Ir ó contido

Ir ó índice

BIOGRAFÍA

“Quería servir a Xehová”

“Quería servir a Xehová”

DESPEDÍMONOS dun pequeno grupo de persoas que visitaramos cerca da aldea de Granbori, na selva de Suriname. Despois, montamos nunha barca de madeira e baixamos polo río Tapanahoni. Máis tarde, cando estabamos pasando polos rápidos do río, a hélice do motor chocou contra unha roca. Entón, a punta da barca meteuse debaixo da auga e afundimos. Pensei que se me ía saír o corazón do peito. Aínda que levaba anos viaxando en barco como superintendente de circuíto, non sabía nadar!

Antes de contarvos o que pasou despois, deixade que vos explique como empecei no servizo a tempo completo.

Nacín en 1942 en Curaçao, unha illa moi bonita do Caribe. Meu pai era de Suriname, pero mudárase a esta illa para traballar. Dous anos antes de que eu nacese, el fora unhas das primeiras persoas que se bautizou como testemuña de Xehová en Curaçao. a Tódalas semanas estudaba a Biblia comigo e cos meus irmáns, aínda que non sempre llo poñiamos fácil. Cando tiña 14 anos, mudámonos a Suriname para que meu pai puidese coidar da súa nai, que era moi maior.

OS BOS AMIGOS AXUDÁRONME MOITO

En Suriname, empecei a xuntarme cos rapaces da congregación. Eran uns anos maiores ca min e servían a Xehová con moito entusiasmo. De feito, eran pioneiros regulares. Podía ver o felices que eran cando falaban das experiencias que tiñan na predicación. Despois das reunións, tamén falabamos sobre a Biblia, ás veces mentres nos sentabamos fóra de noite mirando o ceo cheo de estrelas. Grazas a eles, deime conta do que quería facer coa miña vida: servir a Xehová. Así que me bauticei con 16 anos, e cando tiña 18 fíxenme pioneiro regular.

APRENDENDO LECCIÓNS MOI VALIOSAS

Cando era pioneiro en Paramaribo.

Sendo pioneiro, aprendín moitas cousas que me axudaron no meu servizo a tempo completo. Por exemplo, unha das primeiras leccións que aprendín foi que é moi importante capacitar a outros. Cando empecei a ser pioneiro, un misioneiro chamado Willem van Seijl interesouse moito por min. b Ensinoume moitas cousas sobre como encargarme dalgunhas responsabilidades da congregación. Daquela, eu non sabía canto ía necesitar esa capacitación. Ó ano seguinte nomeáronme pioneiro especial. Pouco despois, empecei a axudarlles a pequenos grupos de irmáns que vivían na selva de Suriname, moi lonxe doutras congregacións. Canto agradecín que os irmáns dedicasen tempo a capacitarme! Dende ese momento, trato de seguir o seu exemplo dedicando tempo a capacitar a outros.

A segunda lección que aprendín foi que ter unha vida sinxela e ser organizado é unha vantaxe. Ó principio de cada mes, o meu compañeiro mais eu tratabamos de calcular canta comida e outras cousas necesitariamos para as seguintes semanas. Entón, un de nós facía unha longa viaxe á capital para comprar todo o necesario. Tiñamos que gastar con moito coidado a axuda económica que nos daban e repartir ben o que tiñamos para que nos durase todo o mes. Se quedabamos sen algo, na selva había moi poucas persoas, ou ningunha, que puidese axudarnos. Penso que aprender de rapaz a vivir con pouco e a ser organizado axudoume a estar centrado no meu servizo a Xehová durante toda a miña vida.

A terceira lección que aprendín foi que ensinarlles a verdade ás persoas no idioma do seu corazón dá moi bos resultados. Crecín falando neerlandés, inglés, papiamento e sranan tongo (tamén coñecido como sranan), a lingua que se fala en Surimane. Pero na selva, vin que as persoas respondían mellor ás boas noticias cando lles predicabamos no seu idioma materno. Custoume aprender a falar algúns deles, como o saramacano, que usa tons altos e baixos. Pero o esforzo mereceu a pena. Co paso dos anos puiden ensinarlles a moitas persoas a verdade porque lles falaba no seu propio idioma.

