Ir ó contido

Ir ó índice

BIOGRAFÍA

Xehová fortaleceunos en tempos de guerra e en tempos de paz

Xehová fortaleceunos en tempos de guerra e en tempos de paz

Paul: Sentiámonos moi emocionados! No mes de novembro de 1985 estabamos voando a Liberia, África Occidental, onde empezaría a nosa primeira asignación como misioneiros. O voo fixo unha parada no Senegal. Anne dixo: “En tan só unha hora estaremos en Liberia!”. Despois escoitamos o seguinte anuncio: “Os pasaxeiros que van a Liberia deben baixarse do avión. Un golpe de estado impide que aterremos alí”. Durante os seguintes dez días quedamos con misioneiros do Senegal, e escoitamos que en Liberia estaban asasinando moitísima xente. Ademais, o goberno non permitía que as persoas saísen da casa pola noite e, se o facían, mataríanas ó momento.

Anne: Non somos dos que buscan aventuras. De feito, dende que era unha nena son coñecida como “Annie a ansiosa”. Póñome nerviosa con só ter que cruzar a rúa! Pero seguiamos querendo ir a Liberia, aínda que puidese ser perigoso.

Paul: Anne e eu nacemos a 5 quilómetros de distancia no oeste de Inglaterra. Meus pais e a nai de Anne sempre estaban animándonos a que fósemos pioneiros, e iso fixemos despois do instituto. Alegrábaos moito ver que queriamos dedicar a nosa vida ó tempo completo. Con 19 anos tiven o privilexio de que me invitasen a Betel, e Anne uniuse despois de que casásemos en 1982.

A nosa graduación de Galaad, 8 de setembro de 1985

Anne: Encantábanos estar en Betel, pero sempre quixemos vivir e predicar onde se necesitasen máis publicadores. E servir xunto a outros misioneiros en Betel fixo máis forte ese desexo. Oramos especificamente sobre isto cada noite durante 3 anos. Por iso nos puxemos moi contentos cando en 1985 nos chegou a invitación á clase 79 de Galaad! Alí asignáronnos a Liberia, en África Occidental.

OS IRMÁNS FORTALECÉRONNOS CO SEU AMOR

Paul: Despois de ter que parar no Senegal, collemos o primeiro avión que nos permitía ir a Liberia. As persoas estaban moi asustadas e aínda non podían saír das casas durante certos momentos do día. O simple feito de que un coche fixese ruído xa era suficiente para que a xente empezase a berrar e marchase correndo. Para calmarnos liamos xuntos partes dos salmos tódalas noites. A pesar da difícil situación do país, amabamos a nosa asignación. Anne ía predicar tódolos días e eu estaba en Betel colaborando con John Charuk. a Aprendín moito del porque levaba vivindo en Liberia moito tempo, así que sabía moi ben cales eran os problemas e as circunstancias dos irmáns.

Anne: Por que nos namoramos de Liberia en tan pouco tempo? Polos irmanciños. Eles foron moi cariñosos con nós e eran moi fieis. Sentimos unha gran conexión con eles e convertéronse na nosa nova familia. Déronnos moi bos consellos e fortalecéronnos espiritualmente. Ademais, predicar alí era incrible. As persoas molestábanse se non quedabas na súa casa tanto tempo como elas querían! Había xente falando sobre temas bíblicos por todas partes. Ti simplemente te achegabas e uníaste a conversación. Tiñamos tantos cursos da Biblia que era un reto estudar con todos eles. Era marabilloso!

XEHOVÁ FORTALECEUNOS CANDO TIVEMOS MEDO

Coidando dos refuxiados no Betel de Liberia, 1990

Paul: Durante 4 anos vivimos en relativa paz. Pero en 1989 todo cambiou, pois empezou unha guerra civil. Os que estaban en contra do goberno tomaron o control da zona arredor de Betel o 2 de xullo de 1990. Durante 3 meses non puidemos contactar co mundo exterior, incluídas as nosas familias e a sede central. Había violencia e caos por todas partes, quedaba moi pouca comida e moitas mulleres estaban sendo violadas. Esta situación durou 14 anos e afectoulle a todo o país.

