Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 44

CANCIÓN sn 38 Podes contar con Xehová

Como aguantar as inxustizas

Como aguantar as inxustizas

“Non te deixes vencer polo mal, senón vence o mal a forza de ben” (ROM. 12:21).

OBXECTIVO

Aprender que podes facer cando te traten inxustamente e como evitar que a situación empeore.

1, 2. Quen podería tratarnos inxustamente? Explica a túa resposta.

 XESÚS puxo unha comparación sobre unha viúva que lle seguía pedindo vez tras vez a un xuíz que lle fixese xustiza. Seguro que os discípulos entenderon ben como se sentía aquela muller porque naquela época era moi común que se tratase inxustamente a moitas persoas (Luc. 18:1-5). E esta comparación segue sendo útil na actualidade, xa que todos sufrimos inxustizas nalgún momento.

2 No mundo no que vivimos, o prexuízo, a desigualdade e o egoísmo son moi comúns. Por iso non nos sorprende que se nos trate de maneira inxusta (Ecl. 5:7 [5:8, TNM]). Pero o que quizais non esperamos é que isto o faga un irmán, aínda que pode pasar. Claro, a diferenza dos que nos perseguen, os nosos irmáns non nos queren tratar mal, simplemente son imperfectos. Podemos aprender moito de como reaccionou Xesús ante as inxustizas de opositores malvados. Se podemos ser pacientes cos opositores que nos tratan mal, canto máis temos que selo cos nosos irmáns! Como se sente Xehová cando alguén nos trata inxustamente, sexa un irmán ou alguén de fóra da congregación? Impórtalle o que nos pasa?

3. Preocúpase Xehová cando sufrimos inxustizas, e por que?

3 A Xehová preocúpalle moito como nos tratan. A Biblia di que el “ama a xustiza” (Sal. 37:28). Xesús asegúranos que Deus se vai encargar “de que se [nos] faga xustiza rapidamente” en canto chegue o mellor momento para facelo (Luc. 18:7, 8). Deus pronto eliminará todo o noso sufrimento e nunca máis permitirá que alguén nos trate inxustamente (Sal. 72:1, 2).

4. Que axuda nos dá Xehová hoxe en día?

4 Temos que esperar o momento no que Xehová solucione tódolos problemas da humanidade. Pero mentres tanto, el axúdanos a facerlles fronte ás inxustizas (2 Ped. 3:13). Ensínanos como actuar para evitar máis problemas cando nos tratan inxustamente. Unha maneira na que o fai é mostrándonos na Biblia como reaccionou o seu Fillo cando o trataron mal. E tamén nos dá consellos prácticos que podemos aplicar cando isto nos ocorre.

TEN COIDADO CON COMO REACCIONAS ANTE UNHA INXUSTIZA

5. Por que deberiamos ter coidado con como reaccionamos ante unha inxustiza?

5 É posible que sufrir unha inxustiza nos faga sentir moi feridos e desanimados (Ecl. 7:7). Houbo servos fieis como Xob e Habacuc que tamén se sentiron así (Xob 6:2, 3; Hab. 1:1-3). Aínda que estes sentimentos son normais, temos que ter coidado con como reaccionamos para non facer nada malo.

6. Que nos ensina o exemplo de Abxalom? (Ver tamén a imaxe).

6 Cando unha persoa é inxusta con nós ou con alguén a quen queremos, quizais queiramos vingarnos. Pero é posible que actuar así empeore a situación. Teñamos en conta o exemplo de Abxalom, un fillo do rei David. El enfureceuse cando o seu medio irmán Amnón violou a Tamar, a súa irmá. Segundo a Lei mosaica, Amnón merecía morrer polo que fixera (Lev. 20:17). Aínda que é comprensible que Abxalom estivese moi enfadado, non estaba autorizado a resolver o asunto pola súa conta (2 Sam. 13:20-23, 28, 29).

Abxalom non controlou a súa ira cando trataron inxustamente a súa irmá Tamar (ver o parágrafo 6).


7. Como reaccionou o salmista ó principio cando viu inxustizas?

7 Cando os que cometen inxustizas parecen non sufrir as consecuencias, quizais nos preguntemos se vale a pena seguir facendo o correcto. Isto mesmo lle pasou ó salmista que viu como ós malvados lles ía ben mentres os xustos sufrían. El dixo: “Así son os malvados, sempre en paz” (Sal. 73:12). Estaba tan angustiado polas inxustizas que vía que case perde a confianza nos beneficios de servir a Xehová. Por iso dixo: “Meditei para ver se o entendía, mais parecíame moi penoso” (Sal. 73:14, 16). Incluso chegou a confesar: “Mais eu por pouco non esvaro, por nada os pés non se me van” (Sal. 73:2). Algo parecido lle pasou a un irmán ó que lle chamaremos Alberto.

