ARTIGO DE ESTUDO 41
Podes ser feliz de verdade
“Ditosos os que temen ó Señor e van polos seus camiños” (SAL. 128:1).
CANCIÓN sn 74 O gozo que vén de Xehová
AVANCE *
1. Que é a nosa necesidade espiritual, e que ten que ver coa felicidade?
A VERDADEIRA felicidade non é un simple sentimento de alegría que vai e vén. É algo que pode durar toda a vida dunha persoa. Como se pode conseguir iso? Xesús explicouno no seu Sermón do Monte cando dixo: “Felices os que recoñecen as súas necesidades espirituais” (Mt. 5:3, TNM). El sabía que os humanos fomos feitos cun forte desexo de coñecer e adorar o noso Creador, Xehová. Esa é a nosa necesidade espiritual. E como Xehová é o “Deus feliz”, os que o adoran tamén poden ser felices (1 Tim. 1:11, TNM).
2, 3. a) De acordo co que dixo Xesús, quen pode ser feliz? b) Que imos analizar neste artigo, e por que necesitamos facelo?
2 Hai quen pensa que só podemos ser felices se temos as circunstancias ideais na vida. Pero iso non é certo. No Sermón do Monte, Xesús dixo algo sorprendente: “Ditosos os que choran”. Isto quere dicir que incluso as persoas que teñen problemas graves ou que se senten moi culpables polos seus pecados poden ser felices. Tamén dixo o mesmo dos que son “perseguidos por causa da xustiza” e dos que teñen que aguantar calumnias por ser os seus seguidores (Mt. 5:4, 10, 11). Pero, como é posible ser felices de verdade nesas situacións?
3 Xesús estaba ensinando que a felicidade non depende de ter as circunstancias ideais na vida, senón de satisfacer a nosa necesidade espiritual e de achegarnos a Deus (Sant. 4:8). Como podemos facer iso? Neste artigo imos analizar tres pasos que nos axudarán a ser felices de verdade.
LE E ESTUDA A BIBLIA
4. Cal é o primeiro paso que temos que dar para ser felices de verdade? (Salmo 1:1-3).
4 PASO 1: Para ser felices de verdade temos que ler e estudar a Biblia. Tanto as persoas como os animais necesitamos alimento físico para sobrevivir. Pero só os humanos podemos alimentarnos en sentido espiritual. De feito, necesitamos facelo. Por iso, Xesús dixo: “Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus” (Mt. 4:4). Polo tanto, non deberiamos deixar que pase nin un só día sen ler a Biblia, a valiosa Palabra de Deus. O salmista destacou que quen desfruta coa lei de Xehová e “nela remoe día e noite” será feliz (le Salmo 1:1-3).
5, 6. a) Que nos ensina a Biblia? b) Como pode axudarnos ler a Biblia?
5 Como Xehová nos quere moito, deunos a Biblia para ensinarnos o que debemos facer para ter unha vida feliz. Nela dinos cal é o seu propósito para nós. Ademais, aprendemos como podemos acercarnos a el e que temos que facer para que poida perdoar os nosos pecados. Tamén nos ensina a marabillosa esperanza que nos promete para o futuro (Xer. 29:11). Cando estudamos a Biblia, descubrimos estas verdades, e iso énchenos de alegría!
6 Como sabemos, a Biblia está chea de consellos prácticos para o día a día. Seguir estes consellos faranos felices. Polo tanto, se algunha vez te sentes desanimado polos problemas da vida, dedica máis tempo a ler a Palabra de Xehová e a meditar nela. Xesús dixo: “Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan” (Lc. 11:28).
7. Como podes aproveitar o mellor posible o tempo que pasas lendo a Palabra de Deus?
7 Cando leas a Biblia, dedica tempo a desfrutar do que les. Ímolo explicar cun exemplo. Imaxina que alguén che prepara unha das túas comidas favoritas. Pero ese día tes pouco tempo para comer ou estás pensando noutras cousas, así que comes tan rápido que case tragas sen mastigar. Seguro que ó terminar te darías conta de que comiches tan rápido que non che deu tempo a pararte para saborear cada bocado. Pois podería pasarnos o mesmo cando lemos a Biblia. Liches algunha vez a Biblia tan rápido que non puideches saborear o que lías? Para que iso non che pase, dedica tempo a desfrutar lendo a Palabra de Deus, a visualizar os relatos, a imaxinar as voces dos personaxes e a pensar no que les. Se o fas, serás máis feliz.
