ARTIGO DE ESTUDO 10
CANCIÓN sjj 13 Cristo é o noso exemplo
Sigue “constantemente” a Xesús despois de bautizarte
“Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo, que colla o seu madeiro de tortura e que me siga constantemente” (MAT. 16:24).
OBXECTIVO
Facernos reflexionar a todos no significado da nosa dedicación e axudar especialmente ós que se bautizaron hai pouco a manterse fieis.
1, 2. De que privilexio desfrutamos despois de bautizarnos?
SENTÍMONOS moi felices cando alguén se bautiza e chega a ser parte da familia de Xehová. Isto é un privilexio enorme! Os que xa temos esta amizade estreita con el estamos de acordo coas palabras do salmista David, quen dixo: “Feliz o que ti [Xehová] elixes e acolles para morar nos teus adros” (Sal. 65:5 [65:4, TNM]).
2 Xehová non permite que calquera sexa o seu amigo íntimo. Como vimos no artigo anterior, el decide acercarse ós que demostran que queren ter unha relación estreita con el (Sant. 4:8). Cando te dedicas e te bautizas creas un vínculo especial con Xehová. E podes estar seguro de que despois do bautismo el te bendicirá “ata que nada quede na [súa] man” (Mal. 3:10; Xer. 17:7, 8).
3. Que importante responsabilidade teñen os cristiáns dedicados e bautizados? (Eclesiastés 5:3, 4 [5:4, 5, TNM]).
3 Por suposto, o bautismo é só o principio do teu servizo a Xehová. Despois de dar este paso terás o desexo de facer todo o posible por estar á altura da túa promesa de dedicación e de manterte fiel, incluso cando te enfrontes a tentacións ou a probas de fe (le Eclesiastés 5:3, 4 [5:4, 5, TNM]). Como discípulo de Xesús esforzaraste tanto como poidas por seguir o seu exemplo e cumprir cos seus mandatos (Mat. 28:19, 20; 1 Ped. 2:21). Este artigo axudarache a logralo.
SIGAMOS “CONSTANTEMENTE” A XESÚS A PESAR DAS PROBAS E TENTACIÓNS
4. En que sentido terían que cargar os discípulos de Xesús cun “madeiro de tortura”? (Mateo 16:24).
4 Despois do bautismo, a vida non será un camiño de rosas. De feito, Xesús deixou claro que os seus discípulos terían que cargar co “madeiro de tortura” e que o farían “cada día” (le Mateo 16:24, Luc. 9:23). Quixo dicir Xesús que os seus seguidores estarían sufrindo continuamente? En absoluto. Simplemente estaba destacando que, ademais das bendicións que terían, se enfrontarían a desafíos, algúns deles quizais moi dolorosos (2 Tim. 3:12).
5. Que bendicións lles prometeu Xesús ós que fan sacrificios?
5 Quizais tiveches oposición por parte da túa familia ou, ó mellor, renunciaches a algunhas cousas materiais por poñer o Reino en primeiro lugar (Mat. 6:33). Se é así, podes estar seguro de que Xehová é consciente de todo isto (Heb. 6:10). Probablemente comprobaches o certas que son as seguintes palabras de Xesús: “Non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai, ou fillos ou leiras por cousa miña e polo Evanxeo, que pase sen recibir cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras (aínda que con persecución) agora, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna” (Mar. 10:29, 30). Verdade que as bendicións que recibiches son moito mellores que calquera sacrificio que tiveras que facer? (Sal. 37:4).
6. Por que terás que seguir loitando contra “as inclinacións ó mal” despois de bautizarte?
6 Despois de bautizarte terás que seguir loitando contra “as inclinacións ó mal” (1 Xoán 2:16). Ó fin e ó cabo, segues sendo un descendente imperfecto de Adán. Pode que ás veces te sintas igual que o apóstolo Paulo, quen escribiu: “Na intimidade do meu ser comprázome coa Lei de Deus, pero vexo outra lei no meu corpo, que lle fai a guerra á lei da miña razón, escravizándome á lei do pecado, que levo no meu corpo” (Rom. 7:22, 23). Quizais te desanime ter que seguir loitando contra as malas tendencias. Pero pensar na promesa de dedicación que lle fixeches a Xehová fortalecerá a túa determinación de non caer na tentación. O certo é que este voto que lle fixeches a Deus facilitarache a vida cando teñas que enfrontarte a unha proba. Como o fará?
