ARTIGO DE ESTUDO 45
Como nos axuda Xehová a seguir predicando?
“Han saber de certo que hai un profeta no medio deles” (EZ. 2:5).
CANCIÓN sjj 67 “Pregoa a Palabra”
AVANCE a
1. a) Que podemos esperar que pase cando predicamos? b) De que podemos estar seguros?
PODEMOS esperar que algúns se opoñan a nós cando predicamos, e é moi probable que esa oposición aumente no futuro (Dn. 11:44; 2 Tim. 3:12; Ap. 16:21). Aínda así, estamos seguros de que Xehová nos dará a axuda que necesitamos. Por que? Porque el sempre lles axudou ós seus servos a cumprir co que lles mandaba, sen importar o difícil que fose. Neste artigo imos analizar o exemplo de Ezequiel. Veremos algunhas cousas que lle pasaron a este profeta que lles predicou ós xudeus exiliados en Babilonia.
2. a) Que dixo Xehová das persoas ás que lles predicaba Ezequiel? (Ezequiel 2:3-6) b) Que imos analizar neste artigo?
2 Como eran as persoas ás que lles predicaba Ezequiel? Xehová dixo delas que eran “un pobo de rebeldes” que se volveran contra el. Ademais, comparounos con “alacráns”, ou escorpións, polo dano que facían e polo perigosos que podían chegar a ser. Por iso é normal que lle repetise varias veces a Ezequiel: “Non teñas medo” (le Ezequiel 2:3-6). Ezequiel puido levar a cabo a súa comisión de predicar porque 1) Xehová o enviara, 2) o espírito de Deus lle dera as forzas que necesitaba, e 3) as palabras de Deus fortaleceran a súa fe. Neste artigo, imos ver como lle axudaron estas tres cousas e como nos axudan a nós hoxe en día.
XEHOVÁ ENVIOU A EZEQUIEL
3. a) Que palabras deberon fortalecer moito a Ezequiel? b) Como lle asegurou Xehová que lle axudaría?
3 Xehová díxolle a Ezequiel: “Eu voute mandar” (Ez. 2:3, 4). Esas palabras deberon fortalecer moito a este profeta. Por que? Porque seguro que recordou que Deus lles dixera palabras parecidas a Moisés e a Isaías cando os escollera para que fosen os seus profetas (Éx. 3:10; Is. 6:8). Ezequiel tamén sabía que Xehová lles axudara a estes dous profetas a superar os desafíos ós que se enfrontaron. Por iso, cando Xehová lle dixo dúas veces a Ezequiel “voute mandar”, o profeta tiña boas razóns para confiar en que lle axudaría. De feito, no libro de Ezequiel repítese moitas veces a expresión “veume a palabra do Señor” (Ez. 3:16; 6:1). Está claro que estaba convencido de que Deus o enviara. Ademais, seu pai era sacerdote. Así que é probable que lle ensinase que Xehová sempre lles asegurou ós seus profetas que lles axudaría. Por exemplo, díxolles a Isaac, Xacob e Xeremías: “Eu estou contigo” (Xén. 26:24; 28:15; Xer. 1:8).
4. Que pensamentos animadores deberon fortalecer a Ezequiel?
4 Como respondería a maioría dos israelitas á predicación de Ezequiel? Xehová díxolle: “A casa de Israel non quererá escoitarte, porque non me quere facer caso a min” (Ez. 3:7). Ó rechazar a Ezequiel, estaban rechazando a Xehová. Esas palabras confirmáronlle a Ezequiel que o rechazo da xente non significaba que non fose un bo profeta. Deus tamén lle asegurou que, cando se cumprisen os xuízos que proclamaba, a xente sabería sen ningunha dúbida “que hai un profeta no medio deles” (Ez. 2:5; 33:33). Seguro que estes pensamentos tan animadores lle deron a Ezequiel as forzas que necesitaba para cumprir co seu labor de predicar.
