Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 45

CANCIÓN sjj 138 Os cabelos brancos son unha “coroa de gloria”

Aprende das últimas palabras duns homes fieis

Aprende das últimas palabras duns homes fieis

“¿Non anda entre os vellos o saber e o entendemento por entre os anciáns?” (XOB 12:12).

OBXECTIVO

Recordar que se obedecemos a Xehová el promete axudarnos xa agora e darnos vida eterna no futuro.

1. Por que podemos aprender dos maiores?

 TODOS necesitamos guía cando temos que tomar decisións importantes na vida. Moitas veces podemos recibir esta axuda dos anciáns de congregación ou doutros cristiáns maduros. Se a guía nola dá unha persoa moito maior ca nós, non deberiamos pensar automaticamente que o seu consello está anticuado. Xehová quere que aprendamos dos maiores. Como teñen máis idade, tiveron máis tempo para conseguir experiencia, entendemento e sabedoría (Xob 12:12).

2. Que imos analizar neste artigo?

2 En tempos bíblicos, Xehová usou homes fieis que eran maiores para animar e guiar o seu pobo. Por exemplo, este foi o caso de Moisés, David e o apóstolo Xoán. Cada un deles viviu nunha época diferente e tiña circunstancias moi distintas. Pero, cara ó final da súa vida, os tres déronlles sabios consellos ós máis novos. Eles destacaron a importancia de ser obedientes a Deus. Xehová fixo que os seus sabios consellos quedasen rexistrados na Biblia para que puidésemos aprender deles. Sexamos novos ou vellos, todos podemos beneficiarnos se os repasamos (Rom. 15:4; 2 Tim. 3:16). Neste artigo imos analizar as últimas palabras destes tres homes maiores e veremos que leccións podemos aprender do que dixeron.

“ESCOLLE A VIDA, PARA QUE POIDAS VIVIR”

3. De que diferentes formas serviu Moisés a Xehová e a nación de Israel?

3 Moisés esforzouse moito no servizo a Xehová ó longo da súa vida. Foi profeta, xuíz, comandante e escritor. Tamén foi o que guiou a nación de Israel para sacala da escravitude en Exipto e viu moitos dos milagres que fixo Xehová. Ademais, Deus tamén o usou para escribir os primeiros 5 libros da Biblia, o Salmo 90 e, posiblemente, o Salmo 91 e o libro de Xob. Está claro que este home tiña moita experiencia na vida!

4. A quen animou Moisés, e por que?

4 Pouco antes de morrer, cando tiña 120 anos, Moisés mandou que se reunisen tódolos israelitas para recordarlles o que viran e viviran. Moitos anos antes, algúns dos que estaban escoitando a Moisés foran testemuñas dos milagres que Xehová fixera e de como castigara os exipcios (Éx. 7:3, 4). Presenciaran como separara as augas para cruzar o Mar Vermello e como destruíra o faraón e o seu exército (Éx. 14:29-31). No deserto tamén puideran percibir como Xehová os protexeu e os coidou (Deut. 8:3, 4). Agora que a nación estaba a punto de entrar na Terra Prometida, Moisés aproveitou esta última ocasión para animar o pobo. a

5. Que garantía lles deron ós israelitas as últimas palabras de Moisés rexistradas en Deuteronomio 30:19, 20?

5 Que dixo Moisés? (Le Deuteronomio 30:19, 20) El recordoulle á nación de Israel que lle esperaba un futuro marabilloso. Coa bendición de Xehová, os israelitas poderían vivir moitos anos na terra que el lles prometera, unha terra moi bonita e fértil. Moisés describíullela da seguinte maneira: “Con cidades grandes e fermosas que ti non construíches, con casas cheas de toda clase de riquezas que ti non acumulaches, con pozos escavados que ti non cavaches, con viñas e campos de oliveiras que ti non plantaches” (Deut. 6:10, 11).