Anne: Membros dalgunhas tribos estaban pelexando e matando a outros de diferentes tribos. Había soldados por tódalas rúas. Tiñan moitas armas, ían vestidos dunha maneira estraña e entraban en cada casa a coller o que querían. Para algúns deles matar persoas era o mesmo que matar galiñas. Bloqueaban as estradas para controlar as persoas e moitas veces mataban os que querían pasar. Despois amontoaban os cadáveres. Isto pasou incluso cerca de Betel. Houbo irmáns fieis que foron asasinados, entre eles dous dos nosos queridos misioneiros.

Cando os soldados encontraban persoas que pertencían ás tribos que odiaban, matábanas. Os irmáns puxeron en risco as súas vidas para esconder outros irmáns que eran desas tribos. Os misioneiros e os betelitas fixeron o mesmo. En Betel, algunhas Testemuñas que fuxiran durmían na planta baixa e outras vivían con nós nas nosas habitacións da planta de arriba. Nós compartimos a nosa habitación con sete persoas da mesma familia.

Paul: Cada día, os soldados intentaban entrar para ver se estabamos escondendo xente. Tiñamos un sistema de seguridade formado por catro persoas: dúas vixiaban dende unha ventá mentres outras dúas estaban na porta exterior. Se as dúas que estaban na porta tiñan as mans diante, todo ía ben. Pero se poñían as mans detrás do corpo significaba que os soldados estaban sendo agresivos, e entón os que vixiaban dende a ventá escondían rapidamente os nosos amigos.

Anne: Despois de moitas semanas, un grupo de soldados moi enfadados conseguiu entrar. Eu encerreime no baño cunha irmá, onde tiñamos un armario cun falso fondo. A irmá meteuse naquel oco tan pequeniño. Os soldados, que ían armados coas súas pistolas, seguíranme ó subir. Entón petaron na porta moi enfadados. Paul intentou que non entrasen, dicíndolles: “A miña muller está usando o baño”. Ó tapar o falso fondo fixen ruído, e levoume un tempo sospeitoso colocar de novo as cousas nas baldas, así que empecei a tremer dos pés á cabeza. Se abría, os soldados verían o nerviosa que estaba e sospeitarían aínda máis. Que podía facer? Orei en silencio, rogándolle a Xehová que me axudase. Despois abrín a porta e, non sei como, saudeinos con calma. Eles empuxáronme e un foi directamente ó armario, abriuno e moveu todo o que tiña nas baldas. O soldado non podía crer que non encontrase nada. Despois marchou co resto a buscar noutras habitacións e no ático. Pero, de novo, non encontraron nada.

A VERDADE ERA COMA UNHA LUZ NO MEDIO DA ESCURIDADE

Paul: Durante meses tivemos moi pouco para comer. Ás veces non tiñamos nada para almorzar, pero a adoración matinal era como o noso almorzo. Todos sabiamos que ler e estudar a Biblia daríanos a fortaleza para aguantar cada día.

Sabiamos que se quedabamos sen comida ou auga, non poderiamos protexer os que estaban escondidos e poderían matalos. Ás veces, o momento e a maneira na que Xehová nos dá o que necesitamos poden parecer incribles! El coidou de nós e axudounos a estar calmados.

