Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 47

Non deixes que nada te separe de Xehová

Non deixes que nada te separe de Xehová

“Eu teño confianza en ti, Señor” (SAL. 31:15 [31:14, TNM]).

CANCIÓN sn 32 Manteñámonos firmes e inabalables!

AVANCE a

1. Como sabemos que Xehová quere estar cerca de nós?

 XEHOVÁ invítanos a estar cerca del (Sant. 4:8). Quere ser o noso Deus, o noso Pai e o noso Amigo. Responde as nosas oracións e axúdanos cando pasamos por problemas. Ademais, usa a súa organización para ensinarnos e protexernos. Pero, que debemos facer para achegarnos a Xehová?

2. Como podemos achegarnos a Xehová?

2 Podemos achegarnos a Xehová se lle oramos, se lemos a súa Palabra e se meditamos nela. Cando o facemos, aumenta o noso amor por Deus e sentímonos máis agradecidos. Ademais, motívanos a obedecelo e a louvalo como el merece (Ap. 4:11). Canto mellor coñezamos a Xehová, máis confiaremos nel e na organización que usa para axudarnos.

3. a) Que estratexia usa o Demo para separarnos de Xehová? b) Que nos axudará a non abandonar nunca a Xehová nin a súa organización? (Salmo 31:14, 15 [31:13, 14, TNM]).

3 O Demo intenta separarnos de Xehová, sobre todo cando pasamos por dificultades. Que estratexia usa para conseguilo? Intenta que pouco a pouco deixemos de confiar en Xehová e na súa organización. Pero podemos defendernos dos seus ataques. Se a nosa fe é forte e confiamos firmemente en Xehová, non o abandonaremos nin a el nin a súa organización (le Salmo 31:14, 15 [31:13, 14, TNM]).

4. Que imos analizar neste artigo?

4 Neste artigo, imos analizar tres cousas que poden vir de fóra da congregación e que poden debilitar a nosa confianza en Xehová e na súa organización. Como poden estas tres cousas separarnos de Xehová? Que podemos facer para defendernos dos ataques de Satanás?

CANDO PASAMOS POR PROBLEMAS

5. Como poden os problemas debilitar a nosa confianza en Xehová e na súa organización?

5 Ás veces, pasamos por problemas como a oposición familiar ou a perda do noso traballo. Como poden estes problemas debilitar a nosa confianza na organización de Xehová e separarnos del? Se temos que aguantar situacións difíciles durante moito tempo, poida que nos sintamos deprimidos e sen esperanza. Satanás aprovéitase deses momentos para facernos crer que Xehová non nos quere. Ademais, quere que pensemos que Xehová e a súa organización son os culpables do noso sufrimento. Algo parecido foi o que lles pasou a algúns israelitas en Exipto. Ó principio, confiaban en que Xehová escollera a Moisés e a Aharón para liberalos da escravitude (Éx. 4:29-31). Pero, máis tarde, cando o faraón fixo que a vida dos israelitas fose aínda máis difícil, botáronlles a culpa a Moisés e a Aharón dos seus problemas, dicíndolles: “Fixéstesnos aborrecer polo faraón e polos seus servidores, e puxésteslles na man a espada para que nos maten” (Éx. 5:19-21). Que triste que culpasen a estes dous servos fieis de Xehová, verdade? Se levas moito tempo pasando por problemas, como podes confiar máis en Xehová e na súa organización?