6. Por que permitiu Xehová que outras nacións conquistasen Israel?

6 Moisés tamén lles deu ós israelitas unha advertencia. Se querían seguir vivindo nesa fermosa terra, terían que obedecer os mandatos de Xehová. Por iso, Moisés animounos a “[escoller] a vida” escoitando a Xehová e “[apegándose] a El”, pero os israelitas rechazárono. Así que, co tempo, Deus permitiu que os asirios, e máis tarde os babilonios, os conquistasen e os levasen ó exilio (2 Reis 17:6-8, 13, 14; 2 Crón. 36:15-17, 20).

7. Que podemos aprender das palabras de Moisés? (Ver tamén a imaxe).

7 Cal é a lección para nós? Obedecer salvaranos a vida. Igual que os israelitas que estaban a punto de entrar na Terra Prometida, nós estamos ás portas do novo mundo que prometeu Xehová. Moi pronto a Terra será un fermoso paraíso (Is. 35:1; Luc. 23:43). Satanás e os seus demos deixarán de existir (Apoc. 20:2, 3). Xa non haberá máis relixións falsas que aparten as persoas de Xehová (Apoc. 17:16). Ningún goberno humano oprimirá os seus cidadáns (Apoc. 19:19, 20). Non haberá lugar para os rebeldes (Sal. 37:10, 11). Tódalas persoas obedecerán as xustas leis de Xehová, que promoven a paz e a unidade. Como consecuencia, a xente quererase e confiarán uns nos outros (Is. 11:9). Que marabilloso futuro nos espera! Pero aínda hai máis: se obedecemos a Xehová, poderemos seguir vivindo na Terra feita un paraíso, non só uns miles de anos senón por toda a eternidade! (Sal. 37:29; Xoán 3:16).

Se obedecemos a Xehová poderemos seguir vivindo na Terra feita un paraíso por toda a eternidade (ver o parágrafo 7).


8. Como lle axudou a un misioneiro a promesa da vida eterna? (Xudas 20, 21).

8 Se temos moi presente a promesa de Xehová da vida eterna, quereremos obedecelo sen importar as probas ás que nos enfrontemos (le Xudas 20, 21). Esta promesa pode darnos as forzas que necesitamos para loitar contra as nosas debilidades. Un irmán que leva moito tempo sendo misioneiro en África explicou que sentía a tentación persistente de facer algo que lle desagrada a Xehová. El contou: “Darme conta de que estaba poñendo en perigo a miña esperanza de vivir para sempre animoume a seguir loitando contra o problema e a pedirlle aínda máis axuda a Xehová. Grazas a el, puiden superalo”.

“PARA QUE CHE SAIA BEN TODO O QUE FAGAS”

9. A que probas se enfrontou David na súa vida?

9 David era músico, poeta, guerreiro, profeta e ademais un rei moi bo. Este home sufriu moitas probas. Por exemplo, durante uns anos viviu como fuxitivo porque o rei Saúl quería matalo. Despois de chegar a ser rei, David tivo que volver a escapar cando o seu fillo Abxalom intentou quitarlle o trono. Pero, a pesar das dificultades e de que incluso cometeu algúns pecados graves, este home mantívose fiel a Deus e seguiu servíndoo ata que morreu. Xehová describiuno así: “Un home que lle agrada ó meu corazón”. Así que vale a pena escoitar o seu consello (Feit. 13:22; 1 Reis 15:5).

10. Por que aconsellou David o seu fillo Salomón antes de que fose rei?

10 Vexamos, por exemplo, o consello que David lle deu ó seu fillo Salomón, o seu sucesor. Xehová escollera este home novo para que construíse un templo onde a xente puidese adoralo (1 Crón. 22:5). Había moito traballo que facer e necesitaría a axuda de Xehová para guiar o pobo. Que lle diría David? Imos velo.

11. Segundo 1 Reis 2:2, 3, que garantía lle deu David a Salomón, e como demostraron ser certas esas palabras? (Ver tamén a imaxe).

