ARTIGO DE ESTUDO 48
Mantén o bo xuízo cando a túa lealdade se poña a proba
“Mantén o teu bo xuízo en tódalas cousas” (2 TIM. 4:5, TNM).
CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática
AVANCE a
1. Que significa manter o “bo xuízo”? (2 Timoteo 4:5, TNM).
A NOSA lealdade a Xehová e á súa organización pode poñerse a proba cando pasamos por problemas. Que podemos facer para superalos? Temos que estar alerta e manter o “bo xuízo” para que a nosa fe siga firme (le 2 Timoteo 4:5, TNM). Que significa manter o “bo xuízo”? Significa non perder a calma, pensar con claridade e esforzarse por ver as cousas desde o punto de vista de Xehová. Cando facemos isto, impedimos que as nosas emocións controlen os nosos pensamentos.
2. Que imos analizar neste artigo?
2 No artigo anterior falamos de tres desafíos que poderían vir de fóra da congregación. Neste artigo imos analizar tres cousas que poden pasar dentro da congregación e que poderían poñer a proba a nosa lealdade a Xehová: 1) sentir que outro cristián nos tratou mal, 2) recibir disciplina, e 3) ter que adaptarnos a cambios na organización que se nos fagan difíciles. Como podemos manter o bo xuízo e seguir sendo leais a Xehová e á súa organización cando nos enfrontemos a estas dificultades?
SENTIR QUE OUTRO CRISTIÁN NOS TRATA MAL
3. Como poderiamos reaccionar se sentimos que outro cristián nos trata mal?
3 Sentiches algunha vez que un irmán ou unha irmá te tratou mal? Foi quizais alguén con responsabilidades na organización de Xehová? É probable que esa persoa non o fixese a propósito (Rm. 3:23; Sant. 3:2). Pero aínda así, pode ser que che fixese dano. Quizais non fuches capaz de durmir pensando no asunto. Ou poida que te preguntases: “Se alguén pode chegar a facer isto, de verdade é esta a organización de Deus?”. Así é xusto como quere Satanás que pensemos (2 Cor. 2:11). Esta forma de pensar negativa podería facer que nos separásemos de Xehová e da súa organización. Así que se sentimos que un irmán ou unha irmá non nos tratou ben, que podemos facer para manter o bo xuízo e deixar de pensar así?
4. a) Como mantivo Xosé o seu bo xuízo cando o trataron mal? b) Que leccións aprendemos do seu exemplo? (Xénese 50:19-21).
4 Non gardes resentimento. Cando Xosé era adolescente, os seus irmáns maiores tratábano mal, odiábano e algúns deles ata querían matalo (Xén. 37:4, 18-22). Ó final vendérono como escravo e, debido a isto, pasou por situacións moi difíciles durante uns 13 anos. En todo ese tempo, puido preguntarse se Xehová de verdade o quería ou se o abandonara cando máis o necesitaba. Pero non gardou resentimento. Máis ben, non perdeu a calma e así mantivo o seu xuízo. Cando tivo a oportunidade de vingarse dos seus irmáns, non o fixo, senón que demostrou que os quería moito e que os perdoara (Xén. 45:4, 5). Xosé puido facer iso porque pensaba con claridade. En lugar de centrarse nos seus problemas, vía o cadro completo, é dicir, o propósito de Xehová (le Xénese 50:19-21). Cal é a lección? Se te tratan mal non lle gardes resentimento a Xehová, nin te preguntes se te abandonou. En vez diso, medita en como che está axudando a aguantar esa situación. Ademais, cando outros te traten mal, intenta tapar as súas imperfeccións con amor (1 Pe. 4:8).
