosa. Antes de coñecer a verdade, os efesios ós que Paulo lles escribiu eran escravos das supersticións e das ideas relixiosas falsas. Naquela cidade encontrábase o templo da deusa grega Artemisa, que estaba considerado unha das sete marabillas do mundo antigo. A xente que ía a aquel templo veneraba ídolos. E os artesáns ganaban moitos cartos facendo e vendendo pequenas estatuas do templo e da súa deusa (Feit. 19:23-27). Ademais, moita xente da cidade practicaba a maxia (Feit. 19:19).

5. En que sentido estaban os efesios en escuridade moral?

5 Escuridade moral. Os habitantes de Éfeso eran coñecidos por ser moi inmorais e non sentir vergonza da súa mala conduta. Nos teatros da cidade, e incluso durante as festas relixiosas, era común escoitar conversacións obscenas (Ef. 5:3). Moitos dos que vivían naquela cidade “volvéronse insensibles”, unha expresión que significa literalmente “deixar de sentir pesar” (Ef. 4:17-19). Antes de aprender as normas de Xehová sobre o que é correcto e o que é incorrecto, ós efesios non lles molestaba a conciencia cando facían algo mal. Tampouco lles preocupaba o que Xehová pensase sobre as súas accións. Por iso Paulo, ó describilos, dixo que estaban coa “intelixencia entebrecida, alleos á vida de Deus”.

6. Por que puido dicirlles Paulo ós efesios que agora eran luz?

6 Pero algúns habitantes de Éfeso deixaron de estar nesa escuridade. Paulo escribiulles: “Agora sodes luz no Señor” (Ef. 5:8). Eles deixáranse guiar pola luz da Palabra de Deus (Sal. 119:105). Abandonaran as prácticas relixiosas falsas e a conduta inmoral. Chegaran a ser “imitadores de Deus” e agora esforzábanse ó máximo por adorar a Xehová e agradarlle (Ef. 5:1).

7. En que se parece a nosa situación á de moitos cristiáns de Éfeso?

7 De forma parecida, antes de aprender a verdade todos nós estabamos en escuridade relixiosa e moral. Algúns celebrabamos festas pagás e outros levabamos vidas inmorais. Pero unha vez que coñecemos as normas de Xehová sobre o que está ben e o que está mal, fixemos cambios e empezamos a vivir de acordo co que aprendemos. Grazas a iso, desfrutamos de moitos beneficios (Is. 48:17). Pero agora, temos que seguir enfrontándonos a outros desafíos: permanecer lonxe da escuridade que deixamos atrás e seguir andando “coma fillos da luz”. Como podemos facelo?

Image digitally reproduced with the permission of the Papyrology Collection, Graduate Library, University of Michigan, P.Mich.inv. 6238. Licensed under CC by 3.0

Os cariñosos consellos que lles escribiu Paulo ós efesios tamén nos aplican hoxe en día (ver o parágrafo 7). b


EVITAR A ESCURIDADE

8. Segundo Efesios 5:3-5, que tiñan que evitar os efesios?

8 Le Efesios 5:3-5. Para manterse lonxe da escuridade moral, os cristiáns de Éfeso tiñan que seguir rechazando as prácticas que Xehová desaproba. Isto non só incluía a inmoralidade sexual, senón tamén a fala obscena. Paulo recordoulles que tiñan que evitar estas cousas se querían herdar “o Reino de Cristo e de Deus”.

9. Por que deberiamos ter moito coidado de non facer nada que nos poida levar a cometer inmoralidade sexual?

9 Nós tamén temos que seguir loitando para non caer nas “obras estériles das tebras” (Ef. 5:11). Vez tras vez, a experiencia demostra que canto máis se mire, se escoite ou se fale de cousas sucias e inmorais, máis fácil será facer o que está mal (Xén. 3:6; Sant. 1:14, 15). Nun país, un grupo grande de irmáns empezaron a mandarse mensaxes uns ós outros nunha rede social. Ó principio, moitos deles falaban sobre cousas espirituais. Pero, pouco a pouco, as conversacións fóronse volvendo inadecuadas, xa que empezaron a xirar en torno ó sexo. Máis tarde, moitos daqueles irmáns recoñeceron que falar sobre eses temas os levou a cometer inmoralidade sexual.

