Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 46

CANCIÓN sn 11 Alegrémoslle o corazón a Xehová

Estaste esforzando por ser servo ministerial?

Estaste esforzando por ser servo ministerial?

“Hai máis felicidade en dar que en recibir” (FEIT. 20:35).

OBXECTIVO

Animar os irmáns bautizados a ter o desexo e cumprir os requisitos para ser servos ministeriais.

1. Que pensaba o apóstolo Paulo dos servos ministeriais?

 OS SERVOS ministeriais fan un labor moi importante na congregación. O apóstolo Paulo valoraba moito estes fieis irmáns. De feito, cando lles escribiu ós cristiáns de Filipos mandou especificamente saúdos para os servos ministeriais e os anciáns (Filip. 1:1).

2. Que pensa un irmán chamado Luis sobre ser servo ministerial?

2 Moitos irmáns bautizados, tanto novos como maiores, senten a alegría de ser servos ministeriais. Por exemplo, a Devan nomeárono cando tiña 18 anos pero, a Luis, cando tiña algo máis de 50. Luis resumiu o que senten moitos coas seguintes palabras: “Estou moi feliz de poder servir os irmáns da congregación desta maneira. Eles demostráronme moito amor, e agora eu podo facer o mesmo por eles”.

3. Que preguntas imos analizar?

3 Se es un irmán bautizado e aínda non es servo ministerial, por que non te pos esa meta? Que podería motivarte a facelo? E cales son os requisitos bíblicos que debes cumprir? Neste artigo veremos a resposta a estas preguntas. Pero primeiro analicemos cal é o papel dun servo ministerial.

CAL É O PAPEL DUN SERVO MINISTERIAL?

4. Cal é o papel dun servo ministerial? (Ver tamén a imaxe).

4 Un servo ministerial é un irmán bautizado e nomeado por espírito santo para axudarlles ós anciáns de moitas maneiras prácticas e importantes. Algúns servos ministeriais asegúranse de que os publicadores teñan suficientes territorios e publicacións para a predicación. Outros colaboran coa limpeza e co mantemento do Salón do Reino. Algúns tamén son acomodadores ou encárganse do audio e do vídeo durante as reunións. Gran parte do traballo que fan é moi práctico. Pero, ante todo, son homes espirituais que aman a Xehová e que seguen as súas xustas normas. Tamén senten un profundo amor polos seus irmáns (Mat. 22:37-39). Como pode un cristián bautizado chegar a ser servo ministerial?

Servos ministeriais imitando a Xesús ó estar dispostos a servir a outros (ver o parágrafo 4).


5. Como pode un irmán esforzarse por alcanzar a meta de ser servo ministerial?

5 A Biblia menciona os requisitos que necesita cumprir un irmán para poder ser nomeado servo ministerial (1 Tim. 3:8-10, 12, 13). Se tes o desexo de axudar desta maneira, aprende todo o que poidas acerca destes requisitos e despois esfórzate por alcanzalos. Pero primeiro debes pensar moi ben en cal é a túa motivación para ser servo ministerial.

CAL É A TÚA MOTIVACIÓN?

6. Que debería motivarte a servir os teus irmáns? (Mateo 20:28) (Ver tamén a imaxe).

6 O que motivou o noso maior exemplo, Xesucristo, foi o amor por seu Pai e polas persoas. Esta cualidade impulsouno a esforzarse moito e facer tarefas humildes por outros (le Mateo 20:28; Xoán 13:5, 14, 15). Se a túa motivación tamén é o amor, Xehová bendicirate e axudarache a conseguir a túa meta de ser servo ministerial (1 Cor. 16:14; 1 Ped. 5:5).

Co seu exemplo, Xesús ensinoulles ós seus apóstolos a servir os demais con humildade en vez de buscar prominencia (ver o parágrafo 6).


7. Por que non está ben querer ser servo ministerial para que os demais nos vexan como alguén importante?

7 No mundo, a xente normalmente admira as persoas que se cren importantes. Pero na organización de Xehová isto non é así. Un irmán que está motivado polo amor igual que Xesús, non desexa ter autoridade sobre outros nin que o vexan como alguén prominente. Unha persoa tan ambiciosa probablemente non estaría disposta a realizar algunhas tarefas humildes que son necesarias para coidar as ovelliñas de Xehová. Podería pensar que é demasiado importante para facelas (Xoán 10:12). Deus xamais bendicirá os esforzos de alguén que se deixe levar polo orgullo ou pola ambición egoísta (1 Cor. 10:24, 33; 13:4, 5).

8. Que consello lles deu Xesús ós seus apóstolos?

8 Ás veces, incluso os amigos máis íntimos de Xesús quixeron recibir certas asignacións motivados por un desexo incorrecto. Pensa no que fixeron os apóstolos Santiago e Xoán. Eles pedíronlle a Xesús que lles dese unha posición importante no seu Reino. Xesús non os felicitou pola súa ambición, máis ben, explicoulles ós 12 apóstolos o seguinte: “O que queira chegar a ser o maior entre vós ten que servir os demais, e o que queira ser o primeiro entre vós ten que ser escravo de todos” (Mar. 10:35-37, 43, 44). Os irmáns que teñen a motivación correcta, é dicir, a de servir os demais, serán unha bendición para a congregación (1 Tes. 2:8).