8. Que efecto tivo unha inxustiza nun irmán?

8 A Alberto acusárono falsamente de roubar cartos que pertencían á congregación. Como resultado, perdeu as responsabilidades que tiña e tamén o respecto de moitos dos que souberon do asunto. El recorda: “Amargueime, e sentinme moi enfadado e frustrado”. Este irmán estaba tan molesto que deixou de ir ás reunións, e incluso estivo inactivo durante 5 anos. Con esta experiencia aprendemos o que podería pasar se non controlamos a nosa ira cando sufrimos unha inxustiza.

IMITA A XESÚS Ó ENFRONTARTE ÁS INXUSTIZAS

9. Que inxustizas sufriu Xesús? (Ver tamén a imaxe).

9 Xesús deixou un exemplo perfecto de como facerlles fronte ás inxustizas. Moitas persoas tratárono inxustamente, incluída a súa familia. Os seus parentes non crentes dixeron que estaba tolo, os líderes relixiosos acusárono de colaborar cos demos e os soldados romanos ríronse del, maltratárono fisicamente e, ó final, matárono (Mar. 3:21, 22; 14:55; 15:16-20, 35-37). Aínda así, Xesús aguantou tódalas inxustizas que viviu sen reaccionar mal. Que podemos aprender do seu bo exemplo?

Xesús deixounos o exemplo perfecto de como enfrontarnos ás inxustizas (ver os parágrafos 9 e 10).


10. Como se enfrontou Xesús ás inxustizas? (1 Pedro 2:21-23).

10 Le 1 Pedro 2:21-23. a Xesús deixounos un exemplo perfecto de como debemos reaccionar se nos tratan mal. El sabía se era o momento de permanecer en silencio ou de falar (Mat. 26:62-64). Cando algúns contaron mentiras sobre el, ás veces non contestaba (Mat. 11:19). E cando falou, non foi para insultar nin para ameazar os que o perseguían. Xesús foi capaz de controlarse porque se puxo “nas mans do que xulga con xustiza”. El sabía que seu Pai estaba vendo como o trataban e confiaba en que se encargaría de resolvelo ó seu debido tempo.

11. Cales son algunhas maneiras nas que podemos controlar a nosa fala? (Ver tamén as imaxes).

11 Podemos imitar o bo exemplo de Xesús controlando o que dicimos cando nos tratan mal. Algunhas inxustizas non son graves e simplemente podemos pasalas por alto. Ou quizais decidamos non dicir nada para non empeorar a situación (Ecl. 3:7; Sant. 1:19, 20). Pero, noutras ocasións, quizais teñamos que defender alguén que está sendo tratado inxustamente ou necesitemos contar a verdade sobre as nosas crenzas (Feit. 6:1, 2). Se decidimos falar, debemos esforzarnos por facelo con calma e respecto (1 Ped. 3:15, 16). b

Cando sufrimos inxustizas podemos imitar a Xesús decidindo con coidado cando e como falar (ver os parágrafos 11 e 12).


12. Como nos poñemos “nas mans do que xulga con xustiza”?

12 Tamén podemos imitar a Xesús poñéndonos “nas mans do que xulga con xustiza”. Cando outros nos xulgan de maneira incorrecta ou nos tratan mal, confiamos en que Xehová sabe a verdade. Esa confianza axúdanos a aguantar porque sabemos que, co tempo, Xehová solucionará o asunto. Se deixamos as cousas nas mans de Xehová e esperamos a que el resolva tódolos problemas, non seguiremos enfadados nin odiaremos a outros. Estas emocións poderían facer que actuemos mal, perdamos a alegría e danemos a nosa relación con Xehová (Sal. 37:8).

13. Que pode axudarnos a seguir aguantando con paciencia as inxustizas?

13 Claro, nunca seremos capaces de seguir o exemplo de Xesús á perfección. Ás veces, é posible que digamos ou fagamos algo do que despois nos arrepintamos (Sant. 3:2). Tamén é posible que algunhas inxustizas nos deixen cicatrices emocionais e físicas que poden ser difíciles de curar. Se este é o teu caso, podes estar seguro de que Xehová sabe polo que estás pasando. E Xesús, que tamén sufriu inxustizas, entende moi ben os teus sentimentos (Heb. 4:15, 16). Ademais do exemplo perfecto do seu Fillo, Deus dános consellos prácticos que nos axudan cando nos tratan mal. Vexamos dous versículos do libro de Romanos que poden ser moi útiles.

