Ir ó contido

Ir ó índice

1923 | Hai cen anos

1923 | Hai cen anos

“ESPERAMOS que o ano 1923 sexa moi emocionante” afirmou a revista The Watch Tower do 1 de xaneiro de 1923. “É un gran privilexio contarlles ás persoas que están oprimidas que veñen tempos mellores”. Durante o ano 1923 os Estudantes da Biblia fixeron grandes cambios nas súas reunións, nos congresos e na predicación. Como resultado, chegaron a estar cada vez máis unidos.

UNIDOS NAS REUNIÓNS

Calendario con citas bíblicas e cos números dos himnos ou cancións

Durante ese ano, a organización fixo algúns cambios que fomentaron a unidade dos Estudantes da Biblia. A revista The Watch Tower comezou a publicar comentarios explicando o texto bíblico que consideraban os Estudantes na Reunión de Oración, Louvanza e Testemuño que facían tódalas semanas. Ademais, os Estudantes da Biblia prepararon un calendario con citas bíblicas para cada semana e tamén un himno de louvanza que podía cantarse durante o estudo persoal ou na adoración en familia.

Nas súas reunións, os Estudantes da Biblia presentaban “testemuños” que podían consistir nunha experiencia da predicación, nunha expresión de agradecemento a Xehová, nunha canción ou nunha oración. Eva Barney, que se bautizou en 1923 con 15 anos, recorda: “Se querías dar un testemuño tiñas que poñerte de pé e empezar dicindo algo como: ‘Quero darlle as grazas ó Señor por toda a súa bondade comigo’”. A algúns irmáns encantáballes dar testemuños. A irmá Barney segue contando: “O querido irmán Godwin tiña sempre moitas cousas polas que darlle grazas ó Señor. Pero, cando a súa muller se daba conta de que o irmán que presidía a reunión se empezaba a impacientar, ela dáballe un pequeno tirón na parte de abaixo do abrigo e el sentábase”.

Unha vez ó mes, cada grupo tiña unha Reunión de Oración, Louvanza e Testemuño especial. A revista The Watch Tower do 1 de abril de 1923 describe esta reunión da seguinte forma: “A metade da reunión debe dedicarse a testemuños relacionados coa obra de servizo e a animar outros compañeiros. [...] Cremos que estas motivadoras reunións fomentarán a unidade entre este grupo de amigos”.

Charles Martin, un publicador de 19 anos de Vancouver, O Canadá, sacoulle moito proveito a estas reunións. Máis tarde dixo: “Foi alí onde aprendín o que debía dicir nas portas. Ás veces, alguén contaba unha experiencia da predicación de casa en casa. Isto dábame ideas para conversar e para saber como responder ante diferentes obxeccións”.

UNIDOS NA PREDICACIÓN

Bulletin do 1 de maio de 1923

Os “días de servizo” tamén contribuían moito á unidade. A revista The Watch Tower do 1 de abril de 1923 anunciou o seguinte: “Para que esteamos todos unidos na mesma obra [...], desígnase o martes 1 de maio de 1923 como un día de servizo. Da mesma maneira, tamén o será o primeiro martes de cada mes. [...] Tódolos estudantes de cada grupo deben participar neste labor”.

Ata participaban os Estudantes da Biblia máis novos. Hazel Burford, que só tiña 16 anos nese momento, conta: “No Bulletin (Boletín) a publicábanse instrucións (similares ás conversas de mostra) para que as aprendésemos de memoria. O meu avó e eu participabamos moitísimo nesas actividades”. Pero á irmá Burford sorprendeulle moito a reacción que tivo un irmán ante a súa predicación. Ela conta: “Un querido irmán maior opúxose con insistencia a que eu lle falase á xente. Nese momento, algúns non entendían que tódolos Estudantes da Biblia, incluídos os ‘mozos e mailas doncelas’, debiamos participar na louvanza ó noso Gran Creador” (Sal. 148:12, 13). Pero, a pesar de todo, a irmá Burford seguiu predicando. Despois, chegou a asistir ó Curso Bíblico de Galaad e serviu como misioneira en Panamá. E, co tempo, estes irmáns cambiaron a súa actitude con respecto á xente nova no ministerio.

UNIDOS NOS CONGRESOS

Os congresos locais e rexionais tamén uniron moito os irmáns. Moitos destes eventos, como o que se celebrou en Winnipeg, O Canadá, incluían un día de servizo. Por exemplo, neste congreso organizouse un “Bombardeo Especial en Winnipeg” o día 31 de marzo, no que se invitou a tódolos asistentes a predicar nesa cidade. Grazas a estes días de servizo chegábase a moitas máis persoas e obtíñanse moi bos resultados. O día 5 de agosto asistiron unhas 7000 persoas a outro congreso en Winnipeg. Era a primeira vez que asistía tanta xente a un congreso no Canadá.

Un dos congresos máis importantes do pobo de Xehová celebrouse do 18 ó 26 de agosto de 1923 nos Ánxeles, California. Nas semanas previas ó congreso, os periódicos publicaron anuncios do evento e os Estudantes da Biblia repartiron máis de 500.000 folliñas. Puxéronse tamén pancartas publicitarias en tranvías e vehículos privados.