11 Que dixo David? (Le 1 Reis 2:2, 3) Díxolle ó seu fillo que, se obedecía a Xehová, tería éxito na vida. E o certo é que Deus deulle a Salomón cousas boas durante moitos anos e axudoulle de diferentes maneiras (1 Crón. 29:23-25). Por exemplo, este rei construíu un templo impresionante. Tamén escribiu algúns libros da Biblia e noutros aparecen palabras que el dixo. Ademais, fíxose famoso pola súa sabedoría e pola súa riqueza (1 Reis 5:14 [4:34, TNM]). Pero como lle explicou David, só tería éxito mentres obedecese a Xehová. Tristemente, empezou a adorar outros deuses cando se fixo maior. Isto non lle gustou nada a Xehová e, como consecuencia, deixou de darlle a sabedoría para gobernar o pobo de maneira bondadosa e xusta (1 Reis 11:9, 10; 12:4).

As últimas palabras de David ó seu fillo Salomón axúdannos a ver que, se somos obedientes a Xehová, el daranos sabedoría para tomar boas decisións (ver os parágrafos 11 e 12). b


12. Que podemos aprender das palabras de David?

12 Cal é a lección para nós? Obedecer fará que teñamos éxito (Sal. 1:1-3). Claro, Xehová non nos prometeu que nos daría a riqueza e a gloria que tivo Salomón. Pero se o obedecemos, el daranos a sabedoría necesaria para que tomemos boas decisións (Prov. 2:6, 7; Sant. 1:5). Os seus principios poden guiarnos cando tomamos decisións sobre o traballo, a educación, o entretemento e os cartos. Se poñemos en práctica a sabedoría de Xehová, protexeremos a nosa relación con el e desfrutaremos de vida eterna (Prov. 2:10, 11). Tamén conseguiremos boas amizades e a guía que necesitamos para ter unha familia feliz.

13. Que lle axudou a Carmen a mellorar a súa vida?

13 Carmen, que vive en Mozambique, pensaba que a educación superior era a clave para ter éxito. Así que foi á universidade e estudou arquitectura. Ela escribiu: “Encantábame o que aprendía. [...] Pero quitábame moito tempo e enerxías. Estaba na universidade dende as 7.30 da mañá ata as 6.00 da tarde. Era difícil ir ás reunións e a miña relación con Xehová debilitouse. No fondo, deime conta de que estaba intentando servir a dous amos” (Mat. 6:24). Carmen orou sobre este asunto e buscou información nas nosas publicacións. Ela engade: “Despois de recibir bos consellos dos anciáns e de miña nai, decidín deixar a universidade para servir a Xehová a tempo completo. Sinto que tomei a mellor decisión, e estou moi contenta”.

14. Cal foi a mensaxe principal tanto de Moisés coma de David?

14 Tanto Moisés coma David amaban a Xehová e sabían o importante que é obedecelo. Nas súas últimas palabras, animaron a outros a seguir o seu exemplo e a manterse fieis a Deus. Tamén deron a advertencia de que quen deixase a Xehová perdería o seu favor e as bendicións que el lle prometeu. Os seus consellos seguen sendo moi valiosos para nós hoxe. Centos de anos máis tarde, outro servo de Deus tamén explicou o importante que é manterse fiel.

“NON HAI ALEGRÍA MEIRANDE”

15. Que experiencias viviu o apóstolo Xoán durante a súa vida?

15 Xoán foi amigo íntimo e apóstolo de Xesús (Mat. 10:2; Xoán 19:26). Este home acompañou o Fillo de Deus durante todo o seu ministerio na Terra, presenciou como fixo milagres e mantívose leal a el nos momentos difíciles. Tamén estivo presente cando Xesús foi executado e viuno despois de que resucitase. Ademais, este apóstolo puido ver medrar a congregación cristiá. Viviu o tempo suficiente como para ver que as boas noticias se predicaron en toda a creación baixo o ceo (Col. 1:23).

16. Quen se beneficiou das cartas de Xoán?

16 Case ó final da súa vida, cando xa era moi maior, Xoán tivo o honor de escribir o emocionante libro da Apocalipse (Apoc. 1:1). Tamén escribiu o Evanxeo que leva o seu nome e tres cartas inspiradas. A súa terceira carta foi dirixida a un cristián fiel que se chamaba Gaio, a quen Xoán quería coma un fillo (3 Xoán 1). Para aquel entón debía haber moitos ós que Xoán vía coma fillos espirituais. O que escribiu este home maior tan fiel animou os seguidores de Xesús ata os nosos días.