6. Que aprendemos do exemplo do profeta Habacuc sobre como aguantar os problemas? (Habacuc 3:17-19).

6 Ábrelle o teu corazón a Xehová e pídelle a súa axuda. O profeta Habacuc pasou por moitos problemas. En certo momento, parece que non estaba seguro de que Xehová coidase del. Así que lle fixo unha oración de corazón e preguntoulle: “Ata cando teño que gritar por axuda para que ti oias? [...] Por que toleras a opresión?” (Hab. 1:2, 3TNM). Entón, Xehová respondeu a oración sincera deste servo leal (Hab. 2:2, 3). Pola súa parte, Habacuc reflexionou en como Xehová salvara os seus servos no pasado, e así puido volver a ser feliz outra vez. Grazas a isto, chegou a estar convencido de que podía confiar en que Xehová coidaría del e de que lle axudaría a aguantar calquera proba á que se enfrontase (le Habacuc 3:17-19). Que podes aprender do seu exemplo? Cando pases por dificultades, óralle a Xehová e dille como te sentes. Se fas isto, podes estar seguro de que te vai apoiar e que che vai responder. Confía en que Xehová che dará as forzas que necesites para aguantar. Ademais, a túa fe farase máis forte cando vexas como che axuda.

7. a) De que tratou de convencer a Shirley un dos seus familiares? b) Que lle axudou a non perder a súa fe en Xehová?

7 Mantén a túa rutina espiritual. Fíxate en como lle axudou isto a Shirley, unha irmá de Papúa-Nova Guinea, cando pasou por dificultades. b A súa familia era pobre e, ás veces, custáballes moito conseguir suficiente comida. Un dos seus familiares intentou debilitar a súa confianza en Xehová. Díxolle: “Dis que o espírito santo de Deus che está axudando, pero onde está esa axuda? A túa familia segue sendo pobre. Estás perdendo o tempo predicando”. Shirley admite: “Pregunteime se Deus se preocupaba por nós ou non. Así que lle fixen unha oración inmediatamente a Xehová e faleille de todo o que me pasaba pola cabeza. Seguín lendo a Biblia e as publicacións, e non deixei de predicar nin de ir ás reunións”. Pouco despois, empezou a darse conta de que Xehová estaba coidando da súa familia porque non pasaban fame e eran felices. Ela di: “Sentín que Xehová estaba respondendo as miñas oracións” (1 Tim. 6:6-8). Se ti tamén mantés a túa rutina espiritual, tampouco permitirás que as dificultades ou as dúbidas te separen de Xehová.

CANDO SE PERSEGUE OS IRMÁNS CON RESPONSABILIDADES NA CONGREGACIÓN

8. Que pode pasarlles ós irmáns que teñen responsabilidades na organización de Xehová?

8 Os nosos inimigos utilizan os medios de comunicación e as redes sociais para espallar mentiras e información falsa sobre os irmáns que teñen responsabilidades na organización de Xehová (Sal. 31:14 [31:13, TNM]). De feito, algúns irmáns foron arrestados e acusados de ser criminais. Os cristiáns do primeiro século tamén tiveron que enfrontarse a unha situación parecida cando o apóstolo Paulo foi acusado e arrestado inxustamente. Como reaccionaron?

9. Como reaccionaron algúns cristiáns cando Paulo estivo prisioneiro?

9 Algúns cristiáns do primeiro século deixaron de apoiar o apóstolo Paulo cando estivo prisioneiro en Roma (2 Tim. 1:8, 15). Por que o fixeron? Pode ser que lles dese vergonza que as persoas visen a Paulo coma un criminal (2 Tim. 2:8, 9). Ou ó mellor tiñan medo de que os perseguisen a eles tamén. Sen importar cal fose o motivo, imaxinemos como se tivo que sentir Paulo. El pasara por moitas dificultades e ata chegara a arriscar a súa vida por eles (Feit. 20:18-21; 2 Cor. 1:8). Non sexamos nunca como os que abandonaron a Paulo cando el os necesitaba! Que debemos recordar cando se persiga os irmáns que teñen responsabilidades na organización de Xehová?

10. Que debemos recordar cando os irmáns que teñen responsabilidades na organización de Xehová son perseguidos?

10 Recorda por que están sendo perseguidos e quen é o culpable. A Biblia di en 2 Timoteo 3:12: “Tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución”. Así que non nos debe sorprender que Satanás ataque os irmáns que teñen responsabilidades na organización de Deus. Quere que eses irmáns deixen de ser fieis a Xehová e que os demais teñamos medo (1 Pe. 5:8).