Canto peor era a situación, máis brillaba a verdade. Moitos dos nosos irmáns tiveron que fuxir unha e outra vez para salvar a súa vida, pero mantiveron unha fe forte e a calma cando había problemas. Algúns deles dixeron que pasar por unha guerra era unha “preparación para a gran tribulación”. Tanto anciáns como irmáns xoves foron moi valentes e fixeron todo o que puideron polos irmanciños. Os que fuxían a outros lugares axudábanse entre eles e empezaban a predicar naquelas zonas. Usaban todo o que encontraban no bosque para facer Salóns do Reino simples e así celebrar as reunións. Naqueles tempos terribles, ir ás reunións e predicar dáballes ós irmáns esperanza e moito ánimo. Cando estabamos repartindo axuda humanitaria, tocounos o corazón que moitos irmáns pedisen bolsos para predicar en vez de roupa. Moitas persoas que pasaron por cousas horribles na guerra querían escoitar as boas noticias. Sorprendíalles moito ver como as Testemuñas estaban felices e eran positivas. Brillaban coma unha luz no medio da escuridade (Mat. 5:14-16). O seu entusiasmo fixo que incluso algúns dos violentos soldados se convertesen nos nosos irmáns.

XEHOVÁ FORTALECEUNOS CANDO TIVEMOS QUE DEIXAR OS IRMÁNS

Paul: Tivemos que saír do país varias veces. Tres delas durante pouco tempo e dúas durante un ano enteiro. Unha misioneira resumiu moi ben como nos sentiamos: “En Galaad ensináronnos a poñer todo o corazón na nosa asignación, e iso fixemos. Así que deixar os irmáns naquelas circunstancias rompíanos o corazón”. Pero estabamos moi felices de poder seguir axudando dende países que estaban cerca.

Volvendo moi felices a Liberia, 1997

Anne: En maio de 1996, catro de nós iamos nun coche de Betel e tiñamos documentos con información importante sobre a obra en Liberia. Queriamos facer unha viaxe de 16 quilómetros para chegar a un lugar máis seguro que estaba ó outro lado da cidade. Xusto nese momento atacaron a zona onde estabamos. Uns soldados moi enfadados dispararon ó aire, paráronnos e sacáronnos a tres fóra. Marcharon co coche cando Paul aínda estaba dentro. Quedamos paralizados. De pronto, Paul apareceu camiñando entre a multitude con sangue pingándolle pola fronte. Estabamos moi confundidos e pensamos que lle dispararan, pero démonos conta de que se fose así non estaría camiñando! Un dos soldados golpeárao ó sacalo do coche. Menos mal que era unha ferida pequena.

Había un camión militar a punto de arrancar que estaba cheo de xente asustada. Decidimos subir pero non cabiamos dentro, así que tivemos que ir agarrados ó que puidemos pola parte de fóra. O condutor arrancou a toda velocidade e case caemos. Suplicámoslle que parase, pero tiña medo de facelo. Non sei como, conseguimos suxeitarnos, pero chegamos totalmente exhaustos e tremendo de pánico.

Paul: Despois mirámonos uns ós outros todos sucios, coa roupa rota e sen saber como seguiamos vivos. Durmimos nun campo cerca dun helicóptero cheo de buratos de bala no que puidemos ir a Serra Leoa o día seguinte. Despois de chegar estabamos moi agradecidos por seguir vivos, pero tamén estabamos moi preocupados polos nosos irmanciños de Liberia.

XEHOVÁ DEUNOS FORZAS PARA ENFRONTARNOS A OUTRAS PROBAS

Anne: Cando chegamos ó Betel de Freetown, en Serra Leoa, estabamos a salvo e os irmáns coidaban de nós. Pero entón empecei a ter flashbacks. De repente víñanme á cabeza imaxes horribles do que pasara en Liberia. Durante o día estaba sempre alerta, e todo o que me rodeaba estaba borroso e parecía irreal. Polas noites despertaba con suores fríos, tremendo, e coa sensación de que algo horrible ía suceder. Custábame moito respirar. Paul suxeitábame cos seus brazos e oraba comigo. Cantabamos cancións do Reino ata que deixaba de tremer de medo. Sentía que me estaba volvendo tola e que non podía seguir como misioneira.