7. Como che axuda a manterte leal estar dedicado a Xehová?
7 Cando te dedicas a Deus, renuncias a ti mesmo. Isto implica dicirlles que non ós desexos e ás metas persoais que lle desagradan a Xehová (Mat. 16:24). Desta maneira, cando veña unha proba ou unha situación difícil, non terás que preguntarte que farás. Xa rechazaches de antemán tódalas opcións excepto unha: a de serlle leal a Xehová. Estarás completamente decidido a agradarlle a el. Neste aspecto serás coma Xob, que pasou por probas moi duras pero aínda así afirmou con decisión: “Non cederei na miña integridade!” (Xob 27:5).
8. Como che axudará a resistir as tentacións meditar na túa oración de dedicación?
8 Meditar na túa oración de dedicación darache as forzas que necesitas para resistir calquera tentación. Pensa na seguinte situación: comezarías a flirtear coa parella doutra persoa? Por suposto que non! Ti xa lle prometiches a Xehová que nunca farías tal cousa. Se lles pos freo dende o principio ós sentimentos que non son apropiados, evitarás o sufrimento de ter que loitar contra eles despois, cando estean máis arraigados. Desta maneira, estaraste apartando do “vieiro dos malvados” (Prov. 4:14, 15).
9. Como che axuda a manter as actividades espirituais en primeiro lugar meditar na túa oración de dedicación?
9 E se che ofrecen un emprego que che impide asistir de forma regular ás reunións? Seguro que xa sabes que decisión debes tomar. Moito antes de que che fixesen esta oferta xa prometiches que ías rechazar este tipo de traballos. Así non terás que sufrir as consecuencias de intentar que unha mala decisión saia ben. Meditar no resolto que estaba Xesús a facer feliz a seu Pai axudaranos a ser firmes e rechazar rapidamente calquera cousa que non lle guste a Xehová, o Deus ó que nos dedicamos (Mat. 4:10; Xoán 8:29).
10. Como che axudará Xehová despois do bautismo a seguir “constantemente” a Xesús?
10 O certo é que as probas e as tentacións danche a oportunidade de demostrar que estás decidido a seguir “constantemente” a Xesús. Podes estar seguro de que Xehová che axudará a conseguilo. A Biblia di: “Fiel é Deus, que non consentirá que teñades tentacións superiores ás vosas forzas: coa tentación havos dar tamén os medios para poder saír dela” (1 Cor. 10:13).
COMO PODEMOS SEGUIR A XESÚS “CONSTANTEMENTE”
11. Cal é unha das mellores formas de seguir a Xesús constantemente? (Ver tamén a imaxe).
11 Xesús servía a Xehová con entusiasmo e oráballe con frecuencia para manterse cerca del (Luc. 6:12). Por iso, unha das mellores formas de seguir a Xesús con constancia despois do teu bautismo é cultivando o hábito de facer cousas que te acerquen cada vez máis a Deus. A Biblia di: “A onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña” (Filip. 3:16). Seguramente, de vez en cando, escoitarás experiencias de irmáns e irmás que decidiron aumentar o seu servizo a Xehová. Quizais asistiron ó Curso para Evanxelizadores do Reino ou se mudaron a un lugar no que había máis necesidade na predicación. Se podes poñerte este tipo de metas, non o dubides. Os servos de Xehová sempre queremos buscar a maneira de facer máis por el (Feit. 16:9). Pero que pasa se de momento non podes? Non penses que vales menos que os que si poden. Recorda que os cristiáns participamos nunha carreira na que é moi importante o aguante (Mat. 10:22). Se fas todo o que podes dentro das túas circunstancias e capacidades, Xehová sentirase moi feliz. Esta tamén é unha maneira importante de seguir constantemente a Xesús despois de bautizarte (Sal. 26:1).
12, 13. Que podes facer se xa non tes o mesmo entusiasmo ca antes? (1 Corintios 9:16, 17) (Ver tamén o recadro “ Sigue correndo”).
12 Que deberías facer se te das conta de que as túas oracións se volveron mecánicas ou de que a túa predicación se converteu nunha rutina? E se xa non desfrutas de ler a Biblia tanto coma antes? Se estás bautizado e te sentes así, non chegues á conclusión de que é porque xa non contas co espírito de Xehová. Somos imperfectos e os nosos sentimentos poden ir cambiando. Se notas que o teu entusiasmo empeza a diminuír, reflexiona no exemplo do apóstolo Paulo. Aínda que el intentou imitar a Xesús, tamén era consciente de que non sempre estaría igual de motivado (le 1 Corintios 9:16, 17). El dixo: “Se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar”. Dito noutras palabras, Paulo estaba decidido a cumprir co seu ministerio a pesar de como se sentise nese momento.