17. Segundo 3 Xoán 4, que dá moita alegría?

17 Que escribiu Xoán? (Le 3 Xoán 4) Xoán dixo que lle daba moita alegría ver os irmáns obedecer a Deus. Para cando este apóstolo escribiu a súa terceira carta, algúns estaban difundindo ensinanzas falsas e causando divisións. Aínda así, outros “vivían na verdade”, é dicir, obedecían a Xehová e levaban unha vida “conforme os seus mandamentos” (2 Xoán 4, 6). Estes cristiáns fieis fixeron moi felices tanto a Xoán como a Xehová (Prov. 27:11).

18. Que podemos aprender das palabras de Xoán?

18 Cal é a lección para nós? Ser fieis daranos alegría (1 Xoán 5:3). Por exemplo, fainos moi felices saber que Xehová está moi contento con nós. El alégrase cando evitamos o que está mal e obedecemos os seus mandatos (Prov. 23:15). E os anxos senten o mesmo (Luc. 15:10). Nós tamén somos felices ó ver que os nosos irmáns permanecen fieis ante a persecución e as tentacións (2 Tes. 1:4). Cando este sistema deixe de existir, teremos a satisfacción de saber que demostramos a nosa lealdade a Xehová incluso nun mundo dominado por Satanás.

19. Que dixo unha irmá chamada Rachel sobre ensinarlles a verdade a outros? (Ver tamén a imaxe).

19 Sentímonos especialmente felices cando compartimos a verdade con outros. Rachel, que vive na República Dominicana, sente que é un privilexio incrible ensinarlle a alguén sobre Deus. Pensando nos seus fillos espirituais, ela conta: “É difícil de explicar a alegría que sinto cando vexo como algún estudante vai querendo máis a Xehová, como aprende a confiar nel e como fai cambios na súa vida para agradarlle. Ese sentimento compensa por moito calquera esforzo e sacrificio que quizais tivese que facer para axudarlle”.

Alégranos ensinarlles a outros a amar e obedecer a Xehová (ver o parágrafo 19).


SAQUÉMOSLLES PROVEITO ÁS ÚLTIMAS PALABRAS DE HOMES FIEIS

20. Que temos en común con Moisés, David e Xoán?

20 Moisés, David e Xoán viviron en circunstancias e tempos moi diferentes ós nosos pero, aínda así, temos moito en común con eles. Por exemplo, serviron a Deus e nós facemos o mesmo. Igual ca eles, orámoslle, confiamos nel, e buscamos a súa guía. E, coma estes homes da antigüidade, temos a confianza de que Xehová bendice moito os que o obedecen.

21. Que bendicións lles esperan ós que seguen os consellos de homes fieis de máis idade coma Moisés, David e Xoán?

21 Sigamos o consello destes homes fieis e obedezamos os mandatos de Xehová. Desta maneira teremos verdadeiro éxito en todo o que fagamos. Tamén viviremos para sempre (Deut. 30:20). E ademais, sentiremos a alegría de estar agradándolle ó noso querido Pai celestial, quen cumpre tódalas súas promesas de maneiras que nin sequera podemos imaxinar (Ef. 3:20).

CANCIÓN snnw 154 Seguirei ata o final

a Moitos dos israelitas que viron os milagres de Xehová no Mar Vermello non chegaron a ver a Terra Prometida (Núm. 14:22, 23). Xehová dixo que morrerían no deserto tódolos homes que tivesen 20 anos ou máis (Núm. 14:29). Aínda así, gran parte dos que tiñan menos de 20 anos sobreviviron e, xunto con Xosué, Caleb e outros da tribo de Leví, cruzaron o río Xordán e entraron na Terra Prometida (Deut. 1:24-40).

b DESCRICIÓN DA IMAXE: Esquerda: David dándolle un último consello ó seu fillo Salomón. Dereita: uns estudantes beneficiándose da educación bíblica nun Curso para Pioneiros.