Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 46

Como nos axuda Xehová a aguantar con alegría?

Como nos axuda Xehová a aguantar con alegría?

“Xehová espera pacientemente para mostrarvos favor, e levantarase para mostrarvos misericordia” (IS. 30:18TNM).

CANCIÓN snnw 152 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza

AVANCE a

1, 2. a) Que preguntas imos analizar? b) Que demostra que Xehová está desexando axudarnos?

 XEHOVÁ pode axudarnos a aguantar os problemas que temos na vida e a servilo con alegría. De que maneiras nos axuda? E como podemos aproveitar ó máximo a axuda que nos dá? Neste artigo responderemos estas preguntas, pero antes de facelo imos analizar outra pregunta relacionada con este tema: de verdade quere axudarnos Xehová?

2 Para atopar a resposta a esta pregunta, fixémonos nunha palabra que utilizou o apóstolo Paulo cando lles escribiu ós hebreos. El dixo: “Xehová é o meu axudante. Non terei medo. Que pode facerme o home?” (Heb. 13:6TNM). Algunhas obras de consulta especializadas na Biblia din que a palabra axudante, co significado que se utiliza neste versículo, refírese a unha persoa que sae correndo para botarlle unha man a alguén que pide axuda desesperadamente. Podes imaxinar a Xehová correndo para rescatar a alguén que está en perigo? Seguro que estás de acordo en que esta descrición destaca que Xehová quere e está desexando ser o noso axudante. Con el do noso lado, podemos aguantar os problemas con alegría.

3. De que tres maneiras nos axuda Xehová a aguantar os problemas con alegría?

3 Cales son algunhas maneiras mediante as que Xehová nos axuda a aguantar os problemas con alegría? Para responder esta pregunta imos usar o libro que escribiu Isaías. Por que? Porque moitas das profecías que Xehová lle mandou escribir aplícannos ós servos de Deus da actualidade. Ademais, Isaías describe moitas veces a Xehová utilizando palabras fáciles de entender. Para ver un exemplo, imos analizar o capítulo 30. Alí Isaías usa palabras que crean imaxes moi reais na nosa mente para describir tres maneiras que ten Xehová de axudarnos: 1) escoitando con atención e respondendo as nosas oracións, 2) dándonos guía, e 3) dándonos bendicións agora e no futuro. A continuación, imos analizar máis a fondo estas tres maneiras mediante as que Xehová nos axuda.

XEHOVÁ ESCÓITANOS

4. a) Que dixo Xehová dos xudeus dos días de Isaías, e que deixou que pasase ó final? b) Que esperanza lles deu Xehová ós seus servos fieis? (Isaías 30:18, 19TNM).

4 Ó principio do capítulo 30 de Isaías, Xehová di que os xudeus eran coma “fillos que se rebelan [...], engadindo así pecado sobre pecado”. E continúa dicindo: “Son un pobo rebelde, fillos traidores, fillos que non lle queren facer caso á lei do Señor” (Is. 30:1, 9). Como se negaron a escoitar, Isaías predixo que Xehová deixaría que sufrisen unha desgraza (Is. 30:5, 17; Xer. 25:8-11). E así foi. Os babilonios leváronos como prisioneiros. Pero entre os xudeus había algúns servos fieis, e Isaías tiña unha mensaxe de esperanza para eles. Díxolles que algún día Xehová permitiría que volvesen a vivir outra vez en Xerusalén (le Isaías 30:18, 19, TNM). E iso foi xusto o que pasou. Xehová liberounos de Babilonia. Pero non o fixo naquel momento. Tiveron que pasar moitos anos. Ó dicir que “Xehová espera pacientemente para mostrarvos favor”, indicou que tería que pasar algún tempo antes de que os seus servos fieis puidesen ser liberados. De feito, os israelitas pasaron 70 anos exiliados en Babilonia antes de que a algúns deles se lles deixase volver a Xerusalén (Is. 10:21; Xer. 29:10). Cando volveron á súa terra, as lágrimas de tristeza convertéronse en lágrimas de alegría.