Nunca esquecerei o que pasou despois. Esa mesma semana recibimos dúas revistas. Unha era a Despertad! do 8 de xuño de 1996 (dispoñible en español). Tiña un artigo titulado “Qué hacer ante los ataques de pánico”. Nese momento entendín o que me estaba pasando. E a outra foi La Atalaya do 15 de maio de 1996 (dispoñible en español), co artigo “¿De dónde proviene su fuerza?”. Nel había unha imaxe dunha bolboreta ferida. O artigo explicaba que, igual que unha bolboreta pode seguir comendo e voando aínda que teña feridas graves nas súas ás, nós podemos seguir axudando a outros grazas ó espírito de Xehová aínda que teñamos feridas emocionais. Mediante estes artigos Xehová deume as forzas que necesitaba (Mat. 24:45). Axudoume moito buscar máis artigos que falaban sobre este tema e gardalos nunha carpeta. Co tempo, os meus síntomas de estrés postraumático desapareceron.

XEHOVÁ DEUNOS FORZAS PARA ACEPTAR UNHA NOVA ASIGNACIÓN

Paul: Cada vez que volviamos á nosa casa en Liberia estabamos moi felices. A finais do 2004 levabamos na nosa asignación case 20 anos. A guerra terminara e había plans de construción na sucursal, pero entón pedíronnos que aceptásemos unha nova asignación.

Para nós era unha proba enorme. Estabamos tan apegados ós irmáns que non sabiamos como o superariamos. Cando deixamos as nosas familias e fomos a Galaad, vimos como poñer as nosas vidas nas mans de Xehová nos trouxo moitas bendicións, así que aceptamos a nova asignación. Enviáronnos a Ghana, un país que estaba cerca.

Anne: Choramos moito cando marchamos de Liberia. Sorprendeunos que Frank, un ancián maior e moi sabio, nos dixese: “Tedes que esquecervos de nós!”. Despois explicounos: “Sabemos ben que non nos esqueceredes, pero tedes que poñer todo o voso corazón na nova asignación. Vén de Xehová, así que centrádevos nos irmáns de alí”. Isto axudounos a partir de cero onde poucos nos coñecían e onde todo era novo para nós.

Paul: Pero non nos levou moito tempo collerlle cariño á nosa familia espiritual en Ghana. Había moitas Testemuñas alí! Aprendemos moito da lealdade e da fe forte dos nosos novos amigos. Despois de servir en Ghana durante 13 anos, recibimos outra sorpresa. Invitáronnos a servir na sucursal de África Oriental, en Kenya. Aínda que botabamos moito de menos os nosos amigos das anteriores asignacións, sentimos unha conexión instantánea cos irmáns de Kenya. E, igual que en Ghana e Liberia, aquí hai moito que facer.

Con novos amigos no territorio da sucursal de África Oriental, 2023

QUE APRENDEMOS DAS NOSAS ASIGNACIÓNS

Anne: Durante todos estes anos pasei por momentos difíciles e de moito medo. As situacións con moito estrés ou perigo poden afectar física e emocionalmente. Nada nos protexe milagrosamente diso. Se escoito disparos, despois teño unha dor na boca do estómago e empezan a tremerme as mans. Pero aprendín a depender da axuda que nos dá Xehová para fortalecernos, incluído o apoio dos irmáns. E puiden ver que cando seguimos orando, estudando, predicando e reuníndonos, Xehová pode axudarnos a seguir na nosa asignación.

Paul: Ás veces pregúntannos: “Gústavos a vosa asignación?”. Os países poden ser preciosos, pero tamén inestables e perigosos. Así que, que nos gusta máis que o país? Os marabillosos irmanciños, a nosa familia. A pesar de vir de distintos lugares, todos sentimos o mesmo por Xehová. Pensabamos que nos enviaran para animalos, pero en realidade foron eles os que nos animaron a nós.

A nosa irmandade mundial é un milagre de Xehová! Mentres sigamos formando parte da congregación, teremos familia e un fogar. Estamos seguros de que, se seguimos confiando en Xehová, el daranos as forzas que necesitemos sen importar o que pase (Filip. 4:13).

a Mira a biografía de John Charuk, titulada “Estoy agradecido a Dios y a Cristo”, na revista La Atalaya do 15 de marzo de 1973 (dispoñible en español).