“DEIXADE MÁIS BEN QUE ACTÚE A IRA”

14. Que significa deixar “que actúe a ira”? (Romanos 12:19).

14 Le Romanos 12:19. De quen era a ira á que se estaba referindo o apóstolo Paulo cando lles dixo ós cristiáns: “Deixade máis ben que actúe a ira”? Polo contexto sabemos que é a de Xehová. Permitimos que actúe a súa ira cando deixamos que sexa el quen decida cando e como se vai facer xustiza. Despois de que tratasen mal un irmán chamado John, el conta: “Tiven que loitar contra o impulso de corrixir as cousas á miña maneira. O texto de Romanos 12:19 axudoume a ser paciente e a confiar en Xehová”.

15. Por que sempre é mellor deixar que Xehová corrixa a situación?

15 Esperar a que Xehová actúe benefícianos. Ó facelo, evitamos o estrés e a frustración de intentar resolver o problema nós mesmos. Xehová ofrécenos a súa axuda. É coma se nos dixese: “Déixame a inxustiza a min, que eu me encargo”. Se confiamos na súa promesa de darlles o seu merecido ós que tratan mal a outros, non temos por que seguir estando enfadados, porque sabemos que el fará o correcto. Isto foi o que lle axudou a John, do que falamos antes. El dixo: “Se espero en Xehová, el encargarase do asunto mellor ca min”.

“VENCE O MAL A FORZA DE BEN”

16, 17. Como pode a oración axudarnos a vencer “o mal a forza de ben”? (Romanos 12:21).

16 Le Romanos 12:21. Paulo tamén animou os cristiáns a vencer “o mal a forza de ben”. No Sermón do Monte, Xesús dixo: “Seguide amando os vosos inimigos e orando polos que vos perseguen” (Mat. 5:44). E isto foi exactamente o que el fixo. Posiblemente algunha vez pensamos no sufrimento que tivo que aguantar cando os soldados romanos o cravaron no madeiro. Tratárono con moita crueldade e tivo que aguantar unha dor extrema. Ningún de nós pode entender por completo o moito que sufriu.

17 Xesús permaneceu leal e seguiu amando o seu Pai a pesar de todo o que lle pasou. En vez de pedirlle que castigase aqueles soldados, el orou: “Pai, perdóaos, porque non saben o que fan” (Luc. 23:34). Cando oramos polos que nos tratan mal, sentímonos menos enfadados e resentidos. Incluso pode chegar a cambiar a nosa forma de ver estas persoas.

18. Como lles axudou a oración a Alberto e a John a enfrontarse ás inxustizas?

18 A oración axudoulles ós irmáns que mencionamos antes a facerlles fronte ás inxustizas que viviron. Alberto conta: “Orei polos irmáns que me trataron inxustamente e pedinlle a Xehová varias veces que me axudase a deixar atrás o que pasara”. Que ben que agora Alberto volve a servir a Xehová fielmente. E John conta: “Orei moitas veces polo irmán que me fixera dano. Isto axudoume a velo dunha maneira máis obxectiva e a non xulgalo. Ademais, todas estas oracións déronme paz mental”.

19. Que temos que facer mentres vivamos neste sistema malvado? (1 Pedro 3:8, 9).

19 Antes de que acabe este sistema malvado, é posible que suframos inxustizas. Sen importar as probas que veñan, nunca deixemos de orarlle a Xehová pedíndolle a súa axuda. Tamén debemos imitar a maneira na que Xesús respondeu ás inxustizas e seguir aplicando os principios da Biblia. Se facemos todo isto podemos ter a seguridade de que Xehová nos bendicirá moito (le 1 Pedro 3:8, 9).

CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas

a Nos capítulos 2 e 3 da Primeira Carta de Pedro, o apóstolo describe situacións nas que varios cristiáns do primeiro século se enfrontaron a inxustizas por parte de amos crueis e maridos non crentes (1 Ped. 2:18-20; 3:1-6, 8, 9).

b En jw.org, mira o vídeo El amor: la clave para lograr la auténtica paz (dispoñible en español).