8. Como está cumprindo coa súa función o “criado fiel e prudente”? (Ver tamén a nota).
8 Xesús encargoulle ó “criado fiel e prudente” que nos dese alimento espiritual ó tempo debido, e o certo é que estamos moi ben alimentados espiritualmente (Mt. 24:45). * A Biblia é o ingrediente principal de todo o que produce o criado fiel (1 Tes. 2:13). Como nela se explica cal é a forma de pensar de Xehová, este alimento espiritual axúdanos a coñecelo mellor. Esa é a razón pola que lemos as revistas A Atalaia e ¡Despertad!, e os artigos de jw.org. Tamén estudamos a información para as reunións de congregación de entre semana e da fin de semana, e vemos o programa mensual de JW Broadcasting®, se está dispoñible no noso idioma. Seguir lendo e estudando a Biblia axudaranos a dar o segundo paso para ser felices de verdade.
VIVE DE ACORDO COAS NORMAS DE XEHOVÁ
9. Cal é o segundo paso que temos que dar para ser felices de verdade?
9 PASO 2: Para ser felices de verdade temos que vivir de acordo coas normas de Xehová. O salmista escribiu: “Ditosos os que temen ó Señor e van polos seus camiños” (Sal. 128:1). Temer a Xehová significa que o respectamos tanto que evitamos facer calquera cousa que lle desagrade (Pr. 16:6). Por iso sempre nos esforzamos por seguir as normas de Deus que aparecen na Biblia sobre o que está ben e o que está mal (2 Cor. 7:1). Se facemos as cousas que Xehová ama e rechazamos as que odia, seremos felices (Sal. 37:27; 97:10; Rm. 12:9).
10. Ademais de saber cal é a vontade de Deus, que temos que facer? (Romanos 12:2).
10 Le Romanos 12:2. Non chega só con saber que Xehová ten a autoridade para decidir o que está ben e o que está mal. Tamén hai que aceptar as normas de Deus e obedecelas. Pensa no seguinte exemplo. Alguén podería saber que o goberno ten o dereito de poñer os límites de velocidade. Pero se non quere aceptar eses límites, vai conducir máis rápido do que debería. No noso caso, debemos demostrar coa nosa conduta que de verdade cremos que seguir as normas de Xehová é a mellor maneira de vivir (Pr. 12:28). O rei David pensaba o mesmo, e por iso lle dixo a Xehová: “Mostrarasme o camiño da vida: a túa presencia éncheme de alegría; a túa dereita, de gozo eterno” (Sal. 16:11).
11, 12. a) Con que debemos ter coidado cando temos problemas ou estamos desanimados? b) Como nos axudan as palabras de Filipenses 4:8 (TNM) a escoller ben as nosas diversións?
11 Cando temos problemas ou estamos desanimados, poderiamos sentir a necesidade de facer algo para relaxarnos ou distraernos. Iso non ten nada de malo, pero debemos ter coidado de non acabar facendo algo que Xehová odia (Ef. 5:10-12, 15-17).
12 Na carta que lles escribiu ós filipenses, o apóstolo Paulo animou os cristiáns a seguir meditando nas cousas que son “xustas, [...] castas, [...] que inspiran amor” e “que son virtuosas” (le Filipenses 4:8, TNM). Aínda que Paulo non estaba falando especificamente do entretemento, o que escribiu debería influír nas diversións que escollemos. Intenta isto: volve a ler o texto e onde poña “tódalas” engade as palabras “cancións”, “películas”, “novelas” ou “videoxogos”. Facer isto axudarache a saber que diversións podería aceptar Deus e cales non. Queremos seguir as elevadas normas de Xehová na nosa vida (Sal. 119:1-3). Entón, tendo unha conciencia limpa, poderemos dar o seguinte paso para ser felices de verdade (Feit. 23:1).
PON A ADORACIÓN A XEHOVÁ EN PRIMEIRO LUGAR
13. Cal é o terceiro paso que temos que dar para ser felices de verdade? (Xoán 4:23, 24).
13 PASO 3: Asegúrate de que o primeiro na túa vida sexa adorar a Xehová. Como Xehová é o noso Creador, merece que o adoremos (Ap. 4:11; 14:6, 7). Por iso, o máis importante na nosa vida debería ser adorar a Xehová da maneira que lle agrada, é dicir, “en espírito e verdade” (le Xoán 4:23, 24). Queremos que o espírito santo de Deus nos guíe para adoralo de acordo coas verdades que hai na Biblia. A nosa adoración a Xehová ten que seguir sendo o máis importante, incluso se vivimos nun país onde a nosa obra está restrinxida ou prohibida. Agora mesmo hai máis de 100 irmáns no cárcere simplemente por ser testemuñas de Xehová. * Aínda así, están felices porque fan todo o posible por orar, estudar e falarlles a outros acerca de Deus e do seu Reino. Cando nos desprezan ou nos perseguen podemos ser felices porque sabemos que Xehová está con nós e que nos vai recompensar (Sant. 1:12; 1 Pe. 4:14).
