Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 47

CANCIÓN sjj 103 Os anciáns son un regalo de Deus

Estaste esforzando por servir como ancián?

Estaste esforzando por servir como ancián?

“Se un home se está esforzando por ser superintendente, quere algo moi bo” (1 TIM. 3:1, TNM).

OBXECTIVO

Analizar os requisitos bíblicos que un irmán ten que cumprir para servir como ancián.

1, 2. En que consiste o bo labor que fan os anciáns?

 Se levas un tempo sendo servo ministerial, é posible que te esteas esforzando por cumprir con moitos dos requisitos necesarios para servir como ancián. Gustaríache axudarlles aínda máis ós irmáns servindo como ancián? (1 Tim. 3:1).

2 Que implica o seu labor? Os anciáns toman a iniciativa na predicación, esfórzanse por pastorear e ensinar, e fortalecen a congregación coas súas palabras e o seu exemplo. Con razón a Biblia di que estes irmáns que traballan duro son “homes como regalos” (Ef. 4:8, TNM).

3. Como pode un irmán chegar a ser ancián? (1 Timoteo 3:1-7, TNM; Tito 1:5-9, TNM).

3 Como podes chegar a ser ancián? Non é como cando intentamos conseguir un traballo segrar. A miúdo, no mundo laboral, se tes as habilidades básicas que unha empresa está buscando, podes conseguir o traballo. Pola contra, se queres ser nomeado ancián, necesitas algo máis que ser hábil na predicación e no ensino. Tamén debes cumprir cos requisitos bíblicos que se mencionan en 1 Timoteo 3:1-7 (TNM) e Tito 1:5-9 (TNM) (leos). Neste artigo analizaremos algúns deles, como por exemplo: ter unha boa reputación, ser un bo cabeza de familia e estar disposto a coidar da congregación.

TEN UNHA BOA REPUTACIÓN

4. Que significa ser “irreprochable”?

4 Para chegar a ser ancián debes “ser irreprochable”. Isto significa que ninguén na congregación ten motivos para acusarte de mala conduta e, polo tanto, tes unha boa reputación. Ademais, debes ter “unha boa reputación entre a xente de fóra”. Claro, as persoas que non serven a Xehová quizais critiquen as túas crenzas, pero nunca deberían ter motivos válidos para poñer en dúbida a túa honestidade ou conduta (Dan. 6:5, 6 [6:4, 5, TNM]). Por iso, pregúntate: “Teño unha boa reputación tanto dentro como fóra da congregación?”.

5. Como podes demostrar que “[amas] o que é bo”?

5 Se “[amas] o que é bo” buscarás o bo dos demais e felicitaralos polas súas boas cualidades. Tamén estarás contento facendo cousas boas por outros, e incluso farás máis do que se che pediu (1 Tes. 2:8). Por que é tan importante que un ancián sexa así? Porque ten que usar gran parte do seu valioso tempo para pastorear a congregación e atender as súas responsabilidades (1 Ped. 5:1-3). Aínda que isto significa moito traballo para el, faino moi feliz axudar a outros (Feit. 20:35).

6. De que maneiras se pode ser “hospitalario”? (Hebreos 13:2, 16) (Ver tamén a imaxe).

6 Demostras ser “hospitalario” cando fas cousas boas por outros, incluídos os que non son os teus amigos máis íntimos (1 Ped. 4:9). Un dicionario bíblico di que o home que é hospitalario é amable incluso coas persoas que non coñece e séntese feliz cando os invita á súa casa. Así que, pregúntate: “Coñéceseme por ser unha persoa amable cos que veñen de visita á congregación?” (le Hebreos 13:2, 16). Quen é hospitalario comparte o que pode cos que veñen de visita, incluídos os que teñen pouco, os discursantes que veñen de fóra e os que traballan duro para animar os irmáns, como os superintendentes de circuíto (Xén. 18:2-8; Prov. 3:27; Luc. 14:13, 14; Feit. 16:15; Rom. 12:13).

Un matrimonio de irmáns moi hospitalario dándolles a benvida ó superintendente de circuíto e á súa muller (ver o parágrafo 6).