XEHOVÁ ENVÍANOS NA ACTUALIDADE
5. Que palabras de Isaías 44:8 nos dan forzas?
5 A nós tamén nos dá forzas saber que Xehová nos enviou. Que honor máis grande que nos chame as súas “testemuñas”! (Is. 43:10) Igual que Xehová lle dixo a Ezequiel que non tivese medo, tamén nos di a nós: “Non teñades medo”. Por que non temos que terlles medo ós que se opoñen a nós? Porque igual que no caso de Ezequiel, foi Xehová quen nos enviou e contamos coa súa axuda (le Isaías 44:8).
6. a) Como nos asegura Xehová que vai estar con nós? b) Que nos anima cando a xente nos rechaza?
6 Xehová asegúranos que vai estar con nós. Por exemplo, xusto antes de afirmar “vós sóde-las miñas testemuñas”, dixo: “Cando pases a través das augas, eu estarei contigo; cando pases a través dos ríos, non te engulirán. Cando pases a través do lume, non te queimarás; cando pases por entre as chamas, non prenderán en ti” (Is. 43:2). Cando predicamos, ás veces encontramos obstáculos difíciles de superar que son coma inundacións ou coma lume. Pero incluso neses casos, seguimos predicando coa axuda de Xehová (Is. 41:13). Como pasaba no tempo de Ezequiel, a maioría da xente rechaza a mensaxe que lle levamos. Pero iso non significa que non esteamos predicando ben. Sabemos que cando somos fieis e seguimos predicando facemos feliz a Xehová, e iso anímanos moito e dános forzas. De feito, o apóstolo Paulo escribiu: “Cadaquén levará a súa paga conforme ó seu traballo” (1 Cor. 3:8; 4:1, 2). Unha irmá que leva sendo pioneira desde hai moitos anos di: “Faime moi feliz saber que Xehová recompensa os nosos esforzos”.
O ESPÍRITO DE DEUS DEULLE FORZAS A EZEQUIEL
7. Que efecto debeu ter en Ezequiel meditar na visión que tivo? (Ver a imaxe da portada da revista).
7 Ezequiel viu o poder que ten o espírito de Deus. Nunha visión, puido ver como o espírito santo lles axudaba ós poderosos anxos a mover as rodas xigantescas dun carro celestial (Ez. 1:20, 21). Cal foi a reacción de Ezequiel? Quedou tan impresionado que el mesmo escribiu o que lle pasou: “Caín rostro en terra” (Ez. 1:28). Despois desta impresionante visión, é moi probable que cada vez que meditase nela se fortalecese a súa convicción de que, coa axuda do espírito de Deus, podería levar a cabo o seu labor de predicar.
8, 9. a) Que lle pasou a Ezequiel cando Xehová lle mandou que se levantase? b) Que máis fixo Xehová para darlle a Ezequiel as forzas que necesitaba para predicar naquel territorio tan difícil?
8 Xehová mandoulle a Ezequiel: “Fillo do home, ponte de pé para que fale contigo”. Isto, xunto co espírito de Deus, deulle a Ezequiel as forzas que necesitaba para levantarse do chan. O profeta escribiu: “O espírito entrou en min e fíxome poñerme de pé” (Ez. 2:1, 2, TNM). Máis tarde, e durante todo o tempo que estivo predicando, puido sentir como “a man do Señor”, é dicir, o espírito de Deus, o guiaba (Ez. 3:22; 8:1; 33:22; 37:1; 40:1). O espírito de Deus deulle forzas para levar a cabo a tarefa que se lle encargara: predicarlle a esa xente “dura de cabeza e obstinada de corazón” que había no seu territorio (Ez. 3:7). Xehová díxolle: “Mira que eu volvo a túa cara tan dura coma a súa cara e a túa cabeza tan dura coma a súa. Eu volvo a túa testa coma o diamante, que é máis duro ca un croio. Non lles teñas medo nin te amedoñes diante deles” (Ez. 3:8, 9). De feito, díxolle que non deixase que a mala reacción da xente o desanimase. Ademais, prometeulle que lle daría forzas.
