Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 44

Mantén forte a túa esperanza

Mantén forte a túa esperanza

“Pon a túa esperanza en Xehová” (SAL. 27:14, TNM).

CANCIÓN sn 24 Pon os ollos no mundo novo

AVANCE *

1. Que esperanza nos deu Xehová?

 XEHOVÁ deunos a marabillosa esperanza de ter vida eterna. Algúns esperan vivir para sempre no ceo como criaturas espirituais inmortais (1 Cor. 15:50, 53). Pero a maioría temos a esperanza de vivir felices para sempre na terra con saúde perfecta (Ap. 21:3, 4). Tanto se esperamos vivir na terra coma no ceo, a nosa esperanza é algo moi valioso.

2. En que se basea a nosa esperanza, e por que podemos dicir iso?

2 A palabra esperanza que se usa na Biblia pode definirse como “a expectativa segura das cousas boas que pasarán”. Podemos estar seguros de que a nosa esperanza para o futuro se fará realidade porque vén de Xehová (Rm. 15:13). É algo que el prometeu, e sabemos que sempre cumpre as súas promesas (Núm. 23:19). Ademais, estamos convencidos de que Xehová ten tanto o desexo como o poder para cumprir todo o que prometeu. Polo tanto, a nosa esperanza non se basea nunha fantasía nin nun desexo, senón na evidencia e na realidade.

3. Que imos ver neste artigo? (Salmo 27:14TNM).

3 O noso cariñoso Pai celestial quérenos moito, e quere que confiemos nel (le Salmo 27:14, TNM). Se a nosa esperanza en Xehová é forte, seremos capaces de aguantar as probas, e de facerlle fronte ó futuro con valentía e felicidade. Vexamos como nos protexe a esperanza. Primeiro, imos repasar en que se parece a esperanza a unha áncora e a un casco, e despois analizaremos como podemos fortalecela.

A NOSA ESPERANZA É COMA UNHA ÁNCORA

4. En que se parece a esperanza a unha áncora? (Hebreos 6:19TNM).

4 Cando o apóstolo Paulo lles escribiu ós hebreos, comparou a nosa esperanza cunha áncora (le Hebreos 6:19, TNM). Paulo viaxaba moitas veces en barco, así que sabía moi ben que as áncoras serven para que un barco non se mova sen rumbo. Nunha ocasión, ía de pasaxeiro cando se levantou unha tormenta moi forte. Durante a tormenta, viu que os mariñeiros tiraban as áncoras á auga para evitar que o barco fose cara a unhas rochas moi perigosas (Feit. 27:29, 39-41). A nosa esperanza é coma unha áncora. Estabilízanos e mantennos cerca de Xehová para que non vaiamos á deriva cando pasamos por fortes tormentas na nosa vida. Ademais, axúdanos a ter calma cando pasamos por problemas porque nos fai estar convencidos de que as cousas mellorarán pronto. Recordemos que Xesús xa nos advertiu que seriamos perseguidos (Xn. 15:20). Así que meditemos no futuro que Deus nos promete e así poderemos seguir servindo a Xehová.

5. Como lle axudou a esperanza a Xesús cando tivo que enfrontarse á morte?

5 Vexamos como lle axudou a esperanza a Xesús a aguantar fielmente, aínda que sabía que tería unha morte moi dolorosa. No Pentecostés do ano 33 da nosa era, o apóstolo Pedro mencionou unha profecía do libro dos Salmos que expresa de maneira moi bonita a calma e a confianza que sentía Xesús: “A miña carne acougará esperanzada; porque non abandonara-la miña alma no sitio dos mortos nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción [...], encherasme de gozo coa túa presencia” (Feit. 2:25-28; Sal. 16:8-11). A pesar de que sabía que ía morrer, Xesús tiña a firme esperanza de que Deus o resucitaría e de que desfrutaría de volver a estar co seu Pai no ceo (Heb. 12:2, 3).

6. Que dixo un irmán sobre a esperanza?

6 A esperanza que temos os cristiáns axudoulles a moitos dos nosos irmáns e irmás a aguantar. Vexamos o exemplo de Leonard Chinn, un irmán fiel que vivía en Inglaterra. Durante a Primeira Guerra Mundial, metérono no cárcere por negarse a facer o servizo militar. Estivo dous meses encerrado totalmente só, e despois obrigárono a facer traballos forzados. Máis tarde, escribiu: “O que vivín axudoume a darme conta do moito que necesitamos a nosa esperanza para aguantar. Temos o exemplo de Xesús, dos apóstolos e dos profetas, e tamén as preciosas promesas da Biblia. Todo isto fai que teñamos unha esperanza para o futuro que nos fortalece e nos axuda a resistir”. A esperanza foi coma unha áncora para Leonard, e tamén pode selo para nós.