Aínda que Paulo estaba preso, Onesíforo foi valente e apoiouno. Como vemos nesta representación, hoxe en día os nosos irmáns tamén apoian os que están no cárcere (ver os parágrafos 11 e 12).

11. Que aprendemos do exemplo de Onesíforo? (2 Timoteo 1:16-18).

11 Sigue apoiando os teus irmáns lealmente e non os abandones (le 2 Timoteo 1:16-18). Onesíforo, un cristián do primeiro século, non reaccionou coma os irmáns que mencionamos antes cando Paulo estaba no cárcere. Paulo dixo del: “Non se avergoñou de que eu fora un preso”. En vez diso, Onesíforo buscou a Paulo e, cando o encontrou, intentou axudarlle a ter as cousas que necesitaba. Para facelo, tivo que arriscar a súa propia vida. Que aprendemos do seu exemplo? Que non debemos deixar que o medo nos impida apoiar os nosos irmáns cando son perseguidos. Máis ben, temos que facer todo o posible por axudarlles e por defendelos (Pr. 17:17). Nesa situación necesitan todo o noso amor e apoio.

12. Que aprendemos do exemplo dos irmáns e irmás de Rusia?

12 Outro exemplo é o dos nosos irmáns de Rusia. Como lles axudan a outros irmáns que están no cárcere? Cando hai un xuízo, moitos irmáns e irmás van ó tribunal para apoialos. Que aprendemos deles? Cando se din mentiras dos irmáns que teñen responsabilidades dentro da organización de Xehová, ou cando os arrestan e os perseguen, non debemos ter medo. Oremos por eles, coidemos das súas familias e busquemos outras maneiras prácticas de demostrarlles que os apoiamos (Feit. 12:5; 2 Cor. 1:10, 11).

CANDO SE BURLAN DE NÓS

13. Como poden as burlas debilitar a nosa confianza en Xehová e na súa organización?

13 É posible que os nosos familiares que non cren en Xehová, ou que os nosos compañeiros de traballo ou de escola se burlen de nós por predicar e por seguir as normas morais de Xehová (1 Pe. 4:4). Poida que nos digan: “Cáesme ben, pero a túa relixión está anticuada e non che deixa facer nada”. Tamén poden criticarnos por como tratamos os expulsados, dicindo: “Como podes dicir que es unha persoa amorosa?”. Este tipo de comentarios poden facernos dubidar e que nos cuestionemos se as normas de Xehová son xustas. Pode ser que empecemos a preguntarnos: “Espera Xehová demasiado de min? É a súa organización demasiado estrita?”. Se estás pasando por algo así, como podes manterte cerca de Xehová e da súa organización?

Xob negouse a crer as mentiras dos seus supostos amigos. A pesar das súas burlas, decidiu seguir sendo íntegro a Xehová (ver o parágrafo 14).

14. Como debemos reaccionar cando outros se burlen de nós por obedecer as normas de Xehová? (Salmo 119:50-52).

14 Decídete a seguir obedecendo as normas de Xehová. Xob era un home que obedecía as normas de Xehová aínda que se burlasen del por facelo. Un dos seus supostos amigos intentou convencelo de que a Deus non lle importaba se Xob obedecía as súas normas ou non (Xob 4:17, 18; 22:3). Pero Xob non creu esas mentiras. Sabía que as normas de Xehová sobre o que está ben e o que está mal son correctas, así que decidiu seguilas. Non permitiu que outros fixesen que deixase de ser íntegro (Xob 27:5, 6). Que aprendemos do seu exemplo? Que non podemos deixar que as burlas doutros nos fagan dubidar das normas de Xehová. Pensa no teu caso. Verdade que puideches ver unha e outra vez como te beneficiou seguir as xustas normas de Xehová? Decídete a apoiar a organización que segue esas normas. Sen importar cantos se burlen de ti, non deixes nunca que te separen de Xehová (le Salmo 119:50-52).