5. Como mantivo Miqueas o seu bo xuízo cando sentiu que o trataran mal?
5 Pensa no que lle pasou a Miqueas b, un irmán de América do Sur. El recorda que houbo un tempo no que sentía que algúns anciáns foran moi duros con el. Dixo: “Nunca sentira ese tipo de estrés. Tiña ansiedade, non podía durmir polas noites, e choraba porque sentía que non podía facer nada para solucionalo”. Pero a pesar de todo isto, Miqueas mantivo o seu bo xuízo e esforzouse moito por controlar os seus sentimentos. Para conseguilo, oráballe moito a Xehová e pedíalle que lle dese o seu espírito santo e forzas para aguantar. Ademais, tamén buscou información nas nosas publicacións que lle puidese axudar. Cal é a lección? Se sentes que un irmán ou unha irmá te tratou mal, mantén a calma e trata de controlar calquera sentimento negativo que poidas ter. Ó mellor non coñeces as circunstancias que levaron a outra persoa a falar ou actuar desa maneira. Así que óralle a Xehová e pídelle que che axude a ver as cousas como as ve a outra persoa. Se o fas, serache máis fácil darlles ós teus irmáns o beneficio da dúbida e pasar por alto as súas ofensas (Pr. 19:11). Recorda que Xehová está ó tanto da túa situación e que che vai dar as forzas que necesitas para aguantar (2 Cró. 16:9; Ecl. 5:7 [5:8, TNM]).
RECIBIR DISCIPLINA
6. Por que é importante que vexamos a disciplina de Xehová como unha mostra do seu amor? (Hebreos 12:5, 6, 11).
6 Recibir disciplina pode ser doloroso en sentido emocional. Pero se nos centramos só na dor, poderiamos empezar a quitarlle importancia a esa disciplina pensando que non era necesaria ou que foi demasiado dura. Como resultado, poderiamos estar pasando por alto algo moi importante: ver esa disciplina como unha mostra do amor que Xehová nos ten (le Hebreos 12:5, 6, 11). Se deixamos que as nosas emocións nos controlen, darémoslle a Satanás a oportunidade de aproveitarse dos nosos sentimentos. El quere que rechacemos a disciplina e, aínda peor, que nos separemos de Xehová e da congregación. Se recibiches disciplina, como podes manter o bo xuízo?
7. a) Tal como se ve na imaxe, como usou Xehová a Pedro despois de que aceptase a disciplina? b) Que aprendemos do exemplo de Pedro?
7 Acepta a disciplina e fai os cambios necesarios. Xesús corrixiu a Pedro diante dos demais apóstolos en varias ocasións (Mc. 8:33; Lc. 22:31-34). Canta vergonza tivo que sentir Pedro! Aínda así, seguiu sendo leal a Xesús. Aceptou a disciplina e aprendeu dos seus erros. Grazas a iso, Xehová recompensou a súa lealdade e encargoulle responsabilidades moi importantes na congregación (Xn. 21:15-17; Feit. 10:24-33; 1 Pe. 1:1). Que aprendemos do exemplo de Pedro? Se queremos que a disciplina nos beneficie a nós e a outros, debemos evitar centrarnos na vergonza que poidamos sentir, aceptar a corrección e facer os cambios necesarios. Isto axudaranos a ser aínda máis útiles para Xehová e para os nosos irmáns.
8, 9. a) Como se sentiu ó principio Bernardo cando recibiu disciplina? b) Que lle axudou a cambiar o seu punto de vista?
8 Fíxate no que lle pasou a Bernardo, un irmán de Mozambique que deixou de ser ancián durante un tempo. Como se sentiu cando perdeu esa responsabilidade? El explica o que lle pasou ó principio: “Estaba resentido porque non me gustaba a disciplina que recibira”. A Bernardo preocupáballe como o verían os demais na congregación. El admite: “Levoume uns poucos meses volver a ver as cousas da maneira correcta, e a confiar de novo en Xehová e na súa organización”. Que lle axudou a conseguilo?
9 Bernardo cambiou o seu punto de vista. El explica: “Cando era ancián, utilizaba o texto de Hebreos 12:7 para axudarlles a outros a ver a disciplina de Xehová da maneira correcta. Entón pregunteime: ‘Quen ten que aplicar este texto?’. Aplícalle a tódolos servos de Xehová, así que a min tamén”. A partir dese momento, fixo aínda máis cambios para volver a confiar en Xehová e na súa organización. Dedicou máis tempo a ler a Biblia e a meditar nela. Aínda que lle preocupaba como o ían ver os demais irmáns, esforzouse por predicar con eles e por participar nas reunións de congregación. Co tempo, foi nomeado ancián outra vez. Se, coma Bernardo, recibiches disciplina, intenta ver máis alá da vergonza, acepta o consello e fai os cambios necesarios (Pr. 8:33; 22:4). c Se o fas, podes estar seguro de que Xehová te recompensará por serlle leal a el e á súa organización.