7. Como fortalecen as probas a nosa esperanza? (Romanos 5:3-5, TNM; Santiago 1:12).

7 Cando pasamos por probas e vemos como Xehová nos axuda a superalas, dámonos conta de que temos a súa aprobación, e iso fortalece a nosa esperanza (le Romanos 5:3-5, TNM; Santiago 1:12). Por iso podemos dicir que agora a nosa esperanza é máis forte que cando aceptamos as boas noticias. Satanás quere que nos sintamos superados polas probas, pero Xehová sempre nos axuda a aguantalas.

A NOSA ESPERANZA É COMA UN CASCO

8. En que se parece a esperanza a un casco? (1 Tesalonicenses 5:8).

8 A Biblia tamén compara a nosa esperanza cun casco (le 1 Tesalonicenses 5:8). O casco protexe a cabeza dun soldado dos golpes dos inimigos. Na nosa loita contra Satanás, tamén necesitamos protexer a nosa mente dos seus ataques. O Demo bombardéanos con moitas tentacións e ideas deseñadas para corromper a nosa forma de pensar. Así que, igual que o casco protexe a cabeza dun soldado, a nosa esperanza tamén protexe a nosa mente para que poidamos seguir sendo fieis a Xehová.

9. Que lles pasa ás persoas que non teñen esperanza?

9 A nosa esperanza de ter vida eterna axudaranos a actuar con sabedoría e discernimento. Pero se esta esperanza se debilita e empezamos a pensar tan só nos nosos propios desexos, podemos chegar a perder de vista a nosa meta: a vida eterna. Vexamos o exemplo dalgúns cristiáns que vivían en Corinto. O apóstolo Paulo dixo que deixaran de ter fe nunha promesa moi importante de Deus: a esperanza da resurrección (1 Cor. 15:12). E despois engadiu que os que non cren na resurrección tan só viven para satisfacer os seus propios desexos (1 Cor. 15:32). Isto é algo que vemos hoxe en día. Moitas persoas non confían nas promesas de Deus e só pensan en vivir o momento. Por iso se centran en desfrutar da vida o máximo posible. Pola contra, nós confiamos na promesa que Deus nos fixo para o futuro. A nosa esperanza é coma un casco que protexe a nosa mente e que nos axuda a non pensar só en nós mesmos, algo que podería danar a nosa amizade con Xehová (1 Cor. 15:33, 34).

10. Como pode a esperanza protexernos dos razoamentos falsos?

10 O casco da esperanza tamén pode evitar que pensemos que nunca seremos capaces de agradar a Xehová. Por exemplo, alguén podería razoar: “Nunca estarei entre os que vivirán para sempre porque non son o suficientemente bo. Nunca poderei estar á altura das normas de Deus”. Recordemos que este razoamento parécese moito ó que usou Elifaz, un mal amigo de Xob. El preguntou: “Quen é o home para se ter por puro [...]?”. Ademais, afirmou o seguinte sobre Deus: “Non se fía nin dos anxos; nin os ceos son puros ós seus ollos” (Xob 15:14, 15). Vaia mentiras! Recorda que é Satanás quen está detrás desta maneira de pensar. El sabe que se non deixamos de pensar así, empezaremos a perder a fe. Así que, rechacemos estas mentiras e centrémonos nas promesas de Xehová. Nunca dubidemos de que Deus quere que vivamos para sempre e de que nos axudará a conseguilo (1 Tim. 2:3, 4).

MANTEÑAMOS FORTE A NOSA ESPERANZA

11. Por que debemos ser pacientes mentres esperamos a que Deus cumpra as súas promesas?

11 Non sempre é fácil manter forte a nosa esperanza. Pode ser que nos impacientemos mentres esperamos a que Deus cumpra as súas promesas. Pero Xehová é eterno, así que o seu punto de vista sobre o tempo é moi diferente do noso (2 Pe. 3:8, 9). Podemos estar seguros de que cumprirá todo o que nos prometeu, pero é posible que non o faga cando nós o esperemos. Que pode axudarnos a manter forte a nosa esperanza mentres esperamos con paciencia a que Deus cumpra as súas promesas? (Sant. 5:7, 8).

12. Segundo Hebreos 11:1, 6, como se relaciona a esperanza coa fe?

12 A nosa esperanza manterase forte se seguimos cerca de Xehová porque el é o único que pode conseguir que se faga realidade. De feito, a Biblia relaciona a esperanza con ter fe en que Deus existe e en que “recompensa os que o buscan” (le Hebreos 11:1, 6). Canto máis real sexa Xehová para nós, máis confiaremos en que cumprirá todo o que prometeu. Agora vexamos como podemos fortalecer a nosa amizade con Xehová, e así manter forte a nosa esperanza.