15. Por que se burlaban de Brizit?

15 Vexamos a experiencia de Brizit, unha irmá da India. Os seus familiares burlábanse dela pola súa fe. Bautizouse en 1997. Pouco despois, o seu home, que non era Testemuña, quedou sen traballo. Daquela tiñan tres fillas, e o seu marido decidiu que todos debían mudarse cos pais del, que vivían noutra cidade. Alí Brizit tería que enfrontarse aínda a máis problemas. Como el non tiña traballo, ela tivo que empezar a traballar a tempo completo para manter a familia. Ademais, a congregación que lle quedaba máis cerca estaba a uns 350 quilómetros. Por desgraza, a familia do seu marido non quería que servise a Xehová. A situación chegou a ser tan difícil que tiveron que volver a mudarse. Entón, de repente, o seu home morreu. Máis tarde, unha das súas fillas morreu de cáncer con tan só 12 aniños. Por se fose pouco, os seus familiares dicían que todo era culpa dela e que non pasaría nada diso se non fose testemuña de Xehová. A pesar de todo, a nosa irmá seguiu confiando en Xehová e mantívose cerca da súa organización.

16. Que bendicións recibiu Brizit por manterse cerca de Xehová e da súa organización?

16 Como Brizit vivía moi lonxe da congregación, un superintendente de circuíto animouna a predicar onde ela vivía e a facer as reunións na súa casa. Ó principio, pensou que iso sería moi difícil, pero fíxolle caso ó consello do irmán. Así que se puxo a predicar e a facer as reunións na súa casa, e sempre sacaba tempo para a adoración en familia coas súas fillas. Cal foi o resultado? Puido empezar moitos cursos da Biblia, e moitos dos seus estudantes bautizáronse. En 2005 fíxose pioneira regular. Ó final, Xehová recompensouna por confiar nel e por ser leal á súa organización. Agora, as súas fillas serven fieis a Xehová e ata se formaron dúas congregacións naquela zona! Brizit está convencida de que Xehová lle deu as forzas necesarias para soportar as dificultades e para facerlles fronte ás burlas da súa familia.

SIGUE SENDO LEAL A XEHOVÁ E Á SÚA ORGANIZACIÓN

17. Que debemos estar decididos a facer?

17 Satanás quere que pensemos que Xehová nos abandona cando pasamos por problemas, e que apoiar a súa organización só nos complicará máis a vida. Quere que teñamos medo cando se persegue e se mete no cárcere ós irmáns que teñen responsabilidades na organización de Xehová, ou cando se din mentiras sobre eles. Ademais, desexa que as burlas doutros debiliten a nosa confianza nas normas de Xehová e na súa organización. Pero non pode enganarnos, sabemos ben cales son as súas tácticas malvadas (2 Cor. 2:11). Decidámonos a rechazar as mentiras de Satanás e a seguir sendo leais a Xehová e á súa organización. Recorda que Xehová nunca te abandonará (Sal. 28:7). Polo tanto, non deixes que nada te separe del! (Rm. 8:35-39).

18. Que imos analizar no seguinte artigo?

18 Neste artigo vimos tres cousas que poden vir de fóra da congregación e debilitar a nosa confianza en Xehová e na súa organización. Pero a nosa confianza tamén pode poñerse a proba con cousas que veñen de dentro da congregación. Como podemos facerlles fronte a esas dificultades? Isto será o que analizaremos no seguinte artigo.

CANCIÓN sjj 118 Auméntanos a fe

a Para poder seguir sendo fieis a Xehová durante os últimos días, debemos seguir confiando nel e na súa organización. O Demo intenta destruír a nosa confianza, e para iso usa diversas tácticas. Neste artigo imos analizar tres delas e tamén veremos como podemos seguir sendo fieis a Xehová e á súa organización.

b Cambiáronse algúns nomes.