13 De forma parecida, non tomes decisións baseándote só en como te sentes. Máis ben, ten a determinación de facer o correcto aínda que non teñas ganas. Se segues facendo o que está ben, co tempo, seguramente os teus sentimentos cambien. En calquera caso, manter unha boa rutina de estudo persoal, oración, asistencia ás reunións e predicación axudarache a seguir a Xesús con constancia despois do bautismo. Ademais, os irmáns que vexan o teu exemplo de aguante tamén se animarán moito (1 Tes. 5:11).
“EXAMINÁDEVOS [...]; POÑÉDEVOS A PROBA”
14. Que autoexame deberías facerte regularmente, e por que? (2 Corintios 13:5).
14 Tamén é importante que despois de bautizarte te fagas un autoexame regularmente (le 2 Corintios 13:5). Cada certo tempo, párate a pensar en como son a túa vida e os teus hábitos para ver se estás orando tódolos días, lendo e estudando a Biblia, asistindo ás reunións e participando na predicación. Busca maneiras de desfrutar e beneficiarte máis de todas estas actividades. Por exemplo, poderías preguntarte: “Sei explicarlles a outros as ensinanzas básicas da Biblia? Como podería desfrutar máis da predicación? Son as miñas oracións específicas e demostran que confío completamente en Xehová? Asisto regularmente ás reunións? Que podo facer para concentrarme mellor e participar máis nelas?”.
15, 16. Que aprendes da experiencia dun irmán sobre resistir as tentacións?
15 Tamén é importante que saibas cales son as túas debilidades. Un irmán que se chama Robert tivo unha experiencia que nos axuda a entender esta idea. “Cando tiña uns 20 anos traballaba a media xornada. Un día, despois do traballo, unha compañeira invitoume á súa casa. Dixo que estariamos sós e que o pasariamos ben. Ó principio púxenlle algunhas escusas que non eran moi boas pero finalmente díxenlle que non, e expliqueille por que”. Robert resistiu a tentación, e iso é admirable. Pero, cando volveu pensar no que sucedera, deuse conta de que podería ter actuado mellor. El recoñece: “Eu non rechacei a proposta coa mesma firmeza e rapidez que o fixo Xosé coa muller de Potifar (Xén. 39:7-9). De feito, sorprendeume o difícil que me resultou dicir que non. O que pasou axudoume a ver que necesitaba fortalecer a miña amizade con Xehová”.
16 Ti tamén podes beneficiarte se fas un autoexame como o que fixo Robert. Aínda que resistises unha tentación, pregúntate: “Canto tempo me levou dicir que non?”. Non te desanimes se ves que aínda tes que mellorar. Máis ben, alégrate porque agora es consciente das túas debilidades. Ora sobre o asunto e dá os pasos necesarios para fortalecer a túa determinación de obedecer a Xehová (Sal. 139:23, 24).
17. Como lle afectou ó nome de Xehová que Robert se mantivese leal?
17 Aínda podemos aprender algo máis da experiencia de Robert. El segue dicindo: “Despois de rechazar a invitación da miña compañeira, ela díxome: ‘Pasaches a proba!’. Eu pregunteille a que se refería e ela explicoume que unha amiga súa, que fora testemuña de Xehová no pasado, lle dixera que tódolos rapaces Testemuñas levan unha dobre vida e que desobedecen as normas da Biblia se se lles presenta a oportunidade. Así que ela díxolle á súa amiga que o ía comprobar comigo. Nese momento alegreime moitísimo ó darme conta de que o que fixen lle deu honra ó nome de Xehová”.
18. Que estás decidido a facer despois de bautizarte? (Ver tamén o recadro “ Dous artigos que desfrutarás moito”).
18 Cando te dedicas a Xehová e te bautizas demostras que queres santificar o seu nome pase o que pase. Podes estar seguro de que Deus coñece ben as probas ás que te enfrontas e as tentacións que resistes. El bendicirá os teus esforzos por manterte leal. Ten a seguridade de que por medio do seu espírito santo che dará as forzas que necesites (Luc. 11:11-13). Grazas á axuda de Xehová, poderás seguir con constancia a Xesús despois de bautizarte.
QUE RESPONDERÍAS?
-
En que sentido levan os cristiáns un “madeiro de tortura” día tras día?
-
Que podes facer para seguir “constantemente” a Xesús despois de bautizarte?
-
Como che pode axudar a manterte fiel meditar na túa oración de dedicación?
CANCIÓN sjj 89 As bendicións de escoitar a Xehová