COMO PODES AUMENTAR O DESEXO DE FACER MÁIS?

9. Como podes aumentar o desexo de facer máis?

9 Non hai dúbida de que amas a Xehová e de que queres servir os demais. Pero quizais che falta o desexo de asumir o traballo extra que implica ser servo ministerial. Como podes aumentar ese desexo? Por que non pensas na alegría que sentirás ó facer cousas por outros? Xesús dixo: “Hai máis felicidade en dar que en recibir” (Feit. 20:35). Como el mesmo viviu segundo este principio, sentiu moita alegría ó servir os demais, e ti tamén a sentirás.

10. Como demostrou Xesús que era feliz servindo os demais? (Marcos 6:31-34).

10 Vexamos un exemplo de como Xesús demostrou que era feliz servindo os demais (le Marcos 6:31-34). Nunha ocasión, el e os seus apóstolos estaban cansados. Por iso ían de camiño a un lugar apartado para descansar, pero a multitude adiantóuselles coa esperanza de que Xesús lles ensinase. El puido dicirlles que non. Ó fin e ó cabo, el e os seus apóstolos “non tiñan tempo nin para comer”. Ou quizais, despois de contarlles unha ou dúas cousas, puido pedirlles a todos que marchasen. Pero como a súa motivación era o amor, “empezou a ensinarlles moitas cousas”. E seguiu facéndoo ata que “xa era tarde” (Mar. 6:35). Xesús non actuou así coas persoas porque tivese que facelo, senón porque “sentiu moita compaixón por elas”. Quería ensinarlles porque as amaba. Servir os demais fíxoo moi feliz.

11. Como lles axudou Xesús ás persoas de maneiras prácticas? (Ver tamén a imaxe).

11 Cando Xesús atendeu a multitude, fixo máis que simplemente ensinarlles. Tamén coidou das súas necesidades físicas. Por exemplo, proveu comida de maneira milagrosa e pediulles ós seus discípulos que a distribuísen (Mar. 6:41). Ó facer isto, ensinoulles como servir os demais. Tamén lles demostrou que a axuda práctica, como a que dan os servos ministeriais, é importante. Imaxina o contentos que se sentiron os apóstolos cando colaboraron con Xesús dándolles de comer a outros de maneira milagrosa ata que “ninguén quedou con fame” (Mar. 6:42). Por suposto, esta non foi a única vez que Xesús puxo os intereses dos demais por diante dos seus. Fíxoo durante toda a súa vida na Terra (Mat. 4:23; 8:16). Xesús foi moi feliz ensinando a outros e coidando humildemente das súas necesidades. Está claro que ti tamén podes sentir moita alegría se estás disposto a facer cousas por outros como servo ministerial.

O amor a Xehová e o desexo de servir os demais é o que te impulsará a facer todo o que poidas na congregación (ver o parágrafo 11). a


12. Por que ningún de nós debería sentir que ten pouco que ofrecerlle á congregación?

12 Non te desanimes se cres que non tes ningunha capacidade especial. Seguro que tes moitas cualidades que fan que sexas útil na congregación. Pensa no que dixo Paulo en 1 Corintios 12:12-30, e despois pídelle a Xehová que che axude a ver como che aplica. As palabras do apóstolo deixan claro que ti, igual que calquera outro servo de Deus, tes un papel moi valioso e necesario na congregación. Se actualmente non reúnes os requisitos para ser servo ministerial, non te desesperes. En vez diso, por que non fas todo o posible por servir a Xehová e por axudarlles ós teus irmáns? Podes estar seguro de que os anciáns te terán en conta e che asignarán tarefas que poidas facer (Rom. 12:4-8).

13. Que se pode dicir da maioría dos requisitos para os varóns nomeados?

13 Pensa nun motivo máis polo que deberías esforzarte por chegar a ser servo ministerial: a maioría dos requisitos son cualidades que tódolos cristiáns deben ter. De feito, calquera cristián debería acercarse máis a Xehová, vivir dunha maneira que lle agrade a el e sentir a alegría de dar. Así que, é moi probable que xa reúnas gran parte dos requisitos para ser servo ministerial. Entón, que podes facer especificamente para chegar a selo?

COMO CHEGAR A SER SERVO MINISTERIAL?

14. Que significa ser “serios”? (1 Timoteo 3:8-10, 12, TNM).

14 Vexamos agora algúns dos requisitos que se mencionan en 1 Timoteo 3:8-10, 12 (TNM) (leo). Os servos ministeriais teñen que ser “serios”. Esta expresión tamén se pode traducir como “que merecen respecto”, “dignos”, ou “honorables”. Isto non significa que non poidas rir nin pasalo ben (Ecl. 3:1, 4). Pero deberías esforzarte moito por cumprir con tódalas túas responsabilidades. Se es coñecido por ser confiable e formal, conseguirás o respecto da congregación.