5. Que nos asegura Isaías 30:19 (TNM)?

5 Hoxe en día, as palabras de Isaías 30:19 (TNM) poden consolarnos moito. Aí di: “Cando grites por axuda, el sen falta che mostrará favor”. Isaías asegúranos que Xehová escoitará con atención cando gritemos por axuda, e que responderá rapidamente as nosas oracións. De feito, engade: “Responderache en canto te escoite”. Estas palabras recórdannos que o noso Pai está desexando botarlles unha man ós que lle piden axuda. Saber isto axúdanos a aguantar con alegría.

6. Como mostran as palabras de Isaías que Xehová escoita as oracións de cada un dos seus servos?

6 Que máis nos ensina este versículo sobre as nosas oracións? Que Xehová escoita con moita atención as oracións que facemos cada un de nós. Por que podemos dicir isto? Na primeira parte do capítulo 30 de Isaías, fálase en plural porque Xehová se está dirixindo ó seu pobo como grupo, pero no versículo 19 fálase en singular porque a mensaxe vai dirixida a cada persoa de maneira individual. Isaías escribe: “Ti de seguro non chorarás máis. [...] El sen falta che mostrará favor; responderache”. Como Xehová é un Pai cariñoso, cando os seus fillos e fillas están desanimados non lles di: “Deberías ser igual de forte que o teu irmán ou a túa irmá”. Máis ben, preocúpase por nós e escoita persoalmente as nosas oracións (Sal. 116:1; Is. 57:15).

Que quixo dicir Isaías cando dixo que non deixemos descansar a Xehová? (Ver o parágrafo 7).

7. Como destacan Isaías e Xesús que necesitamos seguir orándolle a Xehová unha e outra vez?

7 Cando lle oramos a Xehová sobre un asunto que nos preocupa, pode ser que nos responda inmediatamente e nos dea as forzas que necesitamos para aguantar a situación. Pero se o problema non se soluciona tan pronto como esperabamos, poida que teñamos que pedirlle a Xehová moitas veces que nos dea forzas para poder aguantar. De feito, el anímanos a facer iso. Esa é a idea que hai detrás destas palabras de Isaías: “Non o deixaredes descansar” (Is. 62:7). Que quixo dicir o profeta? Que deberiamos seguir orándolle a Xehová unha e outra vez coma se non o deixásemos descansar. Isto recórdanos o exemplo que puxo Xesús sobre a oración, que atopamos en Lucas 11:8-10, 13. Aí anímanos a orar e a ser teimudos, é dicir, a insistir e a seguir pedíndolle a Deus o seu espírito santo. Tamén podemos suplicarlle a Xehová que nos dea a guía que necesitamos para tomar boas decisións.

XEHOVÁ GUÍANOS

8. Como se cumpriron as palabras de Isaías 30:20, 21 (TNM) no pasado?

8 Le Isaías 30:20, 21 (TNM). Cando o exército babilonio asediou Xerusalén durante un ano e medio, a angustia chegou a ser algo tan habitual para a xente coma o pan e a auga. Pero nos versículos 20 e 21, Xehová prometeulles ós xudeus que os salvaría se se arrepentían e cambiaban o seu comportamento. Isaías referiuse a Xehová como o “Grande Instrutor”, e prometeulles que El lles ensinaría como adoralo da maneira correcta. Estas palabras cumpríronse cando os xudeus foron liberados de Babilonia. Xehová demostrou que era o seu Grande Instrutor e, ó seguir a súa guía, o pobo puido restaurar a adoración pura. A nós tamén nos fai moi felices que Xehová sexa o noso Grande Instrutor hoxe en día.

9. De que maneira nos guía Xehová na actualidade?

9 Nestes versículos, Isaías di que somos coma estudantes ós que Xehová ensina de dúas maneiras. Primeiro di: “Verás o teu Grande Instrutor cos teus propios ollos”. Neste exemplo, o Instrutor está diante dos seus estudantes. Na actualidade, é un honor para nós que Deus nos ensine. Como o fai? Mediante a súa organización. Verdade que estamos moi agradecidos pola guía tan clara que recibimos da organización de Xehová? Recibimos esta guía nas reunións de congregación, nos congresos, a través das publicacións, dos programas de Broadcasting® e de moitas outras maneiras. Grazas a ela podemos aguantar con alegría nestes tempos difíciles.