10. Que quere Satanás que pensemos? (Efesios 5:6).

10 O mundo de Satanás intenta enganarnos facéndonos crer que o que Xehová di que é inmoral e sucio, en realidade, non está tan mal (2 Ped. 2:19). Isto non nos sorprende. Unha das tácticas máis usadas por Satanás é confundir as persoas para que non sexan capaces de diferenciar o bo do malo (Is. 5:20; 2 Cor. 4:4). Por iso, non é de estrañar que moitas películas, programas de televisión e sitios de Internet promovan ideas que van en contra das xustas normas de Xehová. Satanás quere facernos pensar que estas prácticas e estilos de vida que están tan de moda actualmente non só son aceptables, senón tamén divertidos e inofensivos (le Efesios 5:6).

11. Como demostra a experiencia de Angela a importancia de aplicar o sabio consello de Efesios 5:7? (Ver tamén a imaxe).

11 Satanás quere que nos xuntemos con xente que nos faga máis difícil seguir as normas de Xehová. Por iso Paulo, falando das persoas que practican o que está mal ós ollos de Xehová, advertiu os efesios: “Non vos fagades cómplices delas” (Ef. 5:7). Pero nós temos que ter aínda máis precaución cós efesios de tempos bíblicos. Debemos recordar que hoxe en día xuntarse con alguén non só implica quedar en persoa. Tamén inclúe relacionarse mediante as redes sociais. Angela, que vive en Asia, descubriu o perigosas que poden ser as redes sociais. a Ela recoñece: “Poden ser unha trampa e, pouco a pouco, cambiar a túa maneira de pensar. Cheguei a un punto no que xa non me molestaba ter ‘amigos’ que non seguisen as normas da Biblia. Co tempo, empecei a pensar que levar un estilo de vida que lle desagrada a Xehová non tiña nada de malo”. Pero uns anciáns cariñosos axudáronlle a facer os cambios necesarios. Ela di: “Agora encho a miña mente con cousas espirituais en vez de co contido que ofrecen as redes sociais”.

Se escollemos bos amigos, seranos moito máis fácil seguir as normas de Xehová (ver o parágrafo 11).


12. Que nos axudará a non apartarnos das normas de Xehová sobre o que está ben e o que está mal?

12 Debemos loitar contra a idea tan popular neste mundo de que a conduta inmoral non ten nada de malo. Nós sabemos que non é así (Ef. 4:19, 20). Pero facemos ben en preguntarnos: “Evito pasar tempo innecesariamente con compañeiros de traballo, escola ou outras persoas que non respectan as xustas normas de Xehová? Teño o valor de obedecer os principios bíblicos aínda que outros me chamen intolerante por facelo?”. Como di 2 Timoteo 2:20-22, tamén debemos seleccionar ben os nosos amigos íntimos dentro da congregación. Temos que ser conscientes de que quizais algúns non nos axuden a seguir sendo fieis no noso servizo a Xehová.

ANDAR “COMA FILLOS DA LUZ”

13. Que significa seguir andando “coma fillos da luz”? (Efesios 5:7-9).

13 Paulo non só animou os cristiáns efesios a seguir rechazando a escuridade, senón tamén a seguir andando “coma fillos da luz” (le Efesios 5:7-9). Que significa isto? Dito de forma sinxela, isto quere dicir que debemos comportarnos coma verdadeiros cristiáns en todo momento. Unha maneira de conseguilo é lendo e estudando en profundidade a Biblia e as publicacións baseadas nela. Sobre todo é importante que nos fixemos con moita atención no exemplo e nas ensinanzas de Xesucristo, “a luz do mundo” (Xoán 8:12; Prov. 6:23).