Por suposto, tamén teño algunha experiencia na que pasei algo de vergonza. Por exemplo, unha vez quería preguntarlle a unha estudante da Biblia que falaba saramacano se estaba mellor do estómago porque lle estivera doendo. Pero o que en realidade lle preguntei foi se estaba embarazada! Non fai falta dicir que non lle gustou nadiña a miña pregunta. Aínda que ás veces me equivocaba, sempre tratei de falarlles ás persoas dos territorios onde predicaba no idioma do seu corazón.

ACEPTANDO OUTRAS RESPONSABILIDADES

En 1970, empecei a servir como superintendente de circuíto. Ese mesmo ano presentei o programa de diapositivas titulado “Visitando la central mundial de los testigos de Jehová” en moitos grupiños illados que había selva. Para chegar onda eles, varios irmáns e mais eu viaxabamos nunha longa e estreita barca de madeira polos ríos da selva. Levabamos un xerador, un depósito de gasolina portátil, algunhas lámpadas de queroseno e o proxector de diapositivas. Cando chegabamos ó noso destino, trasladabamos todo o equipo ó bosque onde iamos poñer as diapositivas. O que máis recordo desas viaxes é canto lles gustaban aquelas diapositivas ás persoas desas zonas illadas. Facíame moi feliz axudarlles ós demais a coñecer a Xehová e a parte terrestre da súa organización. Ver que outros se achegaban a Xehová era unha recompensa que superaba calquera sacrificio físico que tivese que facer.

TECENDO UNHA “CORDA DE TRES FÍOS”

Ethel mais eu casamos en setembro de 1971.

Sabía que estar solteiro era unha vantaxe na miña asignación pero, aínda así, quería casar. Así que empecei a falarlle a Xehová sobre este tema nas miñas oracións. Pedíalle que me axudase a encontrar unha muller que puidese ser feliz comigo naquela asignación tan difícil. Máis ou menos un ano despois, empecei a coñecerme con Ethel, unha pioneira especial que se esforzaba moito por servir a Xehová. Dende moi nova, Ethel admiraba moito o apóstolo Paulo e quería imitar o seu exemplo na predicación. Casamos en setembro de 1971 e empezamos na obra de circuíto como matrimonio.

Ethel creceu nunha familia que tiña pouco en sentido material, así que se adaptou ben á obra de viaxante na selva. Por exemplo, cando nos preparabamos para visitar as congregacións das zonas máis profundas da selva, metiamos poucas cousas nas maletas. Bañabámonos nos ríos e lavabamos a roupa alí tamén. Ademais, acostumámonos a comer todo o que cociñaban os irmáns cando nos invitaban: iguanas, pirañas, ou calquera outra cousa que cazasen na selva ou pescasen nos ríos. Cando non tiñamos pratos, comiamos en follas de bananas. E cando non tiñamos cubertos, comiamos coas mans. Aínda así, sentimos que facer sacrificios xuntos mentres serviamos a Xehová, axudounos a tecer máis forte a nosa “corda de tres fíos” (Ecl. 4:12). Non cambiariamos estas experiencias por nada do mundo!

Un día, cando volviamos de visitar unha zona illada da selva, pasounos o que empecei contando ó principio da miña historia. Cando a barca entrou nos rápidos, afundimos durante un momento pero rapidamente volvemos á superficie. Menos mal que levabamos postos os salvavidas e que non caemos fóra da barca. O que si pasou foi que se encheu de auga, así que tivemos que botar ó río o que levabamos nas potas para achicar auga con elas.

Como quedaramos sen comida, empezamos a pescar mentres seguiamos o noso camiño río abaixo. Pero non collemos nada. Así que lle oramos a Xehová e pedímoslle que nos dese comida para ese día. Xusto despois de rematar a oración, un irmán colleu un peixe o suficientemente grande para que os cinco puidésemos cear esa noite e quedar satisfeitos.

MARIDO, PAI E SUPERINTENDENTE DE CIRCUÍTO

Cando levabamos cinco anos na obra de viaxante, recibimos unha bendición que non esperabamos: ser pais. Púxenme moi contento ó sabelo, pero non estaba seguro de como lle ía afectar isto ás nosas vidas. Estabamos decididos a seguir no servizo a tempo completo todo o que fose posible. En 1976, naceu o noso fillo Ethniël. E dous anos e medio máis tarde naceu o noso segundo fillo, Giovanni.