10. En que sentido escoitamos a voz de Xehová “detrás” de nós?

10 Isaías menciona outra maneira que ten Xehová de guiarnos, cando di: “Oirás cos teus propios oídos estas palabras detrás de ti”. Aquí o profeta describe a Xehová como un instrutor atento que vai camiñando detrás dos seus estudantes guiándoos e dicíndolles por onde teñen que ir. Hoxe en día, nós tamén escoitamos a voz de Xehová detrás de nós. Como? As palabras inspiradas de Deus están “detrás” de nós porque se escribiron na Biblia hai moito tempo. Así que, cando lemos a Biblia, é coma se estivésemos escoitando a voz de Xehová desde atrás, é dicir, desde o pasado (Is. 51:4).

11. Para aguantar con alegría, que pasos temos que dar, e por que?

11 Como podemos beneficiarnos ó máximo da guía que Xehová nos dá mediante a súa organización e a súa Palabra? Fíxate en que Isaías menciona dúas cousas. Primeiro di: “Este é o camiño”. E despois: “Anda nel” (Is. 30:21TNM). Non chega só con saber cal é o camiño. Tamén temos que andar nel. A Palabra de Deus e as explicacións que nos dá a súa organización ensínannos que nos pide Xehová. Ademais, tamén nos ensina como aplicar o que aprendemos. Para aguantar con alegría e poder seguir servindo a Xehová, temos que dar estes dous pasos. Só entón poderemos estar seguros de que Xehová nos recompensará.

XEHOVÁ BENDÍCENOS

12. Segundo Isaías 30:23-26, como bendiciría Xehová o seu pobo?

12 Le Isaías 30:23-26. Como se cumpriu esta profecía para os xudeus que volveron á terra de Israel despois do exilio en Babilonia? Xehová deulles moitas bendicións, tanto físicas como espirituais. Bendiciu o seu pobo con moito alimento físico, pero o máis importante é que lles deu abundante alimento espiritual a medida que a adoración pura se foi restaurando pouco a pouco. As bendicións espirituais que recibiu o pobo de Deus naquel tempo superaron por moito as que tiñan antes. Como indica o versículo 26, Xehová fixo que houbese moita máis luz en sentido espiritual (Is. 60:2). Estas bendicións de Xehová fortaleceron os seus servos e axudáronlles a servir a Deus cheos de alegría (Is. 65:14).

13. Como se cumpriu nos nosos días a profecía da restauración?

13 Ten algo que ver con nós a profecía sobre a restauración da adoración pura? Por suposto. En que sentido? Desde o ano 1919 da nosa era, millóns de persoas deixaron de ser escravas de Babilonia a Grande, o imperio mundial da relixión falsa. Foron invitadas a un lugar moito mellor que a Terra Prometida do antigo Israel: o paraíso espiritual (Is. 51:3; 66:8). Que é ese paraíso espiritual?

14. Que é o paraíso espiritual, e quen vive nel hoxe en día? (Ver a “Idea importante”).

14 Desde o ano 1919 da nosa era, os unxidos desfrutan de vivir no paraíso espiritual. b Co paso do tempo, os que teñen a esperanza de vivir para sempre na Terra, é dicir, as “outras ovellas”, tamén puideron entrar neste paraíso espiritual e desfrutar das abundantes bendicións de Xehová (Xn. 10:16; Is. 25:6; 65:13).

15. Onde está o paraíso espiritual?

15 Onde está o paraíso espiritual hoxe en día? As persoas que adoran a Xehová viven por todo o mundo. Polo tanto, o paraíso espiritual no que viven tamén está por todo o mundo. Así que non importa onde vivamos. Mentres sigamos demostrando que apoiamos a adoración verdadeira, poderemos formar parte do paraíso espiritual.

Que pode facer cada un de nós para que o paraíso espiritual sexa máis bonito? (Ver os parágrafos 16 e 17).