TER QUE ADAPTARSE A CAMBIOS NA ORGANIZACIÓN QUE SE NOS FAN DIFÍCILES
10. Que cambio na organización puido poñer a proba a lealdade dalgúns israelitas?
10 Os cambios na organización poden poñer a proba a nosa lealdade. Se non temos coidado, incluso poderiamos deixar que nos separen de Xehová. Por exemplo, pensa en como lles cambiou a vida a algúns israelitas cando Deus lles deu a Lei. Ata ese momento, os cabezas de familia encargábanse de labores que agora lles corresponderían ós sacerdotes. Construían altares e facíanlle sacrificios a Xehová a favor das súas familias (Xén. 8:20, 21; 12:7; 26:25; 35:1, 6, 7; Xob 1:5). Pero cando Deus lles deu a Lei, perderon esa responsabilidade. Xehová escolleu a familia de Aharón para que fosen sacerdotes e fixesen sacrificios. A partir deste cambio, se un cabeza de familia actuaba como sacerdote e non era descendente de Aharón, podía perder a vida (Lev. 17:3-6, 8, 9). d Puido ser este cambio unha das razóns polas que Coré, Datán, Abiram e outros 250 homes desafiaron a autoridade de Moisés e Aharón? (Núm. 16:1-3) Non podemos sabelo con seguridade. En calquera caso, o que si sabemos é que, tanto Coré coma os que se puxeron do seu lado, deixaron de ser leais a Xehová. Se un cambio na organización pon a proba a túa lealdade, que podes facer?
11. Que aprendemos do exemplo dalgúns levitas quehatitas?
11 Apoia de todo corazón os cambios na organización. Mentres os israelitas viaxaban polo deserto, os quehatitas encargábanse dunha tarefa moi importante. Cada vez que se trasladaba o campamento, algúns quehatitas levaban a arca do pacto para que fose diante de todo o pobo (Núm. 3:29, 31; 10:33; Xos. 3:2-4). Que privilexio máis grande! Pero as cousas cambiaron cando os israelitas se estableceron na Terra Prometida porque xa non ía facer falta que a arca se movese tantas veces de sitio. Así que no tempo do rei Salomón, algúns deles foron asignados como cantores, outros como gardas nas portas e outros como encargados dos almacéns (1 Cró. 6:16-18 [6:31-33, TNM]; 26:1, 24). Non hai nada que indique que se queixasen nin que pedisen outras responsabilidades máis importantes tendo en conta a que tiñan antes. Que aprendemos do seu exemplo? Que debemos apoiar de todo corazón os cambios que fai a organización de Xehová, incluídos os que afecten ás nosas responsabilidades. Desfruta con cada unha delas, sen importar cal che encarguen. Recorda que a túa asignación non ten nada que ver con canto vales para Xehová. Para el a túa obediencia é moito máis importante que calquera responsabilidade que poidas ter (1 Sam. 15:22).
12. Como se sentiu Zaina cando a invitaron a deixar Betel?
12 Fíxate no que lle pasou a Zaina, unha irmá de Oriente Medio que recibiu un cambio de asignación e perdeu unha responsabilidade que valoraba moito. Despois de 23 anos, invitárona a deixar Betel e nomeárona pioneira especial. Ela conta: “Este cambio de asignación foi algo moi difícil de aceptar. Sentía que non servía para nada e preguntábame unha e outra vez: ‘Que fixen mal?’”. Por desgraza, algúns irmáns da congregación facían que se sentise aínda peor. Dicíanlle: “Se foses o suficientemente boa, a organización deixaría que seguises en Betel”. Durante algún tempo, Zaina sentiuse tan desanimada que choraba tódalas noites. Pero ela di: “Nunca se me ocorreu dubidar da organización nin de canto me quere Xehová”. Que lle axudou a Zaina a manter o bo xuízo?
