Sabíalo?
Existiu de verdade Mardoqueo?
UN XUDEU chamado Mardoqueo tivo un papel moi importante nos sucesos que se mencionan no libro bíblico de Ester. Era un exiliado que traballaba no palacio real persa a principios do século quinto antes da nosa era, “nos días do rei Axuero” (ó que hoxe se lle coñece como Xerxes I). Mardoqueo desbaratou un plan para asasinar o rei e, como agradecemento, o rei ordenou que fose honrado publicamente. Máis tarde, despois da morte de Hamán, que era un inimigo de Mardoqueo e dos demais xudeus, o rei ascendeuno á posición de primeiro ministro. Isto permitiulle crear un decreto que salvou do xenocidio os xudeus que vivían no imperio persa (Est. 1:1; 2:5, 21-23; 8:1, 2; 9:16).
Algúns historiadores de principios do século vinte afirmaban que o libro de Ester non contaba sucesos reais, e que Mardoqueo nunca existira. Pero en 1941, uns arqueólogos atoparon algo que podería demostrar que o relato bíblico sobre Mardoqueo é certo. Que foi o que encontraron?
Os investigadores descubriron un texto persa cuneiforme no que se menciona un home chamado Marduka (Mardoqueo en galego). Este home traballaba como administrador en Xuxán, posiblemente como contable. Arthur Ungnad, un experto en historia oriental, fixo un informe no que indicaba que, ata ese momento, esta era a “única referencia a Mardoqueo fóra do rexistro bíblico”.
Desde o informe de Ungnad, os expertos traduciron miles doutros textos persas cuneiformes. Entre eles están as táboas de Persépole, que se atoparon nas ruínas do Tesouro, cerca das murallas desa cidade. Estas táboas son da época do reinado de Xerxes I. Están escritas no idioma elamita e nelas aparecen varios nomes que se mencionan no libro de Ester. a
En varias das táboas de Persépole aparece o nome Marduka, un home que traballaba como secretario do rei no palacio de Xuxán durante o reinado de Xerxes I. Unha delas describe a Marduka como tradutor. Este detalle encaixa coa descrición que fai a Biblia de Mardoqueo porque di que era un oficial que servía na corte do rei Axuero (Xerxes I) e que falaba polo menos dous idiomas. Mardoqueo estaba sentado regularmente na porta do palacio do rei en Xuxán (Est. 2:19, 21; 3:3). Esta porta era unha construción impresionante e servía como lugar de traballo para os oficiais do palacio.
Estes parecidos entre o Marduka mencionado nas táboas e o Mardoqueo do que fala a Biblia son moi interesantes. Viviron na mesma época e no mesmo lugar, e tiñan o mesmo traballo no mesmo sitio. Todo isto parece indicar que os descubrimentos arqueolóxicos fan referencia ó Mardoqueo que se menciona no libro de Ester.
a En 1992, o historiador Edwin M. Yamauchi publicou dez nomes que aparecen nas táboas de Persépole e que tamén se mencionan no libro de Ester.