7. Como demostra un ancián que non lles ten “amor ós cartos”?

7 “Nin terlles amor ós cartos”. Isto significa que non estás centrado nas cousas materiais. Sen importar se es rico ou pobre, pos sempre os intereses do Reino en primeiro lugar na túa vida (Mat. 6:33). Usas o teu tempo, enerxías e recursos para adorar a Xehová, coidar da túa familia e servir a congregación (Mat. 6:24; 1 Xoán 2:15-17). Pregúntante: “Que importancia lles dou ós cartos? Estou contento con ter o necesario para vivir? Ou céntrome en conseguir máis diñeiro e cousas materiais?” (1 Tim. 6:6, 17-19).

8. De que maneiras podes demostrar que es “moderado nos [teus] hábitos” e que tes “autocontrol”?

8 Se es “moderado nos [teus] hábitos” e tes “autocontrol”, es equilibrado en tódolos aspectos da túa vida. Isto implica que evitas os extremos na comida, na bebida, na forma de vestir, no aspecto persoal e no ocio. Polo tanto non es escravo das tendencias deste mundo (Luc. 21:34; Sant. 4:4). Es sensato, así que mantés a calma incluso cando outros te provocan. “Non [debes] ser borracho”, nin deberías ser coñecido por beber moito. Por iso, pregúntate: “Demostra a miña forma de vivir que son moderado nos hábitos e que teño autocontrol?”.

9. Que significa ter “bo xuízo” e ser “ordenado”?

9 Se es un irmán que ten “bo xuízo”, tes en conta os principios bíblicos nas diferentes situacións da vida. Xa reflexionaches moito nestes principios e isto deuche perspicacia e coñecemento. En vez de tomar decisións precipitadas, asegúraste de ter toda a información necesaria (Prov. 18:13). Como resultado, tomas decisións equilibradas que demostran que tes en conta a forma de pensar de Xehová. Se es “ordenado”, significa que es organizado e puntual. Es coñecido por ser confiable e por seguir as instrucións. Estas cualidades axudaranche a ter unha boa reputación. Vexamos agora como cumprir os requisitos bíblicos en canto a ser un bo cabeza de familia.

SÉ UN BO CABEZA DE FAMILIA

10. Que ten que facer un home para “[dirixir] ben a súa familia”?

10 Se estás casado e queres cumprir cos requisitos para ser ancián, a túa familia tamén ten que ter unha boa reputación. Por iso é necesario que “[dirixas] ben a [túa] familia”. Tes que ser coñecido por ser un cabeza de familia amoroso e responsable. Isto significa facer a adoración en familia, asegurarte de que todos asistades á reunión e axudarlles ós teus a dar o mellor na predicación. Por que é isto tan importante? O apóstolo Paulo dixo: “Se un home non sabe dirixir a súa propia familia, como vai coidar da congregación de Deus?” (1 Tim. 3:5, TNM).

11, 12. Por que é moi importante a conduta dos fillos dun irmán que quere servir como ancián? (Ver tamén a imaxe).

11 Se es pai, tes que ter os teus fillos menores “suxeitos a [ti] con toda seriedade”. Debes educalos e ensinarlles con amor. Por suposto, gustaralles rir e xogar como a tódolos nenos. Pero grazas á boa educación que lles deches, obedecerante, serán respectuosos e portaranse ben. Ademais tes que esforzarte para que teñan unha boa relación con Xehová, vivan baixo os principios da Biblia e progresen cara ó bautismo.

12 “Con fillos crentes ós que non se lles poida acusar de cometer excesos nin de ser rebeldes”. Como lle afectaría a un pai que un fillo que vive con el, sexa que estea bautizado ou que estea progresando para facelo, cometa un pecado grave? Se o pai descoidou a educación e a disciplina, é probable que non cumpra os requisitos para servir como ancián (mira a revista La Atalaya do 15 de outubro de 1996 páx. 21, pars. 6, 7 [dispoñible en español]).

Os cabezas de familia ensínanlles ós seus fillos a facer cousas por Xehová e pola congregación (ver o parágrafo 11)


COIDA BEN DA CONGREGACIÓN

13. Como podes demostrar que es “razoable” e non es “cabezón”?

13 Os irmáns que demostran as cualidades cristiás son de moita axuda na congregación. Por exemplo, un home que é “razoable” promove a paz. Se queres que se che coñeza por ser razoable, escoita os demais e intenta entender como se senten. Por exemplo, imaxina que xa es ancián e estás nunha reunión. Se a maioría dos anciáns están de acordo cunha decisión que está baseada nos principios da Biblia, apoiaríala aínda que preferises outra? “Non [...] ser cabezón” significa que non insistes en facer as cousas á túa maneira senón que valoras a opinión dos demais (Xén. 13:8, 9; Prov. 15:22). “Non [debes] ser conflitivo” “nin [enfadarte] con facilidade”. En vez de ser brusco e desagradable, es unha persoa amable e que ten tacto. Como es pacífico, tomas a iniciativa en facer as paces, incluso en situacións tensas (Sant. 3:17, 18). Falas con amabilidade cos demais e isto fai que estean máis calmados, incluso se se opoñen ás nosas crenzas (Xuí. 8:1-3; Prov. 20:3; 25:15; Mat. 5:23, 24).