13. Que fixo Zaina para superar os sentimentos negativos?
13 Que fixo Zaina para superar os sentimentos negativos? Leu artigos das nosas publicacións relacionados coa súa situación. Por exemplo, o artigo “Usted puede afrontar el desánimo”, da revista La Atalaya do 1 de febreiro de 2001, axudoulle moito. Nel explicábase que é posible que Marcos, un dos escritores da Biblia, tivese que loitar con sentimentos parecidos cando houbo cambios nas súas responsabilidades. Zaina di: “O exemplo de Marcos foi a medicina que necesitaba para superar o desánimo”. Ademais, tamén se mantivo cerca dos seus amigos. Non se illou nin se deixou levar pola autocompaixón. Máis ben, chegou á conclusión de que o espírito de Xehová guía a súa organización e de que os irmáns responsables se preocupan moito por ela. Pero tamén se deu conta de que o máis importante é que a organización de Deus poida cumprir co traballo que Xehová lle deu.
14. Que cambio non lle foi fácil aceptar a Vlado, e que lle axudou a facelo?
14 A Vlado, un irmán de 73 anos de Eslovenia que serve como ancián, non lle foi fácil aceptar que a súa congregación se fusionase con outra e que se pechase o Salón do Reino ó que asistía. El conta: “Non entendía por que tiña que pechar un Salón tan bonito. Doeume moito porque había pouco que se renovara. Eu son carpinteiro, e fixera algúns dos mobles novos. Ademais, a algúns irmáns maiores non lles ía ser fácil facer os cambios que supoñía a fusión das congregacións”. Que lle axudou a Vlado a apoiar esa decisión? El explica: “Adaptarse ós cambios que fai a organización de Xehová sempre é bo para nós. Estes axustes prepárannos para os cambios aínda máis grandes que haberá no futuro”. Estás pasando por unha situación parecida? Estáseche facendo difícil aceptar os cambios que provoca unha fusión de congregacións ou un cambio de asignación? Podes estar seguro de que Xehová entende como te sentes. Se apoias eses cambios e segues sendo leal a Xehová e á organización que el usa, non hai ningunha dúbida de que el te bendicirá (Sal. 18:25, TNM).
MANTÉN O BO XUÍZO EN TÓDALAS COUSAS
15. Que podemos facer para manter o bo xuízo cando pasamos por situacións difíciles dentro da congregación?
15 Canto máis nos acerquemos ó final deste sistema, máis común será que haxa dificultades dentro da congregación. Estas dificultades poderían poñer a proba a nosa lealdade a Xehová. Por iso temos que manter o bo xuízo. Se sentes que outro irmán te tratou mal, non lle gardes resentimento. Se recibes disciplina, mira máis alá da vergonza, acepta o consello e fai os cambios necesarios. E cando haxa cambios na organización de Xehová que che afecten a ti persoalmente, apóiaos de todo corazón e obedece a súa guía.
16. Que podes facer para seguir confiando en Xehová e na súa organización?
16 Se a túa lealdade se pon a proba, podes seguir confiando en Xehová e na súa organización. Pero para facelo, necesitas manter o teu bo xuízo, é dicir, manter a calma, pensar con claridade e ver as cousas desde o punto de vista de Xehová. Ponte a meta de estudar acerca de personaxes da Biblia que puideron superar situacións parecidas e reflexiona nos seus exemplos. Óralle a Xehová e pídelle que che axude. E non te illes, non te apartes nunca dos irmáns da congregación. Deste xeito, pase o que pase, Satanás non será capaz de separarte de Xehová nin da súa organización (Sant. 4:7).
CANCIÓN sn 43 Vixiade, sede fortes!
a A nosa lealdade a Xehová e á súa organización pode poñerse a proba sobre todo cando afrontamos dificultades dentro da congregación. Neste artigo imos analizar tres desas dificultades, e tamén veremos que podemos facer para seguir sendo leais a Xehová e á súa organización.
b Cambiáronse algúns nomes.
c Podes atopar máis ideas prácticas no artigo “¿Le gustaría recuperar su privilegio de servicio?”, na revista La Atalaya do 15 de agosto de 2009.
d A Lei dicía que se un cabeza de familia quería matar un animal doméstico para comelo, tiña que levalo ó santuario. Pero se a familia vivía demasiado lonxe do santuario, entón facíase unha excepción (Dt. 12:21).