Congreso de 1923 dos Estudantes da Biblia nos Ánxeles

O sábado 25 de agosto, o irmán Rutherford deu o discurso “Ovellas e cabras”, no que aclarou que “as ovellas” son persoas coa actitude correcta que vivirán nun paraíso na Terra. Tamén presentou a resolución “Advertencia”, na que se denunciaba a cristiandade e se animaba os de corazón sincero a separarse de Babilonia a Grande (Ap. 18:2, 4). Máis tarde, os entusiastas Estudantes da Biblia de todo o mundo distribuíron millóns de copias desta resolución.

“Estas motivadoras reunións fomentarán a unidade entre este grupo de amigos”

No último día do congreso, uns 30.000 asistentes escoitaron o irmán Rutherford pronunciar o discurso “Tódalas nacións marchan ó Harmaguedón, pero millóns que agora viven non morrerán xamais”. En previsión da enorme multitude que asistiría, os Estudantes da Biblia alugaron o Coliseo dos Ánxeles, que se acabara de construír pouco antes. Para asegurarse de que todos puidesen escoitar o programa, os irmáns utilizaron os altofalantes do estadio, algo totalmente novo para aquela época. Ademais, moitos escoitaron o congreso por radio.

EXPANSIÓN INTERNACIONAL

No ano 1923, houbo unha notable expansión da predicación en África, Europa, A India e América do Sur. Na India, A. J. Joseph coidaba da súa muller e dos seus seis fillos mentres axudaba a producir literatura en hindi, támil, telugu e urdú.

William R. Brown e a súa familia

En Serra Leoa, outros dous Estudantes da Biblia, Alfred Joseph e Leonard Blackman, mandaron unha carta á sede central en Brooklyn, Nova York, na que pedían axuda. E o 14 de abril do ano 1923 respondéronlles á súa petición. “Un sábado pola noite”, conta Alfred, “recibín unha chamada de teléfono inesperada”. Escoitou alguén que preguntaba con voz forte: “É vostede quen escribiu á Sociedade da Watch Tower pedindo publicadores?”. “Si”, contestou Alfred. “Pois, mandáronme a min”. Quen falaba era William R. Brown. Xusto chegara ese día do Caribe coa súa muller, Antonia, e as súas nenas pequenas, Luise e Lucy. Así que Alfred e Leornard non tiveron que esperar moito para coñecer esta familia.

Alfred segue dicindo: “Á mañá seguinte, cando Leonard e eu estabamos facendo o noso estudo semanal da Biblia, apareceu un home alto na porta. Era o irmán Brown. Tiña tanto entusiasmo pola verdade que pediu se podía dar un discurso público o día seguinte”. En menos dun mes, o irmán Brown deixou toda a literatura que trouxera con el. Pouco despois, recibiu outros 5000 libros, pero pronto fixeron falta máis. Aínda así, o irmán Brown non se fixo famoso por ser un vendedor de libros. Máis ben, durante toda a súa vida como servo fiel de Xehová, foi coñecido por facer sempre referencia á Biblia nos seus discursos. Por iso a xente lle chamaba “Bible Brown”.

O Betel de Magdeburgo nos anos 20

En Alemaña, a sucursal de Barmen estaba quedando pequena. Ademais, os Estudantes da Biblia escoitaran que o exército francés invadiría en breve esa cidade. Entón, atoparon un complexo de edificios en Magdeburgo que parecía ser perfecto para imprimir publicacións. Así que, o 19 de xuño, os irmáns acabaron de empaquetar o equipamento de impresión e outros mobles e trasladáronse para o novo Betel en Magdeburgo. Xusto ó día seguinte de informar á sede central do traslado, os periódicos anunciaron que Francia tomara posesión da cidade de Barmen. Os irmáns viron a man de Xehová e déronlle as grazas por protexelos e axudalos.

George Young con Sarah Ferguson (dereita) e súa irmá

No Brasil, George Young, un irmán que viaxou moito para difundir as boas noticias, estableceu unha nova sucursal e comezou a publicar a revista A Atalaia en portugués. En tan só uns poucos meses, distribuíu máis de 7000 exemplares. Sarah Ferguson emocionouse moito cando o irmán Young visitou a súa familia. Ela lía esta revista dende 1899, pero nunca tivera a oportunidade de facer pública a súa dedicación mediante o bautismo en auga. Finalmente, uns poucos meses máis tarde, a irmá Ferguson e os seus catro fillos puideron dar este paso tan importante.

“ALEGRES MENTRES AVANZAMOS”

Ó terminar o ano, a revista The Watch Tower do 15 de decembro de 1923 explicou como os cambios que se fixeran nas reunións, na predicación e nos congresos beneficiaron os Estudantes da Biblia. Nela mencionábase: “É evidente que as congregacións teñen unha fe forte. [...] Así que, axustemos ben a armadura, e con moito celo e determinación sigamos cara adiante durante o novo ano que imos empezar, alegres mentres avanzamos”.

O ano 1924 tamén foi moi emocionante para os Estudantes da Biblia. En Betel, os irmáns levaban meses traballando nun terreo en Staten Island, a pouca distancia da sede central en Brooklyn. As instalacións que se construíron nese novo lugar termináronse a principios do ano 1924 e contribuíron a unir os irmáns e a difundir as boas noticias de maneiras nas que nunca antes se fixera.

Equipo de construción en Staten Island

a O que agora é o Caderno de Estudo Vida e Actividades Cristiás.