9 Despois diso, o espírito de Deus axudoulle a Ezequiel a seguir predicando naquel territorio. O profeta escribiu: “A poderosa man do Señor estaba sobre min”. A Ezequiel levoulle unha semana aprender e entender a mensaxe que tiña que dar para poder predicar con convicción (Ez. 3:14, 15). Entón, Xehová mandoulle que fose a un val, e alí “entrou espírito” nel (Ez. 3:23, 24, TNM). Agora o profeta estaba listo para empezar a predicar.
O ESPÍRITO DE DEUS DÁNOS FORZAS NA ACTUALIDADE
10. Que axuda necesitamos para levar a cabo o noso labor de predicar, e por que?
10 Que axuda necesitamos para levar a cabo o noso labor de predicar? Para responder esta pregunta, pensemos de novo no que lle pasou a Ezequiel. Antes de que empezase a predicar, o espírito de Deus deulle as forzas que necesitaba. Hoxe en día, igual que no caso de Ezequiel, só poderemos seguir predicando se contamos coa axuda do espírito de Deus. Por que? Porque Satanás declarounos a guerra para que deixemos de predicar (Ap. 12:17). Desde o punto de vista humano, non somos rival para el. Pero cando non deixamos de predicar, ganámoslle a batalla (Ap. 12:9-11). En que sentido ganamos? Cada vez que predicamos é unha derrota para Satanás. Ademais, demostramos que non nos deixamos intimidar polas súas ameazas. Entón, que nos ensina o feito de que poidamos seguir predicando a pesar da oposición? Que o espírito santo nos dá forzas e que temos a aprobación de Xehová (Mt. 5:10-12; 1 Pe. 4:14).
11. Que fará o espírito de Deus por nós, e que temos que facer para que Xehová nolo siga dando?
11 Que máis podemos aprender de que Xehová lle dese forzas a Ezequiel para predicar? Que o espírito de Deus tamén nos pode dar a nós as forzas que necesitamos para superar calquera desafío que teñamos na predicación (2 Cor. 4:7-9). Entón, que podemos facer para asegurarnos de que Deus nos siga dando o seu espírito? Temos que pedirllo unha e outra vez, convencidos de que escoitará as nosas oracións. De feito, Xesús díxolles ós seus discípulos: “Seguide pedindo [...], seguide buscando [...], seguide chamando á porta”. Xehová responderá e “dará espírito santo ós que llo piden” (Lc. 11:9, 13, TNM; Feit. 1:14; 2:4).
AS PALABRAS DE DEUS FORTALECERON A EZEQUIEL
12. Segundo Ezequiel 2:9–3:3, de onde viña o rolo e que contiña?
12 Deus non só fortaleceu a Ezequiel mediante o seu espírito, senón tamén mediante as súas palabras. Nunha visión, o profeta viu un home cun rolo na man (le Ezequiel 2:9–3:3). De onde viña ese rolo? Que contiña? Como lle deu forzas a Ezequiel? Ímolo ver. O rolo viña do trono de Deus. É probable que Xehová usase un dos catro anxos que vira antes Ezequiel para darlle o rolo (Ez. 1:8; 10:7, 20). O rolo contiña as palabras de Deus, é dicir, unha longa mensaxe de xuízo que o profeta tiña que declararlles ós exiliados rebeldes (Ez. 2:7). Esta mensaxe estaba escrita polas dúas caras do rolo.
13. a) Que lle dixo Xehová a Ezequiel que fixese co rolo? b) Por que o rolo era doce?
13 Xehová díxolle ó seu profeta que comese o rolo, e engadiu: “Enche as túas entrañas con este rolo”. Ezequiel obedeceu e comeu todo o rolo. Que significa esta parte da visión? Que o profeta tiña que entender por completo a mensaxe que ía declarar. Esta mensaxe tiña que chegar a formar parte del, por así dicilo. Tiña que crer que se ía cumprir para que iso o motivase a predicar. Entón, pasou algo sorprendente. Ezequiel descubriu que o rolo era “doce coma o mel” (Ez. 3:3). Por que? Porque para el o honor de representar a Xehová era algo doce, ou agradable (Sal. 19:9-12 [19:8-11, TNM]). Estaba moi agradecido de que Xehová o escollese para ser o seu profeta.