Orar e meditar manterá forte a nosa esperanza (ver os parágrafos 13 a 15). *

13. Como podemos achegarnos a Deus?

13 Ora a Xehová e le a súa Palabra. Aínda que non podemos ver a Xehová, si que podemos achegarnos a el. Podemos falarlle a través da oración, convencidos de que nos escoitará (Xer. 29:11, 12). E podemos escoitalo se lemos a súa Palabra e meditamos nela. A medida que leamos sobre como coidou dos que lle foron leais no pasado, a nosa esperanza fortalecerase. De feito, todo o que contén a Palabra de Deus “escribiuse para a nosa instrucción: para que entre a nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñámo-la esperanza” (Rm. 15:4).

14. Por que debemos reflexionar no que fixo Xehová por outros?

14 Reflexiona en como Xehová cumpriu as súas promesas. Pensa no que Xehová fixo por Abraham e Sara. Aínda que eran moi maiores e xa non podían ter fillos, Deus prometeulles que Sara quedaría embarazada (Xén. 18:10). Como reaccionou Abraham? A Biblia di: “El creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións” (Rm. 4:18). Aínda que desde o punto de vista humano parecía imposible, este home fiel estaba convencido de que Xehová cumpriría a súa promesa, e non quedou decepcionado (Rm. 4:19-21). Relatos coma este ensínannos que sempre podemos confiar en que Xehová cumprirá as súas promesas, incluso se nos parece que é algo imposible.

15. Por que deberiamos meditar no que fixo Xehová por nós?

15 Medita no que fixo Xehová por ti. Pensa en como te beneficiou a ti que se cumpran as promesas que atopamos na Palabra de Deus. Por exemplo, Xesús prometeu que o seu Pai cubriría as túas necesidades básicas (Mt. 6:32, 33). Ademais, asegurou que Xehová che daría o seu espírito santo cando llo pedises (Lc. 11:13). O certo é que Xehová cumpriu todas estas promesas. Pero seguro que podes pensar noutras que tamén se cumpriron no teu caso. Por exemplo, el prometeuche perdoarte, consolarte e alimentarte espiritualmente (Mt. 6:14; 24:45; 2 Cor. 1:3). Se meditas en todo o que xa fixo Xehová por ti, fortalecerase a túa esperanza de que tamén cumprirá o que che prometeu para o futuro.

ALEGRÉMONOS POLA NOSA ESPERANZA

16. Por que é a esperanza un valioso regalo?

16 A nosa esperanza de ter vida eterna é un valioso regalo que Deus nos deu. Temos moitas ganas de que chegue o marabilloso futuro que nos espera, e estamos convencidos de que chegará. A esperanza é coma unha áncora que nos estabiliza para que poidamos superar as probas, resistir a persecución e incluso facerlle fronte á morte. Ademais, é coma un casco que protexe a nosa mente para que poidamos rechazar o malo e facer o que está ben. A nosa esperanza baseada na Biblia achéganos a Xehová e móstranos canto nos quere. Canto nos beneficia seguir mantendo forte a nosa esperanza!

17. Por que a esperanza fai que esteamos alegres?

17 Cando o apóstolo Paulo lles escribiu ós cristiáns de Roma, animounos a estar “alegres na esperanza” (Rm. 12:12). El podía estar alegre porque estaba seguro de que, se seguía sendo fiel, conseguiría ter vida eterna no ceo. Nós tamén podemos estar felices pola esperanza que temos porque estamos seguros de que Xehová cumprirá as súas promesas. Sentímonos como escribiu o salmista: “Feliz quen ten no [...] seu Deus, a súa esperanza. [...] El garda por sempre a súa fidelidade” (Sal. 146:5-7).

CANCIÓN sjj 139 Imaxina que estás no mundo novo

^ Xehová deunos unha marabillosa esperanza para o futuro que ilumina a nosa vida e que nos axuda a ver máis alá dos problemas que poidamos ter. Ademais, esta esperanza dános forzas para seguir servindo fielmente a Xehová sen importar as dificultades que afrontemos. E tamén nos protexe de ter ideas que poidan danar a nosa forma de pensar. Neste artigo imos ver que todas estas son boas razóns para manter forte a nosa esperanza.

^ DESCRICIÓN DA IMAXE. Páxina 27: Igual que un casco protexe a cabeza dun soldado e unha áncora estabiliza un barco, a nosa esperanza protexe os nosos pensamentos e dános estabilidade cando pasamos por probas. Unha irmá orando a Xehová con confianza. Un irmán meditando en como Deus cumpriu as promesas que lle fixo a Abraham. Outro irmán reflexionando en como o bendiciu Xehová.