16. Que debemos facer para seguir vendo a beleza do paraíso espiritual?

16 Para continuar estando dentro do paraíso espiritual, entre outras cousas temos que valorar moito a irmandade mundial da que formamos parte. Como podemos facer iso? Debemos centrarnos nas cousas boas dos nosos irmáns en vez de fixarnos nas súas imperfeccións (Xn. 17:20, 21). Por que é iso tan importante? Pensa neste exemplo. Cando estamos nun parque bonito ou nun bosque, esperamos que haxa diferentes árbores. De maneira parecida, no paraíso espiritual que existe nas congregacións, tamén hai diferentes persoas que son coma árbores (Is. 44:4; 61:3). Por iso temos que asegurarnos de que nos seguimos centrando na beleza do “bosque”, en vez de centrarnos nas imperfeccións das “árbores” que temos ó lado. Non podemos deixar que as nosas imperfeccións nin as dos demais nos impidan ver a beleza desta irmandade unida por todo o mundo.

17. Que pode facer cada un de nós para que esteamos máis unidos na congregación?

17 Que pode facer cada un de nós para que esteamos máis unidos na congregación? Fomentar a paz (Mt. 5:9; Rm. 12:18). Cada vez que tomamos a iniciativa para promover a paz con outros na congregación, facemos que o paraíso espiritual sexa máis bonito. Temos que recordar que Xehová trouxo á adoración pura a cada unha das persoas que forman parte deste paraíso espiritual (Xn. 6:44). Como os seus servos son tan valiosos para Xehová, imaxina o feliz que se debe sentir cando ve o moito que nos esforzamos para que haxa máis paz e unidade na congregación! (Is. 26:3, TNM; Ax. 2:7TNM).

18. En que debemos reflexionar, e por que?

18 Que podemos facer para beneficiarnos ó máximo das bendicións que recibimos os servos de Deus? Debemos reflexionar no que estudamos na Palabra de Deus e nas publicacións baseadas nela. Isto axudaranos a cultivar calidades cristiás que nos moverán a mostrarlles amor ós nosos irmáns e a ser cariñosos uns cos outros (Rm. 12:10). Se meditamos en tódalas bendicións que temos, fortalecerase a nosa amizade con Xehová. E se meditamos en tódalas cousas boas que Xehová nos promete para o futuro, faremos que a esperanza de servilo para sempre siga sendo moi real para nós. Todo isto axudaranos a servir a Xehová con máis alegría.

DECIDIDOS A AGUANTAR

19. a) Segundo Isaías 30:18 (TNM), de que podemos estar seguros? b) Que nos axudará a aguantar con alegría?

19 Xehová “levantarase” ó noso favor cando acabe con este mundo malvado (Is. 30:18TNM). Estamos seguros de que “é un Deus de xustiza”, e non permitirá que o mundo de Satanás exista nin un día máis do necesario (Is. 25:9). Nós tamén esperamos con paciencia a que chegue o día da liberación. Mentres tanto, estamos decididos a seguir valorando o privilexio da oración, a estudar e aplicar o que aprendemos na Palabra de Deus, e a meditar en tódalas bendicións que temos agora e nas que teremos no futuro. Se o facemos, Xehová axudaranos a aguantar con alegría para que o poidamos seguir servindo.

CANCIÓN sjj 142 Lémbrate sempre da túa esperanza

a Neste artigo falaremos de tres cousas que fai Xehová para axudarlles ós que o adoran a aguantar os problemas da vida con alegría. Para iso, imos analizar o capítulo 30 de Isaías. Este capítulo axudaranos a recordar a importancia de orarlle a Xehová, de estudar a súa Palabra, e de meditar nas bendicións que temos agora e nas que teremos no futuro.

b IDEA IMPORTANTE:paraíso espiritual refírese ó ambiente seguro no que adoramos a Xehová en unidade. Neste ambiente, Xehová ensínanos todo o que necesitamos saber para servilo como el quere, libres de tódalas mentiras relixiosas. Ademais, encargóusenos un labor que nos encanta: predicar as boas noticias do Reino. Tamén desfrutamos de ser amigos de Xehová e de vivir en paz cos nosos cariñosos irmáns. Isto axúdanos a aguantar os desafíos da vida con alegría. Para entrar neste paraíso espiritual temos que empezar a adorar a Xehová da maneira correcta e esforzarnos o máximo posible por imitalo.