14. Como nos pode axudar o espírito santo?

14 Para continuar andando “coma fillos da luz”, tamén necesitamos ter a axuda do espírito santo de Deus. Por que? Porque non é fácil manterse limpo neste mundo inmoral (1 Tes. 4:3-5, 7, 8). O espírito santo pode axudarnos a loitar contra a forma de pensar deste mundo, o que inclúe as súas filosofías e os puntos de vista que van en contra da forma de pensar de Deus. Ademais, o espírito santo tamén nos pode axudar a comportarnos con “toda bondade, xustiza e verdade” (Ef. 5:9).

15. De que maneiras podemos recibir o espírito santo? (Efesios 5:19, 20).

15 Unha forma na que podemos recibir espírito santo é pedíndoo en oración. Xesús dixo que Xehová lles “dará o Espírito Santo ós que llo pidan” (Luc. 11:13). Tamén o recibimos cando louvamos a Deus xuntos nas reunións (le Efesios 5:19, 20). A boa influencia que pode ter esta forza en nós axudaranos a vivir da maneira que lle agrada a Deus.

16. Que nos axudará a tomar boas decisións? (Efesios 5:10, 17).

16 Cando temos que tomar decisións importantes, necesitamos tratar de comprender “cal é a vontade do Señor” e despois actuar de acordo con ela (le Efesios 5:10, 17). En realidade, cando buscamos os principios bíblicos que aplican en cada situación, estamos tratando de descubrir a forma de pensar de Deus sobre un asunto. E se os aplicamos, poderemos tomar boas decisións.

17. Que implica usar sabiamente o noso tempo? (Efesios 5:15, 16) (Ver tamén a imaxe).

17 Paulo tamén lles aconsellou ós cristiáns efesios que usasen sabiamente o seu tempo (le Efesios 5:15, 16). Ó noso inimigo Satanás, o “Maligno”, gustaríalle ternos tan ocupados coas cousas que ofrece este mundo que non tivésemos tempo para servir a Xehová (1 Xoán 5:19). Sería moi fácil para un cristián centrarse nas cousas materiais, nos estudos ou no traballo en vez de no seu servizo a Xehová. Se deixamos que isto ocorra, estariamos demostrando que a forma de pensar do mundo nos afecta. Por suposto, estas cousas non teñen nada de malo, pero nunca deberían ocupar o primeiro lugar na nosa vida. Se queremos andar “coma fillos da luz” necesitamos centrarnos no que é realmente importante, “aproveitando ben este tempo”.

Ós cristiáns de Éfeso animóuselles a usar sabiamente o seu tempo (ver o parágrafo 17).


18. Que fixo Donald para aproveitar mellor o seu tempo?

18 Busquemos oportunidades de aumentar o noso servizo a Xehová. Isto é o que fixo Donald, un irmán de Suráfrica. El di: “Pensei na miña situación e supliqueille a Xehová que me axudase a facer máis na predicación. Pedinlle un traballo que me permitise pasar máis tempo predicando. E coa axuda de Xehová, encontreino. Así a miña muller e mais eu puidemos empezar xuntos no servizo a tempo completo”.

19. Como podemos seguir andando “coma fillos da luz”?

19 Seguro que a carta que Paulo lles escribiu ós efesios lles axudou moito a seguir sendo fieis na súa carreira como cristiáns. Estes consellos que veñen de Xehová tamén nos poden axudar a nós. Como vimos, motívannos a escoller sabiamente as nosas diversións e compañías. Ademais anímannos a seguir un bo programa de estudo bíblico que nos permita comprender mellor a luz da verdade e guiarnos por ela. E tamén destacan o importante que é o espírito santo de Deus para cultivar boas cualidades. Se poñemos en práctica as palabras de Paulo, poderemos tomar boas decisións que estean de acordo coa maneira de pensar de Xehová. Así seremos capaces de evitar a escuridade deste mundo e manternos na luz.

QUE RESPONDERÍAS?

  • A que se refire Efesios 5:8 cando fala das “tebras” e da “luz”?

  • Como podemos evitar a escuridade?

  • Como podemos seguir andando “coma fillos da luz”?

CANCIÓN sjj 95 A luz non deixa de medrar

a Cambiáronse algúns nomes.

b DESCRICIÓN DA IMAXE.: Copia moi antiga da carta que o apóstolo Paulo lles escribiu ós efesios.