15. Que implica non “ter unha lingua dobre” e non “cobizar ganancias deshonestas”?

15 “Non deben ter unha lingua dobre”. Isto significa ser sincero, honesto e de fiar. Fas o que dis e non enganas a ninguén (Prov. 3:32). Non “cobizar ganancias deshonestas” implica ser honrado nos negocios e ó xestionar os cartos que doaron os irmáns. Nunca aproveitarías a relación que tes cos teus irmáns da congregación só para gañar diñeiro.

16. a) Que significa non “beber moito viño”? b) Que implica ter unha “conciencia limpa”?

16 “Nin beber moito viño”. Isto significa que non te excedes cando bebes alcohol e que non tes a fama de ser alguén que bebe moito. Ademais, ter a “conciencia limpa” implica que vives de acordo coas normas de Xehová. Aínda que non es perfecto, tes unha boa relación con Deus e sentes paz interior.

17. Que significa “poñerse a proba a súa capacidade”? (1 Timoteo 3:10, TNM) (Ver tamén a imaxe).

17 “Primeiro debe poñerse a proba a súa capacidade”. Isto significa que xa demostraches que se che poden confiar responsabilidades. Por iso, cando os anciáns che encarguen algunha tarefa, sigue con coidado as súas instrucións e as pautas que dá a organización. Asegúrate de entender o que implica a túa responsabilidade e para cando deberías tela finalizada. Se es dilixente ó realizar as túas tarefas, os irmáns verán que estás progresando e converténdote nun home responsable. E que podedes facer os anciáns? Asegurádevos de capacitar os irmáns bautizados (le 1 Timoteo 3:10, TNM). Hai na vosa congregación rapaces bautizados que estean nos primeiros anos da adolescencia ou que sexan máis novos? Teñen un bo estudo persoal e preparan ben as reunións? Comentan regulamente nelas e participan na predicación? Se é así, podedes darlles responsabilidades que estean de acordo coa súa idade e circunstancias. Desta maneira, os irmanciños novos poderán ir demostrando que son responsables e que cumpren coas tarefas que se lles asignan. E así, cando estean nos últimos anos da adolescencia, xa poderán reunir os requisitos para ser servos ministeriais.

Ó asignarlles tarefas ós irmáns bautizados, os anciáns poden poñelos “a proba” (ver o parágrafo 17).


18. Que implica estar “libres de acusación”?

18 “Libres de acusación”. Isto significa que ninguén pode acusarte con razón de estar cometendo un mal grave. Claro, pode pasar que alguén culpe falsamente un cristián. De feito, lanzaron moitas acusacións falsas contra Xesús, e el predixo que ós seus seguidores lles pasaría o mesmo (Xoán 15:20). Pero se mantés unha conduta limpa, igual que Xesús, conseguirás unha boa reputación na congregación (Mat. 11:19).

19. Que significa ser “maridos dunha soa muller”?

19 “Ser maridos dunha soa muller”. Cando Xehová creou o primeiro matrimonio dixo que sería entre un home e unha muller. E isto é algo que tódolos cristiáns temos que obedecer (Mat. 19:3-9). Un home cristián nunca debe cometer inmoralidade sexual (Heb. 13:4). Pero non só iso. Tamén debe serlle leal á súa esposa ó nunca prestarlles atención impropia a outras mulleres (Xob 31:1).

20. Como pode un home “dirixir ben” a súa familia?

20 “Dirixir ben os seus fillos e as súas propias familias”. Se es un cabeza de familia, debes tomar moi en serio esta responsabilidade. Fai a adoración en familia regularmente e predica coa túa muller e cos teus fillos todo o que poidas. Axúdalles ós teus nenos a ter a súa propia relación con Xehová (Ef. 6:4). Un home que coida ben da súa familia demostra que tamén pode coidar da congregación (compara con 1 Timoteo 3:5).

21. Se aínda non es servo ministerial, que podes facer?

21 Irmán, se aínda non es servo ministerial, por favor, le este artigo con atención e óralle a Xehová ó respecto. Estuda os requisitos e esfórzate por cumprilos. Pensa en canto amas a Xehová e os irmanciños, e aumenta o teu desexo de facer cousas por eles (1 Ped. 4:8, 10). Desta maneira poderás sentir a alegría que dá servir a túa familia espiritual. Que Xehová bendiga moito os teus esforzos por chegar a ser servo ministerial! (Filip. 2:13).

CANCIÓN sn 84 “Pois quero”

a DESCRICIÓN DA IMAXE: Á esquerda, Xesús servindo humildemente a outros. Á dereita, un servo ministerial axudándolle a un irmán maior.