UN EXEMPLO DA VIDA REAL
14. Que lle pasou a un irmán de Taxiquistán de 19 anos, e por que?
14 Os casos reais confirman que estes tres pasos que acabamos de analizar fan que as persoas sexan felices de verdade sen importar as súas circunstancias. Fíxate no que lle pasou a Xovidón Boboxónov, un irmán de Taxiquistán de 19 anos que se negou a facer o servizo militar. O 4 de outubro de 2019, sacárano á forza da súa casa, detivérono por varios meses e tratárono coma un criminal. Esta inxustiza chegou a coñecerse a nivel internacional. Informouse que lle deran unha malleira para intentar obrigalo a que fixese un xuramento de lealdade ó exército e para que puxese o uniforme militar. Despois diso, condenárono e enviárono a un campo de traballos forzados. Ó final, o presidente do país indultouno e ordenou a súa liberación. Durante todo este tempo tan difícil, Xovidón seguiu sendo íntegro e non perdeu a súa felicidade. Como puido conseguilo? Estando sempre consciente da súa necesidade espiritual.
15. Como seguiu aprendendo Xovidón sobre Xehová mentres estivo preso?
15 Mentres estivo preso, Xovidón seguiu aprendendo sobre Xehová, incluso cando non tiña ningunha Biblia nin ningunha das nosas publicacións. Como puido facelo? Os irmáns da zona levábanlle comida nunha bolsa e escribíanlle nela o texto do día. Grazas a isto, puido ler a Biblia e meditar nela tódolos días. Cando foi liberado, recomendoulles o seguinte a tódolos que aínda non pasaron por probas difíciles: “É esencial que aproveites a túa liberdade ó máximo para coñecer máis a Xehová lendo a súa Palabra e as nosas publicacións”.
16. En que pensamentos se centrou Xovidón?
16 Xovidón viviu de acordo coas normas de Xehová. En vez de deixarse levar polos malos desexos ou empezar a ter unha mala conduta, centrouse en Xehová e no que a el lle agrada. Algo que o impresionou foi a beleza da creación de Deus. Cada mañá despertaba escoitando cantar os paxariños, e pola noite quedábase mirando a Lúa e as estrelas. El comentou: “Estes regalos de Xehová animáronme e fixeron que me sentise feliz”. Cando estamos agradecidos polas provisións espirituais e físicas que nos dá Xehová, sentimos alegría, e esa alegría pode darnos máis forzas para aguantar.
17. Se pasamos por unha situación parecida á de Xovidón, cal será o resultado se seguimos aguantando?
17 Ademais, Xovidón tamén puxo a adoración a Xehová en primeiro lugar. Sabía o importante que era manterse íntegro ó Deus verdadeiro. Xesús dixo: “Adorara-lo Señor, o teu Deus, e só a El darás culto” (Lc. 4:8). Os soldados e os oficiais querían que Xovidón renunciase á súa relixión. En vez diso, orou moito cada día e cada noite, e pediulle a Xehová que lle axudase a non renderse e a manter forte a súa fe. A pesar do trato inxusto que recibiu, seguiu sendo fiel. Como resultado, agora está contento de ter unha fe máis forte da que tiña antes de que o sacasen da súa casa, lle desen unha malleira e o metesen no cárcere (le 1 Pedro 1:6, 7).
18. Que podes facer para seguir sendo feliz?
18 Xehová sabe o que necesitamos para ser felices de verdade. Se segues os tres pasos que levan á felicidade verdadeira, poderás seguir sendo feliz a pesar das situacións difíciles que veñan. Entón, ti tamén poderás dicir: “Feliz o pobo que ten por Deus a Xehová!” (Sal. 144:15, TNM).
CANCIÓN sjj 89 As bendicións de escoitar a Xehová
^ Para moitos non é fácil ser feliz de verdade porque buscan a felicidade no sitio equivocado, por exemplo, nos praceres, nas riquezas, na fama ou no poder. Pero cando Xesús estivo na Terra, explicou onde podemos atopala. Neste artigo imos analizar tres pasos que nos axudarán a ser felices de verdade.
^ Mira o artigo “¿Está usted recibiendo ‘alimento al tiempo apropiado’?” da revista La Atalaya do 15 de agosto de 2014.
^ Para máis detalles, busca “Testigos presos por sus creencias” na páxina jw.org en español.
^ DESCRICIÓN DA IMAXE: Nesta representación, unhas testemuñas de Xehová demóstranlle o seu apoio a un irmán que está sendo arrestado e levado ante o tribunal para ser xulgado.