En 1983, asistindo a un bautismo no río Tapanahoni, cerca de Godo Holo, no leste de Suriname.

Debido ás necesidades que había en Suriname naquela época, a sucursal permitiume seguir servindo como superintendente de circuíto mentres criabamos os nosos fillos. Cando eran pequenos, pedíuseme que me encargase de circuítos con poucas congregacións. Así podía servir como superintendente viaxante un par de semanas ó mes e dedicar o resto do tempo a ser pioneiro na congregación onde estaba asignado. Ethel e os nenos acompañábanme cando visitaba as congregacións que estaban cerca da nosa casa. Pero cando tiña que ir ás congregacións ou ós congresos que había na selva, entón viaxaba só.

Na obra de circuíto, tiña o costume de viaxar en barca para visitar as congregacións illadas.

Tiña que ser moi organizado para poder cumprir con tódalas miñas responsabilidades. Asegurábame de celebrar a adoración en familia cada semana. Cando tiña que visitar as congregacións da selva, Ethel quedaba na casa cos nenos e dirixía a adoración en familia. Ademais, tratabamos de facer cousas xuntos como familia sempre que podiamos. Por exemplo, faciamos xogos ou visitabamos lugares interesantes que estaban cerca da nosa casa. Moitas veces, tiña que estar desperto ata tarde, preparando cousas relacionadas coa miña asignación. Como a muller xeitosa da que fala Proverbios 31:15, Ethel levantábase antes de que saíse o sol para asegurarse de que puidésemos almorzar e ler xuntos o texto do día antes de que os nenos marchasen á escola. Estoulle moi agradecido por tódolos sacrificios que fixo e porque sempre me axudou a cumprir con tódalas responsabilidades que me deu Xehová.

Como pais, esforzámonos moito para que os nosos fillos chegasen a amar a Xehová e a predicación. Queriamos que dedicasen a súa vida a servir a Xehová a tempo completo, pero non por nós, senón porque fose a súa decisión. Sempre lles falabamos do felices que poderían ser ó servir a tempo completo. Aínda que tamén lles mencionabamos que non era un camiño fácil, destacabamos como nos axudaba Xehová e como bendicía a nosa familia. Ademais, asegurabámonos de que os nosos fillos estivesen rodeados doutras Testemuñas que puxesen en primeiro lugar a Xehová nas súas vidas.

Xehová deunos todo o necesario para coidar da nosa familia. Por suposto, eu sempre intentei facer todo o posible por mantela. O tempo que estiven na selva como pioneiro especial solteiro ensinoume a aforrar cartos para comprar as cousas que necesitaría. Pero, a pesar dos nosos esforzos, ás veces non tiñamos todo o necesario. Era nesas ocasións cando confiaba en que Xehová nos axudaría. Por exemplo, a finais dos anos 80 e principios dos 90, houbo unha revolta en Suriname, así que durante eses anos foi moi difícil conseguir os produtos básicos. Con todo, Xehová sempre nos deu o que necesitabamos (Mt. 6:32).

MIRANDO CARA ATRÁS

De esquerda a dereita: coa miña muller, Ethel.

O noso fillo máis vello, Ethniël, coa súa muller, Natalie.

O noso fillo Giovanni coa súa muller, Christal.

Durante toda a nosa vida, Xehová sempre coidou de nós e deunos verdadeira felicidade e satisfacción. Os nosos fillos foron unha gran bendición para nós, e foi todo un privilexio poder ensinarlles a servir a Xehová. Fainos moi felices ver que escolleron servir a Xehová a tempo completo na súa vida. Tanto Ethniël coma Giovanni son graduados de cursos teocráticos e agora serven na sucursal de Suriname xunto coas súas mulleres.

Agora Ethel mais eu somos maiores, pero seguimos moi ocupados servindo a Xehová como pioneiros especiais. De feito, como estamos tan ocupados, aínda non atopei un bo momento para aprender a nadar! Pero non me arrepinto de nada. Cando miro cara atrás, estou convencido de que a decisión que tomei cando era un rapaz de dedicar a miña vida a servir a Xehová a tempo completo foi unha das mellores decisións que puiden tomar.

b A biografía de Willem van Seijl, titulada “La realidad ha superado mis expectativas”, publicouse na revista ¡Despertad! do 8 de outubro de 1999, dispoñible en español.