14. Que significa “non [...] ser un home que se acaba de facer cristián” e ser “leal”?

14 Un irmán que cumpre cos requisitos para ser ancián “non debe ser un home que se acaba de facer cristián”. Aínda que non tes por que levar bautizado moitos anos, necesitas certo tempo para ser un cristián maduro. Antes de que sexas nomeado ancián, debes demostrar que, igual que Xesús, es humilde e esperas con boa actitude a que Xehová che dea algunha asignación (Mat. 20:23; Filip. 2:5-8). Podes demostrar que es “leal” apegándote ás normas xustas de Xehová e seguindo a guía que se dá a través da súa organización (1 Tim. 4:15).

15. Teñen os anciáns que ser excelentes oradores? Explica a túa resposta.

15 A Biblia deixa ben claro que un superintendente ten que estar “capacitado para ensinar”. Significa que tes que ser un orador excelente? Non. Moitos anciáns ben cualificados non son os mellores oradores, pero ensinan con eficacia na predicación e nas visitas de pastoreo (compara con 1 Corintios 12:28, 29 e Efesios 4:11). Aínda así, debes seguir esforzándote por mellorar as túas habilidades como mestre. Como podes facelo?

16. Como podes ser un mellor mestre? (Ver tamén a imaxe).

16 “Debe apegarse firmemente á palabra fiel”. Para ser mellor mestre, baséate na Biblia tanto cando fales en público como cando deas un consello en privado. Para facer isto, sé un bo estudante da Palabra de Deus e das nosas publicacións (Prov. 15:28; 16:23). Cando estudes, fíxate en como as publicacións explican os versículos e así poderás aplicalos ben. E cando ensines, esfórzate moito por chegarlles ó corazón ós que te escoitan. Podes mellorar se lles pides consellos ós anciáns de experiencia e os pos en práctica (1 Tim. 5:17). Os anciáns teñen que ser capaces de “animar” os irmáns, pero as veces tamén terán que dar consellos ou incluso “censurar”. En calquera dos casos, deben ser sempre amables. Se es respectuoso, cariñoso e baseas o que ensinas na Biblia, poderás ser un bo mestre porque estarás imitando a Xesús, o Gran Mestre (Mat. 11:28-30; 2 Tim. 2:24).

Un servo ministerial aproveita a oportunidade de aprender a animar coa Biblia acompañando un ancián de experiencia. O servo ministerial tamén practica o seu discurso diante dun espello (ver o parágrafo 16).


SIGUE PROGRESANDO

17. a) Que lle pode axudar a un servo ministerial a seguir progresando? b) Que deberían ter en conta os anciáns ó analizar se deben recomendar un irmán como ancián? (Ver o recadro “ Sede modestos ó avaliar a outros”).

17 Despois de repasar os requisitos para ser ancián, poida que algúns servos ministeriais sintan que nunca serán capaces de cumprilos. Pero recorda que nin Xehová nin a súa organización esperan que os demostres á perfección (1 Ped. 2:21). Ademais, é o poderoso espírito de Xehová o que che permite cultivar estas cualidades (Filip. 2:13). Hai algunha en particular na que che gustaría mellorar? Óralle a Xehová sobre o tema, investiga e pídelle a un dos anciáns que che dea ideas de como mellorar.

18. Que se lles anima a facer ós servos ministeriais?

18 Tódolos irmáns, incluídos os que xa son anciáns, deben seguir cultivando as cualidades analizadas neste artigo (Filip. 3:16). Es servo ministerial? Sigue progresando! Pídelle a Xehová que te capacite e te moldee para serlle aínda máis útil a el e á congregación (Is. 64:7 [64:8, TNM]). Seguro que Xehová bendicirá os teus esforzos por cumprir cos requisitos para ser ancián.

CANCIÓN sn 53 Traballemos xuntos e unidos