14. Que lle axudou a Ezequiel a estar listo para aceptar o labor que Deus lle encargara?
14 Despois, Xehová mandoulle a Ezequiel: “Escoita e acepta no teu corazón tódalas palabras que che digo” (Ez. 3:10, TNM). Con esas instrucións, Xehová estáballe dicindo ó seu profeta que aprendese de memoria as palabras do rolo e que meditase nelas. Se o facía, a súa fe faríase máis forte. Ademais, tamén lle deu unha mensaxe moi importante que declararlle á xente (Ez. 3:11). Cando Ezequiel entendese e crese a mensaxe de Deus, estaría listo para empezar a predicar e para seguir predicando ata que cumprise co labor que Deus lle encargara (compara con Salmo 19:15 [19:14, TNM]).
AS PALABRAS DE DEUS FORTALÉCENNOS NA ACTUALIDADE
15. Se queremos aguantar, que temos que escoitar atentamente e aprender?
15 Para aguantar e non deixar de predicar, nós tamén temos que permitir que as palabras de Deus sigan fortalecendo a nosa fe. É necesario que escoitemos atentamente e que aprendamos todo o que Xehová nos di. Hoxe en día, Xehová fálanos mediante a súa Palabra escrita, a Biblia. Como podemos asegurarnos de que a Palabra de Deus siga influíndo nos nosos pensamentos, sentimentos e motivacións?
16. Como podemos encher o noso corazón coa Palabra de Deus?
16 Cando comemos e dixerimos o alimento literal, o noso corpo fortalécese. Da mesma forma, cando estudamos a Palabra de Deus e meditamos nela, a nosa fe faise máis forte. Recordemos o que aprendemos do rolo. Xehová quere que enchamos as nosas “entrañas” coa súa Palabra, é dicir, que a entendamos ben. Para facelo, temos que orar, ler e meditar. Primeiro, oramos porque queremos preparar o noso corazón para chegar a saber como pensa Deus. Despois, lemos unha pasaxe da Biblia. E, por último, parámonos a meditar no que lemos. Cal será o resultado de facer isto? Canto máis reflexionemos, máis se encherá o noso corazón figurado coa Palabra de Deus.
17. Por que é tan importante que leamos a Biblia e meditemos nela?
17 Por que é tan importante que leamos a Biblia e meditemos nela? Porque iso vainos dar as forzas que necesitamos para predicar a mensaxe do Reino agora e para proclamar a mensaxe de xuízo moi directa que probablemente teremos que dar dentro de pouco. Ademais, ó reflexionar na personalidade tan atraente que ten Xehová, a nosa amizade con el farase máis forte. Como resultado, desfrutaremos de algo doce, ou agradable: seremos felices e teremos paz interior (Sal. 119:103).
MOTIVADOS A AGUANTAR
18. Que terán que recoñecer as persoas do noso territorio, e por que?
18 Ezequiel era profeta, pero nós non o somos. Aínda así, estamos decididos a seguir levando a mensaxe inspirada da Biblia ata que Xehová diga que deixemos de predicar. Cando chegue o momento do xuízo, as persoas do noso territorio non poderán dicir que ninguén as avisou ou que Deus as pasou por alto (Ez. 3:19; 18:23). Máis ben, terán que recoñecer que a mensaxe que predicabamos viña de Deus.
19. Que nos vai dar as forzas para non deixar de predicar?
19 Que nos vai dar as forzas para non deixar de predicar? As mesmas tres cousas que fortaleceron a Ezequiel. Seguimos predicando porque sabemos que Xehová nos enviou, porque nos dá forzas grazas ó seu espírito santo e porque nos fortalece a través da súa Palabra. Coa axuda de Xehová, estamos decididos a seguir predicando e aguantando “ata o final” (Mt. 24:13).
CANCIÓN sn 45 Vaiamos cara adiante!
a Neste artigo, analizaremos tres cousas que lle axudaron ó profeta Ezequiel a seguir cumprindo coa súa comisión de predicar. Repasar como lle axudou Xehová ó seu profeta fortalecerá a nosa confianza en que tamén nos axudará a levar a cabo a nosa predicación.